ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/03

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE DA CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DE EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE, POLA QUE SE REGULAN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN CON ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, PARA O EXERCICIO DO ANO 2003, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio do ano 2003, remitido pola Dirección xeral de Fomento de Emprego, con rexistro de entrada neste Consello o 27 de decembro do ano 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de xaneiro de 2003, acordou POR UNANIMIDADE, pronunciarse en canto as seguintes consideracións :



O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.


ANEXO II
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CEG.


1.- Artigo 3º. Beneficiarios.
Este artigo establece que os posibles beneficiarios das mesmas deben dispoñer de “recoñecida solvencia e capacidade técnica e de xestión suficientes” para a correcta execución dos correspondentes proxectos.
Os conceptos entrecomiñados son excesivamente indeterminados, inconcreción que redunda en todo caso na inseguridade xurídica dos posibles interesados.

PROPOSTA: Especificar qué se entende por recoñecida solvencia, capacidade técnica e de xestión suficientes dos beneficiarios.

2.- Artigo 4 c). Solicitudes, documentación e prazo.
Neste apartado se esixe a presentación de “…fotocopia compulsada da escritura pública e dos estatutos de constitución da entidade solicitante…”.
  
En todo caso, enténdese que a esixencia de ámbolos dous requisitos debería ser alternativo (…escritura pública ou dos estatutos…) e non esixi-la presentación dos dous tipos de documentación, dado que as entidades sen ánimo de lucro de base asociativa carecen da obriga de formaliza-la súa constitución en escritura pública.

3.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

O prazo máximo que se establece para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses. Este período temporal considerase excesivo polo que se PROPÓN como máis axeitado o de 3 meses seguintes á data de entrada da solicitude de axuda no rexistro correspondente.

Asemade, segundo a dicción deste precepto,  transcorrido o prazo para dictar resolución sen que esta recaia expresamente, as solicitudes entenderanse desestimadas.
A liña de axudas que establece este borrador de Orde xera importantes intereses económicos para os solicitantes das mesmas, polo que debería esixirse, en todo caso, a obrigatoriedade de dictar resolución expresa e motivada pola Administración cando a mesma fose desestimatoria.

PROPOSTA: Modifica-lo precepto que nos ocupa no senso de que a regra xeral sexa que a Administración cando desestime unha solicitude o manifeste ó interesado por escrito de xeito expreso, non procedendo  así a aplicación do silencio negativo.

O apartado 4 do citado artigo 6º establece que contra as resolucións dos expedientes instruidos poderá interponerse recurso contencioso-administrativo e, con carácter previo, o de reposición.
A CEG estima que debería permitirse o recurso de alzada, polo que propón que as resolucións non esgoten a vía administrativa e poda interpoñerse o citado recurso.

4.- Artigo 9º. Incompatibilidade e obrigas dos beneficiarios.

O artigo 9º, apartado 2. letra c) establece a obriga da entidade beneficiaria a someterse, entre outras, ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Inspección de Traballo e Seguridade Social.
A CEG estima que esa obriga, posto que é obvia, non debería figurar no texto da orde.

5.- Artigo 12º. Contía.
Dado que a contía da subvención non cubre o 100% do custo salarial, se solicita que esa cobertura sexa total.
Asemade, nos programas onde non exista a partida de financiación de gastos xerais, se inclúa tamén unha porcentaxe do 10% en concepto de cobertura destes custos.
O apartado 1, último parágrafo, deste precepto establece que “a retribución dos traballadores que se incorporen a estes programas será, de conformidade co disposto no artigo 15º.1d) do Real decreto lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei do Estatuto dos Traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, a que se acorde entre as partes sen que poida ser inferior á establecida, se é o caso, para os contratos de inserción no convenio colectivo aplicable.”
A CEG considera inapropiada e equívoca a inclusión deste parágrafo, no que se está a falar de obrigas da entidade beneficiaria das axudas, dentro dun artigo que, como indica o seu propio título, regula a contía das subvencións.
En consecuencia a CEG PROPÓN que este apartado se inclúa no artigo 9º, que establece as incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios, como un inciso h).


6.- Artigo 15º.1. Contratación de traballadores.

Recolle esta norma a obriga de que a entidade beneficiaria, trala selección dos traballadores segundo o artigo anterior, procederá á súa contratación utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción, de acordo có disposto na normativa aplicable que o propio precepto reproduce e identifica.
Si ben o marco legal de referencia é o correcto, a CEG PROPÓN que non se restrinxa a esta única modalidade contractual a posible contratación dos traballadores, pois segundo os casos, pode que proceda acudir a outro tipo de contrato, como pode se-lo de obra ou servicio determinado, por exemplo. Ademáis, é inxusto que os traballadores contratados cun contrato de obra ou servicio podan ser contratados de novo no exercicio seguinte e os traballadores cun contrato de inserción de máis de nove meses non podan repeti-la súa participación ata transcorridos tres anos.
Deste xeito, a redacción do precepto podería se-la que segue: “…resolución de concesión de axudas, utilizando as modalidades de contratación que sexan aplicables segundo o marco legal vixente.” Esta nova redacción afectaría tamén ó establecido na norma sobre retribucións, contía e obrigas dos beneficiarios.

7.- Artigo 19º.2. Obxecto (Programa das subvencións para a contratación dos axentes de emprego).

Preceptúa o artigo que os axentes de emprego terán unha serie de funcións que se desglosan en catro incisos. Unha das funcións que realizan os mesmos é a de facilita-la mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, e que non se recolle na referida relación.

PROPOSTA: Incluí-lo seguinte apartado como inciso a), o que leva implícito a modificación na numeración correlativa dos seguintes apartados:
“a) A realización de todas aquelas funcións que permitan mellora-la empregabilidade dos demandantes de emprego.”

8.- Artigo 20º. Contía.
Este artigo establece a contía da subvención, que ascenderá ó importe dos custos salariais maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social. Sen embargo non menciona a indemnización obrigatoria establecida na lexislación vixente para os contratos de obra ou servicio, que debería ser subvencionada. Asi mesmo, deberíase contemplar unha subvención dun 10% para gastos de difícil xustificación, como fai a Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de subvención da contratación de orientadores laborais.

PROPOSTA: Que se amplíe a contía da subvención contemplando o coste da indemnización ó remate do contrato de obra ou servicio, así como un 10% para gastos de difícil xustificación.

9.- Artigo 22º.2. Contratación.

Este precepto establece que a duración máxima da concesión da subvención regulada por esta Orde será de 4 anos.
Esta limitación temporal considerase restrictiva pois outros programas de axuda desa consellería (por exemplo, de orientación laboral) non teñen límite de tempo.
Se plantexa, pois, a supresión dese tope máximo de 4 anos.

10.- Disposición adicional cuarta.

Esta disposición establece. “As previsións establecidas nesta orde relativas ó Programa Labora poderán estenderse ós beneficiarios daquelesoutros plans de emprego que se pudieran establecer pola Xunta de Galicia dirixidos a colectivos específicos de desempregados.
Os plans de emprego que se podan establecer pola Xunta de Galicia deben ser obxecto de tratamento e debate no Comité Autonómico de Emprego. A CEG non ten claro que se entende por colectivos específicos de desempregados, polo que debería figurar no texto da disposición de que colectivos se trata.