ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de decembro de 2016 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado  parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia  2014-2020  e o Programa II , de  axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede  á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


Segundo a exposición de motivos, a realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posibles,  senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados.

Nese marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio.

Os programas que compoñen este proxecto normativo eran obxecto de dúas ordes independentes no exercicio anterior.
Vistos o borrador agora remitido, o texto das mesmas ordes para o exercicio de 2016, publicadas no DOG o 29 de decembro de 2015 e o 30 de decembro de 2015, respectivamente, e os ditames emitidos polo Consello con data 20 de novembro de 2015 (Ditame 37/2015 e Ditame 38/2015), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Nas definicións que recolle o artigo 5, obsérvase a incorporación da definición de “unidade familiar”, así como a supresión da de “Inmobilizado material”.

Respecto do programa de promoción do emprego autónomo, elimínase a subvención específica para iniciativas de autoemprego xuvenil que se destinaba a persoas menores de 30 anos.

A contía base da subvención fíxase en 2.000 euros (artigo 18), cando na orde para 2016 era de 5.000.

O procedemento de concesión xa non é o de concorrencia competitiva, como acontecía na orde para o exercicio anterior (artigo 21).

En canto ao programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, as contías base das axudas que recolle o artigo 32 increméntanse tanto para a contratación da primeira persoa traballadora indefinida (de 4.000 euros a 5.000) como para a contratación da segunda e terceira persoa (de 5.000 euros a 6.000).

A data para a presentación das solicitudes era o 30 de setembro; neste proxecto, o artigo 35 establece o prazo en función do momento en que se realiza a contratación subvencionable e será de dous meses desde a publicación da orde (para as contratacións anteriores a esa publicación) ou desde o inicio da relación laboral (para as contratacións posteriores).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado  parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia  2014-2020  e o Programa II , de  axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede  á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.  
O día 11 de xaneiro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dezaseis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e tres específicas manifestadas por UGT- Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo I) e oito específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).








DITAME 4/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado  parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia  2014-2020  e o Programa II , de  axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede  á súa convocatoria para o ano 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de decembro de 2016, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de xaneiro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que se debería incrementar sensiblemente a contía da axuda inicial prevista neste proxecto normativo.

Por outra banda, propón que se recupere a liña de axuda que subvencionaba a asistencia técnica e que se recollía na orde para a promoción do emprego autónomo do exercicio de 2013.

Segunda.
Este Comité reitera a súa petición de que sexa enviada a estatística da execución dos programas nos exercicios de 2014, 2015 e 2016.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os datos que ao Consello Galego de Relacións Laborais interesa coñecer, a efectos de avaliar o impacto real do programa correspondente. Estes datos son os seguintes:

a) Nº de solicitudes presentadas.
b) Nº de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes.
c) Nº de expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.
d) Nº de persoas traballadoras afectadas polo expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.

Ao abeiro do artigo 3.2 g) da Lei 5/2008, de 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais (tenor literal: Solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións), este Comité solicita que a información estatística conteña, como mínimo, os catro datos antes sinalados.

Terceira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo faise referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é  preciso facer referencia a estes últimos.

Cuarta.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo, xa que presenta erros na numeración dos artigos 25 e 27. No artigo 17 tamén se observa a ausencia dun apartado 1.

Tamén se observa, nos artigos 17 e 19, a utilización da letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


1. SOBRE AS DISPOSICIÓNS XERAIS E NORMAS COMÚNS

Primeira.- Artigo 2. Marco normativo.
No apartado 2 deste precepto faise referencia expresa a toda a normativa comunitaria que resulta de aplicación respecto do Programa I contido neste proxecto de orde. Sen embargo, o dito apartado remata cunha alusión xenérica á “normativa estatal de subvencionalidade dos gastos para o período 2014-2020”.

Este Comité propón que se explicite cal é esa normativa estatal.
Segunda.- Artigo 5. Definicións.
O apartado 4 define que debe entenderse por persoa desempregada que esgotase a prestación por desemprego.

Este Comité considera que se trata dunha definición innecesaria por referirse a un colectivo que non se ten en conta ao longo do texto da orde, polo que se propón a súa supresión.

Terceira.- Artigo 5. Definicións.
Aínda que o precepto leva por título “definicións”, chama a atención o feito de que o segundo e o terceiro parágrafo do apartado 1 recollen temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.

Este Comité propón que os referidos parágrafos se recollan noutro artigo.

Cuarta.- Artigo 5. Definicións.
No apartado 7 faise referencia a o Real Decreto 1079/2015, do 27 de novembro, cando a referencia debería facerse ao Real Decreto 363/2016, do 2 decembro (BOE do 17 de decembro de 2016), polo que se propón a súa corrección.

Quinta.- Artigo 6. Subvencións baixo a condición de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.
Sexta.- Artigo 9. Consentimentos e Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité continúa a aconsellar que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.


2. SOBRE O PROGRAMA I: PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO


Sétima.- Artigo 18. Contía da subvención.
Este artigo fixa a contía base da subvención en 2.000 euros, o que supón unha diminución de 3.000 euros respecto da que se establecía na orde para o exercicio anterior.

Polo tanto, este Comité considera que se debería incrementar sensiblemente a contía por entendela insuficiente.

Oitava.- Artigo 22. Documentación.
No apartado 1.i.d) faise unha referencia ao artigo 10.1 que debería facerse ao artigo 9.1.
Así mesmo, no apartado b) do artigo 25 faise unha referencia ao propio apartado b) que debería facerse ao apartado a).

Este Comité propón que se corrixan ambas referencias.

Novena.- Artigo 24. Xustificación e pagamento.
O apartado 7 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión.

Este Comité propón que se estableza expresamente un prazo razoable para a presentación da documentación, que podería ser de un mes.

Décima.- Artigo 24. Xustificación e pagamento
No apartado 8 deste artigo disponse que  “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.
Décimo primeira.- Artigo 25. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado a deste precepto fixa uns prazos durante os cales debe realizarse a actividade que fundamenta a concesión da subvención establecendo que, en caso de darse de baixa con anterioridade, debe comunicalo dentro do mes posterior. O incumprimento desta obriga comportará o reintegro total das axudas.

Este Comité propón que se engada un inciso para que isto soamente sexa así no caso de que non exista causa xustificada que impida a comunicación dentro dese prazo sinalado.

Décimo segunda.- Artigo 27. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
Segundo o apartado 8, “o incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas , no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar a un reintegro do 5% da axuda concedida”.

Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.


Décimo terceira.- Artigo 27. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas no apartado h) do artigo 25.

Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, polo que propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.


3. SOBRE O PROGRAMA II: AXUDAS AS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE PERSOAS ASALARIADAS.

Décimo cuarta.- Artigo 33. Exclusións.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos beneficios as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.


4. SOBRE AS DISPOSICIÓNS.

Décimo quinta.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo sexta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

CONSIDERACIÓN XERAL
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 33. Exclusións.
O apartado 4 desta base recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.


Segunda.- Artigo 40. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que: “Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

As organizacións sindicais considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Terceira.- Artigo 41. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos e no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a  manter  durante dous anos a contar desde a data  da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, respectivamente.

As organizacións sindicais consideran que o o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.






ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira. – Artigo 17. Persoas beneficiarias.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os demais requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo.

Segunda. – Artigo 17. Persoas beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, polo que propón que sexan beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.

Terceira. – Artigo 20. Presentación de solicitudes.
O apartado 5 deste artigo establece que a persoa interesada poderá contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En relación co disposto neste artigo, a CEG solicita que sexan  incluídas no asesoramento as entidades sen ánimo de lucro que veñen facendo labores de apoio nesta materia con ampla experiencia na colaboración coa citada Consellería.

Cuarta. – Artigo 22. Documentación.
O apartado 1.c) esixe presentar un plan de negocio empresarial que deberá, segundo o parágrafo seguinte, ter informada a súa viabilidade económica e financeira por unha entidade independente.

A CEG entende que debería ser suficiente a presentación do Plan, polo que propón que se suprima a esixencia dun informe acerca da súa viabilidade.

Quinta.- Artigo 33. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto exclúe dos beneficios deste proxecto normativo os contratos realizados con familiares, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, con algunha excepción.

A CEG propón que se suprima a citada exclusión do apartado 2 co ánimo de facilitar a inclusión laboral de familiares nas iniciativas de autoemprego e porque constitúen, en moitos casos, un apoio fundamental para a súa viabilidade.

Sexta.- Artigo 33. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 3 meses prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter temporal.

Na opinión da CEG, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran recentemente na empresa por un período de corta duración podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación indefinida.

Sétima.- Artigo 39. Xustificación e pagamento.
A CEG considera que debería especificarse o momento do pagamento, xa que ao non facer mención pode xerar inseguridade nas empresas que poidan optar a este programa de incentivos.

Oitava.- Artigo 42. Reintegros.
No apartado 2.ii) deste artigo estipúlase que, respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fóra do prazo que concede a Orde, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do mes no que aquela se realice.

A CEG propón que se modifique a redacción para que o sistema de cálculo prevexa a devolución exclusivamente pola parte do mes a que o posto estivo vacante.

Tamén con respecto ao apartado 3.iii), deberá preverse a devolución parcial tendo en conta a xornada real no mes da substitución, eliminando que o mesmo mes que se leve a cabo a substitución sexa computado entre os meses con xornada inferior.