ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de maio de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


Segundo a exposición de motivos, existe unha grande vinculación entre a formación e o emprego, xa que a formación con compromiso de contratación permite compatibilizar a necesidade da empresa de contar con persoal cualificado e adaptado ás súas formas de produción coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas, de tal xeito que aquela pode atender as súas necesidades máis inmediatas.

A Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (DOG do 16 de xaneiro de 2015) incluía, entre as súas vías de programación, a de proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata. Sen embargo, o novo proxecto normativo está dedicado na súa totalidade ás accións formativas con compromiso de contratación.

Pódense destacar os seguintes aspectos deste proxecto de orde:

En canto ao orzamento, o artigo 2 establece unha contía de 800.000 euros para o ano 2016 e de 1.300.000 para o ano 2017.

Segundo o artigo 6, o prazo para a presentación das solicitudes das axudas establecidas no capítulo II virá determinado polo cronograma de procesos de selección que se establece no artigo 20, de tal maneira que a data límite para a presentación de solicitudes no 2016 será o 30 de setembro, namentres que no 2017 será o 30 de xuño.

Pola súa banda, o prazo para resolver e notificar a resolución é de tres meses a contar dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para tramitala (artigo 9).

Os Capítulos II e III deste proxecto de orde regulan, respectivamente, o Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata e o Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, sesenta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 1 de xuño de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e dezaoito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha consideración xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).



DITAME 14/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de xuño de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón que se teñan en conta as consideracións formuladas no ditame 36/2014 (sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015) que resulten de aplicación a este novo proxecto.

Segunda.
Este Comité propón a revisión do texto deste proxecto normativo e corrixir os erros existentes de forma e de redacción, entre outros:
.O uso das barras,  por exemplo nos artigos 18, 28 e 42.
.O emprego do masculino xenérico, por exemplo “alumnos” (artigo 3), “profesores” (artigo 24) ou “titor” (no artigo 27).
.Na exposición de motivos e no artigo 23 fálase de “Lei xeral de subvenciones”.
.O uso de letras impropias do alfabeto galego nas clasificacións: a letra j no artigo 4 e as letras j e k no artigo 24.
.O artigo 57.5 refírese, erroneamente, á contratación indefinida inicial a tempo parcial.

Proponse, polo tanto, a súa corrección.

Terceira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo faise referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é  preciso facer referencia a estes últimos.

Cuarta.
Nos artigos 12 e 24 establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
No último parágrafo da exposición de motivos faise referencia a unha consulta ao Consello Galego de Formación Profesional que non tivo lugar.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
No apartado 3 deste artigo menciónase a Consellería de Traballo e Benestar, cando debería referirse á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Terceira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
O apartado 4 deste precepto vén a reproducir o contido do apartado 1, polo que se propón a súa supresión.

Cuarta.- Artigo 3. Definicións.
Nos parágrafos 2 e 3 do apartado A, recóllense cuestións de procedemento que non corresponde tratar nun precepto dedicado a definicións, polo que se propón que se regulen no artigo que proceda.

Quinta.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo esixe ás entidades beneficiarias empregar a máis de 50 persoas traballadoras, mentres que no parágrafo seguinte fala dun mínimo de 50 persoas traballadoras, polo que se propón a utilización dun único criterio e corrixir esa contradición.

Sexta.- Artigo 6. Solicitudes e prazo.
Segundo o apartado 6 deste precepto: “o prazo para a presentación das solicitudes das axudas establecidas no capítulo II virá determinado polo cronograma de procesos de selección que se establece no apartado 6 do artigo 20, de tal maneira que a data límite para a presentación de solicitudes no 2016 será o 30 de setembro, namentres que no 2017 será o 30 de xuño”.

Este Comité propón que se elimine a referencia ao cronograma, xa que eses prazos aluden á resolución das solicitudes e non á súa presentación, cuxa data límite figura xa a continuación.

Por outra banda, proponse que o prazo de presentación de solicitudes para o ano 2016 permaneza aberto todo o ano en concordancia cos prazos recollidos na baremación do artigo 20.6.

Sétima- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1, 3 e 5 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción destes preceptos, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Oitava.- Artigo 12. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado f) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos.

Novena.- Artigo 17. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.

Décima.- Artigo 18. Accións subvencionables e requisitos.
O apartado 2 deste precepto presenta unha redacción que pode resultar confusa, polo que este Comité propón que se revise e que se mellore.

Ademais, este Comité considera que o suposto das empresas que tivesen un expediente de regulación de emprego non debería operar como criterio de exclusión, como recolle o dito apartado.

Décimo primeira.- Artigo 18. Accións subvencionables e requisitos.
O apartado 3 deste artigo remata coa abreviatura “etc”, que debería eliminarse do texto por ser impropia nunha norma xurídica.

Décimo segunda.- Artigo 20. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
En relación ao baremo establecido no apartado 5 deste artigo, este Comité propón que se elimine  o ítem 1º e se substitúa pola valoración do Plan de Formación presentado na solicitude,  en función da súa idoneidade para o cumprimento do obxecto e finalidade do proxecto normativo.

En relación á puntuación que recolle o ítem 2º deste mesmo apartado, este Comité considera que é excesiva polo que debería ser rebaixada e ditos puntos deberían sumarse á puntuación establecida no ítem 1º.

Décimo terceira.- Artigo 41. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2.4º deste precepto fai referencia ás “mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia”.

Este Comité propón que a referencia se faga ás “mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero”, en concordancia co final deste mesmo apartado e con outras ordes anteriores.

Décimo cuarta.- Artigo 42. Selección do alumnado.
No apartado b) establécese que se convocará ás persoas demandantes preseleccionadas mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción.

Este Comité considera que se deberían ter en conta os medios tecnolóxicos do século XXI e establecer que a comunicación poderá facerse por calquera medio fehaciente.

Décimo quinta.-  Artigo 46. Dereitos e deberes do alumnado.
Segundo o apartado 2 deste artigo: “o alumnado terá dereito a percibir as axudas ou bolsas que se establecerán regulamentariamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria”.

Dado que as axudas ou bolsas referidas se establecen mediante orde da Consellería e non regulamentariamente, este Comité propón que se corrixa a referencia.

Décimo sexta.- Artigo 52. Exclusións.
Tanto no apartado 3 deste precepto como no artigo 59.3, alúdese a persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa ou única empresa.

Este Comité considera que debería clarificarse que se entende por “única empresa” aos efectos desta orde.

Décimo sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Décimo oitava.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.





ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A cativa diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 51. Contía dos incentivos.
O apartado 3 deste artigo establece que “os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 100% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona”.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado,  debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 52. Exclusións.
Os apartados 3 e 4 deste artigo recollen, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Formúlase a mesma consideración respecto dos apartados 3 e 4 do artigo 59.

Terceira.- Artigo 55. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste precepto establece a obriga das entidades beneficiarias de manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que ese prazo debería ampliarse a 5 anos.

Cuarta.- Artigo 57. Requisitos.
A sección II  regula os incentivos á contratación temporal nos artigos 57 e seguintes.

As organizacións sindicais consideran que non se deberían incentivar os contratos temporais de persoas desempregadas, senón fomentar exclusivamente a súa contratación indefinida.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 28. Pagamento.
Segundo o apartado 2 deste precepto: “poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os gastos ou pagamentos realizados. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan non poderá ser superior ao 60 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados”.

A CEG propón que esa porcentaxe máxima se eleve ata o 80%.