ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal nas Pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de maio de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal nas Pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) integra no plan de negocio das empresas a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese cos que interactúa. Considérase a RSE un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade empresarial. Trátase dunha forma de actuar eficaz para a mellora do modelo produtivo porque combina criterios de eficiencia, sustentabilidade e igualdade de oportunidades.

A través desta orde búscase fomentar a RSE e, como unhas das súas modalidades, a igualdade de xénero no ámbito laboral e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar para garantir a efectiva conciliación da vida persoal e laboral das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, mediante medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 30 de abril de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 2 de marzo de 2015 (Ditame 7/2015), obsérvase que  se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O primeiro que chama a atención deste proxecto normativo é a modificación que se observa respecto das liñas de axuda que contén.

Así, a Orde para o exercicio de 2015 contaba coas seguintes liñas:
Liña I: axudas para implantar a RSE
Liña II: axudas ao fomento da igualdade laboral , que se desagregaba en 3 programas:
-  Programa 1: elaboración e implantación de plans de igualdade
- Programa 2: Axudas para  investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral, e
- Programa 3: Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

O novo proxecto, pola súa banda, estrutúrase en tres liñas de axudas:
Liña I: Implantación da RSE.
Liña II: Elaboración e implantación de plans de igualdade.
Liña III: Conciliación da vida laboral, familiar e persoal que, á súa vez, comprende dous programas:
-  Programa 1: Incentivos económicos para fomento do teletraballo e da flexibilidade horaria; e
- Programa 2: Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que fomenten o teletraballo.

En canto ao financiamento das axudas, o artigo 4 recolle un aumento dos créditos asignados a estas axudas, que pasan de 289.636 euros a 599.259 euros para este exercicio.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal nas Pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, trinta e oito artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.


O día 1 de xuño de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e vintetres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:

• 2 consideracións xerais e 10 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I)
• 6 consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II)
• 1 consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo III)




DITAME 13/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral nas Pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de xuño de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité amosa unha opinión contraria á unificación das normas de responsabilidade social empresarial e igualdade nunha soa orde, pois iso supón vincular o concepto de RSE á igualdade, cando aquel é un concepto moito máis amplo.

Isto implica que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.

Ao mesmo tempo, sitúa nun lugar insignificante a consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, cando todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.

Segunda.
Dado que se está a ditaminar un proxecto normativo en materia de responsabilidade social empresarial e igualdade, este Comité considera que a Administración debería poñer unha especial énfase en recomendar ás empresas solicitantes que a documentación a presentar sexa redactada atendendo a unha linguaxe non sexista.

Terceira.
Este Comité quere resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.

Cuarta.
Neste proxecto de orde elimínanse, respecto da orde do exercicio 2015, os Programas II e III da Liña II que recollían as axudas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral e as axudas para eliminar a infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

Igualmente elimínase, como actividade subvencionable, a asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade.

Este Comité non está conforme coa eliminación das referidas axudas, que considera deberíanse subvencionar, polo que propón que se recollan no proxecto normativo que se está a ditaminar.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
O segundo parágrafo da exposición de motivos debería rematar cun punto e aparte, polo que se pide a súa corrección.

Segunda.- Artigo 3. Liñas e programas.
Obsérvase un erro no parágrafo segundo do apartado 1.a) deste artigo, xa que a referencia a SEG 21 debería facerse a SGE 21.

Terceira.- Artigo 9 . Requisitos das empresas beneficiarias.
Á vista da memoria explicativa deste proxecto normativo que foi remitida ao Consello, este Comité considera que debería xustificarse o criterio polo que se establece a obrigatoriedade de que as empresas, para seren beneficiarias destas axudas, conten cun mínimo de 6 persoas traballadoras, recollido no apartado 1 deste artigo 9.



Cuarta.- Artigo 10. Actividades que se subvencionan. Plan de igualdade.
Obsérvase unha diminución na regulación que fai o apartado a) deste artigo sobre o contido mínimo da diagnose previa do Plan de igualdade.

Este Comité considera que, cando menos, se debería recuperar o contido que  recollía a orde para o exercicio anterior.

Quinta.- Artigo 12. Documentación da liña II (procedemento TR357C).
No apartado 10 deste precepto faise una referencia errónea ao artigo 28. d), que debería facerse ao artigo 28.2.

Sexta.- Artigo 14. Actividades que se incentivan.
Segundo o apartado 1 deste precepto : “no caso de teletraballo, incentivarase a adopción de acordos que se formalicen polo empresario/a co seu persoal, xa sexa de forma individual ou colectiva, a través de convenio colectivo (...)”.

Este Comité considera que debería substituírse esa redacción pola empregada no apartado seguinte do mesmo artigo, relativa á flexibilidade horaria, referíndoa ao artigo 13.1.

Sétima- Artigo 16. Requisitos dos acordos de teletraballo e de flexibilidade horaria.
Este Comité considera que, neste punto, se deberían ter en conta outros criterios como, por exemplo, os adoptados de xeito unánime polo Observatorio de negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais que se recollen na cláusula tipo aprobada recentemente (http://cgrl.xunta.es/upload/clausula_tipo_sobre_teletraballo.pdf).

Oitava.- Artigo 16. Requisitos dos acordos de teletraballo e de flexibilidade horaria.
Este Comité bota en falta unha previsión mínima en materia de prevención de riscos laborais.

Novena.- Artigo 17. Empresas beneficiarias.
O apartado b) deste artigo esixe ás beneficiarias das axudas pertencer a sectores tractores da economía, non tecnolóxicos.

Este Comité propón que se elimine o termo “sectores tractores” ou, subsidiariamente, se defina tal concepto.

Décima.- Artigo 18. Actividades subvencionables.
Os dous apartados de que consta este artigo figuran como apartado 3, polo que se propón a súa corrección.

Décimo primeira.- Artigo 23. Prazo de presentación.
O apartado 1 deste artigo fixa o prazo de presentación das solicitudes nun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

Este Comité considera que se trata dun prazo escaso e, en aras da eficacia da norma, entende que debería ampliarse sensiblemente.


Décimo segunda.- Artigo 24. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto nos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo terceira.- Artigo 28. Criterios de avaliación.
No apartado 2 deste artigo valórase o emprego da lingua galega como criterio auxiliar secundario, para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité considera que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo cuarta.- Artigo 28. Criterios de avaliación.
O artigo 8.7 deste proxecto de orde obriga ás entidades solicitantes a presentar unha memoria explicativa das actuacións da empresa en materia de RSE ou das que se van implementar.

Este Comité considera que, dada a obrigatoriedade desa presentación, debería valorarse a dita memoria como criterio de avaliación.

Décimo quinta.-  Artigo 30. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.

Este Comité propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

Décimo sexta.- Artigo 31. Documentación acreditativa.
Segundo o disposto neste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a empresa beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.


Décimo sétima.- Artigo 31. Documentación acreditativa.
O apartado 2.c) 2º, ítem terceiro deste artigo, esixe “aportar o sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo” e inclúe algúns elementos concretos a presentar.

Este Comité considera que deberían suprimirse os exemplos concretos e especificar soamente cal é o sistema empregado para o seguimento e avaliación.

Décimo oitava.- Artigo 31. Documentación acreditativa.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Décimo novena.- Artigo 35. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Este Comité considera que deberían regularse en artigos separados a perda do dereito ao cobramento e a obriga de reintegro da contía recibida, para así evitar confusións como a existente no apartado 2 deste artigo.

Vixésima.- Artigo 35. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Vixésimo primeira.- Artigo 38. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.

Vixésimo segunda.- Disposicións adicionais.
O proxecto normativo inclúe soamente unha disposición adicional que figura como disposición adicional segunda, no lugar de “única” como correspondería, polo que se pide a súa corrección.

Vixésimo terceira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

Ademais, non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.















ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais:

Primeira.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos, unha vez máis, que é preciso vixiar o proceso de negociación dos plans de igualdade nas empresas, xa que temos constancia de que, en moitos casos, non se conta coa participación da representación legal das traballadoras e dos traballadores en ningunha das fases da súa elaboración e se carece de información ao respecto da elaboración da diagnose e incluso das accións recollidas no plan, así como das axudas solicitadas para elaboralo e aplicalo.

Por outra banda, consideramos necesario incluír como obrigatoria a solicitude dun informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan, e cremos que debería ser obrigatoria a constitución dun órgano de seguimento do plan coas organizacións sindicais, de xeito que poida ser informado das axudas solicitadas pola empresa, así como da aplicación do plan. Ademais hai que ter en conta a este respecto que moitas das empresas que solicitan estas subvencións non teñen representación sindical, polo que desde as centrais sindicais non podemos facer un seguimento nin constatar a traslación do recollido no plan á realidade laboral desta empresa.

Segunda.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais manifestamos a nosa disconformidade coa política de subvencións a consultoras privadas (Vid. Artigo 12.9), dado que a maior parte dos plans de igualdade, elaborados por estas, manteñen un “formato tipo” con accións e obxectivos xenéricos que valen para empresas de calquera sector, sen atender á realidade sociolaboral da empresa. E porque en boa parte da análise de datos, compróbase que carecen da formación técnica precisa para elaboralos. Por iso, solicitamos que, máis que ofrecer a posibilidade de facer escolla entre persoal propio ou consultoras privadas, se abra unha nova vía de colaboración con entidades de carácter público para a elaboración dos estudos e diagnoses, así como para a proposta do plan, sen necesidade de recorrer a financiar os custos da realización da actividade por parte dunha empresa privada.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 9. Requisitos das empresas beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que só se deberían subvencionar aqueles plans que se elaboren de xeito voluntario polas empresas que non teñan a obriga legal ou convencional de elaboralos.
Os plans de igualdade que se subvencionen deberían ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Segunda.- Artigo 9. Requisitos das empresas beneficiarias.
De acordo co apartado 2 deste precepto: “os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento”.

As organizacións sindicais consideramos que esta regulación debería estenderse ao conxunto dos programas en materia de igualdade.

Terceira.- Artigo 10. Actividades que se subvencionan. Plan de igualdade.
No apartado a) deste artigo considérase actividade subvencionable a realización  dunha diagnose da realidade da empresa  desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade e se indican os aspectos necesarios que debe conter a diagnose.

As organizacións sindicais consideramos que o informe de diagnose debería ser máis exhaustivo que o que recolle a orde. Por iso propoñemos incluír que o informe de diagnose deberá aportar datos cuantitativos e cualitativos en relación ás seguintes categorías:

- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).

- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)

- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)

- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)

- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)

- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)

- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)

- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)

- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).

Cuarta.- Artigo 10. Actividades que se subvencionan. Plan de igualdade.
As organizacións sindicais consideramos que podería puntuarse positivamente ás empresas que fagan uso do organismo oficial que se poña ao seu servizo en desenvolvemento de medidas e plans de igualdade que recolle a Lei de igualdade.

Quinta.- Artigo 11. Contía da subvención.
Este precepto establece que a contía da axuda acadará ata o 100% do importe satisfeito pola contratación da empresa ou entidade externa especializada en igualdade.

Consideramos que debería esixirse que a empresa contratada figure acreditada como consultora especializada polo organismo competente.

Sexta.- Artigo 12. Documentación da Liña II.
Á vista do disposto no apartado 9 deste artigo, que contempla como gastos subvencionables os derivados da contratación da empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade, consideramos que sería de grande axuda que o departamento da Consellería especializado en Igualdade elabore, para os efectos desta orde, un sistema de acreditación das consultoras efectivamente especializadas para o asesoramento en materia de igualdade.


Sétima.- Artigo 28. Criterios de avaliación.
A taxa de estabilidade superior ao 20%, que se esixe no criterio 1. A) 2º deste artigo, considérase excesivamente baixa, dada a porcentaxe de precariedade contractual que existe, polo que propoñemos que este requisito se incremente substancialmente, sen que en ningún caso sexa inferior ao 75%.

Oitava.- Artigo 28. Criterios de avaliación.
En relación coa consideración específica unánime décimo terceira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que o emprego do galego debería utilizarse como criterio de avaliación con puntuación directa.

Novena.- Artigo 37. Seguimento e control.
Este Comité propón que se inclúa, no apartado 3.a) deste precepto, a obriga de presentar un informe no que se especifiquen as accións que se desenvolveron para dar cumprimento ao acordado no Plan de igualdade, logo da realización das actividades subvencionadas e que incluirá, pola súa vez, outro informe asinado pola representación sindical das persoas traballadoras que porá de manifesto a evolución da aplicación do Plan durante ese período e que, en defecto de representación sindical, será asinado polas propias persoas traballadoras.

Décima.- Anexo IV
No Anexo IV prevese acompañar á solicitude unha relación dos traballos de elaboración de plans de igualdade realizados nos últimos anos pola consultora.

As organizacións sindicais consideramos que a dita relación debería ser dos catro anos anteriores e esixirlle á empresa que estea provista da acreditación da Consellería como consultora especializada en temas de igualdade.



ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 5. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias.
Esta organización, en atención aos fins que se perseguen no proxecto de Orde, suxire que se inclúan as entidades sen ánimo de lucro como entidades beneficiarias eliminando a mención deste artigo que establece que “non poden ser entidades sen ánimo de lucro”.

Segunda.- Artigo 5. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias.Á vista dos resultados do informe da última convocatoria, a CEG propón que, para impulsar as medidas recollidas nas liñas do proxecto e das que existían na Orde para o exercicio anterior,, se permita que os organismos intermedios poidan desenvolver accións que promovan a adopción destas medidas por parte das pequenas empresas.

Terceira.- Artigo Artigo 5. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias.No parágrafo segundo deste artigo establece que as empresas beneficiarias deben ter contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, 6 persoas.

A CEG considera que debe manterse o disposto na orde para o exercicio 2011, na que o mínimo de persoas contratadas era catro, xa que non se xustifica este incremento e, ademais, reduce o impacto destas axudas.

Cuarta.- Artigo 7. Actividade subvencionable e contía da axuda.
A CEG considera que deberían contemplarse tamén como gastos subvencionables aqueles derivados da posta en marcha de medidas que se refiren á memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade.

Quinta .- Artigo 13. Empresas beneficiarias.
Segundo o apartado 2 deste artigo “no caso de incentivos para fomentar a adopción de medidas de flexibilidade horaria, poderán ser beneficiarias as empresas que ademais de reunir os requisitos esixidos no artigo 5, establezan en convenio colectivo de empresa ou mediante acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, ou no seu defecto, coa totalidade do cadro de persoal (...)”.

A CEG considera que debería substuírse a expresión resaltada en cursiva pola de “coas persoas traballadoras”.

Sexta.- Artigo 18. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse como actividade subvencionable as medidas de  adaptación do centro de traballo para poder realizar teletraballo.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO CIG:

A CIG considera que a política de fomento da adopción de medidas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, que se persigue con esta Orde, podería derivar en que o obxectivo das posibles beneficiarias sexa a simple obtención dunha axuda pública, ao centrarse en subvencións ás empresas, sen suficientes garantías e compromisos de previa negociación coa representación legal do persoal e de execución e seguemento do acordado, pervertíndose deste xeito a finalidade da norma. Neste senso, a CIG considera desacertado o réxime de subvencións para a elaboración de Plans de Igualdade sen que estes constitúan un documento vinculante para a empresa e o cadro de persoal.