ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/16

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de maio de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Secretaría xeral de Emprego, xunto co que remite o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto do decreto do exercicio anterior, publicado no DOG o día 24 de xullo de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 14 de xullo de 2015 (Ditame 30/2015), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo establece que, ademais das festas de ámbito estatal que se sinalen, para o ano 2017 decláranse festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter retribuído e non recuperable, as seguintes:

17 de maio, Día das Letras Galegas (en lugar do 1 de xaneiro que cae en domingo) e o 25 de xullo,  Día Nacional de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2017” consta de: Tres artigos e dúas disposicións derradeiras (sic).


O día 25 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha única consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén, como anexos, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. e CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO. e CIG (Anexo II).




DITAME 11/2016



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de maio de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.


Única.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enuncialas.




ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

Consideración xeral

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT- Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, co respecto, de ser o caso, dos compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.

Consideración específica

Artigo 1. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.
A diferenza do establecido no Decreto do exercicio 2011, no artigo 1 deste proxecto normativo obsérvase que tan só se relacionan as festas laborais propias da Comunidade Autónoma.

As organizacións sindicais consideran que o obxecto deste proxecto de decreto é determinar o calendario laboral do ano 2017, polo que se solicita que se manteña a redacción do Decreto de 2011 e que se incorporen as datas das festas laborais de carácter retribuído e non recuperable fixadas desde o ámbito estatal, con indicación da posibilidade da súa modificación, se fora o caso.




ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.

De acordo coa liña argumental de anos precedentes e xa que existe unha resolución do Parlamento Galego aprobada o día 9 de marzo de 2006, que establece “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse o cambio legal da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1 deste proxecto normativo como “Día Nacional de Galicia”, para que pase a designarse como “Día da Patria Galega”.