ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ata o 30 de xuño de 2017, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

I. ANTECEDENTES
O día 6 de xuño de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ata o 30 de xuño de 2017, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. O artigo 37 do Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego e dignificar as súas condicións de traballo, combatendo activamente a súa discriminación. Para iso, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral, e promoverán os apoios necesarios para a busca, obtención, mantemento do emprego e retorno a el.

O programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle como accións subvencionables as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, nas que se inclúe a subvención do custo salarial dos traballadores e das traballadoras con discapacidade.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 6 de agosto de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 17 de xuño de 2015 (Ditame 22/2015), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
As subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos previstos na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016, coa seguinte distribución por anualidades que recolle o artigo 1: un total 2.459.0128 euros para 2016 e 6.100.000 para o ano 2017.
O apartado 5 do artigo 4 engade un novo suposto no que non se subvencionará a contratación de novas persoas traballadoras: cando esa contratación non represente un incremento neto do número de persoas empregadas na empresa, en comparación coa media dos doce meses anteriores.
En canto á revogación e reintegro das subvencións (artigo 16), este proxecto normativo engade varios apartados novos que regulan os diferentes supostos de incumprimento das obrigas e os consecuentes reintegros.
Finalmente, inclúese o artigo 19 “Adecuación á normativa de axudas de estado”, que supón unha novidade respecto da orde para o exercicio anterior.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ata o 30 de xuño de 2017, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezanove artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 15 de xuño de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma das organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).





DITAME 15/2016



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ata o 30 de xuño de 2017, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de xuño de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de xuño de 2016 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade.

Este Comité considera que esta diferenciación real e normativa debería ter acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

Segunda.
Este Comité considera que a  Secretaría xeral de emprego debería remitir un informe dos expedientes das solicitudes de cualificación como centro especial de emprego para o ano 2016, no que se recolla o número de empresas solicitantes e o sector ao que pertencen.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 4. Axuda e período subvencionable.
No apartado 3 deste artigo recóllense as regras conforme ás que se determinará a contía das subvencións, a primeira das cales outorga ata o 50% do SMI para os postos ocupados por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Este  Comité considera que se debería incluír unha subvención específica no texto do proxecto normativo para o caso de postos de traballo ocupados por persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou pertencentes a algún dos colectivos de  máis difícil inserción en atención ás súas circunstancias persoais ou sociais. Esta subvención xa se recollía na Orde do ano 2011 cunha porcentaxe superior, ao ter en conta as especiais dificultades de adaptación aos postos de traballo e as grandes dificultades de integración que presentan estes colectivos.

Segunda. - Artigo 4. Axuda e período subvencionable.
Este Comité considera que no apartado 3, regra cuarta, ao final, despois da frase “de conformidade co que dispoña a normativa de Seguridade Social”, deberíase engadir “e o convenio colectivo de aplicación”.

Terceira. - Artigo 7. Consentimentos, autorizacións e datos de carácter persoal.
En relación cos dous primeiros parágrafos do apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.  

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 4, en relación co sistema de verificación de datos.

Cuarta. - Artigo 8. Documentación.
A letra f) do apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes de subvención deberán ir acompañadas dos documentos bancarios de transferencia que acrediten o pagamento dos salarios.

Este Comité considera que existen distintas formas de pago dos salarios ademais da transferencia bancaria, polo que debería permitirse a acreditación  do pagamento cos outros medios legais existentes.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 12.1.c), relativo á xustificación do pagamento das subvencións.

Quinta.- Artigo 11. Pagamento.
O apartado 3 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles,  o suposto en que a persoa ou entidade beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Sexta.- Artigo 11. Pagamento.
Segundo o apartado 3 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a persoa ou entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Sétima.- Artigo 12. Xustificación.
Este Comité observa que no apartado 1.d) deste precepto faise referencia aos documentos TC2 de cotización á Seguridade Social.

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é  preciso facer referencia a estes últimos.

Oitava.- Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Na enumeración deste artigo figuran as letras j) e k), impropias do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúan polas seguintes que correspondan.

Novena.- Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.




ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social, e polas Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique os posibles casos de enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de emprego.






ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 4. Axuda e período subvencionable.
O apartado 5 deste artigo establece que “non se subvencionará a contratación de novos traballadores ou traballadoras con discapacidade cando a contratación non represente un incremento neto do número de persoas empregadas na empresa, en comparación coa media dos doce meses anteriores” e sinala, a continuación, unha serie de excepcións.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe eliminarse este apartado xa que, á hora de facer o cómputo pódese dar o caso de que actividades de carácter estacional dean lugar a un número importante de contratacións ou que, ocasionalmente, se incremente o número de contratacións por riba das súas necesidades para capacitar xente.

A necesidade de que a contratación supoña un incremento do emprego neto pode verse impedida pola terminación das contratacións temporais, de modo que as novas contratacións non serían subvencionadas.Deste modo a necesidade do incremento neto do emprego pode desmotivar as actuacións cara o tránsito ao emprego ordinario.

Os centros especiais de emprego deben ser unha posibilidade de tránsito ao emprego ordinario e este obxectivo se vería limitado gravemente de manterse a redacción proposta.

Téñase en conta, ademais, que a regulación do Regulamento (UE) 651/2014 baséase nun 30 % de cadro de persoal con discapacidade, non dunha media media do 90 %, que é o que teñen os Centros Especiais de Emprego de iniciativa social.