ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/17

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES
O día 20 de marzo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


Segundo a exposición de motivos, a competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto
146/2016, do 13 de novembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, no marco das políticas activas de emprego, xestiona os programas de apoio ás persoas emprendedoras e á economía social, xa que o autoemprego estase a amosar unha fórmula eficaz para a incorporación ou a reincorporación ao mercado de traballo das persoas desempregadas.

O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, que se regula nesta orde, ten por finalidade apoiar ás persoas emprendedoras que, constituíndo pequenas empresas, actúan como axentes dinamizadores da economía e do emprego en Galicia, especialmente aquelas empresas que se implantan nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego para as mulleres en desemprego, as persoas discapacitadas e persoas en risco de exclusión social, así como ás pertencentes a unidades familiares con todos os seus membros en desemprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 18 de xullo de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de maio de 2016 (Ditame 5/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Obsérvase unha modificación na finalidade do proxecto normativo (artigo 2), que na orde anterior era a de xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade, os homes maiores de 45 anos e as mulleres, mentres que no actual proxecto normativo, destácanse como persoas destinatarias desa xeración de emprego estable as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social e as unidades familiares con todos os seus membros en situación de desemprego.
En canto aos créditos para financiar as subvencións reguladas neste proxecto de orde, prodúcese unha diminución da contía, que pasa de 3.000.000 de euros para 2016 a 2.000.000 para este exercicio (artigo 4).
Así mesmo, na subvención á xeración de emprego, pásase de 4.500 euros a 4.000 no suposto xeral (artigo 8) e outros supostos subvencionables tamén ven reducidas as súas asignacións.

Polo que respecta á subvención para o inicio da actividade, o artigo 10 prevé que serán subvencionables os gastos realizados desde un mes antes ao inicio da actividade empresarial, mentres que no exercicio de 2016 soamente se subvencionaban os gastos posteriores ao inicio da actividade.

Segundo o artigo 13, o prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 31 de xullo de 2017, mentres que na orde anterior este prazo remataba o 30 de setembro de 2016.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, trinta artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 31 de marzo de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo II).



DITAME 12/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de marzo de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de marzo de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico, por exemplo, “os discapacitados” na exposición de motivos ou “os promotores” no artigo 10, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.



Segunda.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con  discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que se debería revisar a redacción  deste artigo, xa que pode levar a confusión. Non quedan claros os motivos da exclusión  das sociedades cooperativas e laborais no primeiro apartado, e a súa inclusión no segundo se teñen a cualificación de ILE.

Segunda.- Artigo 13. Solicitudes e prazo de presentación.
No segundo apartado deste artigo establécese que o prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 31 de xullo de 2017.

Este Comité considera que este prazo xeral é moi curto, e que sería máis apropiado estendelo ao longo dunha anualidade completa.

Terceira.- Artigo 16. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Cuarta.- Artigo 24. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1 e) deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Quinta.- Artigo 24. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1 g) deste artigo establécese obriga das persoas ou entidades beneficiarias “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos, tal e como figura no proxecto normativo ditaminado este mesmo día, que regula o programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral que, no seu artigo 13.e), establece un prazo dos tres anos seguintes á data de certificación dos gastos á Comisión Europea, que será publicada no DOG.

Sexta.- Artigo 29. Axudas baixo condicións de minimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Oitava.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Consideración Xeral.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que, na medida en que as axudas previstas no artigo 7.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas pola persoa beneficiaria para a contratación estable de terceiras persoas, é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Consideración específica.
Artigo 8. Subvención á xeración de emprego estable
En relación co establecido no apartado 2 deste artigo e sen prexuízo do sinalado na consideración xeral, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social da persoa contratada.




ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración Xeral.
Se ben a CEG valora positivamente o proxecto de Orde, especialmente en canto ao alcance das entidades beneficiarias, por fomentar e estimular o emprego nas pequenas empresas de nova creación calquera que sexa a súa forma xurídica, considera que é necesario recuperar a dotación orzamentaria da orde anterior, xa que a merma dun 1.000.000 de euros que experimenta o proxecto normativo para este exercicio vai en detrimento dos estímulos que motivan esta orde.

Consideración específica.
Artigo 8. Subvención á xeración de emprego estable.
Respecto deste precepto, a CEG solicita que se recuperen as contías previstas na Orde para o exercicio de 2016, tanto no suposto xeral como no resto de asignacións, na liña do manifestado na consideración xeral deste Anexo.