ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O FUNCIONAMENTO DOS CENTROS ASOCIADOS Ó SERVICIO GALEGO DE COLOCACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES E A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DAS COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS DAS ACCIÓNS A REALIZAR POLOS CENTROS ASOCIADOS.

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de febreiro de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de febreiro de 2003, acordou por UNANIMIDADE pronunciarse en canto as seguintes  consideracións:


O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro de 2002, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E MAILA ORGANIZACIÓN SINDICAL DE UGT-GALICIA.


Consideración de carácter xeral.
O período do ano no que debe facerse a renovación da subvención non debería coincidir coa data de inicio das programacións de cursos de formación ocupacional, xa que a solicitude da devandita formación constitúe un dos servicios ofertados dentro da subvención.

Primeira.- Artigo 5º. Accións complementarias ó tratamento de demandas de emprego e ofertas de traballo.

Dentro deste artigo, no que se define en qué consisten as denominadas accións complementarias ó tratamento de demandas de emprego e ofertas de traballo, faise alusión á comprobación da dispoñibilidade de precandidaturas que resulten do emparellamento entre o perfil do posto de traballo ofertado e a base de datos de demandantes. Esta acción lles foi suprimida ós centros para pasar a realizala os Servicios Centrais da Consellería; sen embargo, no artigo 14º continúase establecendo a compensación económica  pola realización desta acción.
Non queda claro da redacción do citado artigo 5º se é competencia dos centros asociados a comprobación da dispoñibilidade.

Segunda. Artigo 8º. Solicitude.
Respecto do establecido neste artigo, considérase que non debería ser necesario que os centros asociados teñan que presentar ano tras ano a mesma documentación. Parece máis lóxico que, se as circunstancias non varían, unicamente houbera que presentar unha solicitude de renovación sen aportar nada máis.

Terceira.- Artigo 9º. Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes amplíase a 40 días hábiles, cando en convocatorias anteriores era de 20 días. Parece excesivo este novo prazo toda vez que os centros que xa veñen desenvolvendo estas accións deben aportar unha documentación mínima. Ademáis, o novo prazo implicaría un retraso na resolución das solicitudes.
Polo exposto, a CEG e maila UGT Galicia consideran que o prazo debe seguir sendo de 20 días hábiles.

Cuarta.- Artigo 10. Criterios de adxudicación.

Dentro dos criterios de adxudicación do Servicio Galego de Colocación valórase, tal e como se establece neste artigo, a captación de demandantes de emprego, o cal non parece lóxico por ser a propia Consellería quen direcciona ós demandantes ós diferentes centros en base a criterios por ela establecidos.
En consecuencia, a CEG e maila UGT consideran que debería suprimirse ou matizarse o devandito criterio.

Quinta.- Artigo 11º.Tramitación e resolución.

No apartado 2 deste artigo establécese que “o director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará resolución motivada e seralles notificada ós interesados”. Non obstante o anterior, o apartado 4 deste mesmo artigo, in fine, di que de transcorrer o prazo de resolución “sen que recaese resolución expresa, esta poderá entenderse desestimatoria”.
Obsérvase unha contradicción entre o disposto nos devanditos apartados, que introduce aleatoriedade xa que moitas resolucións resultan desestimatorias por non seren resoltas en prazo, e polo tanto non son motivadas.


Sexta.- Artigo 13º. Compensacións económicas polas accións de captación de oferta.

Respecto das contías establecidas neste artigo para as diferentes accións, obsérvase que non se modifican as contías económicas por oferta captada e que continúa a discriminación negativa para aqueles centros que ofrecen o servicio de orientación laboral, por ser notoriamente menor a compensación, de 9 euros, fronte ós 27 euros para o resto dos centros. Non está xustificada a diferencia.
A CEG e maila UGT consideran que habería que valorar a prestación de servicios no seu conxunto para a determinación das mencionadas contías.