ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/16

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de xuño de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional desde a dobre perspectiva de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e de dinamizar e xerar novas actividades no medio local e rural.

O obxectivo fundamental desta  medida é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas de menor poboación e con menos oportunidades laborais que perden veciños ano tras ano. A Axenda 20 para o emprego contén, entre as medidas en materia de emprego de calidade, as dirixidas á contratación de determinados colectivos a través do Programa APROL, entre eles, o medio rural co programa APROL RURAL.

A través desta orde incentívase a contratación polos Concellos de poboación inferior a 10.000 habitantes e realízase unha adxudicación en proporción inversa á súa poboación, garantindo dous contratos a cada concello cun máximo de cinco.

É a primeira vez que este proxecto normativo se somete a ditame. Do seu contido cómpre destacar o seguinte:

Os programas que se recollen neste proxecto de orde financiaranse cun crédito que ascende a 6.900.000 euros (artigo 2).

O artigo 3 establece que poderán ser entidades beneficiarias os concellos cuxa poboación sexa inferior a 10.000 habitantes no padrón municipal de habitantes do ano 2015, segundo as cifras oficiais publicadas polo Instituto Galego de Estatística a 1 de xaneiro de 2016.

Segundo o artigo 4, as obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas que se contraten ao abeiro destas axudas, deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais, así como cumprir unha serie de requisitos que recolle este precepto.

O prazo para presentar as solicitudes destas subvencións será dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación do proxecto de orde no Diario Oficial de Galicia (artigo 6).

O procedemento de concesión das axudas recollidas neste proxecto normativo será o de concorrencia competitiva, segundo establece o artigo 10.

Pola súa banda, o prazo de resolución e notificación será de cinco meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude (artigo 11).

O artigo 12 recolle os requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras así como, no seu apartado 5, a orde de preferencia entre certos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral.

As obrigas das entidades beneficiarias enuméranse no artigo 16.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 29 de xuño de 2016 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada pola CIG.

DITAME 16/16



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de xuño de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xuño  de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que se debería ter en conta que existe unha Orde moi similar á que é obxecto deste ditame: Orde do 29 de decembro de 2015, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais para o exercicio 2016, publicada no DOG do 30 de decembro de 2015), que se dirixe a todas as entidades locais de Galicia, polo que poderían orixinarse problemas de dobre concorrencia e incompatibilidades, dado que a referida Orde e o proxecto de orde que agora se ditamina teñen a mesma finalidade, aínda que con criterios de selección diverxentes.

Segunda.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Terceira.
As características deste proxecto de Orde son moi similares á Orde, xa referida anteriormente, reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais para o exercicio 2016. Neste sentido, este Comité considera que debería recuperarse o programa específico destinado ás mulleres vítimas de violencia de xénero que se recollía nesa Orde para o exercicio 2014.

Cuarta.
Este Comité observa, ao longo do texto do proxecto normativo, a presenza de erros no uso do galego (por exemplo: “obras y servizos” no artigo 10.4 ou “las retribucións salariais”) e tamén un uso inadecuado da linguaxe de xénero (por exemplo:”candidatos” no artigo 10.4 ou “traballadores sociais” no artigo 12.6), polo que propón unha revisión do texto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Este artigo dispón que o proxecto de orde ten por obxecto financiar accións de fomento de emprego no medio rural. Obsérvase que o único criterio que se establece no proxecto normativo para definir o que se entende por medio rural é o da poboación, tal e como recolle o artigo 3 ao establecer que so poderán ser entidades beneficiarias aquelas que conten con menos de 10.000 habitantes.

Este Comité considera que non se debería ter en conta unicamente o criterio poboacional, xa que é constatable a existencia en Galicia de concellos que superan os 10.000 habitantes e son de tipoloxía eminentemente rural, ao igual que existen concellos de tipoloxía urbana que non acadan esa cifra.

Segunda.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O apartado 2 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda máis tratándose dunha indemnización, como tamén o son a bolsa de vacacións e o plus de distancia, que son subvencionables ao non estar excluídos na norma

Terceira.- Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para solicitalos no seu nome.


Cuarta.- Artigo 10. Procedemento.
Este Comité quere resaltar a incongruencia existente entre o apartado 1 deste artigo (segundo o cal o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva) e o establecido no parágrafo 2 do apartado 3. Tamén se detecta a mesma incoherencia co criterio de reparto determinado no apartado 4 do mesmo artigo.

Quinta.- Artigo 11. Resolución.
Este Comité entende que o prazo de cinco meses establecido para a resolución é excesivo, polo que propón que se reduza a tres meses.

Sexta.- Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
No apartado 5, letra a) deste artigo establécese a preferencia do colectivo de mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia.

Este Comité considera que debería substituírse a expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Sétima.- Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5 deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

Este Comité entende que se debería concretar o alcance do citado “menor nivel de protección”.

Oitava.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto neste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Novena.- Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado c) deste precepto establece a obriga de “aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación”.

Este Comité considera que, conforme ao marco legal aplicable, debería substituírse o termo “categoría profesional” polo de “cualificación profesional”.

Décima.- Artigo 17. Seguimento.
No apartado 2.b) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.

Décimo primeira.- Artigo 17. Seguimento.
Este Comité observa que no apartado 2.c) deste precepto faise referencia aos documentos TC2 de cotización á Seguridade Social.

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é  preciso facer referencia a estes últimos.

Décimo segunda.- Artigo 17. Seguimento.
Entre os documentos que deben presentar as entidades beneficiarias segundo o apartado 2.c) deste artigo, inclúense “o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), unha vez se dispoña destes”.
Este Comité considera que debería clarificarse se o termo “destes” se está a referir ao modelo 111 ou tamén ao modelo 190 IRPF, xa que este último preséntase no mes de xaneiro do exercicio seguinte.
Décimo terceira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Décimo cuarta.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG.

En relación co que figura no segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame, que contén a referencia ao “eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”, este Comité considera que non ten base material, polo que debería eliminarse.

Igualmente, proponse a eliminación da frase que figura na disposición adicional segunda, “As que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional de Galicia”, por entender que é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.