ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e se convocan para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se convocan para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

As distintas subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2016, publicada no DOG o día 27 de xullo de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 25 de maio de 2016 (ditame 12/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Elimínanse dous programas que ían especificamente dirixidos ás persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (artigo 1).

Nos programas I e II prodúcese un incremento nas contías dos incentivos (artigos 24 e 31).

En canto á avaliación das solicitudes, obsérvanse que se eliminan e engaden criterios e se modifican as puntuacións outorgadas a algúns deles, especialmente respecto dos programas I e II (artigos 26 e 33) e, en menor medida, respecto dos programas III e IV (artigos 40 e 47).

Polo que respecta aos créditos asignados para o financiamento destas subvencións, o orzamento total reduciuse en 317.000 euros (artigo 54).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e o Programa Operativo de Emprego Xuvenil e se convocan para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, oito capítulos, cincuenta e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.


O día 28 de decembro de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas pola CEG (Anexo II).




DITAME 27/2016





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social e se convocan para o ano 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de decembro de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Segunda.- Artigo 5. Definicións.
Este precepto contén un apartado 1 que é único, polo que debería eliminarse a referencia numérica.

Terceira.- Artigo 8. Solicitudes.
Obsérvase un erro na numeración dos apartados deste artigo, xa que figuran dous apartados co número 4, polo que se propón a súa corrección.

Cuarta.- Artigo 9. Emenda das solicitudes.
O terceiro parágrafo deste precepto establece que: “nos programas I e II deberá analizarse a  viabilidade do proxecto empresarial ou plan de empresa con base na documentación presentada e, no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor proporá a desestimación da solicitude por esta causa”.

Este Comité entende que debería preverse unha audiencia da entidade solicitante con anterioridade á desestimación.

Quinta.- Artigo 10. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a presunción de que autoriza expresamente ao órgano xestor para que consulte eses datos.

Séxta.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 9 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.

Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente cando se trata de fomentar o emprendemento en economía social.

Sétima.- Artigo 17. Obrigas das beneficiarias.
No apartado 1.a) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Oitava.- Artigo 26. Criterios de avaliación das solicitudes.
Neste artigo e tamén nos artigos 33, 40 e 47 deste proxecto normativo establécense os criterios de avaliación das solicitudes, entres os que non figura o de empregar a lingua galega na elaboración e na realización do proxecto.

Este Comité Delegado entende que, en cumprimento da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece que: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”, debería valorarse o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos a subvencionar, así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).

Décima.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 28. Obrigas das beneficiarias.

Os apartados 1 e 2 deste artigo, así como o apartado 1 dos artigos 35, 42 e 49, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos.








ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 5. Definicións
Respecto ao concepto persoas desempregadas recollido neste precepto, a CEG considera que deberían incluírse aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego e que, polo tanto, necesitan mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego.

Pola mesma razón, a CEG propón que as devanditas persoas se inclúan entre os colectivos a subvencionar no artigo 6 deste proxecto.

Segunda.- Artigo 26.
A CEG considera que debería incluírse, entre os criterios de avaliación das solicitudes, a creación de cooperativas en zonas que sufriran unha forte reconversión industrial.

O mesmo se observa respecto dos artigos 33 e 40.