ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/17

Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e o procedemento de concesión directa da subvención especial e da contía adicional previstas no Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo.

I. ANTECEDENTES

O día 14 de febreiro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e o procedemento de concesión directa da subvención especial e da contía adicional previstas no Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.  


O Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, establece medidas para facilitar a reinserción laboral, así como axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo, que se atopen en situación de desemprego.

Con base nesta norma, publicouse a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión da dita subvención.

Posteriormente, este Real decreto foi modificado polo Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro, que establecía unha axuda adicional para os exclusivos efectos de financiar a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social para cubrir a perda do nivel de cotización que puidesen sufrir tales traballadores como consecuencia da perda de emprego.

En consecuencia, modificouse a Orde anterior mediante a Orde do 31 de outubro de 2013, para os efectos de regular a dita axuda adicional e introducir algunha modificación procedemental destinada a clarificar e axilizar a tramitación dos expedientes de subvención.

Segundo a exposición de motivos, no momento actual faise necesario a adaptación deste procedemento con dous obxectivos: por unha parte, actualizar o procedemento para a presentación de solicitudes  e, por outra, regular o prazo para a presentación da solicitude da contía adicional admitindo o dereito dos potenciais beneficiarios a presentala en calquera momento posterior ao cumprimento dos requisitos esixidos, así como a contía que terá dereito a percibir en función do momento no que realice a súa solicitude.


Vistos o borrador agora remitido, a Orde do 20 de setembro de 2011, publicada no DOG o día 4 de outubro de 2011 (e modificada pola Orde do 31 de outubro de 2013, DOG do 8 de novembro de 2013) e o ditame emitido polo Consello con data 13 de xuño de 2011 (Ditame 20/2011), así como o ditame 36/2013 emitido sobre a Orde de modificación, obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, obsérvase a incorporación de novas obrigas para as persoas beneficiarias no artigo 4 como, por exemplo, comunicar ao Servizo Público de Emprego de Galicia calquera variación das circunstancias tidas en conta no momento da concesión da axuda.

O artigo 7 inclúe, como novidade, os supostos de extinción do dereito á percepción da subvención especial e da contía adicional, xunto co suposto de suspensión, que xa se recollía na Orde anterior.

En canto á documentación complementaria recollida no artigo 12, engádense novos documentos a achegar, como a copia da resolución do expediente de regulación de emprego onde conste o traballador que, aínda que figuraba no proxecto de orde de 2011, non aparecía na Orde definitiva publicada.

Aínda que o artigo 15 sigue a establecer un prazo de 2 meses para a presentación de solicitudes, engádense dous parágrafos finais que permiten a presentación fóra dese prazo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e o procedemento de concesión directa da subvención especial e da contía adicional previstas no Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo”  consta de: Exposición de motivos, vinte e tres artigos, dúas disposicións adicionais , dúas transitorias, unha derrogatoria e unha final.


O día 23 de febreiro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.






DITAME 8/17




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e o procedemento de concesión directa da subvención especial e da contía adicional previstas no Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de febreiro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de febreiro de 2017, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase a existencia dalgúns erros no idioma galego ao longo do texto do proxecto normativo, polo que este Comité propón a súa revisión ortográfica.

Así mesmo, no texto sometido a ditame figura unha disposición derradeira, que debería denominarse disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que observa o emprego reiterado do masculino xenérico, por exemplo: “beneficiarios” (exposición de motivos), “os traballadores” (artigo 3) ou “os beneficiarios” (artigo 4).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3. Persoas beneficiarias.
Segundo o apartado 2 deste artigo, “Así mesmo, poderanse beneficiar de ditas subvencións os traballadores que, con posterioridade aos citados expedientes de regulación de emprego, realizasen traballos por conta allea ou por conta propia e se producira a extinción do traballo por conta allea ou o cese da actividade por conta propia, con anterioridade ao 28 de febreiro de 2010 ou con posterioridade á dita data, quedando en situación de desemprego”.

Este Comité propón eliminar a última coma reproducida no parágrafo anterior para especificar que a situación de desemprego se esixe, unicamente, para os supostos de extinción do traballo por conta allea ou cese da actividade por conta propia con posterioridade ao 28 de febreiro de 2010.

Segunda.- Artigo 7. Suspensión, renovación e extinción.
O apartado 1 deste precepto, no seu inciso final, alude ao parágrafo segundo do artigo 6.1, cando a referencia debería facerse ao parágrafo primeiro.

Este Comité propón a corrección dese erro.

Terceira.- Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Na letra a) do apartado 1 deste artigo establécese que a solicitude de concesión da subvención debe ir acompañada da copia da resolución do expediente de regulación de emprego onde conste a persoa traballadora.

Este Comité considera este requisito superfluo posto que a documentación esixida xa debería estar en poder da Administración.

Cuarta.- Artigo 18. Resolución de concesión.
Segundo o apartado 7 deste precepto, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.

Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións transitorias.