ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/16

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 3 de maio de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunto co que remite proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A letra b) do artigo 1 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón que esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións, entre outras, de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, o que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego e política laboral, así como promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no relativo á concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 5 de xuño de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 22 de abril de 2015 (Ditame 15/2015), obsérvase que  se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto ao financiamento (artigo 2) manténse para o 2016 o finaciamento de 4.000.000 € previsto na convocatoria de 2015.

A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia resérvase o dereito a efectuar cantas comprobacións sexan oportunas coa finalidade de asegurar o cumprimento dos requisitos esixidos por parte das persoas que perciban as subvencións reguladas nesta orde e, de ser o caso, poderá iniciar os procedementos de reintegro e sancionador que sexan oportunos, segundo o establecido pola lexislación de subvencións aplicable (artigo 4).

De acordo co disposto no artigo 12, deste proxecto, o procedemento de concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas ás que se refire esta orde tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co previsto na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións no ámbito do emprego e da formación profesional ocupacional.

As entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego e que desenvolvan as accións formativas ás que se refire o proxecto, colaborarán na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas desenvolvidas por cada un deles (artigo 14).

O artigo 15 da orde dispón que as solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a presentación da solicitude e da documentación complementaria poderá ser validamente realizada por unha persoa representante que si cumpra cos anteditos requisitos.

A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude (artigo 16) no prazo dun mes dende a súa incorporación á acción formativa, ou dende que teña lugar o feito causante que determina o dereito, e, en calquera caso, antes do 15 de decembro do 2016. A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de tres meses e computarase a partir da data da presentación das solicitudes artigo 20, apartado 2. Con anterioridade dito prazo era de seis meses.

Finalmente, de acordo coa disposición transitoria segunda, as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas impartidas ao abeiro da adenda asinada no ano 2015 ao Acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Traballo e Benestar para impartir ciclos formativos de formación profesional básica e programas específicos para a formación de persoas con necesidades formativas especiais ou que teñan dificultades para a súa inserción ou recualificación profesional, poderán solicitar as axudas ás que puideran ter dereito, correspondentes á anualidade 2016 da dita addenda, no prazo dun mes dende a publicación desta orde de convocatoria.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016”  consta de: Exposición de motivos, vinte e catro artigos, dúas disposicións  adicional, dúas transitorias e  e dúas derradeiras.

O día 24 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dezasete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.


DITAME 9/2016


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de maio de 2016, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións puntuais, como o uso ocasional das barras, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


Segunda.
Este Comité considera que a regulación das bolsas debería ser en todo caso un dereito garantizado do alumnado, tanto no que respecta ás expresións incoherentes que se conteñen en diversos artigos como no orzamento previsto.

A este respecto, este Comité  considera que, de non aceptarse esta consideración, poderían existir situacións discriminatorias, mesmo no ámbito do alumnado dunha única acción formativa.

Terceira.
Respecto das axudas de transporte e as axudas de manutención e aloxamento que se regulan neste proxecto normativo, chama a atención que estas se fixen en función do enderezo de intermediación laboral do alumnado.

Este Comité propón que se teña en conta como enderezo de referencia o domicilio dos alumnos e alumnas.

Cuarta.
No texto do proxecto de orde sometido a ditame engádese un artigo 14 que establece unha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.
En relación co disposto no apartado 5.1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.

Segunda.- Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.
No último parágrafo do apartado 5.1 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á súa perda.

Terceira.- Artigo 8. Axudas de transporte.
En relación coas axudas de transporte recollidas no apartado 1. a) deste artigo, o Comité considera que se debería incrementar a axuda prevista de 1,5 € por día de asistencia, á vista dos prezos vixentes do transporte público.

Cuarta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
No apartado 1. b) deste artigo establécese a axuda de transporte público interurbano para o alumnado que resida nun concello distinto ao da impartición da acción formativa, quen “terá dereito a percibir unha axuda consistente en 5 € por día de asistencia”.
Este Comité considera que se debería actualizar a dita contía ou, subsidiariamente, manter a contía de 6 € establecida na orde de axudas de 2014.

Quinta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
Polo que se refire á axuda de transporte en vehículo propio do alumnado cando non exista medio de transporte público entre o seu domicilio e o do centro de formación, ou este transporte non teña un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, o importe da axuda que se establece no apartado 2 deste artigo é de 0,10 € por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 20 € diarios.

Este Comité considera que o importe da axuda debería ser de 0,19 € por quilómetro e, consecuentemente, o máximo diario debería ser aumentado dos 20 € previstos no proxecto normativo a 40 €.

Sexta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
En relación co disposto no apartado 2  deste artigo para as axudas de transporte en vehículo propio, este Comité considera que se debería ter en conta neste apartado a especial problemática das persoas con discapacidade e mobilidade reducida que non poden utilizar o transporte público.
Sétima.- Artigo 9. Axudas de manutención e aloxamento e manutención.
No apartado 2 deste artigo regúlase a axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 100 quilómetros. Este Comité considera que se debería de recuperar a redacción da convocatoria do ano 2014 que fixaba a dita distancia en 50 quilómetros (artigo 48. 5. 2 c).

Oitava.- Artigo 11. Axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero.
O apartado 1 deste precepto establece que: “as persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación ás que se refire esta Orde e que acrediten a súa condición de muller vítima de violencia de xénero,  poderán ter dereito a percibir unha axuda de dez euros por día de asistencia”.

Este Comité propón corrixir a expresión en cursiva por “teran dereito”. Ademáis, xa no artigo 4, apartado 3.4) da Orde do exercicio anterior  e na propia Exposición de motivos deste proxecto normativo (parágrafo quinto), emprégase a expresión “terán dereito”.

Novena.- Artigo 16. Prazo de presentación das solicitudes.
En relación co suposto de presentación da solicitude fora de prazo, previsto no  apartado 2 deste artigo, este Comité considera que non debería comportar a súa inadmisión, senón soamente  que se lle reduzan os días transcorridos fóra do prazo.

Décima.- Artigo 17. Documentación que debe presentarse.
O apartado 2 deste precepto recolle a documentación específica a presentar por quen solicite unha bolsa de asistencia e inclúe, no ítem terceiro, unha copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

Este Comité considera que debería regularse o suposto das parellas de feito e determinar que documentación acreditativa ten que presentar quen se atope nesa situación.
Obsérvase o mesmo respecto do apartado 4 deste mesmo artigo.

Décimo primeira.- Artigo 17. Documentación que debe presentarse.
En canto ao recollido no terceiro punto do apartado 4.1 deste artigo, sobre que a renda familiar sexa inferior ao 75% do IPREM, este Comité considera que se debería especificar que se trata da renda familiar rateada individualmente.
Décimo segunda.- Artigo 18. Declaracións responsables.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 2. e) deste proxecto normativo.

Décimo terceira.- Artigo 19. Consentimentos e autorizacións.
En relación coas previsións contidas no apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola persoa interesada e, en segundo lugar, a opción de que esta autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo cuarta.- Artigo 20. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de tres meses.

Este Comité considera que dito prazo non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

Décimo quinta.- Artigo 20. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de tres meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.

Décimo sexta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.
Proponse o mesmo respecto das disposicións transitorias e das disposicións derradeiras (sic).
Décimo sétima.- Disposicións finais.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras (sic) que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 15. Modo de presentación das solicitudes.
En relación coa colaboración regulada neste artigo, a CEG propón que se recolla expresamente o seu carácter voluntario por parte das entidades e centros de formación, xa que nos termos nos que figura no articulado, lles obriga a responsabilizarse da súa presentación e da xestión documental. En todo caso, a colaboración debería afectar únicamente á prestación de asesoramento e do soporte informático necesario, sen que diso se derive responsabilidade algunha para os centros.