ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE MODIFICA O DECRETO 148/2002, DO 18 DE ABRIL, POLO QUE SE ESTABLECE NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA O PROGRAMA “LABORA: XUVENTUDE CON EXPERIENCIA”

En relación coa solicitude de dictame sobre o Proxecto de Decreto polo que se modifica o decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o programa “Labora: Xuventude con experiencia”, da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de decembro de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de xaneiro de 2003, acordou por UNANIMIDADE pronunciarse en canto as seguintes  consideracións:


O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DO DECRETO MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DO DECRETO MANIFESTADAS POLA CEG.


Primeira.- Exposición de Motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos figura que foi consultado o Comité Autonómico de Emprego. Debe tratarse dun erro porque, en ningún momento, este proxecto de decreto foi informado polo citado órgano consultivo.

Segunda.- Artigo 7º.3. Programas de cooperación.

Establece este precepto que “os beneficiarios percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica se o centro de traballo estivese ubicado nun concello distinto ó do seu domicilio, agás que estes foran limítrofes ou disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras.”

A CEG considera que pode suceder que entre concellos limítrofes a distancia sexa de máis de 25 qms., polo que debería suprimirse esa excepción, deixando esta como segue:
“...agás que a distancia entre a cabeceira do concello de traballo e a do domicilio sexa inferior ós 25 quilómetros.”