ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades  asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, de economía social de Galicia; é dicir, como o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.
Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, a economía social perfílase cada día máis como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento, creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento regúlase mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
O conxunto de axudas establecidas no proxecto normativo que se somete a ditame forma parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e concrétanse en tres programas con entidades destinatarias diferenciadas.
Os tres programas comparten, en maior ou menor medida, o marco de actuacións que representa a Rede Eusumo, que permite a coordinación de actuacións e un maior e máis eficaz aproveitamento dos recursos dispoñibles para o labor de fomento.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016, publicado no DOG o día 24 de febreiro de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 21 de decembro de 2015 (Ditame 50/2015), obsérvase que se tivo en conta parcialmente unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Nos artigos 25, 33 e 42 recóllense as actividades e gastos subvencionables para cada un dos tres programas que regula este proxecto. Como novidade, engádese unha relación dos custos que terán a consideración de directos a efectos destas subvencións.

Respecto dos programas I e II, inclúese como novidade a previsión dun incentivo adicional (artigos 27 e 35) . Este incentivo xa existía respecto do programa III, aínda que se incrementa en 4.000 euros o seu importe máximo por entidade (artigo 44).

En canto aos criterios de avaliación, obsérvanse modificacións que afectan aos tres programas (artigos 29, 38 e 46) ao suprimir algúns criterios ou engadir outros, así como ao variar a puntuación outorgada a estes. Como nota común aos tres programas, incorpórase un novo apartado que outorga 20 puntos por desenvolver actividades programadas e realizadas conxuntamente con outras entidades adheridas á Rede Eusumo.

Finalmente, cómpre destacar que o orzamento total para financiar estas subvencións viuse reducido en 190.870 euros respecto ao exercicio anterior (artigo 52).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades  asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, cincuenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 28 de decembro de 2016 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha xeral manifestada por UGT-Galicia, S.N. de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo II).



DITAME 28/2016



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se convocan para o ano 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de decembro de 2016, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Este Comité valora positivamente que se manteña a redacción do artigo 14, que establece nos programas I e II a posibilidade de pagamento anticipado de ata un 80% do importe da subvención e a exoneración da obriga de constituír garantía cando se trata de entidades non lucrativas, o que supón unha aplicación estricta do Regulamento de Subvencións de Galicia, tal como solicita este Comité nos seus ditames.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 10. Criterios obxectivos de concesión.
Na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) figuraba entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das actividades” e se puntúaba con ata un máximo de 15 puntos.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto normativo para 2011, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Segunda.- Artigo 18. Obrigas das beneficiarias.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra “j”. Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Esta mesma consideración reitérase para o artigo 30 e tamén para os artigos 39 e 47 respecto das letras “j” e “k” do seu apartado 3.

Terceira.- Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables.
O apartado 1 recolle os gastos normais de funcionamento que son subvencionables e inclúe, na letra g), as cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma galega.

Este Comité considera que non ten lóxica que se subvencionen con axudas autonómicas eses gastos de ámbito estatal, polo que se propón a súa supresión.

Cuarta.- Artigo 30. Documentación xustificativa para o pagamento.
Na letra g) deste precepto esíxese copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos (en formato papel e formato dixital).

Este Comité considera que esta obriga é excesiva e que tan só se debería aportar aquela documentación que teña transcendencia.

Igual consideración formúlase para o artigo 47.1.g).

Quinta.- Artigo 42. Actividades e gastos subvencionables.
Este Comité propón que, no apartado 3.c deste artigo se inclúan expresamente, entre os custos indirectos subvencionables, os gastos de comunicación (teléfono, internet...).

Sexta.- Artigo 43. Contía das axudas.
Segundo o apartado 2, os gastos de material, papelería e fotocopias será elixible ata o límite de 8 euros por alumno.

Este Comité considera que debería incrementarse ese límite, xa que non alcanza para cubrir o gasto efectivo en que se incorre.
Sétima.- Artigo 44. Incentivo adicional.
O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros por cada entidade de economía social constituída, cun máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité, aínda que valora positivamente o incremento de 4.000 euros na contía máxima respecto do previsto para o exercicio anterior, entende que ese límite pode frear a actividade cooperativa ao non ter incentivo a constitución de máis de 10 entidades de economía social.

Oitava.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.





ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 10. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime primeira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo).

ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Estas organizacións consideran que o financiamento das actividades de formación reguladas neste proxecto normativo debería establecerse a través das ordes reguladoras específicas como as relativas ás dos plans de formación sectoriais e intersectoriais ou outras que podan establecerse ao efecto.
O financiamento de formación ao marxe do marco da formación para o emprego non fai senón crear desigualdades e atomizar o reparto de fondos, tendo en conta que concorren outras entidades que non se benefician de financiamento paralelo para a execución da súa formación.