ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 15 de maio de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Real decreto lei 4/2013, de medidas de apoio ao emprendedor, permitiu aos novos autónomos o pagamento dunha cota mensual reducida á Seguridade Social. Así mesmo, a Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, introduxo novos incentivos e bonificacións na cotización ao réxime especial da Seguridade Social das persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e mellorou algúns dos xa existentes.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, o  tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas. É por isto que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia competitiva entre as persoas solicitantes.



É a primeira vez que este proxecto normativo se somete a ditame. Do seu contido cómpre destacar o seguinte:
Segundo o artigo 1, esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerán as axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que estean ou estivesen acollidas aos incentivos e medidas de fomento e promoción do traballo autónomo do parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, que establece que a cota por continxencias comúns, cando se cumpran certos requisitos, se reducirá á contía de 50 euros mensuais durante os seis meses inmediatamente seguintes á data de efectos da alta, no caso de que opten por cotizar pola base mínima que lles corresponda.

A contía dos créditos asignados a estas axudas é de 3.000.000 de euros (artigo 4).

O artigo 6 relaciona os requisitos e obrigas das persoas beneficiarias.

En canto ao prazo de presentación de solicitudes, o artigo 8 sinala que deberá estar comprendido entre o día da alta da persoa traballadora por conta propia ou autónoma e o último día do sétimo mes desde dita alta.  Non obstante, para cada exercicio orzamentario, o prazo comezará ao día seguinte da publicación do crédito orzamentario correspondente a ese ano e ata o 30 de setembro dese exercicio.

Pola súa banda, o prazo para resolver e notificar é de tres meses (artigo 15) a contar desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Segundo o artigo 17, o pagamento realizarase nun só prazo, de xeito anticipado, sempre que transcorresen seis meses desde a alta inicial e condicionado a que a persoa beneficiaria permaneza de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia nas mesmas condicións iniciais.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 23 de maio de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e quince consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, unha consideración xeral e outra específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola CEG (Anexo II) e unha  consideración específica manifestada pola CEG (Anexo III).



DITAME 16/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de maio de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de maio de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité chama atención sobre o feito de que na actualidade está constituída no Congreso dos Deputados a ponencia para a tramitación dunha proposición de lei de Reformas urxentes do Traballo Autónomo que, entre outras medidas, prevé ampliar de 6 a 12 meses a coñecida como “Tarifa plana de 50€ para autónomos”, polo que as axudas previstas nesta orde deixarían de ter razón de ser.

Por outra parte, o título da norma debería rectificarse e suprimirse o inciso “de carácter permanente”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes.
Este Comité considera que o prazo de presentación de solicitudes debe ser claro e debería manterse aberto durante un período suficiente para que non se produzan lagoas de cobertura.

Segunda. – Artigo 9. Solicitudes.
O apartado 1 deste precepto establece que as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.

Este Comité considera que, ao tratarse de persoas físicas, deberíaselles permitir a presentación de solicitudes de xeito presencial.

Igual consideración formúlase respecto dos artigos 12 e 16.

Terceira.- Artigo 10. Documentación a presentar.
No apartado 1.b) establécese que a solicitude ten que achegar os recibos bancarios xustificativos do pagamento da cotización.

Este Comité considera que este parágrafo é superfluo en función do disposto no artigo 11.1 d) e no artigo 17.5 e ademais é incoherente co inicio do prazo para solicitar as axudas que se sinala na orde, polo que se solicita a súa supresión.

Cuarta. - Artigo 15. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar é de 3 meses.

Este Comité considera que é un prazo excesivo dado que non hai concorrencia competitiva e debería reducirse.

Quinta.- Artigo 15. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que transcorrido o prazo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

Este Comité considera que, dada a natureza das axudas, a Administración debería facer un esforzo para que todas as solicitudes sexan resoltas expresamente e en prazo.


Sexta. - Artigo 16. Práctica da notificación.
Con independencia do sinalado na consideración segunda deste ditame, este Comité considera que existen contradicións e discordancias en cada un dos cinco parágrafos deste artigo, polo que se debería corrixir a súa redacción.

Sétima. – Artigo 17. Xustificación e pagamento.
O apartado 4.a) deste artigo establece como documentación xustificativa para o pagamento anticipado a declaración do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas, nacionais ou internacionais.

Este Comité considera que, para evitar confusión interpretativa, o termo “nacionais” deberíase substituir por “estatais”.

A mesma consideración formúlase para o artigo 18 e o termo “nacional”.

Oitava. – Artigo 17. Xustificación e pagamento.
O apartado 4.b) deste artigo establece como documentación xustificativa para o pagamento anticipado a acreditación de ter realizada a avaliación inicial de riscos laborais.

Este Comité considera que a esixencia da avaliación de riscos debería limitarse a casos nos que por lei sexa esixible, polo que debería substituírse a expresión “de ser o caso” por “de ser legalmente esixible”.

Novena.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
O apartado 5 indica que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente “...algunha outra débeda coa Administración pública...”.

Este Comité propón que se cambie a redacción por “...algunha outra débeda coñecida coa Administración pública...”.

Décima.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
O apartado 6 b) dispón que para xustificar os pagamentos anticipados, a persoa beneficiaria deberá achegar os recibos bancarios xustificativos do pagamento da cotización correspondente aos doce primeiros meses desde a súa alta inicial.

Este Comité considera superfluo presentar estes recibos, posto que a Administración pode realizar a comprobación de se está ao corrente dos pagamentos.



Décimo primeira.- Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia.
Este artigo determina que as axudas serán incompatibles coas axudas establecidas na orde xeral de autónomos mediante a que se subvencionan os gastos iniciais de actividade.

Este Comité considera que a única incompatibilidade debería ser a percepción doutras axudas para a mesma finalidade.

Décimo segunda.- Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O apartado 2 deste artigo establece que procederá o reintegro no caso de falta de xustificación, xustificación insuficiente ou cando a persoa beneficiaria teña causado baixa no réxime da Seguridade Social nalgún dos meses da subvención.

Este Comité considera que debería graduarse o reintegro cando a persoa beneficiaria teña causado baixa e tipificarse as causas que dan lugar ao reintegro total ou parcial.

Décimo terceira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo cuarta. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décimo quinta. – Anexo I.
No punto 9 do apartado da declaración da persoa solicitante establece “Que rematou ou remataré o goce das reducións indicadas no punto anterior...”.

Este Comité considera que non é concordante o establecido no referido punto co período de financiamento que fixan as bases reguladoras (artigo 8), posto que quedarían fóra as solicitudes que se deran de alta a partir do 1 de xullo de 2017.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Consideración xeral.
As organizacións sindicais queren deixar constancia da súa absoluta desconformidade coas axudas públicas consistentes en bonificacións do importe das cotizacións sociais, que motivan unha redución dos ingresos do Sistema Público da Seguridade Social, como é o caso da norma estatal que dá orixe á chamada “Tarifa plana de 50€ para autónomos”.

Exposición de motivos.
No terceiro parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo faise referencia ao termo de calidade no emprego.
As organizacións sindicais consideran que debería suprimirse o referido termo por non ter relación con este proxecto de orde.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 5. Persoas beneficiarias.
Neste artigo faise referencia ao parágrafo primeiro do artigo 31.1 da lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, segundo modificación efectuada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que a mención á Lei 31/2015 non debería incluírse dado que poderían producirse posteriores modificacións a través doutras leis que a invalidaran. Deberíase eliminar a mención a dita lei e substituíla por “segundo a lexislación vixente”.

A mesma consideración realízase para o Anexo I, apartado 8 da declaración da persoa solicitante.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 7. Motivos de exclusión.
1.    Quedan excluídas as persoas traballadoras autónomas en calidade de familiares colaboradores da persoa titular da explotación e as persoas socias, familiares de socias ou membros de órganos administrativos de sociedades mercantís.
A CEG solicita que se elimine a mención aos socios, familiares de socios, así como aos membros de órganos administrativos de forma que poidan ser beneficiarios da axuda dado que son beneficiarios das bonificacións da Seguridade Social que esta axuda pretende prorrogar. As sentenzas 327/2015 e 211/2015 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sosteñen que “as palabras utilizadas pola lei para beneficiarse da tarifa plana son “xoves traballadores por conta propia” e non exclúen aos socios e administradores das sociedades mercantís e capitalistas que posúen o control efectivo destas. Esta interpretación da norma, segundo o sentido propio das súas palabras e en relación co contexto, atende ao seu espíritu e finalidade –obxectivo de reducir o desemprego xuvenil a través do autoemprego e o emprendemento explicitado na exposición de motivos do Real Decreto Lei 4/2013”.
Por todo isto, solicitamos que estes autónomos poidan beneficiarse da axuda prevista na presente orde.