ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de xullo de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

Segundo a exposición de motivos, considérase urxente e necesario artellar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para este colectivo, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, á ocupación e á adquisición de práctica laboral nun contorno real.

Entre estas medidas figuran a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro.

Para incentivar a realización destas prácticas, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario subvencionar as bolsas que se paguen ás persoas novas que realicen as prácticas non laborais en empresas.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2015 (publicado no DOG o día 27 de xaneiro de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 19 de decembro de 2014 (Ditame 38/2014), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Tanto na Exposición de motivos como no artigo 4, establécense como persoas destinatarias das prácticas as persoas novas que teñen máis de 18 anos e ata os 25 anos inclusive. Suprímese, así, a posibilidade de seren beneficiarias as persoas menores de 30 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que figuraba na orde do exercicio anterior.
En canto ao financiamento, obsérvase unha minoración de 317.200 euros na contía total asignada a estas bolsas respecto do exercicio anterior (exposición de motivos e disposición adicional primeira).

Na orde anterior establecíase que a convocatoria destas subvencións realizaríase mediante réxime de concorrencia competitiva, sistema que se elimina no novo proxecto de orde (artigo 8) e pasa a terse en conta a orde de entrada no rexistro para a resolución dos expedientes.

En relación co anterior, suprímense os apartados que recollía o artigo 8 relativos á comisión de valoración das solicitudes, así como o baremo de puntuación.

O artigo 15 presenta unha modificación no seu apartado g), para o suposto de incumprimento da obriga de manter a persoa nova durante o tempo previsto no acordo de prácticas, ao variar as porcentaxes de reintegro das axudas segundo o tipo de incumprimento.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas finais.


O día 29 de xullo de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I)  e unha consideración xeral e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).



DITAME 23/2016


En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xullo de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que na norma debería preverse un tratamento específico para a situación prevista no artigo 5º.1 do Real Decreto 1543/2011 de darse o caso, polo demais desexable, de que a persoa nova durante o desenvolvemento das prácticas non laborais pase a ser contratada pola empresa ou ben se incorpore como persoa socia á cooperativa ou sociedade laboral.

Segunda.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións no uso da lingua galega, por exemplo, no primeiro parágrafo do artigo 4.1 (“non deberán ter tido ..., non se tendo en conta ...”). Por outro lado, seguen a utilizarse no texto do proxecto normativo o masculino xenérico (por exemplo, “destinatarios” no título do artigo 4, “orientadores” no artigo 4.2) e as barras (por exemplo, “incurso/a” no artigo 6.6), cando as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Polo exposto, este Comité propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización do galego, así como da linguaxe en materia de xénero.

Terceira.
Este proxecto normativo exclúe as persoas discapacitadas de entre 25 e 30 anos, que deberían ser persoas destinatarias por estar incluídas dentro do Sistema de Garantía Xuvenil en España.

Este Comité propón a inclusión das citadas persoas, especialmente ao ter en conta que se trata dun colectivo de moi difícil inserción.

Cuarta.
Este Comité considera que debería concretarse no proxecto normativo obxecto de ditame o mecanismo de preselección  das persoas destinatarias das prácticas non laborais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
Os parágrafos 3º, 4º e 5º da exposición de motivos destacan as especiais características do emprego das mulleres respecto ao dos homes e a súa dificultade de acceso ao mercado de traballo e que a eliminación da desigualdade é un obxectivo que debe integrarse en todas as políticas e accións financiadas pola Unión Europea.

Este Comité considera que o contido destes tres parágrafos non ten vinculación directa co contido material da norma que se ditamina.

Segunda.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo o apartado 1 deste artigo, as empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos Servizos Públicos de Emprego, poderán subscribir acordos con persoas novas.

Este Comité propón que se defina o que se entende por “grupo empresarial” aos efectos deste proxecto normativo.

Terceira.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo o apartado 1 deste precepto, as persoas novas coas que se subscriben os acordos deben ser persoas con ningunha ou moi escasa experiencia laboral.

Este Comité considera necesario concretar a expresión “moi escasa experiencia laboral”, por tratarse dun concepto totalmente indeterminado.

Cuarta.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
O apartado 6 deste artigo regula unha bolsa de apoio e calcula a súa contía en relación ao IPREM en función de se as prácticas teñen unha duración de catro horas diarias ou se duran máis desas catro horas.

Este Comité considera que a bolsa de apoio debería calcularse en relación ás horas de práctica efectivamente realizadas.

Quinta Artigo 4. Destinatarios (sic) das prácticas non laborais e contido das mesmas.
No apartado 1 deste precepto establécese que as prácticas irán dirixidas a “persoas novas que teñan máis de 18 anos e ata os 25 inclusive”  e elimínase a  referencia que figuraba na anterior convocatoria de estar inscritas no Servizo Público de Emprego.

Este Comité propón que a dita expresión sexa substituída por “persoas novas que non traballen”  ou, no caso de manterse, que se inclúa a expresión de “inscritas na oficina de emprego”.

Sexta.- Artigo 5. Acordos para a realización das prácticas.
Este artigo remata fixando a obriga para a empresa de informar á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas novas.
Este Comité considera que se debería incluír unha previsión para o suposto de que non exista representación legal das persoas traballadoras e suxire que, en tal caso, sexa informada a totalidade do cadro de persoal.

Sétima.- Artigo 7. Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 deste mesmo artigo e recoller, en primeiro lugar, a denegación expresa do consentimento e, en segundo lugar, a acreditación de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ninguna débeda coa Administración pública de Galicia.

Oitava.- Artigo 12. Pagamento e xustificación das subvencións.
Segundo o apartado 3 deste artigo, terceiro ítem, a xustificación do pagamento da bolsa deberá acreditarse co correspondente xustificante bancario da transferencia (orixinal ou copia compulsada).

Este Comité propón que se permita tamén a xustificación con copia cotexada.

Novena.- Artigo 12. Pagamento e xustificación das subvencións.
Segundo o último parágrafo do apartado 3 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a empresa beneficiaria non está ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á empresa beneficiaria subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décima.- Artigo 12. Pagamento e xustificación das subvencións.
O último parágrafo do apartado 3 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Décimo primeira.- Disposición adicional segunda.
Nesta disposición indícase que “...a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais:

Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais botan en falta a regulación de maiores controis que os establecidos no artigo 4.2 e o establecemento de cautelas e seguimento real das prácticas non laborais, en evitación de que esta vía se poida utilizar en fraude de lei para contratar man de obra practicamente gratuíta.

Segunda.
Nesta convocatoria exclúense as entidades sen ánimo de lucro. As organizacións sindicais non comparten este criterio e consideran que se debería flexibilizar para permitir a participación de ditas entidades ao ter en conta que estas poden aportar posibilidades de prácticas para aquelas persoas orientadas ao ámbito dos servizos sociais con perfís profesionais que poderían quedar excluídos se se limita o programa ás empresas privadas.





ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG valora positivamente a continuidade dunha orde que financie a realización de prácticas profesionais para persoas novas que carecen de experiencia, en tanto en canto pode contribuír a mellorar a súa empregabilidade.

O desenvolvemento do borrador non fai senón reproducir as condicións establecidas no Real decreto 1543/2011 polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas (BOE núm. 278, do 18 de novembro de 2011) para a súa financianción.

É por iso  que as consideracións que a continuación se detallan están na liña de concretar e ampliar aspectos non contemplados no citado Real decreto, co obxecto de multiplicar o seu impacto nas persoas novas e nas empresas.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
O apartado 4 deste artigo fixa a duración das prácticas non laborais entre seis e nove meses.

A CEG considera que debería ampliarse o período subvencionable de xeito que a duración das prácticas sexa de tres a nove meses, tal e como establece o Real decreto 1543/2011.

Segunda.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo este precepto, as prácticas desenvolveranse baixo a dirección e supervisión dunha persoa que as titorice.

A CEG propón que se incorporen algunhas medidas de apoio ás persoas que van a realizar a labor de titoría, atendendo ao seu papel e responsabilidade para o correcto desempeño da súa labor.

Terceira.- Artigo 4. Destinatarios (sic) das prácticas non laborais e contido das mesmas.
O apartado 2 deste precepto regula o procedemento de preselección das persoas novas para a realización das prácticas.

A CEG considera que é necesario que se aclare o proceso de preselección (prazos, etc) que debe realizar o Servizo Público de Emprego de Galicia, en tanto en canto as empresas deben someterse a el como fase previa e obrigatoria antes do inicio das prácticas.

Así mesmo, por ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o organismo encargado das accións de control e seguimento, debe articularse no convenio a devandita circunstancia e valorarse que sexa este o que asine ao igual que o resto das partes (alumnado e empresa) a efectos doutras posibles actuacións inspectoras.

Cuarta.- Artigo 5. Acordos para a realización das prácticas.
A CEG propón que a orde se acompañe dun modelo de acordo de prácticas que recolla polo menos os aspectos mencionados neste artigo 5.