ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de marzo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Segundo a exposición de motivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para dar cumprimento a ese mandato legal, implementa para o ano 2017 un programa dirixido a fomentar a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, mediante a contratación subvencionada de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral e/ou en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 30 de decembro de 2015) e o ditame emitido polo Consello con data 21 de decembro de 2015 (Ditame 51/2015), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O prazo para resolver as solicitudes e notificar redúcese de cinco meses a tres (artigo 11).

O artigo 12 regula os requisitos das contratacións obxecto das axudas e presenta, respecto da Orde para o exercicio 2016, dúas novidades: por unha banda, o prazo no que deben formalizarse os contratos virá determinado na resolución de concesión (aínda que, en todo caso, deben formalizarse dentro do ano 2017), cando na orde anterior o prazo era dun mes desde que se notificaba a resolución de concesión.
Por outra banda, o grupo mixto que realizará a selección das persoas traballadoras que se contraten estará constituído, ademais de polas persoas previstas xa na orde anterior, por representantes dos equipos de inclusión sociolaboral dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cando o ámbito territorial da entidade beneficiaria estea comprendido dentro das súas demarcacións para a intervención.

Incorpórase ao proxecto normativo a regulación da substitución de traballadores e traballadoras no artigo 13.

O artigo 17, que regula a perda do dereito ao cobramento e reintegro da subvención, engade un novo suposto no seu apartado c) para o caso de incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento.

Asi mesmo, respecto da previsión do incumprimento de satisfacer as obrigas económicas de carácter salarial, recollida no apartado e) do devandito artigo, modifícase a porcentaxe de reintegro que procede. Na orde anterior era, en todo caso, o 10% do gasto subvencionado, mentres que, no actual proxecto de orde, a porcentaxe de reintegro fíxase en función do importe salarial aboado fóra de prazo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, 17 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 11 de abril de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais.


DITAME 13/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de marzo de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de abril de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité non ve xustificada a minoración do financiamento destas axudas efectuada en 2016,  xa que pasaron a ter un crédito de 5.698.398€ (contía que se mantén para este exercicio) cando no exercicio de 2015 era de 10.000.000€.

Segunda.
O Comité entende que o obxecto e finalidade destes programas fan aconsellable que non se circunscriban exclusivamente ás entidades locais e se permita a  participación neles das entidades sen ánimo de lucro, especialmente as que teñen, entre as súas finalidades, a persecución dun interese social.

Terceira.
Este Comité solicita que se rectifique a folla de datos estatísticos do exercicio anterior que se acompaña ao proxecto de orde para axustarse ao seguinte:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.



Cuarta.
Este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso de uso das barras, por exemplo, nos artigos 12.e) “beneficiarios/as” e 16.c) “contratados/as”, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, se temos en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.Exposición de motivos.
A redacción do sétimo parágrafo da Exposición de Motivos é excesivamente complexa, como tamén o é a do número 3 do artigo 2, polo que este Comité propón que se simplifique a súa redacción e que se prime, na fórmula de reparto, o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada provincia.

Segunda. Artigo 2.- Financiamento.
Este Comité considera que debería substituírse o baremo que figura no número 4 deste artigo polo establecemento dunha porcentaxe igual sobre o número de persoas preceptoras da Risga en cada concello.

Terceira. Artigo 4.- Contía da subvención.
No apartado 3 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización.

Cuarta. Artigo 8. Consentimento e autorizacións.
Este artigo está redactado como se fora dirixido a persoas físicas, cando de feito vai dirixido a entidades, polo que este comité entende que se debería adaptar a redacción tendo en conta que as beneficiarias son entidades.

O mesmo se observa respecto do artigo 9.



Quinta. Artigo 11. Resolución.
O número 2 deste artigo prevé un prazo de resolución de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude.

Este Comité entende que, dado que a finalidade desta convocatoria é atender a persoas en situación delicada e urxente, o dito prazo debería reducirse a un mes.

Sexta. Artigo 11. Resolución.
O apartado 2 deste precepto prevé que o prazo de resolución e notificación se compute desde a finalización do prazo de presentación da solicitude cando, ao non existir concorrencia competitiva, o prazo debería computarse a partir da presentación da solicitude.

Sétima. Artigo 12. Requisitos da contratación.
As restricións que impón este artigo á contratación obrigan a recorrer á fórmula do contrato a tempo parcial.

Este Comité entende que se deberían flexibilizar as fórmulas de contratación para permitir tamén a contratación a tempo completo.

Oitava. Artigo 12. Requisitos da contratación.
Na letra d) deste artigo disponse que terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral e os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.

Este Comité entende que, de cara a non discriminar a outros colectivos beneficiarios, a redacción debería ser: “terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral”, polo que se propón a supresión do resto do parágrafo.

Novena. Artigo 12. Requisitos da contratación.
No apartado e) deste precepto establécese o requisito  de solicitar as persoas demandantes non ocupadas mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiaras RISGA, nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, engadindo que, excepcionalmente, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.

Este Comité considera que deberían constar expresamente na orde cales son as referidas situacións excepcionais.

Décima. Artigo 15. Obrigas dos/as beneficiarios/as. (sic)
Como se dixo na consideración xeral quinta, este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso de uso das barras (“dos/das”, “beneficiarios/as”) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que propón a modificación do título deste artigo polo de “Obrigas das entidades beneficiarias”.

Décimo primeira. Artigo 15. Obrigas dos/as beneficiarios/as. (sic)
Este Comité observa que o disposto na letra h) deste artigo non garda relación co obxecto desta orde, polo que debería suprimirse.

Décimo segunda. Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Este Comité considera que se debería revisar o establecido no apartado e) deste artigo, xa que entende que a gradación que figura non garda relación cos criterios de gradación dos incumprimentos que figuran nos apartados anteriores.































ANEXO


CONSIDERACIÓN E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.

Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.