ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de abril de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora, para aproveitar o potencial de persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como para apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego.

Esta orde ten a finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (que non foi publicado no DOG) e o ditame emitido polo Consello con data 2 de xullo de 2015  (Ditame 26/15), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:

No artigo 2 establécese o orzamento, que para o ano 2016 será de 736.337 euros (no ano 2015 foi de 500.000 euros).

Suprímese a subvención de apoio á función xerencial, como reflicte o artigo 5.

Para a subvención á creación directa de emprego estable, regulada no artigo 6, aumentan todas as contías.

A contía da subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, modifícase no artigo 7, que establece que será a resultante de multiplicar o custo bruto salarial medio mensual dun contrato temporal segundo os datos da última EPA publicados (1.462,82 €), polo número de meses de duración do contrato temporal que se subvenciona.

En canto á axuda para o inicio e posta en marcha da actividade, no artigo 8 establécese unha nova escala (1 posto de traballo, 2 postos de traballo, a partir de 3 postos de traballo.)


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e cinco artigos, unha disposición adicional e dúas finais.



O día 12 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e tres específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).









DITAME 7/2016





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, da Consellería Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de abril de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CIG E POLA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL CEG.

Primeira.

Ao longo do proxecto de orde e dos seus anexos obsérvase o emprego de distintas nomenclaturas para facer referencia a unha mesma axuda; así, o artigo 5. c) refírese á “axuda para a posta en marcha do proxecto empresarial”, o artigo 8 fala de “axuda para o inicio e posta en marcha da actividade” e  artigo 13.2.c) refírese á “axuda para o inicio e posta en marcha do proxecto empresarial”.

Este Comité considera que se debería empregar unha única denominación ao longo de todo o texto normativo, é dicir, tanto no seu articulado como nos anexos.

Segunda.

Este Comité propón una revisión do texto do proxecto normativo para corrixir algúns erros que figuran ao longo do mesmo como, por exemplo, “o nº de empresas” en lugar de “o número de empresas” na exposición de motivos ou a alternancia entre o emprego de “Iebt” e “IEBT” no artigo 3.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 7.- Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
Segundo o apartado 3 deste precepto, “esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela”.

Este Comité propón que se concrete o que se debería entender por “ben identificadas” xa que estamos ante un concepto xurídico indeterminado.

Segunda.- Artigo 8. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Na orde reguladora desta axuda no exercicio 2014 suprimíronse os gastos de constitución da empresa como gasto subvencionable.

Xa que o apartado d) do artigo 5 inclúe a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade como unha das modalidades de axudas, este Comité propón que se recupere a condición de subvencionable dos citados gastos de constitución da empresa.

Terceira.- Artigo 8. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables descritos no apartado 3 deste artigo.

Cuarta.- Artigo 10. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 6 deste artigo establécese que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2016.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, por considerar que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Quinta.- Artigo 11. Consentimento e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 2 en relación co sistema de verificación de datos.


Sexta.- Artigo 15. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece o prazo para resolver e notificar en catro meses.

Este Comité propón que o prazo sexa de tres meses, tempo que lle parece suficiente.

Sétima.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 4 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

Este Comité propón que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, como xa se prevía na Orde para o exercicio de 2013, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

Oitava.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a persoa ou entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou teña algunha débeda por calquera concepto pendente de pagamento coa Administración pública.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade beneficiaria subsanar “algunha débeda por calquera concepto pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Novena.- Artigo 18. Exclusións.
Este artigo contén un apartado 1 cuxa numeración procede eliminar, xa que non existe un apartado 2.

Décima.- Artigo 18. Exclusións.
No apartado a) deste artigo establécese que se exclúen dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas nas que os promotores da empresa solicitante desempeñen o control.

Este Comité considera que debería constar o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décimo primeira.- Artigo 25. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, proxecto que tamén foi obxecto de ditame no día de hoxe e que fala de empresas en lugar de sectores.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.





ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 5.a) e 6.1, unha subvención á creación directa de emprego estable.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 5 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).

Segunda.
O proxecto normativo regula, no seu artigo 6, a subvención á creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e no seu apartado 6 alude á contratación indefinida de persoas traballadoras por conta allea.

Sen prexuízo do manifestado na consideración anterior, as organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia  consideramos que a referencia ten que ser feita á contratación indefinida ordinaria.  


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 6 deste artigo establece que os beneficios establecidos ás contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea nesta orde serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A organizacións que integran este Comité consideran que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 7. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será a resultante de multiplicar o custo bruto salarial medio mensual de un contrato temporal segundo os datos da última EPA publicados (1.462,82 €), polo número de meses de duración do contrato temporal que se subvenciona.

As organizacións sindicais que fan parte do Comité consideran que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 3 deste artigo e debería indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social orixinado pola totalidade das persoas contratadas.

Terceira.- Artigo 19. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 4. Definicións.
O apartado 3 deste artigo establece que, para os efectos das axudas a IEBTS, terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta as especiais características das IEBTS, propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta.

Segunda. - Artigo 5. Tipos de axuda.
Nas distintas modalidades de axuda, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que debería incluírse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, incentivando deste xeito ás empresas ao mantemento do emprego.

Terceira. - Artigo 5. Tipos de axuda.
A CEG considera que se debería recuperar entre os tipos de axuda recollidos neste artigo a subvención financeira, xa que é un mecanismo de apoio básico para a consecución do financiamento que necesitan os proxectos desta natureza, así como tamén a subvención de apoio á función xerencial que aparecía recollida en ordes anteriores.