ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/16

Ditame sobre o anteproxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o anteproxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixido a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a Exposición de Motivos, estes programas concíbense como proxectos mixtos de formación e emprego que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Estas persoas deberán estar identificadas na base de datos do Sistema de Garantía Xuvenil en Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao programa.

Nesta convocatoria de 2017, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase de xeito que se teña en conta o número de persoas inscritas por provincia no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2016, publicada no DOG o día 30 de decembro de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 18 de decembro de 2015 (ditame 48/2015), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Poden ser beneficiarias das axudas as persoas maiores de 18 anos e menores de 30 sen que se requira unha discapacidade igual ou superior ao 33% para as persoas entre 25 e 30 anos, como acontecía na orde para o exercicio anterior (artigo 2).

Elimínase a posibilidade de que os consorcios locais previstos no artigo 149 da Lei de Administración Local de Galicia sexan entidades promotoras beneficiarias da subvención (artigo 3).

O artigo 26.2 recolle algúns dos custos subvencionables e engade, no actual proxecto, 4 novos apartados.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixido a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, 37 artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 20 de decembro de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, tres consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais.






DITAME 25/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixido a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de decembro de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Obsérvase, ao longo do proxecto normativo, o emprego da palabra “obradoiro” ou “obradoiros de emprego” (por exemplo, nos artigos 12, 18 ou 26.3).

Este Comité considera que se deberían corrixir esas referencias e substituílas polas expresións proxecto ou programa, segundo corresponda.

Segunda.
As axudas e subvencións reguladas no proxecto normativo sometido a ditame están destinadas, exclusivamente, ás entidades locais e están dirixidas ao fomento do emprego a través de obradoiros de emprego.

Este Comité considera que ambas circunstancias deberían facerse constar no título do proxecto de orde.

Terceira.
Neste proxecto de orde non se contempla a esixencia, por parte das entidades participantes, de asumir un compromiso de inserción laboral de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos, esixencia que si figuraba na orde reguladora das axudas para os obradoiros de emprego do exercicio 2013.

Este Comité considera que debería engadirse esa esixencia, máxime tendo en conta que no resto das ordes de accións formativas é un dos criterios de valoración. Ademais, a exposición de motivos deste proxecto normativo establece que “Estes programas (...) están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas... ”, polo que non se entende a non esixencia do compromiso de inserción laboral.

Cuarta.
Este Comité considera que deberían recuperarse no proxecto normativo, como entidades promotoras e beneficiarias dos programas, aos organismos autónomos, entes e sociedades públicas e de dereito público da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, universidades e fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro, como figuraba no artigo 6 da orde do 18 de marzo de 2010 (DOG núm. 58, do 26/03/2010).

Quinta.
Co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas ao Consello Autonómico de Emprego, aos Consellos Provinciais de Emprego e aos Comités Territoriais de Emprego, para asegurar o exercicio das funcións que o Decreto 192/2011, do 29 de setembro lles encomenda.

Sexta.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo emprégase o termo “alumnado-traballador” (por exemplo, artigos 5.1 e 30) para referirse ás persoas beneficiarias participantes no programa dos obradoiros de emprego.

Este Comité propón a súa substitución por “persoas participantes”.

Sétima.
Este Comité observa algúns erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no emprego do masculino xenérico (“alumno” no artigo 18.1.b ou “mozos seleccionados” no artigo 13) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

Polo exposto, proponse unha revisión do texto do proxecto normativo.

Oitava.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir a referencia ás letras j e k, impropias do alfabeto galego, nos artigos 26 e 34, que deberían substituírse polas que correspondan. Ademais, no artigo 34 prescíndese da letra ñ, que si forma parte do alfabeto galego.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 2.- Persoas beneficiarias participantes.
No apartado 1 deste precepto establécese que para poder ser persoas beneficiarias participantes, non se require a súa inscrición como demandantes de emprego.

Este Comité considera que esa inscrición debería ser obrigatoria, entre outras razóns, porque o artigo 3 esixe ás entidades promotoras unha media de paro rexistrado superior a 500 persoas e ademais, as axudas que se regulan concédense a persoas desempregadas.

Segunda. Artigo 3.- Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
O apartado 2 deste precepto esixe unha media de paro superior a 500 persoas e exceptúa deste requisito os supostos en que a solicitude ou actuacións previstas no proxecto engloben cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia.

Este Comité non comparte a esixencia de que os concellos pertenzan á mesma provincia, dadas as características xeográficas dos concellos galegos, de xeito que propón a eliminación desta esixencia.

Terceira. Artigo 5.- Formación en alternancia nos proxectos.
No apartado 1 deste artigo establécese que: “A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións”.

Este Comité propón que se elimine o inciso “na medida do posible”.

Cuarta. Artigo 10.- Procedemento de selección dos alumnos e alumnas.
As organizacións sindicais e empresarial con presenza neste Consello propoñen que, unha vez determinados os procedementos e instrumentos, así como os baremos específicos de selección, sexan notificados ao Consello Autonómico de Emprego.

Por outro lado, consideran que debería preverse a participación da Oficina correspondente do Servizo Público de Emprego na tramitación da oferta.
Finalmente, este Comité entende que habería que regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado que cause baixa.

Quinta. Artigo 11.- Procedemento de selección do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio.
O apartado 1 deste artigo establece que a selección do persoal de dirección, docente e de apoio participante no proxecto será realizada por un grupo de traballo mixto, constituído por persoal da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora.
Este Comité reitera o manifestado en ditames anteriores e considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto coas persoas representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son quen teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretende emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente ao programa de emprego formará parte do grupo mixto.

Sexta. Artigo 11.- Procedemento de selección do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio.
Este artigo establece que a selección do persoal de dirección, docente e de apoio levarase a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Este Comité considera que na selección do persoal de dirección e docente deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta á Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, sobre todo por estarse a seleccionar o persoal de dirección e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade da decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida das persoas candidatas.

Así mesmo, as organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que, de utilizarse o sistema de oferta, non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.

Sétima. Artigo 13.- Incidencias e reclamacións.
Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademais, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que deberían sinalarse expresamente, e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar, a xurisdición ante a cal debe comparecer a persoa que reclame e a necesidade ou non de esgotar as vías previas.

Oitava. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.
O apartado 1.f) deste precepto outorga ata 5 puntos na valoración do proxecto atendendo á calidade deste.

Este Comité considera que deberían concederse ata 7 puntos a este criterio, como figuraba na Orde das axudas aos obradoiros de emprego do exercicio 2013.

Novena. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.
A participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto valórase con ata 3 puntos no apartado 1.i deste precepto.

Este Comité considera que  debería incrementarse sensiblemente a puntuación deste criterio.
Décima. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.
No proxecto de orde reguladora das axudas aos obradoiros de emprego do exercicio 2013 figuraba no apartado 1, letra m), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto citado anteriormente, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira. Artigo 22.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décimo segunda. Artigo 26.- Gastos a subvencionar.
Segundo o apartado 1.b) deste precepto, en ningún caso poderán financiarse con cargo á subvención concedida as indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras.
Este Comité considera que as referidas indemnizacións deberían incluirse como gasto a subvencionar xa que as entidades están obrigadas a cumprir o convenio colectivo aplicable.

Décimo terceira. Artigo 26.- Gastos a subvencionar.
O apartado 1.b) exclúe expresamente, como gasto subvencionable, o importe da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutado durante a duración do proxecto formativo.

Tamén neste caso o Comité considera que debería eliminarse esa exclusión, xa que ese pagamento forma parte da retribución do persoal docente.

Décimo cuarta. Artigo 27.- Cálculo da subvención para custos de formación profesional para o emprego.
No apartado 1.a) deste artigo establécese que os custos salariais do alumnado calcúlanse polo SMI/mes, vixente no momento de asinar o contrato de traballo, incluída unha paga extraordinaria.

Este Comité manifesta que hai que ter en conta que o SMI pode resultar modificado posteriormente á sinatura do contrato, polo que propón que se suprima esa referencia á vixencia no “momento de asinar o contrato de traballo” e ter en conta soamente o SMI vixente.

Por outra banda, este Comité considera que debería manterse a porcentaxe do 150% do SMI contemplada na orde de obradoiros de emprego do 2010, dado que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios para adaptalos aos convenios colectivos de aplicación.






ANEXO


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. As organización sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

Segunda. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime décima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde  non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debería manterse a redacción deste precepto contida na orde reguladora dos obradoiros de emprego para o ano 2013.

Terceira. Artigo 24.- Financiamento da subvención.
Segundo o apartado 3 deste precepto: “a distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será, con carácter xeral, proporcional ao número de persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en función das solicitudes presentadas e aprobadas”.

As organizacións sindicais que integran o Consello propoñen que esa distribución se faga cuns criterios semellantes aos empregados na orde reguladora dos obradoiros de emprego do exercicio 2014, isto é: “a distribución será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2009-2013 e inversamente proporcional á evolución da poboación no mesmo período”