ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/16

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa covocatoria para o ano 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 6 de xullo de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa covocatoria para o ano 2016. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o obxecto deste novo programa é reparar e paliar as situacións de necesidade que se orixinan pola perda de ingresos que sofren as persoas traballadoras que non poden desempeñar a súa prestación laboral, como consecuencia dun acontecemento catastrófico (como terremotos, maremotos, incendios ou inundacións), que provoque a destrución total ou parcial das instalacións do seu centro de traballo e impida temporalmente a continuidade total ou parcial da actividade empresarial.

Así, durante o tempo que dure o proceso de reparación e reconstrucións das instalacións afectadas nas que prestan servizos as persoas traballadoras, estas percibirían unha axuda económica que compense a súa perda de poder adquisitivo.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame.

O proxecto normativo estrutúrase en 3 capítulos: o primeiro establece unhas disposicións  xerais respecto do obxecto daquel; o segundo recolle as bases reguladoras das axudas e o terceiro contén a convocatoria.

Polo que respecta ao capítulo II, cabe destacar o seguinte:
O artigo 4  recolle os requisitos que deben reunir as persoas beneficiarias.
A contía das axudas establécese no artigo 5, de acordo coa seguinte escala:
a)Para bases de cotización de ata 1.800 €, unha axuda de 9 € por cada xornada completa de suspensión
b)Para bases de cotización superiores a 1.800 € unha axuda de 7 € por cada xornada completa de suspensión.

En canto ao prazo para resolver e notificar, o artigo 14 establece que será de tres meses a contar dende a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Dentro do capítulo III deste proxecto normativo, cómpre facer referencia ao seguinte:
O crédito orzamentario que fixa o artigo 3 para estas axudas ascende a un total de 200.000 euros.

Pola súa banda, o artigo 5 recolle o prazo para a presentación de solicitudes, que será dun mes: do 1 de novembro ao 30 de novembro de 2016.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa covocatoria para o ano 2016” consta de: Exposición de motivos, vintecatro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.



O día 13 de xullo de 2016 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha xeral manifestada pola CIG (Anexo II).




DITAME 21/2016


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa covocatoria para o ano 2016”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de xullo de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xullo de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité valora positivamente os obxectivos perseguidos por este proxecto normativo que, segundo a exposición de motivos, trata de adoptar medidas de tipo social co fin de minorar os efectos negativos que para as persoas traballadoras se derivan dos expedientes de regulación de emprego suspensivos por causa de forza maior.

O parágrafo primeiro da exposición de motivos fai referencia a un “programa de axudas coa finalidade de que as persoas traballadoras afectadas non teñan merma do seu poder adquisitivo” mentres que, no terceiro parágrafo, alude a unha “axuda económica que compense a súa perda de poder adquisitivo”.

Este Comité considera que deberían relacionarse ambas previsións en aras da coherencia, así como especificar que se trata, en todo caso, dunha compensación económica parcial.

Isto último obsérvase tamén respecto dos artigos 1 e 2  ao facer referencia ás “axudas para compensar a perda”.

Segunda.
As destinatarias das axudas son persoas físicas, o que pode dar lugar a situacións fiscais inxustas para esas persoas beneficiarias.

Este Comité propón que a Xunta de Galicia tramite unha solicitude de exención de tributación destas axudas diante do Ministerio de Hacienda do Goberno central.
Terceira.
Obsérvanse varios erros lingüísticos no uso do galego ao longo do texto do proxecto normativo (por exemplo, “haber estado” ou  “foxen”, ambos no artigo 4.1).

Por outra banda, debería substituírse a frase “que o expediente de regulación de emprego afecte (...) a un centro de traballo” pola de “que o expediente de regulación de emprego afecte (...) a algún centro de traballo” no artigo 4.1.b).

Así mesmo, o texto presenta erros en materia de linguaxe de xénero, como “traballadores vinculados” no artigo 4.1.e).

Cuarta.
No título do proxecto normativo menciónanse os expedientes de regulación de emprego cando, tras a entrada en vigor do Real Decreto 1483/2012, do 29 de outubro, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de despido colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada, a denominación correcta é a de “procedementos de regulación de emprego”.

Polo exposto, este Comité propón que se corrixa.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias.
O apartado 1.d) deste artigo esixe que a causa de forza maior sexa constatada por resolución da Autoridade Laboral competente.

A devandita resolución xa non é un requisito no procedemento, polo que este Comité propón que se modifique este apartado e se adecúe a normativa actual.

Segunda. – Artigo 6. Compatibilidade.
O apartado 2 establece a compatibilidade entre a percepción desta axuda e da prestación por desemprego.

Este Comité propón que se prevexa, ademais, a compatibilidade cos posibles complementos que a empresa acorde ou decida aportar para minorar a merma salarial sufrida pola persoa traballadora.

Pola súa banda, o artigo 17 prevé a modificación da resolución de concesión no suposto de obter, concorrentemente, axudas por parte de outras entidades públicas ou privadas.

En concordancia co proposto respecto do artigo 6, este Comité considera que debería eliminarse esa referencia ás entidades privadas.

Terceira. – Artigo 7. Procedemento de concesión da axuda.
O apartado 1 deste artigo fai referencia ao “procedemento de concesión das solicitudes presentadas”, en vez de ao “procedemento de concesión das axudas”, polo que debería corrixirse.

Cuarta.- Artigo 11. Documentación.
O apartado 1 deste artigo establece que a solicitude e demais documentación pode presentarse en orixinal ou en copia compulsada.

Este Comité propón que se admita, igualmente, copia cotexada.

Formúlase a mesma consideración respecto do apartado 2.b) do artigo 15.

Quinta.- Artigo 11. Documentación.
O apartado 2 deste precepto permite ao órgano instrutor solicitar “calquera outra documentación que considere necesaria para a resolución”.

Este Comité considera que debería explicitarse a que tipo de documentación se está a referir para garantir a seguridade xurídica.

Sexta.- Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto nos apartados 1 e 2 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola persoa solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Sétima. – Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias.
Segundo o apartado 1 deste artigo, as persoas beneficiarias deben “acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia”.

A obriga de acreditar con anterioridade á proposta de resolución xa se prevé no artigo 11, polo que non debería esixirse.

Respecto da obriga de acreditar con anterioridade á proposta de pagamento, este Comité considera que debería ser a Administración a que o acredite cos medios que ten á súa disposición.


Oitava. – Artigo 18. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Obsérvase que na redacción do apartado 2.c, a frase aparece sen rematar.

Novena. – Capítulo III.
Neste Capítulo a numeración do articulado volta a comezar polo artigo 1, cando corresponde o 20, polo que se propón a súa corrección.

Décima. – Artigo 4. Período subvencionable.
Segundo este artigo, “esta convocatoria afecta as persoas traballadoras que teñan o seu contrato suspendido (..) entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de outubro de 2016”.

Dado que esta norma ten vocación de continuidade, este Comité considera que debería preverse, na orde do próximo exercicio, a cobertura do período de lagoa entre ambas convocatorias.

Décimo primeira. – Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes.
Este artigo establece que “o prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, do 1 de novembro ao 30 de novembro de 2016”.

Este Comité propón que se permita a súa presentación desde o día seguinte ao da entrada en vigor da norma e ata o 30 de novembro de 2016

Décimo segunda. – Disposición Adicional.
No texto do proxecto normativo figura unha única disposición adicional que, sen embargo, aparece como “disposición adicional segunda”.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décimo cuarta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería delimitarse as persoas beneficiarias destas axudas e excluír como tales ao persoal de alta dirección.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE INTERSINDICAL GALEGA.

Na medida en que a norma vén a crear o dereito a unha axuda de carácter público dirixida ás persoas traballadoras que se atopen nunha determinada situación laboral, suscítanse dúbidas ao respecto de se o rango da norma que establece as bases reguladoras non debería ser, como mínimo, a de Decreto do Goberno da Xunta.