ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente aos exercicios de 2017 e 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente aos exercicios de 2017 e 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras.

Todas estas accións de formación profesional para o emprego conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade das persoas desempregadas dentro da Estratexia Europea de Emprego acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro regula a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

Entre as iniciativas de formación para o emprego que regula a antedita lei considérase a oferta formativa das administracións competentes para persoas traballadoras desempregadas, que inclúe os programas de formación dirixidos a cubrir as necesidades detectadas polos servizos públicos de emprego.


O II Plan Galego de Formación Profesional defínese basicamente como un plan que concibe integralmente a política de cualificacións e da formación profesional. Este carácter integral implica, en canto aos fins, seguir avanzando cara á constitución dun sistema de formación profesional integrado en Galicia e supón tamén considerar como beneficiario deste plan o conxunto da poboación activa. Para acadar estes obxectivos, o plan artéllase a través de catro liñas estratéxicas de actuación que inciden, na integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, no óptimo aproveitamento dos recursos e da xestión, na calidade e innovación e na promoción da aprendizaxe permanente ao longo da vida.

Debe terse en conta tamén o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, aprobado polo Parlamento galego o 11 de maio do 2016, onde fixa como eixe 1, a “Empregabilidade e Crecemento Intelixente”, que recolle un modelo integral de desenvolvemento coa finalidade de superar a situación laboral previa á crise e a creación de postos de traballo sustentables. Dentro do dito eixe 1, contémplase como prioridade de actuación o aumento da empregabilidade e produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e innovación constante, que, á súa vez, marca, como un dos seus obxectivos estratéxicos ou prioritarios, o da mellora da calidade da formación profesional para o emprego, e como un dos eixes que agrupa os obxectivos estruturais, o da formación e o das oportunidades de emprego.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016, publicado no DOG o día 30 de decembro de 2015 e o ditame emitido polo Consello con data 4 de decembro de 2015 (Ditame 42/2015), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Os criterios de valoración das solicitudes recóllense no apartado 4 do artigo 6, que presenta importantes modificacións respecto da orde do exercicio de 2016.

Así, elimínanse criterios tales como a capacidade acreditada da entidade solicitante ou o compromiso de inserción laboral. No novo proxecto valórase a efectiva inserción laboral das persoas alumnas formadas durante o ano anterior.

Engádense novos criterios, como o compromiso de colaboración da entidade na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado ou o desenvolvemento de accións formativas en especialidades con maior relación coa industria.

Obsérvanse, así mesmo, modificacións na puntuación outorgada a algúns criterios; por exemplo, a xestión dos centros valórase agora con ata 5 puntos, mentres no exercicio anterior se concedían ata 20 puntos.

Finalmente, no novo proxecto non se fixa unha puntuación mínima a acadar polas entidades solicitantes para acceder á programación, senón que se prevé que sexan as comisións de valoración as que determinen ese mínimo en atención ao promedio das puntuacións obtidas polo conxunto das solicitudes presentadas nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

O artigo 13 recolle os custos subvencionables e incorpora un novo apartado no que se relaciona unha serie de custos que, con carácter xeral, non serán financiables.

Segundo o artigo 18, o prazo para xustificar os gastos subvencionables será dun mes desde o remate de cada actividade formativa, mentres que no exercicio  anterior era de 15 días.

Así mesmo, modifícase a data límite para a xustificación final dos gastos que se fixaba, con carácter xeral, no 30 de novembro e que agora será o 15 de decembro de 2017 ou o 15 de xullo de 2018, segundo os casos.

En canto ás persoas destinatarias da formación, o artigo 27 incorpora un novo apartado cos criterios a seguir no suposto de que se produza un empate no proceso de determinación das persoas traballadoras desempregadas que participarán nos cursos.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente aos exercicios de 2017 e 2018” consta de: Exposición de motivos, 35 artigos, oito disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 10 de xaneiro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén oito consideracións xerais e cincuenta e cinco específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.


Contén, así mesmo, como anexos as consideracións específicas de carácter non unánime seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I), dúas manifestadas polas organizacións UGT, CC.OO e a CEG (Anexo II), tres manifestadas polo sindicato CIG (Anexo III) e dezaseis manifestadas pola CEG (Anexo IV)



DITAME 1/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente aos exercicios de 2017 e 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xaneiro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que as minoracións dos créditos producidas nas convocatorias anteriores para estas subvencións poñen en risco o obxectivo de procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego, polo que se debería incrementar, aínda máis, o esforzo económico e máis dadas as actuais taxas de desemprego en Galicia.  

Debido ás circunstancias actuais e á problemática do noso mercado de traballo, é imprescindible unha dotación suficiente que permita poñer en marcha as accións de formación necesarias e de calidade, que sirvan para integrar no mercado de traballo á poboación desempregada, que cada vez ten maiores dificultades.

Aínda máis, agrávase a situación ao manterse a redución de ate o 10% máximo dos custos asociados, o que prexudica enormemente ás entidades beneficiarias no desenvolvemento da actividade formativa coa calidade requirida, máxime ao ter en conta que, agora, esa porcentaxe do 10% debe aplicarse sobre os custos directos da acción formativa e non sobre o orzamento total, como ocorría na orde para o exercicio 2015.

Finalmente, este Comité propón que, en todo caso, teñan a consideración de custos elixibles os gastos financeiros.

Segunda.
Para evitar os problemas de financiamento e atenuar o impacto dos retrasos nos pagamentos (dos anticipos, das liquidacións das subvencións, etc), este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, como, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.

Terceira.
Este Comité considera, respecto do procedemento de presentación de solicitudes e documentación complementaria, que se debería respectar o dereito recoñecido á cidadanía na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo común das Administracións Públicas, polo que pode optar entre a presentación telemática e a presentación en papel por rexistro.

Cuarta.
Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nesta convocatoria.

Quinta.
Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, se debería garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade, independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.

Sexta.
A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, sentou a base para un cambio de modelo sen o acordo das organizacións sindicais e empresariais, que se viron excluídas de facto do sistema.

A pesar de estar previstos na dita lei algúns resquicios de participación por parte desas organizacións, esta participación non se fai efectiva no texto desde proxecto de orde.

Sétima.
O esquema de xestión diseminado por provincias vén ocasionando erros e problemas nos trámites que teñen que facer tanto a Administración como as entidades de formación de ámbito supraprovincial.

Este Comité considera ademais que, para garantir adecuadamente a concorrencia competitiva, a xestión, execución e resolución de todas as solicitudes desta convocatoria deberían corresponder a un só órgano: a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

En calquera caso, solicítase que os criterios de aplicación de toda a norma sexan únicos para toda Galicia.

Oitava.
Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (alumnos/as nos artigos 10 e 15 ou dos/as no artigo 10), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.- Artigo 2. Vía de programación.
Este Comité considera que debería incluírse unha vía específica para que podan ser entidades beneficiarias das accións formativas as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.

Segunda.- Artigo 2. Vía de programación.
Este Comité propón eliminar a asignación da contía prevista para entidades locais na partida orzamentaria 09.41.323A.460.1 e distribuír a dita contía a partes iguais entre entidades empresariais e entidades sen ánimo de lucro.

Terceira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias.
Este precepto establece que poderán participar todos aqueles centros e entidades de formación acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, naquelas especialidades formativas que teñan inscritas ou acreditadas á data de publicación desta orde”.

Este Comité considera que debería permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Cuarta.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
O primeiro ítem do apartado 2.e) esixe achegar un programa formativo elaborado pola propia entidade.

Este Comité considera que no suposto de que o programa xa fora aportado con anterioridade, non debería ter que presentarse de novo.


Quinta.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
Este Comité propón a supresión do apartado  terceiro deste precepto, xa que impón unha limitación da oferta formativa sen xustificación algunha.

Séxta.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 6 deste precepto establece que forma parte da solicitude a declaración responsable que fará constar, segundo a letra h), que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita.

Este Comité considera que se trata dunha obriga inconcreta e que pode ser discrecional, polo que se solicita que se concrete o seu contido.

Sétima.- Artigo 6. Procedemento.
Para a elaboración dos anexos referidos neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír nos citados anexos.

Por outro lado, este Comité considera que deberían manterse incluídas nos referidos anexos, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado investimento para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.

Oitava.- Artigo 6. Procedemento.
O compromiso de inserción laboral debería ser máis flexible no referido aos prazos, xa que, dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada e, polo tanto, debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural posterior á finalización das accións, as baixas producidas ao longo do curso por colocación ou que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.

En segundo lugar, este Comité considera que, aínda que é procedente valorar a inserción laboral das persoas formadas durante o ano anterior, a puntuación outorgada no apartado 4.1º é excesiva e debería minorarse.

Por outra banda, no momento de procederse a valorar os novos expedientes, non terán transcorridos os 6 meses que se requiren nese apartado 4.1º para probar a inserción, xa que as accións formativas comezaron non antes de xullo de 2016 e remataron, moitas delas, en decembro de 2016. Por tanto, debería eliminarse ese requisito temporal.

Finalmente, este Comité considera que deberían terse en conta as maiores dificultades de acceso ao emprego das persoas con discapacidade e eliminar, para este colectivo, a priorización dos certificados de profesionalidade establecidos no punto 2º do apartado 4.
Novena.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4 deste artigo establece como criterios de valoración a xestión do centro. Así mesmo, elimínase a valoración da experiencia na impartación da formación profesional para o emprego.

Co obxecto de que as entidades poidan traballar na mellora continua, este Comité propón que a Administración traslade as suxestións de mellora que considere convenientes derivadas do informe técnico de seguimento, aínda mais cando este puntúa no baremo.

Neste sentido, tamén deberían clarificarse neste artigo os criterios de baremación relativos ao informe técnico de seguimento (ata 3 puntos).

Finalmente, solicítase que se recupere como criterio de valoración a experiencia na impartición profesional.

Décima.- Artigo 6. Procedemento.
Respecto do apartado 4, ítems 2º, 3º e 4º, obsérvase que as accións formativas relacionadas con especialidades vinculadas a familias profesionais con maior relación coa industria 4.0 do Anexo II valóranse con 20 puntos, mentres que tanto as accións formativas con maior demanda ou maior inserción (Anexo III) como as accións relacionadas con áreas prioritarias (Anexo IV) valóranse soamente con 10 puntos.

Este Comité considera que o outorgamento da puntuación debería estar máis equilibrado entre os citados criterios.

Décimo primeira.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.4º atribúe dez puntos se se trata dunha especialidade relacionada coas competencias de idiomas, ofimática e tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros e xurídicos, ou dirixida a anticipar as necesidades de cualificación das recollidas no Anexo IV.

Este Comité propón que se expliciten os criterios de reparto deses dez puntos.

Décimo segunda.- Artigo 6. Procedemento.
Este Comité considera que a valoración establecida para o compromiso de colaboración na xestión das axudas ou bolsas so alumnado, recollida no ítem 5º do apartado 4), non é admisible dado que o gran peso desta puntuación obriga implicitamente aos centros de formación a facerse cargo dunha tarefa que non é competencia nin responsabilidade súa e que, ademais, non é retribuída xa que se mantén o límite do 10% de gastos asociados independentemente de que asuman esta tarefa.

Así mesmo, non é posible coñecer o volume de alumnos e alumnas que deben ser xestionados nin as xestións que conlevarán.

Finalmente, hai que engadir que é o alumnado o que decide a fórmula de notificación, polo que o centro non debe ser penalizado por dita elección sempre e cando lle ofreza ao alumnado esa xestión e este opte por outra vía.

Polo exposto, solicítase a supresión do citado ítem 5º e que se adapte a esta circunstancia a orde reguladora das citadas axudas para o período 2017/2018.

Décimo terceira.- Artigo 6. Procedemento.
O ítem 6º do apartado 4 deste artigo outorga ata 10 puntos polo número de alumnos e alumnas que, nas accións formativas desenvolvidas pola entidade durante o 2016, tramitaron electronicamente a súa solicitude e a documentación complementaria, e elixiron a opción da notificación electrónica.

Este Comité considera que debería eliminarse este criterio, xa que non procede avaliar retroactivamente un criterio que supón unha novidade neste proxecto de orde, polo que en ningún momento se puido facer unha previsión do mesmo por parte das entidades beneficiarias, e en detrimento de outros criterios como o da capacidade da entidade solicitante para desenvolver a formación a través da experiencia ou na xestión dos centros, criterios suprimidos ou devaluados nesta convocatoria.

Décimo cuarta.- Artigo 6. Procedemento.
No apartado 4, ítem 8º, valórase a xestión do centro con ata 5 puntos, o que supón unha diminución de 15 puntos respecto do previsto na orde para o exercicio anterior.

A puntuación repártese entre os 3 puntos que se outorga, como máximo, ao informe técnico de seguimento e os 2 que corresponde ao informe por xustificación axeitada (fronte aos 10 puntos previstos na orde anterior para cada un destes informes).

Por outra banda, elimínase nesta convocatoria a valoración da capacidade acreditada para desenvolver a formación.

Non é comprensible que se fale de mellorar os criterios de xestión e de calidade mentres se recorta a puntuación de valoración técnica. Tampouco se atopa, ao longo do proxecto de orde, unha motivación clara que xustifique o devandito recorte.

Décimo quinta.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4, ítem 10º, valora con ata 3 puntos (2 menos que na orde do exercicio anterior) a situación do centro de formación na data de publicación da presente orde respecto da implantación dun sistema ou modelo de calidade na xestión/actividade que desenvolva a entidade impartidora nas accións formativas.

Este Comité considera que non se debería minguar a puntuación outorgada a este criterio sen xustificación algunha, sobre todo cando o que se valora é a implantación dun sistema de calidade, o cal resulta laborioso e custoso.
Décimo sexta.- Artigo 6. Procedemento.
O ítem 11º do apartado 4 valora con ata 2 puntos ( 8 menos que na orde do exercicio anterior) as solicitudes que presentan un proxecto formativo cunha metodoloxía innovadora ou que introduza de forma significativa as novas tecnoloxías para a impartición da acción formativa.

Este Comité solicita que se clarifique e concrete que se entende por “metodoloxía innovadora” e, por outra banda, que se motive a rebaixa sensible que sofre a puntuación deste criterio.

Décimo sétima.- Artigo 6. Procedemento.
Segundo o segundo parágrafo do apartado 7 deste artigo, unha mesma entidade beneficiaria non poderá ser adxudicataria de accións formativas que presenten un monto superior a 300.000 € por provincia nin que superen as 2.600 horas por aula para o conxunto do período que abrangue esta convocatoria, ademáis, o número de horas por acción formativa non pode superar as 5 por día, nin as 25 horas semanais.

Este Comité considera que esa limitación do financiamento vai en contra doutros criterios que recolle o propio proxecto normativo, ademais do principio básico de concorrencia competitiva, xa que se basea nun criterio económico e non de capacidade de xestión.

Isto prexudica a aquelas entidades que posúan máis dun centro na provincia, en diferentes comarcas, e que demostraran ter realizado un esforzo en xestión, homologación de especialidades e calidade nos centros.

Polo tanto, solicítase que se suprima ese parágrafo.

Subsidiariamente, proponse que o límite máximo de 300.000 euros se incremente ata 1.200.000 por centro ou entidade de formación acreditado en atención á súa capacidade suficiente de execución en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos para todo o período desta convocatoria e, en todo caso, que se supriman o resto de criterios limitativos que recolle o devandito parágrafo.

Décimo oitava.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 8 deste artigo establece que as comisións de valoración, en atención ao promedio das puntuacións obtidas polo conxunto de solicitudes presentadas nos seus correspondentes ámbitos territoriais, fixarán o mínimo de puntos esixibles.

Este Comité considera que é preciso establecer un mínimo de puntuación esixible que sexa coñecido, igual que se recollía nas ordes para os exercicios anteriores.

Décimo novena.- Artigo 10.-Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 2 deste precepto establece unha serie de obrigas que deben cumprirse, como mínimo, 15 días antes do inicio do curso.

Ese prazo pode supor un problema, en concreto, respecto da obriga de presentar o convenio ou acordo subscrito coa empresa ou empresas nas que realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluída no certificado de profesionalidade, tanta antelación fai difícil garantir os acordos debido á conxuntura cambiante á que se ven sometidas as empresas. A isto hai que engadir que se descoñece que alumnos van a realizar o módulo de prácticas, xa que deben superar e ser aptos nos módulos teóricos anteriores.

Polo exposto, este Comité considera que debería recuperarse o prazo de 5 días previsto na orde para o exercicio anterior por consideralo suficiente.

Vixésima.- Artigo 10.-Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 inclúese un parágrafo segundo o cal: “As persoas docentes (...) deben acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero”.

Este Comité propón eliminar a preposición “de” da redacción, xa que parece dar a entender que con 150 horas se adquire experiencia profesional ou docente en materia de xénero, cando esa referencia alude só á formación.

Vixésimo primeira.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que na documentación que se relaciona na letra e) do apartado 3 deste artigo esíxense os extractos do libro maior no que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Este Comité entende que debería eliminarse esta obriga por considerar xa suficiente a documentación que se esixe. E, de manterse, debería engadirse “ou ben extractos da contabilidade analítica onde se reflictan todas as imputacións realizadas para a execución da acción formativa”.

No caso específico das entidades sen ánimo de lucro constátase, por exemplo, que na xestión de plans subvencionados de formación para o emprego, non se poden desglosar as subcontas por tipos de plans debido á súa complexidade, polo que a imputación dos custos para cada plan formativo realízase a través da contabilidade analítica que está cadrada coa contabilidade financeira.

Vixésimo segunda.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que deberían clarificarse e unificarse os prazos recollidos no apartado 3, e) deste artigo (un mes desde o remate de cada curso para cumprir cunha serie de obrigas), no artigo 14.5 (15 días tras a finalización do curso para xustificar os gastos realmente efectuados) e no artigo 18.1 (1 mes desde a finalización da acción formativa para xustificar os gastos subvencionables).



Vixésimo terceira.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 9 obriga ás entidades a dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control de alumnado e do persoal docente.

Este sistema é unha orixe continua de erros e problemas, polo que este Comité pide que sexa substituído por outro máis eficiente ou, de ser o caso, sexa eliminado por ser pouco operativo.

Vixésimo cuarta.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 17 deste artigo establécese a obriga de dispoñer de libros contables, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas.

En liña co disposto na consideración vixésimo primeira, este Comité considera que deberían engadirse os termos “contabilidade financeira ou analítica”.

Vixésimo quinta.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 23 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.

Vixésimo sexta.- Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias.
Respecto do apartado 25, este Comité considera que é necesario concretar os termos do compromiso que aquí se describe para que as entidades coñezan o alcance deste punto.

Vixésimo sétima.- Artigo 11. Determinación das subvencións para a acción formativa.
No caso das contías establecidas para o persoal de apoio no apartado 5, este Comité considera que non deberían establecerse límites e financiar o custo de mercado dos profesionais en atención aos servizos prestados, xa que pode darse a circunstancia de que para un intérprete de signos, por exemplo, o custo non sexa suficiente.

Vixésimo oitava.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado I.1.b) establécese que o número de horas imputadas por actividades de preparación de clases, titorías para o reforzo dos contidos formativos e avaliación aos participantes, non poderá superar 20% do total de horas programadas para a docencia da acción subvencionada.

Este Comité considera que ese límite do 20% debe afectar únicamente ás actuacións dos docentes e non ao persoal encargado do seguimento e control da actividade docente.

Vixésimo novena.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Respecto dos custos directos da actividade formativa relativos á docencia, este artigo prevé que as vacacións pagadas, pero non desfrutadas non sexan subvencionables.

Este Comité considera que deberían subvencionarse os custos reais e totais do persoal docente e, polo tanto, tamén as vacacións.

Trixésima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría e impide na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, o que provoca na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.

Trixésimo primeira.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora en concepto de docencia estipulado no 35% do custo da acción formativa, con carácter exclusivo.

Este Comité suxire que non se relacionen os custos xustificables da subvención co custo directo destinado á docencia.

Trixésimo segunda.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado I.1.a) regúlanse os custos directos da actividade formativa relativos á docencia que son subvencionables.

Este Comité propón que se supriman os seguintes parágrafos, por tratarse dun tema de administración laboral da entidade:

“A remuneración mensual habitual percibida polo persoal propio da entidade beneficiaria, non poderá ser incrementada durante o período de execución da acción formativa, agás que por norma ou modificación do convenio colectivo así se estableza. Non obstante, non serán admisibles aqueles custos salariais que por vía de convenio ou acordo entre a entidade e o traballador prevexan unha maior retribución en función do importe da subvención.

Non serán subvencionables os complementos ou pluses salariais non previstos na lexislación laboral, nos convenios colectivos que resulten de aplicación ou no contrato da persoa traballadora.

No suposto de baixas por IT e maternidades non se poderán imputar as retribucións dos formadores correspondente ao tempo que permaneza de baixa.

Tampouco serán subvencionables, as vacacións pagadas, pero non disfrutadas”.

Trixésimo terceira.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Respecto do apartado I.3, este Comité considera que debería preverse a posibilidade de realizar amortizacións aceleradas, previa solicitude motivada á administración, debido a que o equipamento, as instalacións e a maquinaria, que supoñen un elevado investimento, poden estar afectados por necesidades de renovación para adaptarse continuamente aos requirimentos de actualización tecnolóxica.

Trixésimo cuarta.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.4 establece que a imputación de alugueres entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 10% da subvención concedida.

Este Comité considera que se debería eliminar esta limitación, xa que a esixencia de contar con maquinaria e ferramentas axeitadas constitúe un requisito imprescindible para a impartición dos certificados de profesionalidade, polo que é necesario aplicar os prezos de mercado sen atender a límites impostos.

Trixésimo quinta.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.4 establece que: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

Este Comité propón que se elimine este parágrafo, por constituír unha intromisión na liberdade de empresa. Subsidiariamente, para o caso de que esta consideración non fose atendida, propón que se especifique o que acontece nos supostos de arrendamento con opción de compra en que non se executa esa opción de compra.

Trixésimo sexta.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.4 deste artigo establece que a imputación de arrendamentos entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 10 % da subvención concedida para a impartición da acción formativa.

Este Comité considera que esta previsión non permite imputar os custos reais, polo que propón que se aumente o límite porcentual, polo menos, ata o 15% como se recollía en ordes para exercicios anteriores, xa que o límite do 10% pode resultar incompatible cunha formación de calidade.

Trixésimo sétima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado II.1 inclúe, como custos asociados, o custos de persoal de apoio, definidos como os custos de persoal de apoio interno necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

Este Comité propón que se elimine o inciso “interno”, xa que esa redacción impide a posibilidade de contratar persoal de apoio externo.


Trixésimo oitava.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado II.1 regula os custos de persoal de apoio relacionando, en particular, os gastos de selección do alumnado.

Este Comité considera que a expresión “en particular” debería substituírse por “a título de exemplo”, de maneira que non limite as tarefas incluídas e deixe claro que simplemente son exemplos e que non supón, en ningún caso, unha lista pechada.

Trixésimo novena.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado II.3 relaciónanse outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxería, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa, e elimínase con respecto á convocatoria para o 2012, a expresión “e outros non especificados anteriormente”.

Este Comité entende que este cambio impide a imputación doutros custos asociados como, por exemplo, a telefonía.

Por outra banda, nesta convocatoria acentúase a redución dos custos asociados co 10% máximo, polo que se considera que este cambio prexudica enormemente ás entidades beneficiarias, fundamentalmente ás entidades sen ánimo de lucro, que non teñen actividade mercantil para manter as súas estruturas formativas.

Por isto, este Comité propón recuperar a porcentaxe establecida nas convocatorias anteriores ao ano 2013 (20%).

Cuadraxésima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado III recóllense, como outros custos subvencionables, os custos de avaliación e control da calidade da formación, ata o 5% do custo xustificado nos apartados I e II.

Este Comité considera que ese límite do 5% non debería vencellarse aos custos xustificados, senón ao custo subvencionado, como se recollía no texto da orde anterior.

Cuadraxésimo primeira.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Segundo o apartado II deste artigo, a suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do custo total da actividade formativa realizada e xustificada.

Este Comité considera que ese límite do 10% é absolutamente insuficiente xa que, excepto o persoal necesario de xestión administrativa e directiva, non cubre os custos dunha acción formativa se o que se pretende é dar unha información de calidade para a empregabilidade das persoas beneficiarias.

Cuadraxésimo segunda.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado IV recolle os gastos que non serán subvencionables ao abeiro deste proxecto de orde e inclúe, no apartado 10, os custos de administración e dirección cando se refiran exclusivamente a tarefas de xestión desta subvención.
Este Comité non comprende nin comparte esta exclusión, polo que propón que se consideren un gasto subvencionable.

Cuadraxésimo terceira.- Artigo 14. Pagamento.
O apartado 3 deste artigo establece que o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan, non poderá ser superior ao 80% do importe da subvención concedido.

Sin embargo, esa previsión é irreal xa que, na práctica, a falta de capacidade de xestión da Administración e do propio programa  SIFO III inviabiliza chegar a esa porcentaxe do 80% e fai casi imposible realizar xustificacións parciais.

Polo tanto, este Comité propón que a Administración realice as melloras administrativas e informáticas precisas para que se poidan realizar efectivamente xustificacións parciais e para que, en consecuencia, se poida acceder realmente a eses pagamentos parciais previstos no texto do proxecto.

Cuadraxésimo cuarta.- Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegro.
No apartado 2.a) deste artigo faise referencia ao concepto “alumnos/as formados” [sic].

Este comité considera que debería clarificarse ese concepto para saber que debe entenderse por alumnado formado xa que pode facer referencia ao alumnado iniciado, finalizado, rateado ou que realizou algún módulo.

Cuadraxésimo quinta.- Artigo 19. Xustificación dos custos directos.
Tanto respecto deste precepto como do artigo 20, este Comité propón que se adapten os requisitos documentais e xustificativos ás propostas de modificación feitas ao artigo 13.

Cuadraxésimo sexta.- Artigo 22.- Forma de xustificar o pagamento.
O artigo 22.4 establece que as entidades non suxeitas ou exentas do IVE acreditarán tal circunstancia mediante certificado actualizado emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

Este Comité considera que isto é practicamente imposible, xa que coa salvidade de aquelas entidades non suxeitas ao IVE, o resto non están exentas. O que si o está é a actividade que realizan, que se relacionan na Lei no artigo 20, como é o caso da formación. En consecuencia, a AEAT non pode certificar a exención senón que, en todo caso, certificará que a dita actividade está contemplada no dito artigo, o que parece unha obviedade.

Cuadraxésimo sétima.- Artigo 27.- Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2 relaciona os colectivos de persoas desempregadas que terán preferencia para a participación nos cursos e inclúe, no número 7º, ás persoas que teñen superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade.
Este Comité propón que, no caso de programar un certificado completo, se permita a posibilidade de superar o número máximo de alumnado previsto de 15 persoas, para que esa persoa que xa superou un ou varios módulos poida incorporarse no momento en que se vaia desenvolver o módulo que ten pendente. Esta incorporación iría asociada a un incremento económico no módulo ou módulos.

Cuadraxésimo oitava.- Artigo 28. Selección do alumnado.
No apartado 1.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente.

Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.

Cuadraxésimo novena.- Artigo 28. Selección do alumnado.
No apartado 1.c) deste artigo permítese a participación nas probas ás persoas traballadoras ocupadas que o tiveran solicitado.

Este Comité considera que non se debería limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, polo que se suxire a eliminación do termo “ocupadas”.

Quincuaxésima.- Artigo 28. Selección do alumnado.
Respecto ao establecido no apartado 1 letra e) epígrafe i deste artigo, sobre que a selección do alumnado que se realice mediante un anuncio en prensa deberase publicar en domingo, agás que o centro directivo correspondente da consellería autorice a súa publicación nun día distinto, este Comité propón que se poida acudir a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.

Quincuaxésimo primeira.- Artigo 28. Selección do alumnado.
No apartado 3 recóllese a posibilidade de substituír o alumnado que non se incorpore ou se dea de baixa. No caso das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, esa posibilidade só se dá durante os primeiros cinco días lectivos.

Este Comité considera que debería permitirse esa substitución máis aló dese prazo de 5 días, e fixar unha porcentaxe en función da duración da acción (xa que non ten a mesma repercusión nun certificado de 300 horas que nun de 600), cun máximo do 25%.

Así mesmo, debería terse en conta esta circunstancia no cálculo de alumnado subvencionado.

Quincuaxésimo segunda.- Artigo 31. Módulos transversais.
No apartado 5 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”.

Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicirse: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.
Quincuaxésimo terceira.- Artigo 33. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% das horas lectivas”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Quincuaxésimo cuarta.- Artigo 34.Prácticas non laborais.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, sería desexable establecer unhas instrucións  para o correcto desenvolvemento das prácticas e atender aspectos como o calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos derivados da posible casuística.

Quincuaxésimo quinta.- Disposición Adicional Terceira.
Nesta Disposición Adicional faise referencia á obtención concorrente de subvencións ou axudas “outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Segunda.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.9º deste precepto valora con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas.

As organizacións sindicais propoñen que se outorguen ata 15 puntos cando se use o galego en todos os trámites e procesos formativos.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E SINDICATO NACIONAL DE CC.OO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira. Artigo 22. Forma de xustificar a pagamento.
Este precepto regula os distintos soportes que permiten xustificar o pagamento.

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, así como a CEG consideran que debería substituírse o parágrafo relativo ao pagamento en efectivo por outro no que se inclúa, como xustificante de pago, os tickets ou facturas que inclúan o CIF do provedor, á vista do dispsosto na normativa de carácter xeral que existe sobre esta materia.

Segunda. Artigo 34.- Prácticas non laborais.
As citadas organizacións consideran que non compete a esta norma a esixencia da documentación requirida no apartado 1.2 deste artigo para o inicio das prácticas, relativa á propia actividade da empresa, como a licenza de apertura, ou o cumprimento da normativa en PRL, xa que de non estar ao día a autoridade competente non permitiría que a empresa desempeñase a súa actividade.

Debería ser suficiente con presentar unha declaración.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Primeira. Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.7º deste artigo valora a porcentaxe do certificado de profesionalidade que se programe con ata 5 puntos, cando na orde para o exercicio anterior se outorgaban 10 puntos no suposto de que o certificado se programase na súa totalidade.

A CIG considera que o que debe ser premiado neste ítem é a capacidade dunha entidade de programar certificados completos que resolvan os problemas de cualificación das persoas traballadoras desempregadas que o demandan, xa que existe a posibilidade de que o alumnado participante atenda so a aqueles módulos formativos que teñen pendentes.

Isto pode incidir en que a oferta formativa modular deixe sen dereito a certificado a moitas persoas que só poidan participar en ofertas parciais, o que dificulta e compromete xa a oferta de futuras convocatorias.

Polo tanto, proponse que se modifique o devandito ítem e se lle asignen novos criterios de valoración técnica.

Segunda.- Artigo 11. Determinación das subvencións para a acción formativa.
O apartado 3 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de persoas alumnas e polo importe do módulo que lle corresponda á especialidade.

Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Terceira.- Artigo 31. Módulos transversais.
En relación coa formación en materia de Prevención de Riscos Laborais, a CIG considera que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia debería impulsar a elaboración de Catálogos Formativos nesa materia, para os sectores da Construción e do Metal, dado que as limitacións impostas nos procesos vencellados á obtención das denominadas “Tarxetas Profesionais”, especialmente no primeiro sector mencionado, imposibilitan na práctica a homologación para poder impartir con medios propios estes concretos módulos transversais.



ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 6. Procedemento.
A inserción laboral regulada no apartado 4.1º debe ser máis flexible no tempo (duración), xa que dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada.
Por iso, a CEG considera que debería terse en conta a inserción por un período mínimo de 3 meses ou as colocacións que se produzan nos catro meses seguintes á finalización do curso. Ademais, estes límites non deberían terse en conta en algúns tipos de contratos (como o contrato por obra ou servizo) e deberían valorarse circunstancias como as baixas producidas ao longo do curso por colocación (independentemente da porcentaxe de formación recibida), a inserción de persoas desempregadas que se constitúan como autónomos e tamén debería valorarse a posibilidade de eliminar a esixencia de que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.
Segunda.- Artigo 6. Procedemento.
O apartado 4.9º deste artigo avalía con 5 puntos o emprego da lingua galega.

A CEG non se opón a que se avalíe o emprego da lingua galega, nin tampouco á mención establecida no artigo 20.2.letra l) da lei 9/2007, de subvencións. Solicítase que a dita avaliación non se centre exclusivamente na utilización polos docentes na impartición das accións formativas.

Na opinión da CEG, deberían permitirse varias opcións alternativas para as entidades impartidoras tendo en consideración a garantía da calidade da formación (elaboración de materiais, docencia, documentación de xestión das axudas, etc.), de tal xeito que non quede centreada exclusivamente na súa utilización polos docentes na impartición das accións formativas. Neste senso flexibilizador, tamén deberíase considerar que na Formación Profesional Reglada se establece unha obriga de compromiso do 50% (non do 100%) dos contidos da formación,indicando ao comezo da acción formativa cales serán os contidos que se desenvolverán en galego.

Terceira.-Artigo 11. Determinación das subvencións para a acción formativa.
A contía estipulada para cubrir os custos do titor de prácticas no apartado 3 deste artigo, establecida en 1,5 € por alumnos/hora, é insuficiente polo que a CEG propón que sexa incrementada para cubrir polo menos o custo laboral do titor do tempo dedicado ás horas de titoría.



Cuarta.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado I.4 deste precepto establece que: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

A CEG considera que debería precisarse que se entende por “máis rendible”, xa que se o circunscribimos á orde fará referencia a un menor custo imputable, o que pode limitar a opción do aluguer que, na maioría dos casos, é maior que a porcentaxe de imputación da amortización no caso da compra ou das instalacións nas datas nas que se desenrola a acción formativa.

Se a interpretación da norma é esta, que prima a amortización sobre o aluguer, as dificultades para as empresas de formación son maiores, xa que deberán facer fronte a unha inversión nun momento de incertidumbre económica e dunha dubidosa rendibilidade a longo prazo.

Quinta.- Artigo 14. Pagamento.
A CEG solicita que, para o caso de que se esixa aval bancario, se aclaren as condicións de levantamento dos avais aos que se refire este artigo.

Sexta.- Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegro.
A CEG considera que a penalización establecida no punto 2.c) é excesiva, polo que de acordo cos motivos argumentados na alegación relativa ao art.6.4.8º (consideración quinta deste Anexo), propón a súa eliminación.

Sétima.- Artigo 19. Xustificación dos custos directos.
No que respecta á modalidade de contratación da docencia,  a CEG pide que sexa contemplada a posibilidade de contratación con empresas docentes tal e como se recolle no proxecto de RD polo que se desenvolve a lei 30/2015 e que establece que: “a contratación pola entidade adxudicataria do persoal docente non se considerará subcontratación. Por contratación de persoal docente enténdese, a estes efectos, tanto a contratación de persoas físicas como a contratación de entidades que proporcionen o persoal docente requirido.”

Non parece razoable non ter en conta a posibilidade de recorrer a unha entidade especializada que nunha materia específica poida aportar docentes acreditados para a impartición cando a norma estatal si o prevé. Por outra banda, esta cuestión tampouco é novidosa, xa que en ordes de AFD de anos anteriores, xa se contemplaba.

Oitava.- Artigo 28. Selección do alumnado.
A CEG considera que o proceso de captación do alumnado non é o máis desexable. Isto débese a que, en algúns casos, selecciónanse desde o Servizo Público de Emprego de Galicia persoas que non cumpren os requisitos que marcan os certificados, ou ben persoas que non manifestan ningún interese en realizar a acción formativa que se lles propón. Desde algunhas oficinas anímase aos demandantes a inscribirse en máis dun curso, independentemente de que teñan ou non interese. Todo elo provoca que alumnado desmotivado sexa beneficiario de accións formativas en detrimento de persoas que si poderían estar interesadas.

Para a captación de alumnado, a CEG considera que deberían terse en conta as necesidades formativas detectadas polos orientadores laborais atendendo ao perfil profesional. Na actualidade dáse a circunstancia de que existe  alumnado que realizou ata seis accións formativas totalmente dispares nos últimos anos, coa única motivación do cobro dunha axuda económica e sen ningún  outro tipo de interese formativo. Así mesmo, danse casos de persoas con Itinerarios Personalizados de Inserción ás que se lles fan propostas de formación totalmente dispares e non acordes coas súas posibilidades formativas ou coa súa titulación académica e, polo tanto, pouco efectivas de cara á súa inserción laboral, cando un dos fins da formación é a capacitación para o emprego.

Novena.- Artigo 28. Selección do alumnado.
O apartado 3 deste artigo permite que o alumnado que teña probadas unha ou varias unidades de competencia se poidan incorporar nos 5 primeiros días lectivos da dita unidade. A CEG considera que esta posibilidade ten un custo económico que non é contemplado no rateo de alumnos que se realiza no primeiro carto das horas lectivas, xa que estas poden ter transcorrido xa, polo que se pide que se teña en conta esta circunstancia.

Décima.- Artigo 31. Módulos transversais.
A CEG considera que deberían revisarse as materias a impartir nestes módulos, e incluir outras materias de interese para as persoas destinatarias e os criterios para homologalos, posto que provocan duplicidades de xestión.

Décimo primeira.- Artigo 31. Módulos transversais.
Debería recuperarse a obrigatoriedade da realización do curso de PRL nos termos establecidos no art.47.2 da Orde de convocatoria anterior. Isto ven motivado porque nas familias profesionais mencionadas no citado artigo é un requirimento imprescindible e necesario de acceso ás prácticas que as empresas esixen, para poder garantir e velar pola seguridade dos traballadores/alumnos dados os riscos específicos derivados das tarefas a desempeñar.

Décimo segunda.- Artigo 32. Dereitos e deberes dos alumnos e das alumnas.
No apartado 6 establécese que: “A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.

A CEG considera que é necesario aclarar qué se entende por “calquera outro medio”, en tanto en canto o alumnado debe estar advertido do modo de xustificación das ausencias.

Décimo terceira.- Artigo 34. Prácticas non laborais.
Polo que se refire ao período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, co motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal as entidades beneficiarias dependen de terceiros, a CEG solicita unha redución dos tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación á data de inicio das prácticas e non os dez días hábiles que se recollen no actual proxecto normativo, tal e como se viña establecendo anteriormente.

Décimo cuarta.- Artigo 34. Prácticas non laborais.
No apartado 1.7 deste artigo establécese que as empresas deberán comunicar aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vaia realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

A CEG considera que as entidades non deberían establecer os procedementos internos das empresas, co cal serán elas mesmas as que decidan o que nas súas empresas deben comunicar, a quen e como.

Décimo quinta.- Artigo 34. Prácticas non laborais.
A CEG propón que se inclúa a posibilidade de, logo de autorización da Administración, ampliar o número de horas das prácticas incluídas no programa formativo das especialidades vencelladas a novos certificados, co obxectivo de facilitar o acceso a unha formación máis completa e aproveitando as oportunidades que as empresas poidan facer.

Décimo sexta.- Anexos.
A CEG propón a inclusión das seguintes especialidades nos anexos, para proporcionar formación específica nestes ámbitos no que a demanda de emprego cualificado das empresas é maior:

SEAG0211 Xestión ambiental.
FCT0509          Administración de servizos de internet