ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/16

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Corresponden á Consellería de Economía, Emprego e Industria as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Segundo a Exposición de motivos, con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 30 de decembro de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 21 de decembro de 2015 (Ditame 52/15), obsérvase que  se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O apartado 3 do artigo 5 xa non inclúe como entidades beneficiarias ás entidades de ámbito inferior ao provincial.

En canto aos gastos subvencionables, o artigo 8 inclúe como novidade a posibilidade do movemento entre partidas nunha porcentaxe máxima do 10% do total do orzamento.

Obsérvanse modificacións no artigo 14 respecto dos criterios de valoración; así, engádense novos criterios como, por exemplo, a taxa de estabilidade do persoal da entidade solicitante das axudas ou a paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal.

Por outra banda, suprímense algúns criterios dos que se recollían na orde para o exercicio anterior.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2017” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete  artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.


O día 30 de decembro de 2016 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideración xerais e vintedúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 31/2016



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de decembro de 2016, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:









CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que deberían adaptarse os prazos de remate das accións e os da presentación da documentación xustificativa desta orde e das sucesivas, para, dese xeito, posibilitar que os gabinetes técnicos de difusión normativa e técnica, en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, poidan exercer a súa función ao longo de todo o ano natural.

Segunda.
Este Comité propón que se regule no texto do proxecto normativo a posibilidade de anticipos por un importe do 80% da totalidade da axuda, con análogo criterio ao que se establece noutras ordes reguladoras de Formación para o emprego, e que se preve na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia

Terceira.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo figura a obriga de presentar copia compulsada dalgunha documentación.

Este Comité propón que se permita presentar indistintamente copia compulsada ou cotexada.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 3.- Accións subvencionables.
No apartado 3 establécese que se esixirá unha calidade mínima que poderá ser verificada ou informada por persoal técnico na materia.

Este Comité solicita que se clarifique que se entende por “calidade mínima”, xa que pode introducir marxe á discrecionalidade. Por outro lado, as organizacións concorrentes presentan os seus proxectos cuns estándares de calidade obxecto de baremación, polo que parece máis acertado falar de comprobación das actuacións nos termos aprobados para a concesión da subvención.

Segunda. Artigo 5.-. Entidades beneficiarias
Este Comité considera que debería eliminarse o recollido no punto 4º da letra b) do apartado 1 deste artigo, pola falta de relación desas entidades co ámbito das relacións laborais, agás se se trata de asociacións profesionais galegas que teñen como exclusivo fin a prevención de riscos laborais.

Terceira. Artigo 5.-. Entidades beneficiarias
O punto 3º do apartado 1 deste artigo inclúe como entidades beneficiarias ás asociacións empresariais de ámbito galego. Este Comité considera que debería dicir “asociacións empresariais galegas” en lugar de dicir “de ámbito galego”, para así considerar incluidas tanto as provinciais como as de carácter autonómico.


Cuarta. Artigo 8.- Gastos subvencionables e período de imputación.
Con respecto ao apartado 4 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.

Quinta. Artigo 8.- Gastos subvencionables e período de imputación.
A letra e) do punto 2º do apartado 4 recolle os gastos indirectos que son subvencionables, como consumo eléctrico ou teléfono, sempre que se correspondan cos locais en que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

Sexta. Artigo 8.- Gastos subvencionables e período de imputación.
En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra e) do apartado 4 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

Sétima. Artigo 9. Gastos non subvencionables.
No apartado 3 deste artigo establécese que o cobramento das subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Este Comité considera que se debería admitir a compatibilidade con outras axudas ata alcanzar o 100% da contía do gasto, co fin de facilitar o maior número de proxectos.

Esta consideración é igualmente aplicable aos artigos 21.3 e 25, nos que se recolle como causa de modificación da resolución de concesión a obtención concorrente de axudas, polo que este Comité propón, consecuentemente, a modificación desa causa para adecuala a este novo criterio.

Oitava. Artigo 11. Solicitudes e documentación.
Este Comité suxire a inclusión dun apartado máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c) e d) do apartado 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.

Novena. Artigo 14. Criterios de valoración.
Neste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por parte da comisión de valoración.

Este Comité entende que non se debería primar a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración da letra f) do apartado 1 deste artigo.
Décima. Artigo 14.- Criterios de valoración.
Este Comité considera que debería engadirse un novo apartado neste precepto que puntúe o emprego do galego, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira. Artigo 14.- Criterios de valoración.
O apartado 2 deste artigo establece que, para o caso de empate, terase en conta a puntuación obtida en cada un dos criterios segundo a orde de prelación establecida no apartado 1.

Este Comité suxire que no dito apartado 1 se empreguen ordinais en vez de letras para establecer esa orde de prelación.

Décimo segunda. Artigo 14.- Criterios de valoración.
Este Comité propón a revisión ortográfica deste precepto, xa que inclúe as letras j e k, impropias do alfabeto galego, que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Décimo terceira. Artigo 18.- Xustificación segundo o tipo de gasto.
O apartado 3.c) 2º establece que deberase achegar un “cadro no que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención. horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais, etc”.

Este Comité propón que se suprima o acrónimo “etc”, que non debería figurar nunha norma xurídica.

Décimo cuarta. Artigo 19.- Memoria técnica das actividades.
No apartado 1.a) esíxese presentar copia dos relatorios e presentacións gráficas cando se trate dunha actividade formativa. O mesmo requírese no apartado 1.b) para o caso das actividades de difusión e sensibilización.

Este Comité considera que esa esixencia é superflua, polo que debería eliminarse.

Décimo quinta. Artigo 20.- Corrección de defectos da xustificación e pagamento.
O apartado 1 deste precepto establece que: “Se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida”.

Este Comité considera que isto debería modificarse de xeito que a non presentación dalgún tipo de documentación dentro do referido prazo de 10 días non supoña de forma automática a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda, senón que se limite á parte da axuda non xustificada.



Décimo sexta. Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 6 deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Décimo sétima. Artigo 22. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto nos apartados 1 e 3 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo oitava. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo novena. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Vixésima. Anexo II.
Este Comité considera que neste anexo existen as seguintes dúbidas e discordancias que deberían aclararse:

1ª.- Os gastos relativos á “Coordinación”, sinalado co número 9 no anexo, refírese á realizada con medios propios, á externa (subcontratada) ou a ambas?
2ª.- Os gastos relativos á “Alugueiro de medios”, sinalado co número 11 no anexo, inclúe os gastos de medios para teoría, medios prácticos e medios xornadas do anexo X o se refire exclusivamente ao incluido no epígrafe “alugueiro da aula/obradoiro/medios de transporte” do anexo III?
3ª.- En que apartado se inclúen os custos de seguros das persoas participantes? No anexo III estes gastos figuran sinalados de forma independiente.
4ª.- Que tipo de gastos hai que incluir nos sinalados co número 1 no anexo “Gastos de contratación de servizos externos”? Non existe unha correspondencia co mesmo apartado dos anexos III e IV, nos que os custos dos relatores e coordinación se inclúen en contratación de servizos externos e no anexo II figuran de forma independiente.



Vixésimo primeira. Anexo III.
Este Comité considera que neste anexo existen as seguintes dúbidas e discordancias que deberían aclararse:

1ª.- Que gastos se incluén no arrendamento de aparellos e equipamentos? Inclúense soamente os medios para a teoría ou tamén os medios xornadas e os medios prácticos?
2ª.- Que gastos inclúe a contratación de servizos externos? Pode entenderse que se inclúen os gastos dos relatores, da coordinación e os de alugueiro de medios prácticos?

Vixésimo segunda. Anexo X. Cadro de cantidades máximas subvencionables.
O cadro recolle algúns dos gastos subvencionables pero non todos, polo que este Comité considera que debería aclararse no seu título que se refire a cantidades dalgunhas tipoloxías de gasto que teñen asignadas cantidades máximas.

Ademais, o cadro de cantidades máximas subvencionables precisa dúas aclaracións, que se concretan do seguinte xeito:

1ª. En canto aos custos de desprazamento dos relatores, debería preverse a posibilidade de poder exceder a limitación prevista, excepcionalmente e mediante xustificación motivada.

2ª. A contía establecida para o relator de conferencias fíxase en  250 euros por día. Este Comité entende que debería clarificarse se o dito importe é fixo diario, con independencia do número de horas que ocupe a intervención ou se se trata dun importe máximo en función do número de horas.