ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de febreiro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


Segundo a exposición de motivos, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) integra no plan de negocio das empresas a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese cos que interactúa. Considérase a RSE un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade empresarial.

A través desta orde búscase fomentar a RSE e, como unhas das súas modalidades, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, mediante medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 28 de xullo de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 1 de xuño de 2016 (Ditame 13/2016), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, obsérvase que na Liña II de axudas xa non se subvenciona a elaboración dos plans de igualdade, senón unicamente a súa implantación (artigo 3).

En canto á Liña III, no novo proxecto normativo regúlanse separadamente os incentivos para fomentar o teletraballo e aqueles que fomentan a flexibilidade horaria, cando na Orde para o ano 2016 formaban parte dun mesmo programa (artigo 3).

Polo que respecta ao financiamento regulado no artigo 4, prodúcese un incremento dos créditos asignados ás axudas recollidas na Liña I (que pasan de 75.000 euros a 159.880) e ás recollidas nas subliñas I e II da Liña III (cuxa suma ascende a 533.222 euros fronte aos 400.000 que se lle asignaban no exercicio anterior).

O artigo 5 recolle os requisitos das empresas solicitantes e, respecto das Liñas II e III, esíxelles contar cun mínimo de 10 persoas traballadoras, mentres que na orde anterior soamente se esixía unha persoa traballadora (para a Liña I) ou cinco persoas traballadoras (para a Liña II).

No caso de empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia, o citado artigo esixe que teñan contratado na comunidade autónoma un mínimo de 10 persoas, cando na orde anterior se esixía soamente catro persoas.

O artigo 11 relaciona os requisitos do Acordo de teletraballo e inclúe, como novidade, fixar un número de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 50% da xornada semanal ordinaria.

Os criterios de avaliación que recolle o artigo 27 presentan varias modificacións.
En primeiro lugar, os criterios do tipo de empresa solicitante, da taxa de estabilidade do persoal e da paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres son agora comúns a todas as liñas de axudas, mentres que na orde do exercicio anterior eran criterios específicos para algunhas desas liñas.

Ademais, modifícase a puntuación outorgada á taxa de estabilidade e á paridade, que se valoran cun máximo de 4 e 2 puntos, respectivamente, fronte aos 20 puntos que podían acadar segundo a orde para 2016.

Cómpre destacar tamén que, no exercicio anterior, a taxa de estabilidade soamente se valoraba cando era superior ao 20%, porcentaxe que agora se reduce ata o 15%.

Engádese como novo criterio a valorar a incidencia no contorno xeográfico no que se desenvolve a actuación, outorgando 2 puntos no caso de que a entidade teña o seu domicilio social nun concello rural.

Así mesmo, suprímense varios criterios dos que figuraban na orde anterior.

O prazo para resolver a notificar a resolución do procedemento increméntase de 3 a 5 meses, segundo o artigo 28.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, corenta artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 6 de marzo de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e trece específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, así mesmo, como anexos: 3 consideracións xerais e 2 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e 7 consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).





DITAME 9/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de marzo de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité amosa unha opinión contraria á unificación das normas de responsabilidade social empresarial e igualdade nunha soa orde, pois iso supón vincular o concepto de RSE á igualdade, cando aquel é un concepto moito máis amplo.

Segunda.
Dado que se está a ditaminar un proxecto normativo en materia de responsabilidade social empresarial e igualdade, este Comité considera que a Administración debería poñer unha especial énfase en recomendar ás empresas solicitantes que a documentación a presentar sexa redactada atendendo a unha linguaxe non sexista, incluíndo esta recomendación no articulado da orde.

Terceira.
Este Comité quere resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.

Cuarta.
Neste proxecto de orde elimínanse, respecto da orde do exercicio 2015, os Programas II e III da Liña II que recollían as axudas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral e as axudas para eliminar a infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Igualmente elimínase, como actividade subvencionable, a asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade.

Este Comité non está conforme coa eliminación das referidas axudas, que considera deberíanse subvencionar, polo que propón que se recollan no proxecto normativo que se está a ditaminar.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 11. Requisitos do acordo de teletraballo.
Segundo o apartado 2.1 deste artigo, o acordo de teletraballo debe indicar que a súa finalidade é a conciliación.

Este Comité considera que debería recollerse expresamente nese apartado que se trata de conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

Segunda.- Artigo 11. Requisitos do acordo de teletraballo.
Este Comité considera que, neste punto, se deberían ter en conta outros criterios como, por exemplo, os adoptados de xeito unánime polo Observatorio de negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais que se recollen na cláusula tipo aprobada (http://cgrl.xunta.es/upload/clausula_tipo_sobre_teletraballo.pdf).

Terceira.- Artigo 18. Contía das axudas.
Os dous apartados de que consta este artigo figuran como apartados 2 e 3, polo que se propón a súa corrección.

Cuarta.- Artigo 22. Prazo de presentación.
O apartado 1 deste artigo fixa o prazo de presentación das solicitudes nun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

Este Comité considera que se trata dun prazo escaso e, en aras da eficacia da norma, entende que debería ampliarse sensiblemente.

Quinta.- Artigo 23. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto nos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.


Sexta.- Artigo 27. Criterios de avaliación.
No apartado 2 deste artigo valórase o emprego da lingua galega como criterio auxiliar secundario, para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité considera que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sétima- Artigo 27. Criterios de avaliación.
O artigo 7.6 deste proxecto de orde obriga ás entidades solicitantes a presentar unha memoria explicativa das actuacións que a empresa vaia a realizar para a obtención da certificación ou informe de verificación ou validación en RSE.

Este Comité considera que, dada a obrigatoriedade desa presentación, debería valorarse a dita memoria como criterio de avaliación.

Oitava.- Artigo 28. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 deste precepto, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de 5 meses.

Este Comité propón que se reduza o devandito prazo a 3 meses, por consideralo suficiente.

Novena.- Artigo 32. Documentación acreditativa.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Décima.- Artigo 32. Documentación acreditativa.
O apartado 2.c.2), ítem terceiro deste artigo, esixe aportar “o sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo” e inclúe algúns elementos concretos a presentar.
Este Comité considera que deberían suprimirse os exemplos concretos e especificar soamente cal é o sistema empregado para o seguimento e avaliación.

Décimo primeira.- Artigo 37. Reintegro.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Décimo segunda.- Artigo 40. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

Ademais, non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.









ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais:

Primeira.
En relación coa consideración xeral unánime primeira, as organizacións sindicais consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.

Ao mesmo tempo, sitúa nun lugar insignificante a consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, cando todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.

Segunda.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais lamentamos a deriva que se está realizando nas ordes de responsabilidade social empresarial, nas que se evidencia a intención de priorizar as medidas de teletraballo e flexibilidade horaria, as cales son incentivadas cunhas contías superiores ao resto de medidas recollidas neste proxecto normativo.

Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que as empresas que veñen legalmente obrigadas a elaborar un Plan de Igualdade, deberían estar excluídas como beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

En segundo lugar, considérase que nas empresas que voluntariamente adopten un Plan de Igualdade, deberían negocialo coa representación legal das persoas traballadoras.

Ademais, proponse que a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria, antes de expedir a certificación dun plan de igualdade, solicite un informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia do plan.

Finalmente, enténdese que a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria debería esixir, como contidos mínimos do informe de diagnose, os seguintes:

- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).

- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)

- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)

- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)

- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)

- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)

- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)

- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)

- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 27. Criterios de avaliación.
A taxa de estabilidade superior ao 15%, que se esixe no criterio 1.b) deste artigo, considérase excesivamente baixa dada a porcentaxe de precariedade contractual que existe  e tendo en conta, ademais, o esixido en outras ordes pola Consellería.

Polo tanto, as organizacións sindicais propoñen que, para outorgar puntos na avaliación, se considere como mínimo unha taxa de estabilidade superior ao 75%.

Segunda.- Artigo 27. Criterios de avaliación.
En relación coa consideración específica unánime sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que o emprego do galego debería utilizarse como criterio de avaliación con puntuación directa.



ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
Esta organización, en atención aos fins que se perseguen no proxecto de Orde, suxire que se inclúan as entidades sen ánimo de lucro como entidades beneficiarias.

Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
Á vista dos resultados do informe da última convocatoria, a CEG propón que, para impulsar as medidas recollidas nas liñas do proxecto, se permita que os organismos intermedios poidan desenvolver accións que promovan a adopción destas medidas por parte das pequenas empresas.

Terceira.- Artigo Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
No parágrafo segundo deste artigo establece que as empresas beneficiarias das liñas II e III deben ter contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, 10 persoas.

A CEG considera que debe manterse o disposto na orde para o exercicio 2011, na que o mínimo de persoas contratadas era catro, xa que non se xustifica este incremento e, ademais, reduce o impacto destas axudas.

Cuarta.- Artigo 5. Contía da axuda.
A CEG considera que deberían contemplarse tamén como gastos subvencionables aqueles derivados da posta en marcha de medidas que se refiren á memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade.

Quinta .- Artigo 13. Requisitos específicos das empresas beneficiarias.
Segundo este artigo “poderán ser beneficiarias as empresas que ademais de reunir os requisitos esixidos no artigo 5, establezan en convenio colectivo de empresa ou mediante acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, ou no seu defecto, coa totalidade do cadro de persoal (...)”.

A CEG considera que debería substuírse a expresión resaltada en cursiva pola de “coas persoas traballadoras”.

Sexta.- Artigo 17. Actividades subvencionables.
A CEG considera que debería contemplarse como subvencionable a totalidade dos custos de  adaptación da empresa beneficiaria para a implantación do teletraballo.


Sétima.- Artigo 30. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.

A CEG propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.