ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 2 de maio de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.  

A letra b) do artigo 1 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dispón que esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións, entre outras, de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, o que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego e política laboral, así como promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo remitido, o colectivo das persoas desempregadas paradas de longa duración é o que está a sufrir, en maior medida, o incremento das dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo, polo que resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que contribúan a reducir o tempo que as persoas traballadoras pasan en situación de desemprego e faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

O artigo 1 do referido proxecto normativo establece que esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2016 dos incentivos á contratación por conta allea dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo,  coa finalidade de favorecer o seu emprego estable e facilitar a súa inserción laboral.

Este proxecto normativo, na súa configuración actual, é a primeira vez que se recibe para ditame, aínda que, en data 7 de xaneiro de 2009 (Ditame 1/2009), este Comité ditaminou unha Orde similar, que establecía as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego mediante a concesión de axudas á contratación indefinida inicial de colectivos de persoas desempregadas con dificultades de inserción laboral e á transformación en indefinidos de contratos para a formación, prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O seu artigo 2 establece que a concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario por non ter a consideración de concorrencia competitiva.

Para os efectos desta orde, entenderase por persoa desempregada de longa duración aquela de 45 ou máis anos de idade, que na data da súa alta no correspondente réxime de Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, alomenos, doce meses durante os dezaoito meses anteriores á súa contratación (artigo 3).

As entidades beneficiarias regúlanse no artigo 4, que dispón que poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea persoas traballadoras desempregadas de longa duración, para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias previstas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego (artigo 5).

As axudas establecidas nesta orde pola contratacións subvencionables deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral pola que se solicita subvención e, en todo caso, o prazo rematará o 30 de setembro de 2016 (artigo 6).

Os programas regulados neste proxecto normativo son o Programa de incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas paradas de longa duración (artigos 18 a 25) e o Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos (artigos 26 a 33).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 24 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha xeral e tres específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).





DITAME 8/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016, da Consellería Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de maio de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CIG E POLA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL CEG.


Primeira.

Este Comité observa que no texto do proxecto normativo faise referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituidos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é  preciso facer referencia a estes últimos.


Segunda.

Este Comité propón una revisión do texto do proxecto para corrixir algúns erros que figuran ao longo del, como por exemplo, os seguintes:
-Na Exposición de motivos establécese que “o colectivo das persoas desempregadas paradas de longa duración  son o colectivo que está a sufrir (...)”, cando debería dicir “ é o que está a sufrir (...)”.
-En varias ocasións atópanse parágrafos repetidos (por exemplo nos apartados 1 e 3 do artigo 2 e nos apartados 1 e 2 do artigo 6, entre outros).
-No artigo 3 fálase da inscrición como desempregada na Servizo Público de Emprego, en vez de “no Servizo Público de Emprego”.
-Obsérvase o emprego da letra j na numeración do artigo 4, que é impropia do alfabeto galego polo que debería substituírse pola que corresponda.
-Igualmente, neste mesmo artigo 4, apartado 1, segundo parágrafo, figura unha persoa representante como beneficiario cando debería ser como beneficiaria.
-As dúas disposicións adicionais que figuran no texto non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].
-As dúas disposicións derradeiras que se establecen no proxecto deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 7.- Consentimentos e autorizacións.
En relación co establecido nos apartados 1 e 2, este Comité propón que se invirta a redacción destes preceptos, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Segunda.- Artigo 7.- Consentimentos e autorizacións.
Segundo o apartado 4 deste precepto, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.

Terceira.- Artigo 9. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Este Comité considera que se debería revisar a redacción do apartado 4 deste artigo e establecer a posibilidade de substitución da persoa traballadora  para os casos en que a baixa se produza por causas alleas á empresa, en lugar de entender que esta desiste da súa solicitude.

Cuarta.- Artigo 10. Resolución e recursos.
Este Comité considera que o prazo para resolver e notificar debería ser de 3 meses en lugar dos cinco meses que establece o apartado 2 deste artigo.

Quinta.- Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Sexta.- Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo establécese a obriga das persoas ou entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.

Sétima.- Artigo 17. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.

Oitava.- Artigo 20. Contía dos incentivos.
Nos apartados 1 e 2 deste artigo faise referencia aos centros de traballo radicados nun concello rural.

Este Comité propón que se especifique o que debe entenderse por concello rural a estes efectos, como se fai por exemplo, no artigo 5 do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do  emprendemento en economía social cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil para o ano 2016, pendente de ditame por este Comité.

Formúlase a mesma consideración respecto dos apartados 1 e 2 do artigo 28.

Novena.- Artigo 20. Contía dos incentivos.
Segundo o apartado 3 deste precepto: “a contía dos incentivos será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación o, no seu defecto, da xornada máxima legal”.

Este Comité considera que debería regularse a situación para o suposto específico dos contratos baixo a modalidade fixo descontinua.

Décima.- Artigo 21. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto recolle unha serie de excepcións en que non procede a exclusión establecida ao comezo deste apartado e, entre elas, o caso “dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate a un só familiar menor de 45 anos (...)”.

Este Comité considera que debería eliminarse esa referencia á idade en tanto en canto os menores de 45 anos están xa excluídos do colectivo beneficiario deste proxecto de orde no seu artigo 3.

Décimo primeira.- Artigo 21. Exclusións.
O apartado 3 deste artigo contén unha referencia a un grupo de empresas. Este Comité considera que debería clarificarse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décimo segunda.- Artigo 22. Documentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que  deberá acompañarse á solicitude poder suficiente da persoa representante e asinante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa, no caso de denegar expresamente a súa consulta para a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude.

Este Comité considera que debería aclararse o que se entende por “servizo de interoperabilidade” para os efectos desta orde.

Formúlase a mesma consideración respecto do apartado 2 do artigo 30.



ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.

CONSIDERACIÓN XERAL:

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A cativa diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 12. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que “os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona”.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado,  debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 19. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 27.1.

Terceira.- Artigo 21. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo 21 e igual apartado do artigo 29 recollen, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Cuarta.- Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto, no seu apartado 1, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación. Igualmente, nos seus apartados 2 e 3, alúdese de novo a un período de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 32 e dos seus apartados 1e 2.

ANEXO II


CONSIDERACIÓNS  DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


CONSIDERACIÓN XERAL:

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que, para un maior impacto da norma, esta debe estenderse a todo o exercicio anual, evitando a existencia de períodos de lagoa coas medidas de incentivación habidas noutros anos. Por este motivo, para que o impacto e estímulo da norma sexa maior e tendo en conta que este proxecto normativo se está a ditaminar no mes de maio, debería modificarse o prazo de solicitude do artigo 6.8 e do artigo 18.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira. - Artigo 19. Requisitos.
No apartado 3 deste artigo figura, como requisito de acceso aos incentivos, o de incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

A CEG considera que este requisito debe eliminarse, pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores.

A CEG entende que é suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.

Segunda. - Artigo 25. Reintegros.
Respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fóra do prazo regulado no proxecto normativo, estipúlase que o mes no que se leve a cabo dita substitución considerarase como mes de incumprimento, con independencia do día do mes no que se realice.

A CEG propón que, a efectos de reintegro parcial, se considere como tempo de incumprimento soamente a parte do mes en que o posto estivo vacante e non o mes completo.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 33.



Terceira. - Artigo 28. Contías dos incentivos.
Neste precepto apréciase unha diferenza importante entre os incentivos á contratación indefinida inicial e os incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos.
A CEG considera que, para conseguir un maior impacto da medida de estímulo ás transformacións de contratos temporais en indefinidos, deben incrementarse as contías establecidas ao respecto.