ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/16

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de maio de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de  emprego e do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a Exposición de motivos, nesta orde regúlanse os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego. Así, recóllense nos seus capítulos II e III, respectivamente, o programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e o programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.
O Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, agás a subvención do custo salarial que se regula noutra orde.
Os incentivos para a integración laboral das persoas con discapacidade establecidos nesta orde compleméntanse cos  previstos na orde pola que se regulan os programas de incentivos para o fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 17 de agosto de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 2 de xullo de 2015 (Ditame 25/15), obsérvase que  se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Os créditos asignados para o Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego ascenden a un total de 550.000 euros, o que supón un aumento de 230.000 euros respecto da orde para o exercicio pasado (artigo 1).

O artigo 4 engade un apartado 2 no que inclúe como normativa aplicable normas europeas que determinan, entre outros aspectos, algúns supostos en que non cabe a concesión das axudas.

Polo que respecta aos tipos de axuda, neste proxecto elimínanse as subvencións para o saneamento financeiro e para o equilibrio orzamentario (artigo 19), que no proxecto anterior si eran subvencionables dentro das axudas para o mantemento dos centros especiais de emprego.

No marco do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, obsérvase un incremento na contía da subvención, ao pasar de 1.200 euros na orde anterior a 2.400 no novo proxecto (artigo 30).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de  emprego e do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, trinta e cinco artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 25 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se transcribe a continuación, que contén tres consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola CEG (Anexo II)




DITAME 10/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de  emprego e do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de maio de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de maio de 2016 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité propón que se recupere  o réxime de pagamentos a conta e anticipos que se recollía no artigo 11 da orde do exercicio de 2013.

Segunda.
Este Comité considera que debería incorporarse a posibilidade de que poidan ser obxecto da subvención, no marco dos servizos de axuste de persoal e social, o persoal da categoría de intérprete da lingua de signos para atender ás persoas xordas e/ou con discapacidade auditiva, para permitir e favorecer a súa comunicación no entorno de traballo, así como o acceso e permanencia neste.

Esta proposta debería terse en conta na Exposición de motivos do proxecto normativo e, especialmente, no capítulo III, relativo ao programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, nos seus artigos 27 e 28, de xeito que nas unidades de apoio se inclúa expresamente a figura da persoa intérprete da lingua de signos como medida para superar os obstáculos no posto de traballo e, como tal, poida ser xustificado o gasto que implica.

Terceira.
No proxecto de orde que se somete a ditame obsérvase a eliminación das subvencións para o saneamento financeiro e para o equilibrio orzamentario no artigo 19 e, en consecuencia, elimínanse as previsións que afectaban a estas axudas nos artigos 21, 22 e 23.

Este Comité considera que deberían recuperarse estas subvencións exclusivamente para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 2. Entidades beneficiarias das subvencións.
Segundo o apartado 2, letra e), deste artigo, non poderá obter a condición de entidade beneficiaria aquela que non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración Pública.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Segunda.- Artigo 4. Normativa aplicable e adecuación á normativa de axudas de Estado.
No apartado 4.IV.a) e b) fálase de “tres años de antigüidade”, cando en galego a palabra correcta é “anos”, polo que debería substituírse.

Así mesmo, chama a atención que varios dos subapartados deste apartado 4 rematen cun signo de punto e coma en lugar de punto.

Terceira.- Artigo 7. Consentimentos, autorizacións e datos de carácter persoal.
En relación cos dous primeiros parágrafos dos apartados 1 e 4, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Ademais, este Comité manifesta a súa preocupación respecto ao cumprimento da Lei de protección de datos,  pola redacción do apartado 6 e as posibles implicacións legais que puidera supoñer a autorización expresa de todas as persoas traballadoras con discapacidade para ceder os seus datos relativos ao tipo e grao de discapacidade, por tratarse dunha materia protexida.

Cuarta.- Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k. Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Obsérvase o mesmo respecto do emprego da letra j no artigo 32.

Quinta.- Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado g) deste artigo establécese a obriga das persoas ou entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos.

Sexta.- Artigo 22. Solicitudes e documentación.
No apartado 5, letra e) deste artigo, esíxese a presentación de “balance e conta de perdas e ganancias provisionais para o exercicio corrente e os dous próximos”.

Este Comité sinala a escasa claridade destas disposicións, posto que os balances provisionais e, moito máis, a conta de perdas e ganancias son estados contables futuribles, que non poden coñecerse no momento da presentación da solicitude de axuda.

Se a finalidade deste apartado é esixir a presentación do orzamento, debería mencionarse expresamente dese xeito.

Sétima.- Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparable.

Este Comité considera que se debería modificar a redacción que figura en cursiva pola seguinte “estarán compostas por persoas profesionais técnicas con titulación de grao medio ou superior da rama social, preferiblemente con experiencia”, ao ter en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Oitava.- Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional, compostas por persoas profesionais técnicas e por persoas encargadas de apoio á produción.

Este Comité considera que debería regularse con maior concreción a figura de “persoas encargadas de apoio á produción”.

Novena.- Artigo 33. Comisión e criterios de avaliación e adxudicación.
Na orde para o exercicio 2012 figuraba, entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio”, puntuándose con ata 5 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2012, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.






ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAL  E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amosános a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.
Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 30. Subvencións e a súa contía.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestan a súa disconformidade coa supresión na orde do exercicio 2014 do apartado que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata o 50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, polo que propoñen que se reincorpore a este proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 33. Comisión e criterios de avaliación e adxudicación.
En relación coa consideración específica unánime novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea. De feito, os restantes criterios de avaliación que permanecen refírense a porcentaxes de persoas traballadoras discapacitadas, porcentaxes de mulleres e número de persoas discapacitadas. Por estas razóns é polo que se considera que debe manterse a redacción inicial deste proxecto.


ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Aos efectos das axudas reguladas neste proxecto normativo, a CEG propón que se estableza a diferenciación entre centros especiais de emprego con e sen ánimo de lucro tal e como vén recollida no Decreto 200/2005, de 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e de inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento (DOG nº 138, do 19 de xullo de 2005).