ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/16

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se establecen as bases reguladoras, para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais, no marco da participación institucional.

I. ANTECEDENTES

O día 6 de xullo de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de decreto polo que se establecen as bases reguladoras, para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais, no marco da participación institucional. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A Lei 17/2008, do 29 de decembro, regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. Regula tamén os ámbitos de intervención desa participación, nos que estas entidades desenvolven as súas actividades con motivo da súa presenza na Administración autonómica e nos seus organismos públicos e entidades públicas e, ademais, a súa participación na elaboración dos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia.
Segundo a exposición de motivos, mediante o exercicio desta participación institucional estase a atribuír aos axentes sociais e económicos a defensa, en ditos ámbitos, dos intereses xerais comúns e intersectoriais que corresponden a todos os traballadores e traballadoras, empresarios e empresarias. O papel atribuído a estas organizacións deriva na necesidade de regular os criterios e o procedemento para o reparto das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia.
Vistos o borrador agora remitido, o borrador do mesmo decreto remitido no ano 2013 (que non chegou a ser publicado) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de febreiro de 2013 (Ditame 12/2013), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
O artigo 3 engade dous novos requisitos ás entidades para poder ser beneficiarias das compensacións económicas previstas no proxecto de decreto: deberán formar parte dos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autonónoma de Galicia e das súas entidades instrumentais. Ademais, deben atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración xeral da Comunidade Autónoma.
Inclúese neste proxecto un novo artigo 5, que recolle as contías exactas das compensacións pola participación nun órgano institucional e nos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia.
En canto ao procedemento, que non se regulaba no anterior proxecto, engádense varios artigos que establecen as normas relativas ao mesmo (solicitudes, documentación, tramitación, resolución, etc) nos artigos 7 e seguintes.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se establecen as bases reguladoras, para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais, no marco da participación institucional” consta de: Exposición de motivos, quince artigos e dúas disposicións finais.

O día 18 de xullo de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e dezaoito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.










DITAME 22/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xullo de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
O obxecto deste proxecto de decreto é o desenvolvemento do Título III da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, previsto no segundo parágrafo do apartado 2., Artigo 6º da devandita Lei. Sen embargo, no proxecto de decreto engádese, no artigo 1, unha previsión para a participación de outra ou outras organizacións sindicais que non teñan a consideración legal da maior representatividade, pero que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

Entende este Comité -como xa indicou nos seus ditames 8/2013 e 12/2013 sobre senllos proxectos de decreto de desenvolvemento regulamentario da mencionada Lei 17/2008- que a norma proxectada confunde dous conceptos que non gardan directa relación entre si, non son sinónimos, senón que teñen moi distinta natureza. Por un lado, a participación institucional e polo outro, a negociación colectiva. En termos constitucionais e en múltiples sentencias do Tribunal Constitucional, na normativa internacional (Convenios da Organización Internacional do Traballo), e nos preceptos recollidos tanto na Lei Orgánica de Liberdade Sindical como na Lei do Estatuto dos traballadores, ambos conceptos aluden a diferentes materias.

O dereito de Participación Institucional, como ben recolle a exposición de motivos da Lei 17/2008, conceptúase como parte integrante do contido adicional do dereito de liberdade sindical, atribuído soamente ás organizacións sindicais e empresariais que teñan a condición de máis representativas, ás que o marco legal lles confire unha posición xurídica singular e relevante na participación na xestión dos asuntos públicos de natureza socioeconómica, facendo así efectiva na práctica a presenza institucional dos axentes sociais máis representativos no ámbito autonómico.

A Negociación Colectiva nada ten que ver con ese contido adicional do dereito de liberdade sindical. As regras de lexitimación que establece o Estatuto dos traballadores, determinan o dereito á participación dunhas ou outras organizacións sindicais ou empresariais, segundo a súa implantación no concreto ámbito territorial e/ou sectorial da negociación en xogo. No eido específico do emprego público, existe normativa propia que adapta as regras de lexitimación ás súas específicas circunstancias, prevendo asemade a constitución de Mesas xerais ou sectoriais de Negociación, nas que están presentes as organizacións sindicais que neste ámbito acadan un determinado nivel de audiencia expresado a través dos resultados obtidos nas eleccións das persoas representantes legais do persoal. Efectivamente, o artigo 36 do Estatuto básico do empregado público establece que as Mesas Xerais de Negociación teñen como obxecto a negociación das materias relacionadas no artigo 37 do propio Estatuto, materias dentro das cales non se atopan as que se pretenden introducir por medio deste proxecto de Decreto.

Pois ben, resulta de todo punto arbitrario, discriminatorio, falto de rigor e realmente inexplicable en termos legais e de razoabilidade -agás que se tratase basicamente de beneficiar a algunha organización en flagrante prexuízo de outras-, que a simple presenza de algunha organización sectorial na Mesa Xeral de Negociación, sexa suficiente para conferir o dereito a participar en outros órganos da administración que non sexan, exclusivamente, aqueles nos que se adopten acordos que afecten ás condicións de traballo dos empregados públicos. As regras de acceso a estes órganos en representación do persoal afectado, a efectos de exercicio do dereito de negociación colectiva, en ningún caso poden atribuír un dereito adicional de participación institucional, que está regulado separadamente e reservado en exclusiva a aquelas organizacións sindicais máis representativas segundo a Lei Orgánica de Liberdade Sindical.

Certo é  que a STC 98/1985 resalta que “en canto á representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal ou de comunidade autónoma que a teñan prevista, debe entenderse que a Lei (refírese á Lei Orgánica de Liberdade Sindical) limítase a establecer a capacidade representativa dos sindicatos que teñan o carácter de máis representativos a nivel estatal ou de Comunidade Autónoma, pero non impide que as comunidades autónomas, no exercicio da súas competencias de organización, integren ademais nos seus propios órganos a outros sindicatos que non teñan esta consideración legal”. Pero tal previsión non pode interpretarse no senso de que unha comunidade autónoma goza de absoluta discrecionalidade para introducir criterios arbitrarios de integración que, como neste caso, resultarían potencialmente discriminatorios (sentenzas do Tribunal Constitucional 7/1990 e 32/1990: “Sempre que o criterio utilizado para diferenciar a uns e outros sexa obxectivo, e a distinción establecida non poda estimarse como irracional ou arbitraria por ser proporcionada e razonable á finalidade constitucionalmente lexítima perseguida”). Efectivamente, o exercicio de tal prerrogativa esixe, á luz do conxunto do ordenamento xurídico internacional, estatal e mesmo nacional, o establecemento de criterios obxectivos na determinación dun umbral de acceso por parte das diferentes organizacións sindicais. No presente caso, o criterio da simple presenza nunha Mesa de Negociación de ámbito sectorial, non pode entenderse cabalmente como obxectivo, senón como claramente carente do mínimo rigor, pois podería darse o caso de que unha organización sindical que non tivese a  consideración legal de máis representativa, contando cunha implantación globalmente moi superior a outro sindicato que a teña limitada ao ámbito do emprego público, se vexa privada do acceso a un determinado órgano institucional, que a organización con menor representatividade si acada. Cabe traer eiquí a colación que a Lei 5/2008, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, ao igual que a súa predecesora Lei 7/1988, prevé, no seu artigo 4º, a participación institucional no seu seo, daquelas organizacións sindicais e empresariais que superen o dez por cento de representatividade.

Entende este Comité, en consecuencia, que a Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010 é imposible de harmonizar co conxunto do ordenamento xurídico, e especificamente coa Lei 17/2008, en cuxo desenvolvemento se elabora este proxecto de decreto, suscitándose ademais serias reservas de inconstitucionalidade da dita Disposición adicional.

Neste sentido, este Comité chama a atención sobre o previsto no artigo 3º, apartado 3, da Lei 17/2008, segundo o cal: “Esta lei non lles será aplicable aos órganos sectoriais de participación ou negociación colectiva no ámbito da ocupación pública, que se rexerá pola súa regulación específica”.

Xa que logo, este Comité de Ditames considera que se deben retirar do proxecto de decreto todas cantas alusións se realizan á Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, así como as referencias ou textos incorporados como consecuencia desta Disposición.

Segunda.
Este Comité reitera as consideracións feitas no Ditame 27/08 sobre o anteproxecto de lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, que entende deberían terse en conta no desenvolvemento da dita lei. O citado ditame pode ser consultado na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).

Terceira.
Tanto no título deste proxecto de decreto como ao longo do seu texto, faise referencia ás organizacións sindicais e empresariais.
Este Comité propón que se especifique que a alusión se fai ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, xa que é así como se definen na Lei de participación institucional.

Cuarta.
Á vista do sistema de acreditación da participación das organizacións que establece este proxecto de decreto, este Comité considera que as solicitudes de certificados para acreditar a participación nos diferentes órganos institucionais ou instrumentos de planificación deberían substituírse por un anexo a este decreto no que se relacionen os organismos de participación institucional, actualizable ano a ano.

Quinta.
Obsérvanse varios erros ortográficos ao longo do texto do proxecto normativo, por exemplo: “subvencións e Galicia” no  parágrafo oitavo da Exposición de motivos, “organizacóns” no artigo 12 ou “realizará” no artigo 11.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo cuarto da Exposición de motivos faise referencia aos “axentes sociais e económicos”.

Proponse substituír o termo “axentes sociais” por outro máis axeitado como é o de “interlocutores sociais”.

Segunda.- Artigo 3. Beneficiarias.
Respecto do apartado 4 deste precepto, este Comité considera que debería especificarse que o devandito apartado afecta, unicamente, ás organizacións sindicais e non resulta aplicable, polo tanto, ás organizacións empresariais.

Terceira.- Artigo 3. Beneficiarias.
Segundo o disposto no apartado 5 deste artigo, as entidades beneficiarias deben atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade beneficiaria subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Cuarta.- Artigo 5. Contía das compensacións.
No ítem primeiro, letra a) deste artigo, fíxase unha contía a recibir por representante mentres que, na letra b), a contía a recibir establécese por reunión convocada e asistida.

Este Comité considera que debería especificarse que, tamén no segundo dos ditos supostos, se trata dunha cantidade a recibir por cada representante que asista a esa reunión.

Quinta.- Artigo 6. Xustificación da participación.
Respecto da xustificación da participación nos organismos e entidades, este Comité considera que debería ser a propia Administración a que recabe, de oficio, as certificacións de asistencia dos distintos organismos antes da data límite fixada do 30 de setembro.

Subsidiariamente, proponse que se instrumente un mecanismo en cada un dos organismos para que, de cada reunión, se emita automaticamente un certificado de asistencia a esta.

Por outra parte, respecto daqueles organismos que non convoquen reunións ao longo do ano, este Comité considera que a participación debería entenderse acreditada coa presentación dunha declaración responsable de cada organización na que se relacionen os seus representantes nomeados para ese organismo.

Sexta.- Artigo 6. Xustificación da participación.
Este precepto alude ás certificacións de participación emitidas a data de 30 de setembro.

Este Comité propón que se recolla expresamente que as reunións que teñan lugar entre esa data e o 31 de decembro serán tidas en conta na convocatoria de axudas do exercicio seguinte.

Sétima.- Artigo 6. Xustificación da participación.
No apartado 3 deste artigo faise unha referencia errónea ao artigo 4, xa que debería referirse ao artigo 5, polo que se propón a súa corrección.

Oitava.- Artigo 7. Solicitudes.
O apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes realizaranse unicamente por medios electrónicos.

Este Comité considera que debería substituírse o termo “unicamente” pola expresión “con carácter xeral”, de xeito que se posibilite a presentación tamén en formato papel.

Novena.- Artigo 9. Documentación.
O apartado 1 deste artigo esixe a presentación da fotocopia compulsada do DNI ou NIE da persoa representante da organización solicitante.

Este Comité propón que se admita, igualmente, copia cotexada.


Décima.- Artigo 9. Documentación.
Segundo o apartado 2 deste artigo, debe presentarse un poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da organización sindical solicitante.

Este Comité propón que se elimine o termo “sindical”, xa que se está ante unha obriga que afecta a todas as organizacións solicitantes.

Décimo primeira.- Artigo 9. Documentación.
As organizacións deben acompañar as súas solicitudes das certificacións emitidas polos órganos de participación aos que pertenzan as distintas organizacións, de acordo co cuarto apartado deste precepto.

Este Comité considera que debería engadirse a posibilidade de presentar un xustificante de ter solicitado as ditas certificacións, para o suposto en que os órganos non as remitan dentro de prazo.

Décimo segunda.- Artigo 9. Documentación.
O apartado 6 obriga ás organizacións solicitantes a presentar unha “memoria de actuación xustificativa das actividades realizadas e dos resultados obtidos”.

Este Comité propón que se elimine a parte resaltada en cursiva, por tratarse dun dato que obra xa en poder da Administración.

Décimo terceira.- Artigo 9. Documentación.
Respecto da letra b) do apartado 7 deste artigo, este Comité propón unha redacción alternativa: “b) Contía da subvención calculada sobre a base do módulo fixo e sobre a base das actividades dos módulos variables previstos no artigo 5 deste proxecto de Decreto.

Décimo cuarta.- Artigo 11. Tramitación.
Polo que respecta á tramitación das solicitudes, este Comité considera que se debería articular un sistema para poder solicitar legalmente a contía correspondente a comezos do exercicio e que permita percibir pagamentos anticipados e aboamentos a conta da liquidación final.

Décimo quinta.- Artigo 12. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar en dous meses a contar desde o peche do prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera que ese prazo é excesivo, polo que propón que se reduza a un mes.

Décimo sexta.- Artigo 14. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto nos apartados 1 e 2 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola persoa solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo sétima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décimo oitava.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.