ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2017.

I. ANTECEDENTES


O día 14 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Orientación Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde  pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a finalidade do programa que recolle este proxecto é a mellora da empregabilidade e a cualificación das persoas desempregadas mediante a información, o diagnóstico individual, o asesoramento, a motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais.

Os elementos que caracterizan a este Programa de orientación laboral concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego. Configúrase, así, un programa autonómico nesta materia.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016, publicado no DOG o día 30 de decembro de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 10 de decembro de 2015 (Ditame 45/2015), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.





Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto ao financiamento das axudas (artigo 1º), obsérvase un incremento de 782.613 euros no importe total dos créditos asignados.

O artigo 3 recolle o contido da prestación de servizos que deben realizar os servizos de orientación. Neste novo proxecto de orde desaparecen as axudas aos servizos de  prospección de emprego, financiándose unicamente a actividade de persoas técnicas de orientación laboral.

Modifícanse as contías das subvencións que establece o artigo 4. A contía máxima por persoa técnica de orientación laboral contratada fíxase en 25.000 euros (2.000 euros máis que na anterior convocatoria) e engade un suposto no que a contía pode acadar os 28.000 euros no caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se dediquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a discapacitados, nos termos indicados no segundo parágrafo do apartado 1.

En canto aos criterios de valoración das solicitudes (artigo 9), inclúense dúas novidades.

Por unha banda, establécense exclusións e limitacións nas axudas en atención a criterios de eficiencia e eficacia na prestación dos servizos de orientación laboral subvencionados na data de publicación da nova convocatoria.

Por outra banda, eses mesmos criterios de eficiencia e eficacia se teñen en conta para valorar os servizos prestados en anteriores convocatorias coa finalidade de asegurar a continuidade dos máis eficientes.

Polo que respecta aos criterios de valoración que figuraban xa na orde para o exercicio anterior, obsérvase a modificación da puntuación asignada a algúns deles; por exemplo, a experiencia acreditada valórase agora con ata 30 puntos, cando na anterior convocatoria se lle outorgaba un máximo de 15.

Finalmente, cómpre destacar que se suprime a previsión de puntuar negativamente unha mala xestión, que podía conlevar unha resta de ata 15 puntos.

O artigo 14 regula a perda do dereito ao cobro e reintegro. Neste proxecto inclúense novos criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2017” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 30 de decembro de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais de carácter unánime, así como dezaoito consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia (Anexo I) ; unha específica manifestada pola organización sindical UGT-Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II), dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo III) e unha específica manifestada pola CIG e pola CEG (Anexo IV).





DITAME 30/2016



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de decembro de 2016 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira.
Este Comité avalía negativamente a limitación das actividades a desenvolver ao abeiro deste proxecto normativo.

Na Exposición de motivos establécese que “os elementos que caracterizan ao Programa de orientación laboral que prestarán as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego”.

Segundo o artigo 7 do dito Real Decreto, son servizos incluídos na Carteira Común:
a)Servizo de orientación profesional.
b)Servizo de colocación e de asesoramento a empresas.
c)Servizo de colocación e cualificación para o emprego.
d)Servizo de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento.

O artigo 9 da mesma norma establece que a xestión de ofertas e demandas de emprego comprenderá, en particular, a prospección e identificación de ofertas de emprego potenciais e de necesidades de persoal por parte dos empregadores.

De acordo con esta previsión legal, este Comité considera que debería recuperarse a actividade de prospección de emprego na Orde para o exercicio de 2017.

Por outra banda, este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a diferenza da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segue a financiar ao persoal de apoio, tal e como se establece na Resolución do 8 de marzo de 2016, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se actualizan para o ano 2016 e sucesivos as contías máximas constitutivas do importe das subvencións para a realización das accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego a entidades colaboradoras sen ánimo de lucro, cando establece no seu apartado primeiro que: “as contías máximas coas que o Servizo Público de Emprego Estatal subvencionará as retribucións totais e a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos do persoal necesario para a execución das accións” e prevé ata 24.438,50 euros por ano para o persoal de apoio.

Segunda.
Este Comité considera que se debería seguir a avanzar na concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas técnicas, tanto nas accións individuais como, especialmente, nas colectivas (por exemplo: desenvolver instrucións, formularios para rexistro ...).

Terceira.
Este Comité esixe que se acheguen os anexos xunto co proxecto de orde para o seu ditame, para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

Cuarta.
Este Comité quere manifestar o seu máis absoluto desacordo co feito de que, no artigo 9 do proxecto normativo remitido para ditame, figure “XXXX” en lugar dunha contía tanto cando esixe un número mínimo de servizos de orientación prestados ao abeiro de ordes de exercicios anteriores, como cando se refire á puntuación outorgada aos supostos do apartado 2 e, especialmente, na fixación da valoración mínima que debe acadar unha entidade para a consecución da condición de beneficiaria (apartado 5).



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 3. Actividades so servizo de orientación laboral.
En relación co disposto no apartado 3.3 deste precepto, este Comité propón que se concrete o límite de idade, xa que “persoas mozas” é unha referencia xenérica.

Segunda. – Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar e se establecen as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4 que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aquelas outras que poidan esixirse legalmente.

Terceira.- Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado co texto que figuraba na orde para o exercicio do ano 2011: “Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Cuarta.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
Respecto aos apartados 1 e 2 deste artigo, que establecen un corte previo de acceso ás axudas en función do número de servizos prestados, este Comité considera que se trata dun criterio inaceptable, xa que o servizo de orientación ben marcado pola axenda establecida polo Servizo Público de Emprego e non depende, polo tanto, da entidade prestadora do servizo.

Deste xeito, pode haber localidades grandes cun elevado número de servizos e outras localidades pequenas con poucos, o que non é representativo nin da calidade nin do bo servizo prestado.

En consecuencia, este Comité propón que se elimine ese criterio ou que se substitúa por outro máis xusto no que se valore a porcentaxe de incidencias respecto dos servizos prestados ou da calidade destes.

Quinta.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
Da clasificación que recolle o apartado 3.B parece deducirse que ás solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local non se lles vai esixir condicións nin requisitos, polo que este Comité considera que debería clarificarse que todas as vías de solicitude estarán suxeitas ao mesmo condicionado.

Sexta.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, polo que se propón a súa equiparación coa actual valoración e que a mínima sexa do 25%.

Sétima.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, no seu apartado 3.A, inclúe como criterios de valoración a posta a disposición por parte da entidade de recursos técnicos e materiais (apartado c) e a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas de aquela (apartado d).

Este Comité propón que se supriman estes dous apartados por tratarse dun Servizo Público. Subsidiariamente, e respecto do apartado d), proponse que non se eleve a puntuación outorgada en contra deste criterio e que se manteña a baremación establecida no exercicio anterior.

Oitava.- Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
No proxecto de orde do exercicio 2013 figuraba no apartado h), entre os criterios de valoración: “Emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, debidamente declarado pola persoa representante da entidade: 5 puntos”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na realización das accións valórase como criterio auxiliar, para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena.- Artigo 10. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No apartado 2 deste artigo, referido ao baremo de “outros méritos”, dentro dos requisitos de selección elimínase, con respecto da orde do exercicio 2013, a posesión do CELGA 3 ou equivalente debidamente homologado (0,15 puntos).

Este Comité propón que se manteña este mérito para o exercicio 2017.


Décima.- Artigo 10. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No último parágrafo do apartado 2 deste artigo establécese que “O establecido neste apartado non será de aplicación para o persoal técnico que xa fose baremado ao abeiro dos programas de orientación laboral en exercicios anteriores”.

Este Comité considera que a inaplicación do baremo debe estenderse ao todo o persoal técnico que xa fose baremado en exercicios anteriores, non só ao abeiro dos programas de orientación laboral senón tamén ao abeiro dos programas de información e prospección de emprego.

Décimo primeira.- Artigo 10. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No primeiro parágrafo do punto 3 deste artigo establécese que “En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos de orientación laboral”.

Este Comité considera que debería suprimirse o antedito parágrafo polos conflitos legais que pode supoñer a modificación do contrato de traballo entre as entidades empregadoras e as persoas empregadas para adecualos á prestación deste servizo.

Décimo segunda.- Artigo 11.- Pagamento da subvención
O apartado 1.c) deste artigo esixe a todas as entidades beneficiarias a presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa localización.

Este Comité considera excesiva a necesidade de achegar novamente esa documentación, que soamente sería precisa no caso de novas contratacións ou novas ubicacións.

Décimo terceira.- Artigo 11.- Pagamento da subvención
No apartado 1.d), ítem 1º, establécese que debe presentarse copia dos contratos de traballo do persoal contratado e comunicación dos mesmos a través de Contrat@.

Na orde para o exercicio anterior soamente se esixía isto respecto das novas contratacións, polo que se propón que se substitúa, na redacción, “persoal contratado” por “persoal de nova contratación”.

Décimo cuarta.- Artigo 11.- Pagamento da subvención
O apartado 1, letra e) deste precepto, no seu segundo ítem, recolle a obriga de indicar o despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de orientación laboral.

O artigo 2, apartado 2, letra a) fixa como requisito das entidades solicitantes o dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para a atención individual aos demandantes de emprego. Este Comité considera que o cumprimento do dito requisito non esixe que necesariamente se teña que dispoñer de tantos despachos individuais como persoas se dediquen a estas accións.


Décimo quinta.- Artigo 13.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 emprégase a letra j na numeración, que é impropia do alfabeto galego, polo que se propón a súa substitución pola seguinte que corresponda.

Décimo sexta.- Artigo 13.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.

Décimo sétima.- Artigo 13.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2.II.a) establécese que as entidades beneficiarias deben manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada respecto de certas operacións.

Este Comité propón a eliminación do sistema de contabilidade separada, por considerar que é suficiente coa codificación contable.

Décimo oitava.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

Consideración xeral:

Aínda que se observa un aumento no orzamento destinado a estas axudas no novo proxecto de orde, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comparten os enormes recortes impostos en anteriores convocatorias para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral.

En canto ao réxime de concorrencia competitiva, entendemos que tal réxime debería atemperarse con algún criterio avaliativo que teña en conta a representatividade social que ostentan as organizacións sinaladas na letra b) do apartado 1 do artigo 2, así como garantir que prime a obxectividade, en evitación de prácticas de discrecionalidade que se teñen observado na concesión das axudas.

Consideracións específicas:

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido actual desta norma.

Segunda.  Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.




ANEXO II



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Exposición de Motivos.
No acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010 asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que debería adaptarse o financiamento que presenta este proxecto de orde ao acordado.




ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.
A CEG propón que, entre as actividades do servizo, se inclúa a prospección e captación de ofertas de emprego e se recupere o previsto na orde para o exercicio anterior, que recollía a xestión e cobertura de ofertas de emprego entre as funcións do persoal subvencionado.

Así mesmo, propón que se inclúa tamén a asistencia ao autoemprego, dado que no artigo 1 deste proxecto figura como un dos seus obxectivos.

Segunda. - Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería recuperarse a posibilidade de incrementar a contía máxima do 15% que recollía a orde para o exercicio anterior, así como permitir que dita posibilidade sexa accesible a todas as entidades concorrentes.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 3.c.3 outorga 4 puntos polo feito de estar en posesión dunha certificación de calidade específica ou que inclúa expresamente os servizos de orientación da entidade.

A CIG e a CEG propoñen que se permita un sistema de calidade propio da entidade.