ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2016.

I. ANTECEDENTES.

O día 28 de xuño de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para 2016, das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2015, publicada no DOG o día 20 de novembro de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 5 de outubro de 2015 (ditame 34/2015), obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Engádese un novo criterio de valoración das solicitudes no seu apartado h), que ten en conta a poboación existente no ámbito territorial da entidade solicitante e lle outorga ata un máximo de 10 puntos (artigo 10).

O artigo 20 presenta unha modificación nos seus apartados c) e e) que regulan, respectivamente, o reintegro das axudas para o caso de incumprimento do prazo de presentación da documentación xustificativa e o para o de incumprimento da obriga de satisfacer as obrigas económicas salariais. A orde para o exercicio anterior prevía para eses supostos os reintegros do 2%  e do 10% sobre o gasto subvencionado, mentres que o novo proxecto normativo inclúe diferentes porcentaxes de perda do dereito de cobramento ou de reintegro segundo o grao de incumprimento.

O proxecto normativo inclúe dous novos preceptos: o artigo 15 (Coordinación na Rede de técnicos de emprego de Galicia) e o artigo 21, que fai referencia á Base de datos nacional de subvencións.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2016” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 12 de xullo de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).







DITAME 19/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2016, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de xuño de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xullo de 2016 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Este Comité se ben constata unha mellora na redacción do texto do proxecto normativo no uso da linguaxe en materia de xénero, observa que seguen a utilizarse ao longo da redacción expresións non axeitadas, como “os e as AEDL contratados/as”, que podería substituirse por “as persoas contratadas como AEDL” ou o uso do masculino xenérico, por exemplo, no apartado 1 do artigo 6 “o solicitante” e no apartado 1.a) do artigo 10 “desempregados”. Respecto ao uso das barras, obsérvase a súa utilización no apartado 2 do artigo 11 “contratado/a” e hai que ter en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
En relación co que figura no parágrafo segundo da exposición de motivos, penúltima liña “no eido da colaboración institucional e o diálogo social aberto polo goberno galego cos axentes económicos e sociais de Galicia”, este Comité considera que a referencia que se fai ao diálogo social debería eliminarse e que figure soamente “no eido da colaboración institucional”.

Segunda.- Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
Na orde do exercicio de 2012 figuraba, no apartado 1, letra i), entre os criterios de avaliación, o “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega, na elaboración da memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL, valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, débese respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Terceira.- Artigo 11. Resolución.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de cinco meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, prazo que se considera excesivo. Este Comité propón que o prazo sexa de tres meses.

Cuarta.- Artigo 12. Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
Este Comité considera que se debería suprimir a parte final do apartado 3 deste artigo, na que se elimina a obriga da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar, no caso de acudir a outros procedementos de selección por non atopar candidaturas idóneas.

Quinta.- Artigo 12.- Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másteres e posgraos que teñen relación coas funcións establecidas neste proxecto de orde para axentes de emprego e desenvolvemento local.

Sexta.- Artigo 16.- Avaliación das actividades levadas a cabo polos e polas axentes de emprego e desenvolvemento local.
Neste artigo faise referencia ao sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permite avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo polas persoas técnicas (XATEmprego).

Este Comité considera que se debería mellorar este sistema aplicativo e adecualo para atender as tarefas que teñen que realizar as persoas contratadas como AEDL co obxectivo de cumprir coas finalidades desta orde.
Sétima.- Artigo 18.- Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a data límite para presentar a documentación xustificativa será a establecida na resolución de concesión.

Pola súa banda, o artigo 20.c) prevé unhas sancións moi graves para o caso de incumprimento do prazo previsto no artigo 18.1.

Así, este Comité propón que a data límite debería establecerse no texto do proxecto de orde
con criterios obxectivos e previsibles para as posibles entidades beneficiarias.

Oitava.- Artigo 18.- Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 1.c) deste artigo, as entidades solicitantes deben presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Novena.- Artigo 21.
Obsérvase que este artigo aparece sen un título. Este Comité  considera que debería denominarse “Base de datos nacional de subvencións”.


ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe recuperarse a valoración de 5 puntos para o idioma galego que se establecía na Orde do 26 de setembro de 2012 que regulaba esta convocatoria.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL

O desenvolvemento de funcións relacionadas co estímulo, promoción e asesoramento de proxectos empresariais, coa prospección de mercado e coa dinamización e xeración de novas actividades, obxecto do proxecto normativo que se somete a ditame, non debe recaer unicamente nas entidades locais. Así mesmo, os labores e finalidades establecidos nos artigos 25 e 27 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, non gardan relación directa coas funcións anteriormente apuntadas. As ditas funcións son propias de organizacións empresariais cuxa natureza e finalidade si garda unha relación directa, clara e determinante con tales funcións. É por iso que desde a CEG se solicita a habilitación dunha liña de convocatoria específica e adicional para as citadas organizacións.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira.- Art. 6. Documentación.
A Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, tras a modificación realizada pola Lei 27/2013 de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da.Administración Local, establece o seguinte: “As Entidades Locais só poderán exercer competencias distintas das propias (Artigo 25) e das atribuídas por delegación (Artigo 27) cando non se poña en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal, de acordo cos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e non se incorra nun suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outras Administración Públicas. A estes efectos, serán necesarios e vinculantes os informes previos da Administración competente por razón de materia, e no que se sinale a inexistencia de duplicidades e de a Administración que teña atribuída a tutela financeira das novas competencias.
En todo caso, o exercicio destas competencias deberá realizarse nos termos previstos na lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas” (Artigo 7.4 Lei 7/1985) ou as Entidades Locais poderán exercer a iniciativa pública para o desenvolvemento de actividades económicas, sempre que estea garantido o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e da sustentabilidade financeira do exercicio das súas competencias. No expediente acreditativo da conveniencia e oportunidade da medida haberá de xustificarse que a iniciativa non xera risco para a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal debendo conter unha análise do mercado, relativo á oferta e á demanda existente, á rendibilidade e aos posibles efectos da actividade local sobre a concorrencia empresarial.” (Artigo 86.1 Lei 7/1985).


Por isto solicítase que se incorpore entre as obrigas a de acreditar no expediente administrativo a súa estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, debendo quedar excluídas, en todo caso, aquelas ás que lles resulte de aplicación o disposto na Disposición Adicional Novena da Lei 7/1985 de 2de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.

Segunda.- Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 20 recolle varios supostos de incumprimento e as súas consecuencias.

No caso do incumprimento recollido na letra c), a CEG considera que, ao tratarse dunha documentación de carácter formal, debería habilitarse a posibilidade de solicitar unha prórroga xustificada ou ben un requirimento previo por parte da administración.

Así mesmo, nos retrasos na entrega de documentación xustificativa, debe valorarse  a redacción da porcentaxe de reintegro ata o 2% do importe correspondente ao tempo de retraso, se transcorre máis do 50% do prazo ( en vez do 30%).

No caso recollido na letra e), relativa ao retraso no pago de salarios, a CEG propón rebaixas nos reintegros, sempre e cando se acredite o pago, aínda que sexa tardío.

Por todo isto, proponse a seguinte redacción alternativa:
c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 18.1.: no caso de que o retraso sexa de ata o 50% do prazo establecido suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2% sobre o gasto subvencionado; cando o retraso sexa entre o 51% e o 100% do prazo establecido a perda do dereito ao cobramento será do 10% sobre o gasto subvencionado; e no suposto de que o retraso supere o 100% do prazo establecido procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.
e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia  do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: cando o importe salarial abonado fóra de prazo sexa inferior ao 50% do gasto subvencionado, o importe a reintegrar será equivalente ao 2% do importe abonado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial abonado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50%, procederá o reintegro equivalente ao 20% do importe abonado fóra de prazo pero dentro do período subvencionado.