ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de xuño de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, no actual contexto económico, a sociedade esixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a paliar os efectos e a reducir o desemprego, sinaladamente das persoas con especiais dificultades de inserción. Por esta razón, mantendo os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente aos programas integrados para o emprego, a presente regulación realiza unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade que inclúen, necesariamente, formación para o emprego e intermediación no mercado de traballo. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2016.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para os exercicios de 2016 e 2017 (publicado no DOG o día 30 de decembro de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 10 de decembro de 2015 (Ditame 44/15), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 2, apréciase unha variación dos créditos con cargo aos cales se financiarán as axudas reguladas neste proxecto de orde, pasando as contías a ser  de 1.600.000 euros para 2016 e de 2.400.000 euros para 2017. No proxecto anterior recollíanse unhas contías globais de 1.200.000 euros para o primeiro ano e de 4.560.000 para o segundo.

Na Orde anterior recollíanse dous programas: un xeral e outro específico para persoas perceptoras do RISGA. O artigo 3 do novo proxecto normativo non recolle o segundo deles.

Este mesmo artigo engade un apartado 5, segundo o cal non computarán como inserción laboral as contratacións que se produzan en calquera administración pública con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego nin as contratacións das persoas participantes nos programas pola propia entidade beneficiaria da subvención.

Na mesma Orde para os exercicios 2015 e 2016, establecíanse dúas posibles entidades beneficiarias das axudas:
- As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha administración local, cuxa titularidade corresponda integramente á mesma, prevendo, ademais, a posibilidade de que estas entidades se asociaran entre elas.
- As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Hai que ter en conta, neste punto, a Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017 (DOG do 30 de decembro de 2015). As entidades beneficiarias das axudas que recolle dita Orde son, exclusivamente, as entidades locais.

O novo proxecto normativo, pola súa banda, establece como únicas entidades beneficiarias aquelas entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro (artigo 4).

En canto aos criterios de valoración dos programas (artigo 9), obsérvase unha modificación na escala da puntuación outorgada atendendo ás dificultades de inserción para o caso no que a totalidade dos colectivos a atender no programa solicitado pertenzan ao grupo A do punto 1 do artigo 9.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, tres disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.


O día 4 de xullo de 2016 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e vinte e unha consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha manifestada pola CIG (anexo I), unha manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II), unha manifestada pola CEG e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo III) e catro manifestadas pola CEG (Anexo IV).





DITAME 17/2016



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17de xuño de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de xullo de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Segundo o apartado 2 do artigo 8 do proxecto normativo, “excepto nas sete grandes cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol) non poderán resultar beneficiarias destas subvencións as entidades que vaian desenvolver as actividades do programa solicitado no mesmo ámbito territorial no que xa estea  aprobado outro programa integrado ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017 (DOG nº 248, do 30 de decembro de 2015)”.

Este Comité non comparte ese criterio, que pode ir en detrimento da eficacia do programa, ao impedir na meirande parte do País a posta en práctica de “Lanzadeiras de Emprego” promovidas por entidades sen ánimo de lucro nun ámbito territorial no que se aprobase anteriormente un Plan Integrado de Emprego promovido pola administración local.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de Motivos.
Segundo o parágrafo quinto da exposición de motivos, “a Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que con esta liña preténdese tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia”.

Este Comité considera que, dado que ao longo do proxecto normativo non aparece nin unha mínima alusión ao respecto do retorno e a incorporación laboral da poboación galega no exterior, deberían recollerse nel medidas concretas destinadas á poboación laboralmente activa que resida fóra de Galicia.

Segunda.- Artigo 3. Características das lanzadeiras de emprego de Galicia.
O apartado 1 establece o número mínimo de persoas a atender en 60.

Este Comité considera que esa limitación pode inviabilizar a execución do programa en ámbitos determinados, polo que propón que se reduza ese número mínimo.

Terceira.- Artigo 3. Características das lanzadeiras de emprego de Galicia.
No parágrafo segundo do apartado 1 establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 30 por cento.

Este Comité segue a entender que os obxectivos de inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón unha porcentaxe mínima de inserción do 25%.

Cuarta.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2 deste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións particulares das persoas candidatas.

Quinta.- Artigo 6. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Sexta.- Artigo 8. Procedemento, competencia e resolución.
En relación coa limitación recollida no apartado 2 deste artigo e que se refire na consideración xeral unánime, este Comité considera que debería  eliminarse porque compromete a eficacia do programa obxecto desta Orde.

Subsidiariamente, de non ser atendida esta solicitude, a Consellería debería arbitrar unha fórmula para poñer en coñecemento das entidades potencialmente beneficiarias desta Orde, cales son os programas integrados de emprego aprobados en cada ámbito territorial ao abeiro da Orde do 29.12.15 (DOG 30.12.15).

En todo caso, este Comité entende que debe substituírse a expresión “nas sete grandes cidades galegas...” que se emprega neste apartado, pola de “nos concellos de A Coruña, Lugo, ....”, con supresión da paréntese.

Sétima.- Artigo 8. Procedemento, competencia e resolución.
Obsérvase que neste precepto figuran dous apartados numerados como 7, polo que se propón que se corrixa esa duplicidade.

Oitava.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, propón incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 1º da orde.


Novena.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender en función das especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Décima.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.a.1 deste precepto fai referencia ás “mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia doméstica”.

Este Comité propón que a referencia se faga ás “mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero”, en concordancia con outras ordes anteriores e coa definición que utiliza a lexislación aplicable.

Décimo primeira.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 145).

Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime ao ter en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

Décimo segunda.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas, non se considera necesario puntuar o esforzo inversor que figura no apartado 1.e) deste artigo, polo que este Comité propón que se elimine este criterio.

Décimo terceira.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) establece que “valoraranse os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas, e o resultado das visitas de seguimento realizadas ata un máximo de 15 puntos, e puntuarase negativamente unha mala xestión restando ata 15 puntos”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.

Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”.
Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.

Décimo cuarta.- Artigo 11. Gastos imputables.
Este Comité considera que, no apartado 1.c) deste artigo, debería simplificarse a redacción do seu último parágrafo e facerse constar que a prestación de servizos docentes non terá a consideración de subcontratación.

Décimo quinta.- Artigo 11. Gastos imputables.
O apartado 1 recolle os gastos que teñen a consideración de imputables aos efectos desta orde.

Bótase en falta unha concreción dos aspectos económicos, o que pode xerar unha certa inseguridade nas solicitudes.

Polo tanto, este Comité propón que se fixen unhas contías mínimas e máximas, especialmente nos subapartados b) e c) e tamén no e) en canto aos gastos de gardería e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes.

Décimo sexta.- Artigo 13. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité nos ditames relativos ás ordes dos exercicios anteriores, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 40 por cento da suma das subvencións dos anos 2016 e 2017, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2016.

Este Comité propón que se incremente a porcentaxe para o aboamento dos anticipos, por encima do estipulado no apartado 1. A) deste artigo.

Décimo sétima.- Artigo 14. Publicidade.
No apartado 1 deste artigo establécese que, para os efectos de difusión pública, deberá figurar un cartel informativo no que constará o financiamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Este Comité considera que debería figurar exclusivamente o financiamento da referida Consellería, polo que propón que se elimine a publicidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Décimo oitava.- Artigo 15. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluirse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.


Décimo novena.- Artigo 17. Participación institucional.
Segundo este artigo, a participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Consello Autonómico de Emprego.

Este Comité considera que para garantir esa participación debería reunirse o Consello Autonómico de Emprego e fai máis de catro anos que a Consellería non convoca xuntanzas deste órgano.

Vixésima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Vixésimo primeira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.




















ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)


Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”.

A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido desta orde.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
No punto 1.i) deste artigo  establécese que a puntuación que se outorgará polo emprego da lingua galega nas accións do programa integrado para o emprego, será como máximo, de 5 puntos.

Unha vez máis, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería recuperar a previsión que contiña a Orde correspondente ao exercicio de 2009, onde este criterio contaba cunha valoración de 12 puntos, xa que o idioma é un ben cultural que se debería promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades e mellorar o seu resultado.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 11. Gastos imputables.
Na letra c) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería permitirse que a porcentaxe chegue ata o 100%.


ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Características das lanzadeiras de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 4 deste artigo, considérase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de doce meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios traballadores ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, pero sinalando nestes últimos supostos que a duración non debe ser inferior a seis meses.

Na opinión da CEG, debería establecerse o mesmo prazo para a actividade por conta propia que por conta allea (isto é: tres meses) considerando inserción tal tempo de exercicio da actividade.

Segunda.- Artigo 3. Características das lanzadeiras de emprego de Galicia.
O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.

Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Terceira.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Neste artigo establécese a necesidade de anexar, entre outras documentacións, unha relación de medios materiais e recursos humanos propios dos que dispón o solicitante na que se especifiquen as condicións daqueles, o su historial formativo e laboral e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Na opinión da CEG, debido ao período de execución do programa (doce meses) e ao tempo que pode mediar entre a solicitude e a posta en marcha do programa, os recursos humanos das entidades beneficiarias poden sufrir variacións que non dependen da vontade das propias entidades, polo que debería preverse esta circunstancia na norma, de modo que se regule a posibilidade da comunicación das modificacións ou variacións habidas nos recursos humanos da entidade e mesmo da confirmación dos recursos humanos inicialmente considerados na solicitude.
Cuarta.- Artigo 9. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) deste precepto regula como criterio de valoración a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia, valorando os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas, e o resultado das visitas de seguimento realizadas.

Na opinión da CEG, debería valorarse tamén a experiencia das entidades sen ánimo de lucro na execución de outros programas de fomento do emprego, entre outros: orientación laboral, xestión e colaboración na inserción laboral a través non só de programas integrados para o emprego, etc.