ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se regulan as compensacións económicas ás persoas que exerzan a arbitraxe nos procedementos da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos.

I. ANTECEDENTES
O día 8 de setembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se regulan as compensacións económicas ás persoas que exerzan a arbitraxe nos procedementos da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, creada mediante Decreto 101/2015, do 18 de xuño (DOG do 22 de xullo de 2015), é un órgano de carácter colexiado, decisorio e de composición tripartita, integrado por representantes da Administración pública autonómica e das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia que ten, entre as súas funcións, a de designar a unha persoa que arbitrará sobre como se vai a resolver a discrepancia xurdida entre a empresa e a representación das persoas traballadoras, en canto á non aplicación das condicións de traballo pactadas nos convenios colectivos, se a resolución de desacordo se leva a cabo polo procedemento de designación arbitral regulado no citado Decreto 101/2015.

O obxecto desta orde é regular a compensación económica ás persoas que exercen a arbitraxe e que foron previamente designadas pola devandita Comisión.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido poden destacarse os seguintes aspectos:

O artigo 3 regula a contía que percibirán as persoas que leven a cabo a arbitraxe e que será de 500 euros por laudo emitido ou de 275 euros, cando o número de persoas traballadoras afectadas polo laudo sexa inferior a 50 e a arbitraxe só se deba pronunciar sobre unha das materias previstas no artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores.

O prazo para presentar as solicitudes e a documentación será dun mes, contado desde o día seguinte ao de comunicación do laudo á Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos (artigo 5).

Pola súa banda, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión da compensación económica será de tres meses, a contar desde a data na que se presentou a solicitude (artigo 8).

Do establecido no apartado 3 do artigo 6, que fai referencia á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, parece deducirse que as compensacións económicas teñen o carácter de subvencións, aínda que se bota en falta no proxecto de orde a regulación das compensacións como subvencións de concesión directa.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan as compensacións económicas ás persoas que exerzan a arbitraxe nos procedementos da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos” consta de: Exposición de motivos, oito artigos, unha disposición adicional, unha transitoria e unha final.



O día 15 de setembro de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.





DITAME 24/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se regulan as compensacións económicas ás persoas que exerzan a arbitraxe nos procedementos da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de setembro de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:







CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que o procedemento establecido neste proxecto normativo debería simplificarse ao máximo en consideración a que se trata de compensar unha actividade encargada directamente por un organismo da Administración a unha persoa física.


Segunda.
O apartado 3 do artigo 6 do proxecto de orde sometido a ditame fai referencia ao establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, do que parece deducirse que as compensacións económicas que nel se regulan teñen o carácter de subvencións.

Este Comité considera que debería regularse no proxecto normativo que as referidas compensacións económicas teñen o carácter de subvencións de concesión directa, conforme ao establecido no artigo 26 da citada Lei 9/2007.

Terceira.
“A consellería competente en materia de traballo atenderá os gastos de funcionamento da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, incluídas as compensacións ás persoas que actúen como árbitros/as, cuxa regulación se desenvolverá mediante orde, con cargo ao seu orzamento ordinario, sen que, en ningún caso, supoña incremento do gasto público”. Isto é o que establece a disposición adicional primeira do Decreto 101/2015, do 18 de xuño, polo que se crea a citada Comisión e se regula o seu funcionamento.

Non obstante, o proxecto normativo sometido a ditame nada di sobre as compensacións ás organizacións que integran a Comisión. Este Comité considera que sería necesario regular tamén estas compensacións, neste ou nun proxecto normativo posterior e ter en conta, ademáis, o disposto no apartado 3 do artigo 13 do referido Decreto, que establece que a Comisión pode resolver a solicitude de inaplicación do convenio colectivo no seu seo, de modo directo.

Cuarta.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións lingüísticas, por exemplo, no segundo apartado do artigo 3 (“non artigo 82.3”, en lugar de “no artigo 82.3”) e erros na redacción, por exemplo, repetir dúas veces o parágrafo segundo do apartado 1 do artigo 4 e numerar dúas veces o artigo 8).

Por outro lado, seguen a utilizarse no texto do proxecto normativo o masculino xenérico (por exemplo, “o solicitante”, “interesado”, ambos no artigo 5.3) e as barras (por exemplo, “árbitros/as” no artigo 3.1), cando as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Polo exposto, este Comité propón unha revisión do texto cara a unha adecuada redacción e unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3. Contía.
O apartado 1 deste artigo establece unha compensación de 500 euros por cada laudo emitido.

Este Comité considera que a contía debería ser de igual importe ao establecido para as arbitraxes ao abeiro do AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo), que é de 601,00€.

Segunda.- Artigo 3. Contía.
O apartado 1 deste artigo establece a compensación por cada laudo emitido.

Este Comité considera que se debería ter en conta a posibilidade de que as partes en conflito cheguen a un acordo ou desistan da arbitraxe con anterioridade á emisión do laudo. Para estes casos, proponse que se estableza unha contía equivalente ao 60% do importe total do laudo, tal e como se regula na normativa estatal.

Terceira.- Artigo 3. Contía.
Este Comité considera que se debería establecer unha contía superior  para aqueles supostos nos que a Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos considere que o laudo a ditar ten unha especial complexidade técnica.

Cuarta.- Artigo 3. Contía.
Este Comité considera que se debería prever a posibilidade de compensar algún gasto extraordinario en que incorra a persoa a cargo da arbitraxe, que esté plenamente xustificado, a xuizo da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos.

Quinta.- Artigo 3. Contía.
Este Comité considera que se debería regular no proxecto normativo un procedemento de actualización das contías das compensacións económicas establecidas.

Sexta.- Artigo 5. Documentación e prazo.
Este Comité considera que se debería regular no proxecto normativo a obriga da persoa que percibirá a compensación económica de presentar unha declaración responsable de non estar incursa en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétima.- Artigo 6. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar os documentos comprobantes dos datos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 deste mesmo artigo e recoller, en primeiro lugar, a denegación expresa do consentimento e, en segundo lugar, a acreditación de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública de Galicia.

Oitava.- Artigo 8. Resolución.
En relación co disposto no apartado 4 deste artigo, este Comité considera que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión da compensación económica debe ser un mes.

Novena.- Disposición derradeira única.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha disposición derradeira que debería denominarse “Disposición final” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.