ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de xaneiro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.  


Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo remitido, o colectivo das persoas desempregadas paradas de longa duración é o que está a sufrir, en maior medida, o incremento das dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo, polo que resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que contribúan a reducir o tempo que as persoas traballadoras pasan en situación de desemprego e faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

Unha desas medidas sería o deseño dun programa de incentivos á contratación por conta allea destinado a dotar de novas oportunidades ao citado colectivo dadas as súas maiores dificultades de colocación, que é o programa obxecto deste proxecto de orde.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016, publicado no DOG o día 26 de xullo de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 24 de maio de 2016 (Ditame 8/2016), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, obsérvase a supresión do programa específico de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos, que se regulaba no Capítulo III da Orde para o exercicio 2016.

Respecto á contía dos incentivos, este proxecto normativo engade dous novos supostos nos que a contía xeral da subvención se incrementa: se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social e se a persoa pertence a unha unidade familiar na que todos os seus membros están desempregados (artigo 9).

Ademais, no suposto de que a empresa teña no seu cadro de persoal un mínimo do 75% de persoal indefinido, a subvención será de 12.500 euros, que son 2.500 menos do que se prevía no exercicio anterior (artigo 9).

O prazo para resolver as solicitudes e notificalas redúcese de cinco a tres meses (artigo 20).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2017”  consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.


O día 14 de febreiro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dez consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e dúas xerais e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).











DITAME 6/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2017, da Consellería Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de xaneiro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de febreiro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CIG E POLA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL CEG.


Este Comité propón una revisión do texto do proxecto para corrixir algúns erros que figuran ao longo del, como por exemplo, os seguintes:
-No primeiro parágrafo da exposición de motivos faise referencia ao Real Decreto Legislativo 3/2015, cando debería referirse ao Real Decreto Lexislativo 3/2015.
-Tamén na exposición de motivos, no seu parágrafo décimo, se establece que: “(...) consideraranse automaticament prorrogados os do exercicio inmediato anterior”, debendo substituír a expresión en cursiva pola forma correcta “automaticamente”.
-Obsérvase o emprego da letra j na numeración do artigo 6, que é impropia do alfabeto galego polo que debería substituírse pola que corresponda.
-As dúas disposicións adicionais que figuran no texto non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. O mesmo se observa respecto das disposicións finais.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de Motivos.
Segundo o parágrafo cuarto da exposición de motivos, “a Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que nesta liña se pretende tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia”.
Este Comité considera que, dado que ao longo do proxecto normativo non aparece nin unha mínima alusión ao respecto do retorno e a incorporación laboral da poboación galega no exterior, deberían recollerse nel medidas concretas destinadas á poboación laboralmente activa que resida fóra de Galicia.

Segunda.- Exposición de Motivos.
O parágrafo décimo primeiro da exposición de motivos fai referencia ao proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, cando xa consta aprobada a Lei 1/2017, de 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, polo que se propón que a referencia se faga a esta última.

Terceira.- Artigo 9. Contía dos incentivos.
Segundo os apartados 2 e 4 deste precepto: “a contía dos incentivos será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación o, no seu defecto, da xornada máxima legal”.

Este Comité considera que debería regularse a situación para o suposto específico dos contratos baixo a modalidade fixo descontinua.

Cuarta.- Artigo 10. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto recolle unha serie de excepcións en que non procede a exclusión establecida ao comezo deste apartado e, entre elas, o caso “dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate a un só familiar menor de 45 anos (...)”.

Este Comité considera que debería eliminarse esa referencia á idade en tanto en canto os menores de 45 anos están xa excluídos do colectivo beneficiario deste proxecto de orde no seu artigo 5.1.

Quinta.- Artigo 14.- Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Segundo este artigo: “Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do Cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia”.

Este Comité considera que as persoas interesadas deberían poder optar entre realizar os trámites administrativos electronicamente ou de xeito presencial, ao tratarse de persoas físicas.

Sexta.- Artigo 15.- Consentimentos e autorizacións.
En relación co establecido nos apartados 1 e 2, este Comité propón que se invirta a redacción destes preceptos, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Sétima.- Artigo 19. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Este Comité considera que se debería revisar a redacción do apartado 3 deste artigo e establecer a posibilidade de substitución da persoa traballadora  para os casos en que a baixa se produza por causas alleas á empresa, en lugar de entender que esta desiste da súa solicitude.

Oitava.- Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Novena.- Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo establécese a obriga das persoas ou entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.

Décima.- Artigo 28. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.



ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.

CONSIDERACIÓN XERAL:

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 8. Requisitos.
O apartado 4 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 27.1.

Segunda.- Artigo 10. Exclusións.
O apartado 4 recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Terceira.- Artigo 22. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que “os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia ou illadamente con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona”.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado,  debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Cuarta.- Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este precepto, no seu apartado 8, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación. Igualmente, nos seus apartados 9 e 10, alúdese de novo a un período de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.


ANEXO II


CONSIDERACIÓNS  DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


CONSIDERACIÓNS XERAIS:

Primeira
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que, para un maior impacto da norma, esta debe estenderse a todo o exercicio anual, evitando a existencia de períodos de lagoa coas medidas de incentivación habidas noutros anos. Por este motivo, para que o impacto e estímulo da norma sexa maior e tendo en conta que este proxecto normativo se está a ditaminar no mes de febreiro, debería modificarse o prazo de solicitude do artigo 6.8 e do artigo 18.

Segunda
A CEG solicita que se recupere o programa de incentivos á transformación da contratación temporal en indefinida, ampliado a todo tipo de colectivos co obxeto  de  mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, aumentar a contratación de carácter estable e facilitar e incentivar ás empresas que fan un esforzo para dotar de estabilidade á súa plantilla.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA:

Artigo 8. Requisitos.
No apartado 3 deste artigo figura, como requisito de acceso aos incentivos, o de incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

A CEG considera que este requisito debe eliminarse, pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores.

A CEG entende que é suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.