ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de decembro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, para a Xunta de Galicia é un obxectivo prioritario proporcionar aos demandantes de emprego da súa comunidade autónoma, de xeito especial aos colectivos con maiores dificultades de inserción, programas que contribúan a facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.

Estes obradoiros de emprego concíbense como programas mixtos de formación e emprego que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2016, publicada no DOG o día 30 de decembro de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 10 de decembro de 2015 (ditame 43/2015), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Elimínase a posibilidade de que os consorcios locais previstos no artigo 149 da Lei de Administración Local de Galicia sexan entidades promotoras beneficiarias da subvención (artigo 3).
Segundo o artigo 4, os obradoiros de emprego terán unha duración de nove meses o que supón un incremento de 3 meses respecto do previsto na orde do exercicio anterior.

No artigo 28 relaciónanse os gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de seren subvencionados. No novo proxecto engádense varios apartados novos.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, 38 artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.



O día 20 de decembro de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, tres consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais.

















DITAME 26/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de decembro de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.
Co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas ao Consello Autonómico de Emprego, aos Consellos Provinciais de Emprego e aos Comités Territoriais de Emprego, para asegurar o exercicio das funcións que o Decreto 192/2011, do 29 de setembro lles encomenda.

Segunda.
Este Comité insiste en que debería recuperarse neste proxecto normativo a posibilidade de que os organismos autónomos, os entes e as sociedades públicas e de dereito público da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coas universidades e as fundacións e as asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro, poidan ser entidades promotoras e beneficiarias dos programas, tal e como figuraban no artigo 6 da Orde do 18 de marzo de 2010 (DOG núm. 58, do 26/03/2010).

Terceira.
Neste proxecto de orde segue sen incorporarse a esixencia recollida en exercicios anteriores ao 2014, por parte das entidades promotoras, de asumir un compromiso de inserción laboral de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

Este Comité considera que debería recuperarse esa esixencia que no resto das ordes de accións formativas é un dos criterios de valoración. Ademais, segundo consta no noveno parágrafo da exposición de motivos deste proxecto normativo “Estes obradoiros de emprego (...) están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas ..... ”, polo que non se entende a supresión do compromiso de inserción laboral.

Cuarta.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo emprégase o termo “alumnado- traballador participante” para referirse ás persoas beneficiarias participantes no programa dos obradoiros de emprego.

Este Comité propón a súa substitución polo termo de “persoas participantes”.

Quinta.
Este Comité propón unha revisión do texto deste proxecto normativo, xa que existen nel numerosos erros lingüísticos tales como “nivel” en lugar de “nível” (apartado 3 do artigo 2), un “y” que sobra (apartado 3 do artigo 13), “nor” en lugar de “nos” (apartado 1 do artigo 15), “estiver” e “xurdir” en lugar de “estivera” e “xurdira” (letra m. do apartado 1 do artigo 22), a letra “a” en lugar da “l” (na enumeración do artigo 22), entre outros.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 3.- Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
O apartado 2 deste precepto esixe unha media de paro superior a 500 persoas e exceptúa deste requisito os supostos en que a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous procedentes de fusión.

Este Comité non comparte a esixencia de que os concellos pertenzan á mesma provincia, dadas as características xeográficas dos concellos galegos, polo que proponse a eliminación desta esixencia.

Segunda. Artigo 6.- Formación complementaria.
O artigo 6 da orde de obradoiros de emprego para o exercicio 2013 establecía que o alumnado que non posuíra unha formación mínima debería cursar o módulo de competencias clave, posibilidade que é suprimida neste proxecto normativo. Porén, o artigo 11, apartado 2, letra d) deste, inclúe, entre os requisitos mínimos das persoas candidatas preseleccionadas, o de posuír esa formación mínima, o que supón que o alumnado que carece dela non pode cursar os diferentes módulos formativos da súa especialidade.

Este Comité considera que debería xustificarse a eliminación no proxecto normativo da posibilidade de acceso a cursar o módulo de competencias clave.


Terceira. Artigo 8.- Educación básica.
Este Comité considera que sería conveniente especificar o tipo de programas a desenvolver para proporcionar esa formación básica e profesional á que se alude neste precepto.

Cuarta. Artigo 10.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.
O apartado 1 deste artigo establece que a selección do alumnado-traballador así como a do persoal directivo, docente e administrativo de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora.

Este Comité reitera o manifestado en ditames anteriores e considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto coas persoas representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente ao obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Quinta. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador (sic).
As organizacións sindicais e empresarial con presenza neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Consello Autonómico de Emprego.

Sexta.- Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador (sic).
Este Comité entende que habería que regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado que cause baixa.

Sétima. Artigo 11.- Procedemento de selección do alumnado-traballador (sic).
No apartado 3 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nestes proxectos o colectivo de persoas con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e relaciónanse a continuación unha serie de exemplos.

Este Comité considera que debería constar soamente a prioridade do referido colectivo e suprimir todos os exemplos.

Para o caso de manterse os exemplos, proponse a modificación da expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa que dela se deriva.

Oitava. Artigo 12.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio.
Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Este Comité considera que, na selección do persoal directivo e docente, deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta á Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime tendo en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade da decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida das persoas candidatas.

Así mesmo, as organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que se utilice o sistema de oferta e non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.

Novena. Artigo 14.- Incidencias e reclamacións.
Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademais, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que deberían sinalarse expresamente e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar, a xurisdición ante a cal debe comparecer a persoa que reclame e a necesidade ou non de esgotar vías previas.

Décima. Artigo 22.- Criterios de valoración dos proxectos.
No proxecto de orde do exercicio de 2013 figuraba no apartado 1, letra m) do artigo 20, entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto de 2013 para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira. Artigo 22.- Criterios de valoración dos proxectos.
O artigo 22.1 recolle os criterios de valoración dos proxectos, entre os que se atopan a calidade do proxecto (apartado h) e a calidade do plan formativo (apartado i).

Este Comité considera que deberían establecerse parámetros indicativos para determinar a calidade do proxecto e do plan formativo, xa que se trata de conceptos indeterminados que poden provocar inseguridade xurídica, ao quedar a súa apreciación baixo o criterio discrecional da Comisión de valoración.

Décimo segunda. Artigo 22.- Criterios de valoración dos proxectos.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir a referencia ás letras j e k, impropias do alfabeto galego, nos artigos 22, 28 e 36, letras que deben substituírse polas que correspondan.

Décimo terceira. Artigo 23.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décimo cuarta. Artigo 30.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador (sic).
Desde o exercicio de 2011 obsérvase un descenso en 50 puntos porcentuais do SMI a subvencionar nos contratos para a formación e aprendizaxe, que pasa a ser do 100%.

Hai que ter en conta que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios para adaptalos aos convenios colectivos de aplicación, polo que este Comité considera que debería manterse a porcentaxe contemplada na Orde do ano 2010, co fin de favorecer a súa continuidade.







ANEXO


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos, así como na Disposición Adicional cuarta do proxecto normativo, vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. As organización sindicais que integran o Consello consideran que deberían suprimirse esas referencias pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

Segunda. Artigo 13.- Contratación.
Segundo este artigo, as persoas seleccionadas como alumno-traballador serán contratadas a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe.

Ante a situación de desprotección na que, en xeral, se atopan as persoas desempregadas, as organización sindicais que integran o Consello propoñen que a Xunta de Galicia inste do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que se modifique a normativa do contrato para a formación e aprendizaxe, de xeito que se inclúa a continxencia de desemprego.

Terceira. Artigo 22.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime décima, relativa a este mesmo artigo 22, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.