ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas novas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), correspondente aos exercicios de 2017 e 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de xaneiro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas novas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), correspondente aos exercicios de 2017 e 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


A garantía xuvenil baseada na Recomendación do Consello, do 22 de abril do 2013 (2013/C120/01), insta aos Estados a que todas as persoas novas reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendizaxe ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregado ou finalizar a educación formal.

Segundo a exposición de motivos, o colectivo ao que se dirixen as accións incluídas no Programa Operativo de Emprego Xuvenil é o de persoas maiores de 16 anos e menores de 25 anos, ou menores de 30 anos no caso de persoas novas cun grado de discapacidade igual ou superiora ao 33%, que se atopan desempregados ou inactivos e que non estudan nin realizan ningún tipo de formación.

Neste proxecto de Orde establécense as áreas de traballo nas que deberán enmarcarse as propostas de participación presentadas, en concordancia cos obxectivos específicos aos que se dirixe (a prioridade de investimento 8.2. que contribúe ao “OT 8. Promover a sostibilidade e a calidade do emprego e favorecer a mobilidade laboral”).

Dentro do obxectivo específico 8.2.2 destaca o de reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas novas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, co obxectivo último de acadar os seguintes resultados:

1. Lograr a mellora directa da empregabilidade das persoas novas, mediante a adquisición das aptitudes e competencias necesarias, de forma que sexa posible a súa incorporación ao mercado laboral de forma estable e duradeira no tempo.
2. Aumentar o nivel de formación das persoas novas que abandonaron os estudos demasiado cedo para incorporarse ao mercado de traballo ou que, unha vez perdido o posto de traballo, non atopan oportunidades laborais, potenciando especialmente o aumento de colectivo con níveis medios de formación.
3. Conseguir a reconversión e a reciclaxe das persoas novas con níveis de formación elevados pero non axeitados ás necesidades do mercado laboral.
4. Poñer en marcha programas de mobilidade tanto nacionais como europeos, que contribúan á mellora da formación e a empregabilidade das persoas novas.
5. Mellorar a formación en idiomas e as novas tecnoloxías das persoas novas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación e formación.

O II Plan Galego de Formación Profesional defínese basicamente como un plan que concibe integralmente a política de cualificacións e de formación profesional, que implica seguir avanzando cara á constitución dun sistema de formación profesional integrado en Galicia e supón considerar como beneficiario deste plan ao conxunto da poboación activa. Para acadar estes obxectivos, o plan artéllase a través de catro liñas estratéxicas de actuación que inciden, na integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, no óptimo aproveitamento dos recursos e da xestión, na calidade e innovación e na promoción da aprendizaxe permanente ao longo da vida.


Vistos o borrador agora remitido, o texto do proxecto da mesma orde para o exercicio de 2015 (que non chegou a publicarse) e o ditame emitido polo Consello con data 13 de marzo de 2015 (Ditame 10/2015), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Neste novo proxecto prevese a convocatoria bianual das axudas (artigo 2).

Respecto dos criterios de valoración que recolle o artigo 10, obsérvase que xa non se valoran criterios como a xestión do centro ou a capacidade e a experiencia acreditada da entidade e que se varía a puntuación outorgada a algúns dos criterios (como o compromiso de inserción, que pasa de 10 a 20 puntos). Como novidade, inclúe como criterio de valoración a compromiso a colaborar na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado.

Finalmente, xa non se fixa unha puntuación mínima requirida, senón que as comisións de valoración fixarán o mínimo de puntos esixibles en atención ao promedio das puntuacións obtidas polo conxunto de solicitudes presentadas nos seus correspondentes ámbitos territoriais.

O prazo para a resolución das solicitudes e a súa notificación redúcese de 5 a 3 meses (artigo 12).
No anterior proxecto normativo especificábase como determinar o importe das accións formativas, mentres que o actual artigo 16 se limita a remitir a normativa comunitaria para determinar o sistema de pagamentos.
Tampouco se especifican os custos subvencionables.

En canto ás persoas destinatarias da formación, xa non se recolle neste proxecto de orde a relación dos colectivos de persoas desempregadas que terán preferencia para a participación nos cursos (artigo 23).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas novas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), correspondente aos exercicios de 2017 e 2018” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.



O día 20 de xaneiro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén once consideracións xerais e trinta e dúas específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes:

• Dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I)
• Unha específicas manifestada polos sindicatos UGT e CC.OO e a CEG (Anexo II)
• Unha xeral e unha específica manifestadas polo sindicato CIG (Anexo III)
• Oito específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV)








DITAME 5/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas novas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), correspondente aos exercicios de 2017 e 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xaneiro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xaneiro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, sentou a base para un cambio de modelo sen o acordo das organizacións sindicais e empresariais, que se viron excluídas de facto do sistema.

A pesar de estar previstos na dita lei algúns resquicios de participación por parte desas organizacións, esta participación non se fai efectiva no texto desde proxecto de orde.

Segunda.
Este Comité propón que, sempre que a normativa comunitaria o permita, se amplíe o límite de idade das persoas destinatarias deste tipo de axudas, ao considerar que o colectivo de persoas mozas afectadas polo desemprego no noso pais supera as limitacións de idade que se establecen neste proxecto de orde.

Terceira.
Para atenuar o impacto dos retrasos nas liquidacións das subvencións, este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, como, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.



Cuarta.
Este Comité opina que debería considerarse a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración e ter en conta aquelas accións que, aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Quinta.
Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nesta convocatoria.

No que se refire á xestión administrativa, é necesaria unha maior axilidade na xestión e unha simplificación das obrigas administrativas que leva consigo a execución das accións e evitar que os centros teñan que remitir a documentación esixida vía SIFO e tamén en papel.

Finalmente, deberían evitarse as duplicidades na entrega da mesma documentación nas distintas fases do procedemento.

Sexta.
Este Comité propón que no texto do proxecto normativo se prevea o financiamento do persoal de apoio ás persoas con discapacidade, sobre todo ao ter en conta que un dos colectivos beneficiarios é o das persoas entre 25 e 30 anos cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Sétima.
Este Comité considera, respecto do procedemento de presentación de solicitudes e documentación complementaria, que se debería poder optar entre a presentación telemática e a presentación en papel por rexistro, dereito recoñecido á cidadanía na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo común das Administracións Públicas.

Oitava.
Este Comité propón que se elabore unha guía específica por parte da Dirección Xeral de Emprego na que se aclaren todas as cuestións relativas ao financiamento, execución e xustificación das accións.

Por exemplo, debería conter no sistema de xustificación algún método para facer fronte á posibilidade de realizar amortizacións aceleradas, previa solicitude motivada á administración debido a que o equipamento, as instalacións e a maquinaria, que supoñen unha elevada inversión, poden estar afectados por necesidades de renovación para adaptarse continuamente aos requirimentos de actualización tecnolóxica.

Este Comité considera, ademais, que no texto do proxecto normativo debería facerse referencia á devandita guía e que esta debería publicarse antes do inicio das accións formativas.

Novena.
O esquema de xestión diseminado por provincias vén ocasionando erros e problemas nos trámites que teñen que facer tanto a Administración como as entidades de formación de ámbito supraprovincial.
Este Comité considera ademais que, para garantir adecuadamente a concorrencia competitiva, a xestión, execución e resolución de todas as solicitudes desta convocatoria deberían corresponder a un só órgano: a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

En calquera caso, solicítase que os criterios de aplicación de toda a norma sexan únicos para toda Galicia.

Décima.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

Décimo primeira.
Este Comité observa algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso reiterado das barras (por exemplo: alumnos/as no artigo 15 ou socio/a no artigo 20) e do masculino xenérico (por exemplo: alumnos no artigo 20), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

Tamén existen erros ortográficos como “a la solicitude” en lugar de “á solicitude” no artigo 8.

Ademais a redacción resulta farragosa e confusa en ocasións, por exemplo no artigo 16.3 ou no artigo 24.1.e), parágrafo 2º.

Finalmente, o texto presenta saltos na numeración de artigos, así como  repeticións e saltos nos apartados e subapartados.

Por todo isto, proponse unha revisión do texto do proxecto normativo.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. – Artigo 2. Dotación financeira.
Este Comité observa unha redución do 36% na partida orzamentaria para entidades sen ánimo de lucro respecto da prevista no proxecto de orde para 2015 cando, ademais, o período de execución do actual proxecto é máis amplo.

Polo exposto, proponse que se incremente significativamente a contía destinada ás entidades sen ánimo de lucro.

Segunda. – Artigo 3. Entidades beneficiarias.
Co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais, este Comité considera que debería incluírse unha vía específica para que podan ser entidades beneficiarias das accións formativas as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación.

Terceira. - Artigo 3. Entidades beneficiarias.
Este precepto considera entidades beneficiarias a todos aqueles centros e entidades de formación acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, naquelas especialidades formativas en que estean inscritos ou acreditados á data de publicación desta orde.

Este Comité considera que debería permitirse participar tamén aos centros naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Cuarta.- Artigo 8. Documentación a presentar acompañando a la (sic) solicitude.
O apartado 6 deste precepto establece que forma parte da solicitude a declaración responsable que fará constar, segundo a letra h), que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita.

Este Comité considera que se trata dunha obriga inconcreta e que pode ser discrecional, polo que debería especificarse no texto do artigo que se entende por “capacidade suficiente”.

Quinta.- Artigo 10. Procedemento.
Este Comité considera que, para a elaboración do anexo I referido neste artigo, se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.

Sexta.- Artigo 10. Procedemento.
No apartado 4.1º deste artigo establécese que “A inserción deberá terse realizado nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida. Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso...”.

Este Comité considera que se debería substituír este texto por: “Consideraranse inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso.”

Sétima.- Artigo 10. Procedemento.
O compromiso de inserción laboral debería ser máis flexible no referido aos prazos, xa que, dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada e, polo tanto, debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural posterior á finalización das accións, as baixas producidas ao longo do curso por colocación ou que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.

En segundo lugar, este Comité considera que, aínda que é procedente valorar a inserción laboral das persoas formadas, a puntuación outorgada no apartado 4.1º é excesiva e debería minorarse.

Finalmente, este Comité considera que deberían terse en conta as maiores dificultades de acceso ao emprego das persoas con discapacidade e eliminar, para este colectivo, a priorización dos certificados de profesionalidade establecidos no punto 2º do apartado 4.

Oitava.- Artigo 10. Procedemento.
Este Comité propón que se inclúa, entre os criterios de valoración que recolle o apartado 4 deste artigo, a xestión do centro e a experiencia na impartición profesional.

Novena.- Artigo 10. Procedemento.
Este Comité considera que a valoración establecida para o compromiso de colaboración na xestión das axudas ou bolsas so alumnado, recollida no ítem 2º do apartado 4), non é admisible dado que o gran peso desta puntuación obriga implicitamente aos centros de formación a facerse cargo dunha tarefa que non é competencia nin responsabilidade súa e que, ademais, non é retribuída.

Así mesmo, non é posible coñecer o volume de alumnos e alumnas que deben ser xestionados nin as xestións que conlevarán.

Finalmente, hai que engadir que é o alumnado quen decide a fórmula de notificación, polo que o centro non debe ser penalizado por dita elección sempre e cando lle ofreza ao alumnado esa xestión e este opte por outra vía.

Polo exposto, solicítase a supresión do citado ítem 2º e que se adapte a esta circunstancia a orde reguladora das citadas axudas para o período 2017/2018.

Décima.- Artigo 10. Procedemento.
O apartado 4, ítem 4º, valora con 5 puntos a situación do centro de formación na data de publicación da presente orde respecto da implantación dun sistema ou modelo de calidade na xestión/actividade que desenvolva a entidade impartidora nas accións formativas.

Este Comité considera debería incrementase a puntuación outorgada a este criterio, sobre todo cando o que se valora é a implantación dun sistema de calidade, o cal resulta laborioso e custoso.

Décimo primeira.- Artigo 10. Procedemento.
O ítem 5º do apartado 4 valora con ata 5 puntos as solicitudes que presentan un proxecto formativo cunha metodoloxía innovadora ou que introduza de forma significativa as novas tecnoloxías para a impartición da acción formativa.

Este Comité solicita que se clarifique e concrete que se entende por “metodoloxía innovadora”.

Décimo segunda.- Artigo 10. Procedemento.
Segundo o apartado 6 deste artigo “As comisións de valoración, fomentando a formación no rural, determinarán o número de cursos a realizar en cada comarca, en función da poboación desempregada, e o número de cursos a realizar por especialidade formativa atendendo á diversificación da oferta formativa. En todo caso, as comisións de valoración aseguraranse, na medida do que o permitan as solicitudes que se presenten, de que en todas as comarcas do seu ámbito territorial  exista un mínimo de actividades formativas”.

Ao respecto, este Comité considera que debería determinarse, na propia orde, o desenvolvemento destes criterios dispoñibles polas Comisións de valoración, para que as entidades solicitantes os coñezan previamente á presentación das súas solicitudes.

Décimo terceira.- Artigo 10. Procedemento.
O segundo parágrafo do apartado 6 deste artigo, recolle que unha mesma entidade beneficiaria non poderá ser adxudicataria de accións formativas que presenten un monto superior a 300.000 € por provincia nin que superen as 2.600 horas por aula para o conxunto do período que abrangue esta convocatoria, ademáis, o número de horas por acción formativa non pode superar as 5 por día, nin as 25 horas semanais.

Este Comité considera que esa limitación do financiamento vai en contra doutros criterios que recolle o propio proxecto normativo, ademais do principio básico de concorrencia competitiva, xa que se basea nun criterio económico e non de capacidade de xestión.

Isto prexudica a aquelas entidades que posúan máis dun centro na provincia, en diferentes comarcas, e que demostraran ter realizado un esforzo en xestión, homologación de especialidades e calidade nos centros.

Polo tanto, solicítase que se suprima ese parágrafo.

Subsidiariamente, proponse que o límite máximo de 300.000 euros se incremente ata 1.200.000 por centro ou entidade de formación acreditado en atención á súa capacidade suficiente de execución en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos para todo o período desta convocatoria e, en todo caso, que se supriman o resto de criterios limitativos que recolle o devandito parágrafo.

Décimo cuarta.- Artigo 10. Procedemento.
O apartado 8 deste artigo establece que as comisións de valoración, en atención ao promedio das puntuacións obtidas polo conxunto de solicitudes presentadas nos seus correspondentes ámbitos territoriais, fixarán o mínimo de puntos esixibles.

Este Comité considera que é preciso establecer nesta orde un mínimo de puntuación esixible que sexa coñecido.

Décimo quinta.- Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 1 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.


Décimo sexta.- Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 2 establece unha serie de obrigas que as entidades beneficiarias deben cumprir, como mínimo, 15 días antes do inicio do curso, entre elas a de achegar un convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde se realizarán as prácticas.

Este Comité considera que debería achegarse un compromiso da entidade de realizar as prácticas e presentar os convenios cando a acción formativa estivera concedida para non comprometer ás empresas sen necesidade.

Respecto ao prazo de 15 días, este Comité considera que pode ser un problema porque con tanta antelación se fai difícil garantir os acordos debido á conxuntura cambiante á que se ven sometidas as empresas. A isto hai que engadir que se descoñece que alumnos van realizar o módulo de prácticas, xa que deben superar e ser aptos nos módulos teóricos anteriores. Por este motivo, proponse que o prazo se reduza a 5 días, por consideralo suficiente.

Décimo sétima. - Artigo 15.-Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 inclúese un parágrafo segundo o cal: “As persoas docentes (...) deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero”.

Este Comité propón eliminar a preposición “de” da redacción, xa que parece dar a entender que con 150 horas se adquire experiencia profesional ou docente en materia de xénero, cando esa referencia alude só á formación.

Décimo oitava.- Artigo 17. Anticipos.
O apartado 3 deste artigo establece que o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan, non poderá ser superior ao 80% do importe da subvención concedido.

Sin embargo, esa previsión é irreal xa que, na práctica, a falta de capacidade de xestión da Administración e do propio programa  SIFO III inviabiliza chegar a esa porcentaxe do 80% e fai casi imposible realizar xustificacións parciais.

Polo tanto, este Comité propón que a Administración realice as melloras administrativas e informáticas precisas para que se poidan realizar efectivamente xustificacións parciais e para que, en consecuencia, se poida acceder realmente a eses pagamentos parciais previstos no texto do proxecto.

Décimo novena.- Artigo 18. Execución da actividade por parte das entidades beneficiarias.
O apartado 5 establece a obriga de dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Este Comité considera que se trata dun método excesivamente custoso, polo que se debería optar por un sistema de control menos gravoso.

En todo caso, este Comité quere chamar a atención sobre a posible colisión deste sistema de control biométrico cos dereitos recoñecidos á cidadanía na Lei de protección de datos de carácter persoal.

Vixésima.- Artigo 18. Execución da actividade por parte das entidades beneficiarias.
No apartado 12 deste artigo establécese a obriga de dispoñer de libros contables, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas.

Este Comité considera que deberían engadirse os termos “contabilidade financeira ou analítica”.

Vixésimo primeira.- Artigo 20. Xustificación da axeitada execución.
O apartado 2 deste precepto establece que, xunto coa solicitude de pago, presentarase “ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes desde o cobramento da subvención, depósito legal ou extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida”.
Este Comité considera que esa obriga é de imposible cumprimento no momento de solicitar o pagamento e, ademais, entende que non procede xustificar o cobro ante a propia Administración pagadora, polo que propón que se suprima o contido do citado apartado 2.
Vixésimo segunda.– Artigo 20. Xustificación da axeitada execución.
Este Comité observa que se fai referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é  preciso facer referencia a estes últimos.

Vixésimo terceira.- Artigo 21. Pista de auditoría.
Á vista do establecido nos parágrafos primeiro e segundo deste artigo, este Comité considera excesivo que se obrigue aos centros a contar cun cartafol independente por cada actividade formativa, polo que se propón a supresión desta obriga.

Vixésimo cuarta.- Artigo 22. Accións formativas.
No apartado 2 deste artigo establécese que: “As accións formativas deberán estar (…) contempladas no anexo I da presente orde”.

Este Comité propón que se concrete cales son as accións subvencionables.

Vixésimo quinta.- Artigo 24. Selección do alumnado.
Respecto ao establecido no apartado 1 letra e) epígrafe i deste artigo, relativo a que a selección do alumnado que se realice mediante un anuncio en prensa deberase publicar en domingo, agás que a xefatura territorial correspondente autorice a súa publicación nun día distinto, este Comité propón que se poida acudir a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.

Vixésimo sexta.- Artigo 24. Selección do alumnado.
No apartado 3 recóllese a posibilidade de substituír o alumnado que non se incorpore ou se dea de baixa, aínda que só durante os primeiros cinco días lectivos.

Este Comité considera que debería permitirse esa substitución máis aló dese prazo de 5 días e fixar unha porcentaxe en función da duración da acción (xa que non ten a mesma repercusión nun certificado de 300 horas que nun de 600), cun máximo do 25%.

Así mesmo, debería terse en conta esta circunstancia no cálculo do alumnado subvencionado.

Vixésimo sétima.- Artigo 25. Módulos transversais.
No apartado 5 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”.

Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicir: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.

Vixésimo oitava.- .- Artigo 27. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado 1 sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% da especialidade formativa”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Vixésimo novena.- Artigo 28.Prácticas non laborais.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, sería desexable establecer unhas instrucións  para o correcto desenvolvemento das prácticas e atender aspectos como o calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos derivados da posible casuística.

Trixésima.- Artigo 30. Incumprimentos.
Respecto dos incumprimentos recollidos no apartado 2 e, especialmente, os dos subapartados c), f) e h), este Comité entende que os reintegros do 100% previstos para eses supostos de incumprimento son excesivos e considera que esta materia está mellor regulada na Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente aos exercicios de 2017 e 2018, polo que propón que se substitúa polo previsto nela.

Trixésimo primeira.- Disposición Adicional Terceira.
Nesta Disposición Adicional faise referencia á obtención concorrente de subvencións ou axudas “outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que, para evitar confusión interpretativa, o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Trixésimo segunda.- Anexo I.
Este Comité propón a inclusión neste Anexo de accións formativas para a adquisición de competencias clave de nivel II xa que, ao ter en conta o colectivo ao que se dirixe este proxecto normativo, entende que sería máis congruente co obxectivo do dito proxecto.






ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 10. Procedemento.
O apartado 4.3º deste precepto valora con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas.

As organizacións sindicais propoñen que se outorguen ata 15 puntos cando se use o galego en todos os trámites e procesos formativos.

Segunda.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 13 deste artigo establece a obriga de incorporar, na xustificación dos gastos efectivamente realizados, un informe de revisión de conta xustificativa de subvencións, asinado por unha persoa auditora inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

As organizacións sindicais consideran que o control e supervisión da xustificación de gastos é un cometido que compete directamente á Consellería de Economía, Emprego e Industria e aos órganos autonómicos, estatais e da Unión Europea, no seu caso, encargados da súa fiscalización e control. Polo exposto, non se comparte a previsión de que se resolva o control mediante auditorías privadas por encargo da entidade beneficiaria.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E SINDICATO NACIONAL DE CC.OO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 28.- Prácticas non laborais.
As citadas organizacións consideran que non compete a esta norma a esixencia da documentación requirida no apartado 1.2 deste artigo para o inicio das prácticas, relativa á propia actividade da empresa, como a licenza de apertura, ou o cumprimento da normativa en PRL, xa que de non estar ao día a autoridade competente non permitiría que a empresa desempeñase a súa actividade.

Debería ser suficiente con presentar unha declaración.




ANEXO III


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Consideración xeral.
O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feíto de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.

A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequena e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc. Antes ao contrario, as políticas de austeridade que se aplican, alimentan a destrución de emprego e incrementan o impacto da crise.

Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.

As denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.

Finalmente, a este respecto habería que engadir e lembrar que o criterio unánime do Consello Galego de Relacións Laborais, segundo se fai constar na Consideración Xeral Primeira do seu ditame 18/2014 é que "non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral de Accións Formativas para persoas traballadoras desempregadas, como vía de programación específica".

Consideración específica:
Artigo 25. Módulos transversais.
En relación coa formación en materia de Prevención de Riscos Laborais, a CIG considera que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia debería impulsar a elaboración de Catálogos Formativos nesa materia, para os sectores da Construción e do Metal, dado que as limitacións impostas nos procesos vencellados á obtención das denominadas “Tarxetas Profesionais”, especialmente no primeiro sector mencionado, imposibilitan na práctica a homologación para poder impartir con medios propios estes concretos módulos transversais.
ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


Primeira.- Artigo 10. Procedemento.
O compromiso de inserción laboral regulada no apartado 4.1º debe ser máis flexible no tempo (duración), xa que dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada.
Por iso, a CEG considera que debería terse en conta a inserción por un período mínimo de 3 meses ou as colocacións que se produzan nos catro meses seguintes á finalización do curso. Ademais, estes límites non deberían terse en conta en algúns tipos de contratos (como o contrato por obra ou servizo) e deberían valorarse circunstancias como as baixas producidas ao longo do curso por colocación (independentemente da porcentaxe de formación recibida), e tamén debería valorarse a posibilidade de eliminar a esixencia de que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.
Segunda.- Artigo 10. Procedemento.
O apartado 2.3º deste artigo avalía con 5 puntos o emprego da lingua galega.

A CEG non se opón a que se avalíe o emprego da lingua galega, nin tampouco á mención establecida no artigo 20.2.letra l) da lei 9/2007, de subvencións. Solicítase que a dita avaliación non se centre exclusivamente na utilización polos docentes na impartición das accións formativas.

Na opinión da CEG, deberían permitirse varias opcións alternativas para as entidades impartidoras tendo en consideración a garantía da calidade da formación (elaboración de materiais, docencia, documentación de xestión das axudas, etc.), de tal xeito que non quede centrada exclusivamente na súa utilización polos docentes na impartición das accións formativas. Neste senso flexibilizador, tamén deberíase considerar que na Formación Profesional Reglada se establece unha obriga de compromiso do 50% (non do 100%) dos contidos da formación,indicando ao comezo da acción formativa cales serán os contidos que se desenvolverán en galego.

Terceira.- Artigo 24. Selección do alumnado.
A CEG considera que o proceso de captación do alumnado non é o máis desexable. Isto débese a que, en algúns casos, selecciónanse desde o Servizo Público de Emprego de Galicia persoas que non cumpren os requisitos que marcan os certificados, ou ben persoas que non manifestan ningún interese en realizar a acción formativa que se lles propón. Desde algunhas oficinas anímase aos demandantes a inscribirse en máis dun curso, independentemente de que teñan ou non interese. Todo elo provoca que alumnado desmotivado sexa beneficiario de accións formativas en detrimento de persoas que si poderían estar interesadas.

Para a captación de alumnado, a CEG considera que deberían terse en conta as necesidades formativas detectadas polos orientadores laborais atendendo ao perfil profesional.

Cuarta.- Artigo 24. Selección do alumnado.
O apartado 3 deste artigo permite que o alumnado que teña probadas unha ou varias unidades de competencia se poidan incorporar nos 5 primeiros días lectivos da dita unidade. A CEG considera que esta posibilidade ten un custo económico que non é contemplado no rateo de alumnos que se realiza no primeiro carto das horas lectivas, xa que estas poden ter transcorrido xa, polo que se pide que se teña en conta esta circunstancia.

Quinta.- Artigo 25. Módulos transversais.
A CEG considera que deberían revisarse as materias a impartir nestes módulos, e incluir outras materias de interese para as persoas destinatarias e os criterios para homologalos, posto que provocan duplicidades de xestión.

Sexta.- Artigo 26. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 6 establécese que: “A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.

A CEG considera que é necesario aclarar qué se entende por “calquera outro medio”, en tanto en canto o alumnado debe estar advertido do modo de xustificación das ausencias.

Sétima.- Artigo 28. Prácticas non laborais.
Polo que se refire ao período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, co motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal as entidades beneficiarias dependen de terceiros, a CEG solicita unha redución dos tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación á data de inicio das prácticas e non os dez días hábiles que se recollen no actual proxecto normativo, tal e como se viña establecendo anteriormente.

Oitava.- Artigo 28. Prácticas non laborais.
No apartado 1.7 deste artigo establécese que as empresas deberán comunicar aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vaia realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

A CEG considera que as entidades non deberían establecer os procedementos internos das empresas, co cal serán elas mesmas as que decidan o que nas súas empresas deben comunicar, a quen e como.