ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/17

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de marzo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego, en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Segundo a Exposición de motivos, os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade convócanse estas subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 30 de decembro de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 15 de decembro de 2015 (Ditame 47/2015), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O prazo para resolver as solicitudes e notificar redúcese de cinco meses a tres (artigo 13).

Engádese, como novidade, a regulación da substitución de traballadores e traballadoras no artigo 17.

O artigo 21, onde se regula a perda do dereito ao cobramento e reintegro da subvención, engade un novo suposto no seu apartado c) para o caso de incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento.

Así mesmo, respecto da previsión do incumprimento de satisfacer as obrigas económicas de carácter salarial, recollida no apartado e) do devandito artigo, modifícase a porcentaxe de reintegro que procede. Na orde anterior era, en todo caso, o 10% do gasto subvencionado mentres que, no actual proxecto de orde, a porcentaxe de reintegro fíxase en función do importe salarial aboado fóra de prazo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 31 de marzo de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo un anexo cunha consideración xeral e dúas específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais.






DITAME 11/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de marzo de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de marzo  de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que deberían argumentarse os motivos da supresión, dende a orde para o exercicio 2014, do programa específico destinado ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Segunda.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico, por exemplo “os demandantes de emprego” ou “os traballadores desempregados”, ambos na exposición de motivos, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4.- Requisitos das obras e servizos.
O apartado 1.f) deste artigo establece como requisito unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.

Segunda.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O apartado 3 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Terceira.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O parágrafo final do apartado 1 deste artigo fai referencia a un incremento do importe da contía da subvención no caso de que as contratacións se realicen conxuntamente, de acordo co punto 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.  

Este Comité considera que debería especificarse expresamente no texto da Orde o contido do devandito punto ou aclararse que entidades poden presentar as solicitudes de forma conxunta, coa finalidade de non conducir a interpretacións erróneas.

Cuarta.- Artigo 10. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para solicitalos no seu nome.

Quinta.- Artigo 12. Procedemento.
No apartado 5 deste artigo valórase o emprego da lingua galega só como criterio auxiliar, para outorgar prioridade no caso de empate nas puntuacións obtidas polas solicitudes presentadas en aplicación dos criterios de preferencia establecidos no apartado 4 do dito artigo.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Este Comité propón que o emprego da lingua galega se valore no apartado 4 deste artigo 12.

Sexta.- Artigo 12. Procedemento.
Séguese a empregar a letra “j” na enumeración do apartado 4, letra que non forma parte do alfabeto galego. Este Comité solicita a súa substitución pola seguinte que corresponde, que é o “l”.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 19.

Sétima.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
No apartado 5, letra a) deste artigo establécese a preferencia do colectivo de mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia.

Este Comité considera que debería substituírse a expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.



ANEXO


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.

Consideración xeral:
Obsérvase unha drástica minoración na contía dos créditos que financian estes programas, que pasan dos 45.132.082 € do exercicio 2012 a 1.300.000€ para o 2016 e 2017.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que son conscientes de que a vía dos programas de cooperación non é a que ten que sustentar os servizos públicos que se prestan dende as entidades locais nin os empregos públicos, consideran que o mantemento deste recorte implicará unha redución da eficacia do programa á súa mínima expresión en ambas as dúas áreas.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 12. Procedemento.
En relación coa consideración específica quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Segunda.- Disposición adicional segunda.
En relación coa disposición adicional segunda do proxecto normativo que se somete a ditame, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran que a frase “as que poidan emanar do diálogo social e institucional de Galicia” é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.