ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


Segundo a exposición de motivos, existe unha grande vinculación entre a formación e o emprego, xa que a formación con compromiso de contratación permite compatibilizar a necesidade da empresa de contar con persoal cualificado e adaptado ás súas formas de produción coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas, de tal xeito que aquela pode atender as súas necesidades máis inmediatas.


Este proxecto de orde pretende tamén atender prioritariamente as necesidades dos sectores estratéxicos e sectores emerxentes de Galicia definidos na Axenda de Competitividade “Galicia Industria 4.0” así como as especialidades vinculadas a familias profesionais con maior relación coa Industria 4.0, é dicir, 1) electricidade e electrónica, 2) fabricación mecánica, 3) instalación e mantemento e, 4), transporte e mantemento de vehículos.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016, publicado no DOG o día 11 de agosto de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 1 de xuño de 2016 (Ditame 14/2016), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


As novidades máis destacables deste novo proxecto de orde son as que afectan ao artigo 41.

En primeiro lugar, obsérvase unha alteración na orde da preferencia que se outorga a certos colectivos de persoas desempregadas para participar nos cursos.

Así mesmo, engádese un apartado 3 que recolle os criterios a aplicar no caso de empate no proceso de determinación das persoas que participarán nos cursos.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, sesenta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 11 de xaneiro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha consideración xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).



DITAME 3/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de xaneiro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón que se teñan en conta as consideracións formuladas no ditame 1/2017 sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2017, que resulten de aplicación a este novo proxecto.

Segunda.
Este Comité observa que seguen a existir neste proxecto normativo erros de forma e de redacción, entre outros:
.O uso das barras,  por exemplo nos artigos 25, 27 e 33.
.O emprego do masculino xenérico, por exemplo “alumnos” (artigo 48) ou “titor” (no artigo 27).
.No artigo 20 fálase de “Lei xeral de subvenciones”.
.O uso de letras impropias do alfabeto galego nas clasificacións: a letra j no artigo 4 e as letras j e k no artigo 24.
.O artigo 51.4 refírese, erroneamente, á contratación indefinida inicial a tempo parcial.

Proponse, polo tanto, a súa corrección.

Terceira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo faise referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é  preciso facer referencia a estes últimos.

Cuarta.
Nos artigos 12 e 24 establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria emendar a situación de ter “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 6. Solicitudes e prazo.
Segundo o apartado 6 deste precepto: “o prazo para a presentación das solicitudes das axudas establecidas no capítulo II virá determinado polo cronograma de procesos de selección que se establece no apartado 6 do artigo 20, de tal maneira que a data límite para a presentación de solicitudes no 2017 será o 31 de agosto.

Este Comité propón que se elimine a referencia ao cronograma, xa que eses prazos aluden á resolución das solicitudes e non á súa presentación, cuxa data límite figura xa a continuación.

Por outra banda, proponse que o prazo de presentación de solicitudes para o ano 2017 permaneza aberto todo o ano en concordancia cos prazos recollidos no baremo do artigo 20.6.

Segunda- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1, 3 e 5 deste artigo, este Comité continúa a aconsellar que se invirta a redacción destes preceptos, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Terceira.- Artigo 17. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.


Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.

Cuarta.- Artigo 18. Accións subvencionables e requisitos.
O apartado 2 deste precepto presenta unha redacción non conforme coas normas da linguaxe administrativa, polo que este Comité propón que se simplifique a redacción.

Quinta.- Artigo 41. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2.1º deste precepto fai referencia ás “mulleres, especialmente aquelas que teñan a condición de vítimas de violencia,...”.

Este Comité propón que a referencia se faga ás “mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero”, en concordancia co final deste mesmo apartado e con outras ordes anteriores.

Sexta.- Artigo 53. Exclusións.
Tanto no apartado 3 deste precepto como no artigo 60.3, alúdese a persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa ou única empresa.

Este Comité considera que debería se redactar correctamente e incorporar o concepto de “única empresa” que establece o apartado 2 do artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Oitava.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.





ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 52. Contía dos incentivos.
O apartado 3 deste artigo establece que “os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 100% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona”.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado,  debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.




Segunda.- Artigo 53. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Formúlase a mesma consideración respecto do apartado 4 do artigo 60.

Terceira.- Artigo 56. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste precepto establece a obriga das entidades beneficiarias de manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que ese prazo debería ampliarse a 5 anos.

Cuarta.- Artigo 58. Requisitos.
A sección 3ª regula os incentivos á contratación temporal nos artigos 58 e seguintes.

As organizacións sindicais consideran que non se deberían incentivar os contratos temporais de persoas desempregadas, senón fomentar exclusivamente a súa contratación indefinida.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 18. Accións subvencionables e requisitos.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o suposto das empresas que tivesen un expediente de regulación de emprego non debería operar como criterio de exclusión, como recolle o apartado 2 deste artigo.