ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/17

Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2017 e 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2017 e 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


A letra b) do artigo 1 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón que esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións, entre outras, de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, o que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego e política laboral, así como promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, así como nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco da formación de oferta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016, publicado no DOG o día 6 de xullo de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 24 de maio de 2016 (Ditame 9/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

A única modificación destacable que presenta o novo proxecto normativo respecto da orde para o exercicio anterior é o seu carácter bianual que, segundo a Exposición de motivos, posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2017 e 2018”  consta de: Exposición de motivos, vinte e catro artigos, dúas disposicións  adicionais, tres transitorias e  e dúas finais.

O día 11 de xaneiro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e vinte e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 2/2017


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2017 e 2018, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de decembro de 2016, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de xaneiro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que a regulación das bolsas debería ser en todo caso un dereito garantizado do alumnado, tanto no que respecta ás expresións incoherentes que se conteñen en diversos artigos como no orzamento previsto.

A este respecto, este Comité  considera que, de non aceptarse esta consideración, poderían existir situacións discriminatorias, mesmo no ámbito do alumnado dunha única acción formativa.

Segunda.
Respecto das axudas de transporte e as axudas de manutención e aloxamento que se regulan neste proxecto normativo, chama a atención que estas se fixen en función do enderezo de intermediación laboral do alumnado.

Este Comité propón que se teña en conta como enderezo de referencia o domicilio dos alumnos e alumnas.  
Terceira.
No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3, así como o apartado 4 polas razóns expostas na consideración específica décimo terceira.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
En relación aos parágrafos novos introducidos neste proxecto normativo, este Comité considera que os parágrafos décimo a décimo terceiro deberían ser eliminados, dado que o contido destes están máis relacionados coa orde de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia que coa presente orde.

Segunda.- Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.
En relación co disposto no apartado 5.1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.

Terceira.- Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.
No último parágrafo do apartado 5.2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á súa perda.


Cuarta.- Artigo 6. Definición da unidade familiar ou de convivencia.
Ante a problemática na interpretación deste artigo por parte das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, este Comité propón que se especifiquen na orde de axudas aqueles supostos máis habituais nos que existen dúbidas respecto da composición da unidade familiar e que resultan máis consultados nas mencionadas xefaturas.

Quinta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
En relación coas axudas de transporte recollidas no apartado 1. a) deste artigo, o Comité considera que se debería incrementar a axuda prevista de 1,5 € por día de asistencia, á vista dos prezos vixentes do transporte público.

Sexta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
Aínda que se valora positivamente o incremento de 1€, este Comité considera que se debería incrementar a contía o suficiente para cubrir o custo real.

Sétima.- Artigo 8. Axudas de transporte.
Polo que se refire á axuda de transporte en vehículo propio do alumnado cando non exista medio de transporte público entre o seu domicilio e o do centro de formación, ou este transporte non teña un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, o importe da axuda que se establece no apartado 2 deste artigo é de 0,15 € por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 20 € diarios.

Este Comité considera que o importe da axuda debería ser de 0,19 € por quilómetro e, consecuentemente, o máximo diario debería ser aumentado dos 20 € previstos no proxecto normativo a 40 €.

Oitava.- Artigo 8. Axudas de transporte.
En relación co disposto no apartado 2 deste artigo para as axudas de transporte en vehículo propio, este Comité considera que se debería ter en conta neste apartado a especial problemática das persoas con discapacidade e mobilidade reducida que non poden utilizar o transporte público.

Novena.- Artigo 9. Axudas de manutención e aloxamento e manutención.
No apartado 2 deste artigo regúlase a axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 100 quilómetros. Este Comité considera que se debería de recuperar a redacción da convocatoria do ano 2014 que fixaba a dita distancia en 50 quilómetros (artigo 48. 5. 2 c).

Décima.- Artigo 10. Axudas á conciliación.
No apartado 1 deste artigo establécese que as persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación terán dereito a unha contía igual ao 75% do IPREM diario, por día de asistencia.

Este Comité considera que a contía debería ser do 100% do IPREM diario, por día de asistencia.

Décimo primeira.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
O apartado 2.c. deste artigo establece que se presentarán ante o órgano instrutor competente a documentación relativa a subvencións en concepto de bolsas e axudas de alumnado, dentro dos 10 primeiros días de cada mes.

Este Comité propón que se especifique se é do 1 ao 10 de cada mes ou dentro dos 10 primeiros días hábiles de cada mes.

Décimo segunda.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral terceira, o apartado 3 debería ser suprimido da redacción desta orde.

Décimo terceira.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
Con respecto ao apartado 4 desde artigo, este Comité cre que debería ser eliminado da redacción do proxecto normativo por considerar que non corresponde a esta norma.

Décimo cuarta.- Artigo 16. Prazo de presentación das solicitudes.
En relación co suposto de presentación da solicitude fora de prazo, previsto no apartado 2 deste artigo, este Comité considera que non debería comportar a súa inadmisión, senón soamente  que se lle reduzan os días transcorridos fóra do prazo.

Décimo quinta.- Artigo 17. Documentación que debe presentarse.
O apartado 2 deste precepto recolle a documentación específica a presentar por quen solicite unha bolsa de asistencia e inclúe, no ítem terceiro, unha copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

Este Comité considera que debería regularse o suposto das parellas de feito e determinar que documentación acreditativa ten que presentar quen se atope nesa situación.
Obsérvase o mesmo respecto do apartado 4 deste mesmo artigo.

Décimo sexta.- Artigo 17. Documentación que debe presentarse.
En canto ao recollido no cuarto punto do apartado 4.1 e no apartado 2 deste artigo, sobre que a renda familiar sexa inferior ao 75% do IPREM, este Comité considera que se debería especificar que se trata da renda familiar rateada individualmente.

Décimo sétima.- Artigo 17. Documentación que debe presentarse.
Na derradeira frase dos apartados 2 e 4 di que “No caso de membros da unidade familiar carezan de ingresos sinalarase expresamente esta circunstancia”.

Este Comité considera que a frase adecuada sería “No caso de membros da unidade familiar que carezan de ingresos sinalarase expresamente esta circunstancia”.

Décimo oitava.- Artigo 18. Declaracións responsables.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 2. e) deste proxecto normativo.

Décimo novena.- Artigo 19. Consentimentos e autorizacións.
En relación coas previsións contidas no apartado 1 deste artigo, este Comité continúa a aconsellar que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola persoa interesada e, en segundo lugar, a opción de que esta autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Vixésima.- Artigo 20. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de tres meses.

Este Comité considera que dito prazo non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

Vixésimo primeira.- Artigo 20. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de tres meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.

Vixésimo segunda.- Artigo 22. Pagamento das bolsas e axudas.
Este Comité considera que debería manterse a redacción que presentaba este artigo no seu apartado 2 na orde de axudas do ano 2016 e que establecía que “...o primeiro pagamento terá lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión”.

Vixésimo terceira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.
Proponse o mesmo respecto das disposicións transitorias e das disposicións derradeiras (sic).

Vixésimo cuarta.- Disposicións finais.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras (sic) que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 15. Modo de presentación das solicitudes.
Sinala este artigo que as solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica e que “no suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a presentación da solicitude e da documentación complementaria poderá ser válidamente realizada por unha persoa representante que si cumpra os anteditos requisitos…”.

Con respecto a isto, cabe manifestar que, sen perxuizo de estimar que a obriga de colaboración establecida  para as entidades, centros e empresas debería eliminarse, en todo caso  a redacción proposta neste artigo produce incertidume e inseguridade xurídica por canto coa estipulación da obriga de colaboración se estaría introducindo unha maior responsabilidade aos centros, entidades e empresas na xestión vía electrónica da solicitude e da documentación complementaria, pero sen clarificar a casuística derivada da devandita xestión (a obrigatoriedade ou non da xestión por vía electrónica, as problemáticas derivadas da revocación da autorización concedida inicialmente polo alumnado, etc.).