ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO.

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de febreiro de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de febreiro de 2003, acordou por UNANIMIDADE pronunciarse en canto as seguintes  consideracións:



O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2003. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.


As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e maila CIG con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais fan consta-la súa protesta polo feito de que o Comité Autonómico de Emprego que, de acordo co establecido no Artigo 2.1, 2 e 5 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral é o organismo encargado de coñecer, participar  e informa-la planificación das políticas activas de emprego e da programación das distintas medidas das políticas activas de emprego, non mantivo a reunión acordada no mes de setembro de 2002, cara ó cumprimento das súas mencionadas funcións. Os dictames que ten que facer o Consello Galego de Relacións Laborais a cada unha das normas, precisan da visión do conxunto da planificación de medidas activas polo que ó carecer desta, os informes a cada unha das normas carecen desa perspectiva. Consideran que a norma remitida para o seu dictame debeu de ser obxecto de tratamento e debate neste órgano consultivo previamente á petición ó Consello Galego de Relacións Laborais da emisión do dictame. Por todo elo, non entran a valorar o contido desta norma, pospoñendo o seu dictame ata que, o Comité Autonómico de Emprego coñeza, participe e emita informe sobre a planificación das políticas activas de emprego e fixe os criterios de reparto das axudas e subvencións, tendo en conta que, en contra do que ven sucedendo ata agora,  debe ser proporcional ó número de parados existentes en cada área funcional.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E MAILA ORGANIZACIÓN SINDICAL DE UGT-GALICIA.


Primeira.- Artigo2ºe). Programa de Información Profesional. Accións.

O borrador da Orde introduce como novidade dentro deste artigo o apartado e) polo que se establece que unicamente poderán ser realizadas as accións propias de información, tratamento de demandas de emprego, renovación de curriculo e modificación do mesmo por parte do persoal expresamente autorizado para este fin por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
Ata o momento non existía esta autorización expresa, entendéndose que toda vez que se aprobaban os técnicos propostos pola entidade solicitante, estes quedaban habilitados para elo de manera automática e eran eles en exclusiva os que realizaban as tarefas mencionadas.
Dado que no borrador da Orde non se fixa o baremo para a  selección e contratación do persoal para a realización das accións, non se pode estar de acordo con esa autorización expresa sen coñece-lo baremo.
Es importante esta puntualización dado que a garantía de seren atendido por parte de persoal cualificado, previamente autorizado por parte da Consellería e experto na materia, redunda un mellor servicio para os demandantes.

Segunda.- Artigo 6º.2.g). Solicitude.

Neste precepto solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego para o período subvencionado.
Resulta difícil poder determinar este extremo xa que non se posee a información necesaria para avalialo,  pese a que obra en poder da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais tal e como reflíctise no artigo 8º f),  que o toma como referente para fixa-los criterios de adxudicación do Servicio de información, orientación e busca de emprego.

Terceira.- Artigo 7º. Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes amplíase a 40 días hábiles, cando en convocatorias anteriores era de 20 días. Parece excesivo este novo prazo toda vez que os Centros que xa veñen desenvolvendo estas accións deben aportar unha documentación mínima. Ademais, pode implicar retrasos nas resolucións delas solicitudes, o que se relaciona co que mais adiante dirase respecto á imposibilidade de prórroga.
Polo exposto, a CEG e maila UGT Galicia consideran que o prazo debe seguer sendo de 20 días hábiles.

Cuarta.- Artigo 11º.1. Selección e contratación de persoal para a realización das accións.

Neste precepto alúdese ó baremo de selección do persoal existente ó respecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación sen que se especifique ou plasme na propia Orde para coñecemento xeral.

Quinta.- Artigo 12º. Contía.

No artigo 12 recóllense as contías a subvencionar, establecendo o total que en concepto de retribución subvencionarase por cada técnico ou persoal de apoio. Sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do coste do traballador, comprendendo non só o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente. Non é descoñecido que neste momento a normativa laboral establece unha indemnización ó remate dos contratos de obra ou servicio, que son os adecuados para cubrir estas actividades de información e orientación, indemnización que non se recolle como contía subvencionable.
Asemade, no citado artigo 12, establécese a posibilidade de subvencionar ata un 10 % do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, dietas, etc. Resulta moi escasa a citada contía, xa que os gastos xerados pola infraestructura necesaria para manter estas actividades de orientación (local, equipos informáticos, mobiliario, dietas, etc.) son moi superiores ó tope subvencionable.

Prórroga ou mantemento do servicio.

Non de deduce do texto da Orde a posibilidade de prórroga contractual do persoal adscrito a este Servicio, o que implicaría ou ben un deficiente servicio motivado pola súa suspensión tempora, ou ben un esforzo económico para a entidade colaboradora para poder manter a prestación de servicios, máxime cando de conformidade coa Orde de 27 de maio de 2002 que regula o funcionamento do Servicio Galego de Colocación, esta faculta só ó persoal de orientación laboral para a introducción de demandas de emprego e as súas modificacións, así como a xestión de ofertas de emprego.
Por este motivo, debe arbitrarse pola Consellería un procedemento que evite a existencia de períodos de “laguna” non cubertos pola Orde e, polo tanto, sen servicio e sen subvención.