ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 3 de abril de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, as transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, acompañado da perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. Un rasgo común a casi todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral. Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

No capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Así, esta orde, desenvolve o mencionado capítulo e establece as medidas para o fomento e sustentamento das empresas de inserción laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 29 de xullo de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 12 de maio de 2016 (Ditame 6/2016), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Segundo a Orde anterior, o prazo de presentación de solicitudes remataba o 30 de setembro. O novo proxecto fixa un prazo dun mes desde a publicación da orde (artigo 8).

O artigo 17 incorpora a posibilidade de realizar pagamentos anticipados, con carácter previo á xustificación, do 80% da subvención concedida.

O artigo 21 engade dous novos supostos nos que procedería o reintegro das axudas: no caso de despedimento improcedente de persoas traballadoras en proceso de inserción que fosen obxecto de subvención, e por incumprimento da obriga de substituír a persoa traballadora nas condicións indicadas nos artigos 19 e 29.

O artigo 25 relaciona os tipos de axudas que regula este proxecto normativo. Obsérvase a inclusión de dúas novas axudas. A primeira subvenciona o investimento en inmobilizado vinculado á creación de novos postos de traballos para persoas en proceso de inserción; a segunda, consiste nunha axuda á formación para as persoas en proceso de inserción. Por outra banda, suprímense outras dúas: a subvención financeira e a subvención pola creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

Respecto da subvención por contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social, o artigo 26  engade a obriga de que as empresas de inserción laboral fagan un seguimento das persoas traballadoras en proceso de inserción mediante itinerarios individualizados de formación e ocupación.

En canto ás contías das axudas para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción (artigo 27) e para a contratación de persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción (artigo 28), este proxecto normativo incorpora a posibilidade de que as ditas contías se incrementen nun 25% cando concorran as circunstancias recollidas nos devanditos preceptos.

Por outra banda, os artigos mencionados no parágrafo anterior, recollen as funcións da persoa contratada para levar a xerencia da empresa e da persoa técnica en orientación, respectivamente.

O artigo 30 inclúe, entre os gastos subvencionables derivados da posta en marcha da actividade, os de constitución (tales como gastos de notario e rexistro, entre outros).

Polo que respecta á subvención pola asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación de empresas de inserción laboral (artigo 31), obsérvase que a súa contía será a do 80% do custo total dos servizos realizados no período subvencionable (na Orde para 2016, fixábase unha porcentaxe do 50%), cun límite máximo de 6.000 euros. Este límite é o mesmo que se recollía na orde anterior, pero o novo proxecto recolle unha serie de supostos nos que ese límite sería de 1.500 euros e de 1.000 euros.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, trinta e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 19 de abril de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén once consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha  consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II).










DITAME 15/2017





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de abril de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de abril de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 4. Persoas destinatarias finais.
Obsérvase que neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 19 e 45.

Segunda. – Artigo 8. Solicitudes e prazos.
O apartado 2 deste precepto establece que o prazo de presentación das solicitudes das axudas será dun mes desde o día seguinte ao da publicación.

Á vista dos obxectivos desta orde, este Comité considera insuficiente o prazo dun mes, polo que propón que se amplíe.

Terceira.- Artigo 11. Comprobación de datos.
Este Comité considera que se debería invertir a numeración dos artigos 11 e 12 deste proxecto normativo e, para que a súa ordenación sexa máis lóxica, figurar primeiro o contido do artigo 12 e despois a regulación relativa á comprobación de datos.

Cuarta. - Artigo 12. Consentimientos e autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Quinta.- Artigo 12. Consentimientos e autorizacións.
Segundo o apartado 2 deste precepto: “A presentación de solicitudes ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa de todas as persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, para a cesión de datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria, relativos ao tipo e grao de discapacidade, a inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego e o informe da vida laboral”.

Este Comité considera que debería suprimirse o dito apartado 2 á vista dos requisitos documentais que o artigo 11.1 esixe aportar.

Sexta. - Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias,  estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “ningunha outra débeda, por ningún concepto” pendente de pagamento á Administración, en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sétima. – Artigo 26. Contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
O apartado 2 in fine deste artigo recolle a frase: “Comprobar en todas as contratacións”, que semella ser unha errata, polo que se propón a súa supresión.

Oitava.- Artigo 27. Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción.
Obsérvase a supresión, neste precepto, da regulación sobre a substitución das persoas polas que se concedeu a subvención.

Este Comité considera que se debería recuperar esa regulación, fixando en un mes o plazo para levar a cabo a substitución.
Formúlase igual consideración respecto do artigo 28.

Novena.- Artigo 34. Documentación complementaria.
Neste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.
Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento podería non resultar operativa.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 35.

Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo primeira. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.







ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 28. Contratación de persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Artigo 4. Persoas destinatarias finais.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.