ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE 2014-2020.

I. ANTECEDENTES
O día 14 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE 2014-2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, o recoñecemento de todas as formas da aprendizaxe (con especial atención ao recoñecemento da experiencia laboral) ocupa un lugar destacado dentro das políticas activas de emprego e formación da Unión Europea que buscan fomentar a aprendizaxe ao longo de toda a vida.

Isto plasmouse en 2004 cos Principios comúns europeos para a validación da aprendizaxe non formal e informal, no 2009 coas Directrices europeas para a validación da aprendizaxe non formal e informal e, finalmente, no 2015 a través do Ditame do Comité das Rexións co Recoñecemento de capacidades e competencias adquiridas a través dun aprendizaxe non formal e informal e, finalmente, na Nova Axenda das Competencias para Europa que recolle a crecente importancia da educación non formal e informal como un dos motores do cambio.

En consonancia, en España apróbase a lei Orgánica 5/2002 de 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, que ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Un dos fins deste Sistema Nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.
O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais. En Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016, publicado no DOG o día 11 de xaneiro de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2015 (Ditame 39/2015), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 1 fíxanse as prazas existentes para cada unha das cualificacións profesionais.
Na maioría dos casos, o número das prazas varía respecto das que se establecían para o exercicio anterior. Así mesmo, suprímense dúas cualificacións profesionais e engádese unha nova.
Respecto das persoas en listas de espera (artigo 4), engádese a previsión dos procedementos para as cualificacións profesonais de servizos para o control de pragas e de socorrismo en instalacións acuáticas, así como un suposto de acceso directo ao procedemento.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE 2014-2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, unha disposición adicional e tres finais.

O día 28 de decembro de 2016 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello.



DITAME 29/2016



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2016, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de decembro de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité observa algúns erros ortográficos no texto deste proxecto de orde (por exemplo, “leste” en lugar de “este” ou “dá” en lugar de “da”), polo que se propón a súa revisión.

Así mesmo, obsérvase o mal uso das barras: desistido/a (artigo 13) ou asesor/a (artigo 18),entre outros, que se considera non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
Respecto da cualificación profesional de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, este Comité propón que se convoque un procedemento de habilitación excepcional para as persoas maiores de 55 anos que acrediten ter  unha experiencia de tres anos.

Estas habilitacións excepcionais prevense no Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, que modifica parcialmente o Acordo de 27 de novembro de 2008, sobre acreditación de centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (BOE do 16 de novembro de 2015).

Por outra banda, respecto das operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural, este Comité considera que se debe incrementar o número de prazas convocadas nesta cualificación profesional para adaptarse á demanda existente.

Segunda.- Artigo 4. Persoas en listas definitivas de persoas en lista de espera.
Este Comité considera que é preciso que se defina o concepto de “persoas en listas definitivas de persoas en lista de espera”.

Terceira.- Artigo 6. Puntos de información.
Na Resolución do 27 de novembro de 2014, pola que se regulaba ata agora a convocatoria deste procedemento de recoñecemento de competencias profesionais, esixíase que houbera, en cada punto de información, un profesional designado para as funcións de información.

Este Comité considera que se debería recuperar esa esixencia.

Cuarta.- Artigo 8. Solicitude e documentación xustificativa dos requisitos esixidos.
O apartado 2 deste precepto exclúe as persoas ás que se refire o artigo 4.3 da obriga de presentar a solicitude de inscrición.

Este Comité entende que se trata dun erro e que a devandita referencia debe facerse ao artigo 4.5.

Quinta.- Disposición final segunda. Desenvolvemento normativo.
Nesta disposición faise referencia ao Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Este Comité considera que a alusión debe facerse á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral.



ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Artigo 8. Solicitude e documentación xustificativa dos requisitos esixidos.
No apartado 4.c)1º,1.2 esíxese, ás persoas traballadoras asalariadas, fotocopia compulsada do contrato de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas.

Por outra banda, no apartado 4.c)2º, 2.2 esíxese, ás persoas traballadoras autónomas, unha descrición da actividade desenvolvida.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que, para equiparalas coas persoas autónomas, debería dárselle ás persoas traballadoras asalariadas a posibilidade de que, a falta da certificación esixida, poidan presentar unha declaración responsable na que describir as actividades que desenvolveron.