ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se convocan para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de maio de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se convocan para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

As distintas subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo.


Este proxecto normativo sométese a ditame por primeira vez. Do seu contido pode destacarse o seguinte:

En primeiro lugar, aínda que se trata dun proxecto normativo novo, recolle programas que figuraban xa en ordes para exercicios anteriores.
Os programas I (fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais), II (fomento do acceso á condición de persoa socia) e V (impulso de proxectos empresariais colectivos) regulábanse na Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo para o ano 2015 (ditame 13/2015).

Pola súa banda, os programas III (fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais para persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil) e IV (fomento do emprendemento colectivo para persoas mozas inscritas no SNGX) proceden da Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos ao autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no  Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para o ano 2015 (ditame 27/2015).

Finalmente, o programa VI (intercooperación e integración empresarial) recollíase na Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2014 (ditame 52/2013).

Segundo o artigo 1, estes programas teñen por finalidade fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento colectivo en empresas de economía social.

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 2.865.827,12 € (artigo 66).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se convocan para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, dez capítulos, sesenta e seis artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.


O día 25 de maio de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén doce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello.



DITAME 12/2016





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se convocan para o ano 2016, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de maio de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de maio de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que debería engadirse na Exposición de motivos deste proxecto normativo unha referencia á Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia (DOG do 18 de maio de 2016).

Segunda.- Artigo 5. Definicións.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Terceira.- Artigo 5. Definicións.
Este precepto contén un apartado 1 que é único, polo que debería eliminarse a referencia numérica.

Cuarta.- Artigo 8. Solicitudes e prazo.
Este Comité considera que debería modificarse o título deste artigo, xa que o prazo non figura recollido nel, senón no artigo 63.

Quinta.- Artigo 9. Emenda das solicitudes.
O segundo parágrafo deste precepto establece que: “nos programas I, II, III e IV deberá analizarse a  viabilidade do proxecto empresarial ou plan de empresa con base na documentación presentada e, no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor proporá a desestimación da solicitude por esta causa”.

Este Comité entende que debería preverse unha audiencia da entidade solicitante con anterioridade á desestimación.

Sexta.- Artigo 10. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción destes preceptos, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Sétima.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 9 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.

Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente cando se trata de fomentar o emprendemento en economía social.

Oitava.- Artigo 17. Obrigas das beneficiarias.
No apartado 1.a) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Novena.- Artigo 20. Devolución voluntaria de subvencións.
No apartado 1 deste artigo  emprégase o IBAN para identificar a conta bancaria para a devolución voluntaria da subvención, pero este figura mal expresado xa que hai que identificalo en bloques de catro díxitos, polo que este Comité propón que se corrixa.

Décima.- Artigo 26. Criterios de avaliación das solicitudes.
Neste artigo e tamén nos artigos 33, 52 e 59 deste proxecto normativo establécense os criterios de avaliación das solicitudes, entres os que non figura o de empregar a lingua galega na elaboración e na realización do proxecto.

Este Comité Delegado entende que, en cumprimento da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece que: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”, debería valorarse o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos a subvencionar, así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).

Décimo segunda.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.









ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:



Artigos 28. Obrigas das beneficiarias.

Os apartados 1 e 2 deste artigo, así como o apartado 1 dos artigos 35, 47, 54 e 61 e os apartados 1 e 2 do artigo 41 obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos.