ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro).

I. ANTECEDENTES

O día 23 de maio de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro). Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.


O Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020 desenvólvese no marco do FSE para o período 2014-2020 co obxectivo de dotar de instrumentos a Iniciativa de Emprego Xuvenil e por a andar os sistemas de Garantía Xuvenil, co fin de loitar contra o desemprego entre as persoas novas.

Segundo a exposición de motivos, esta convocatoria de subvencións pretende acadar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no mercado laboral e a través dos seguintes programas:

Programa I: Promoción do emprego autónomo de persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Programa II: Incentivos a empresas e empregadores, con centros de traballo en Galicia, que contraten de xeito indefinido inicial ou temporal ou transformen o contrato temporal en indefinido ás persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Programa III: Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Os devanditos programas foron obxecto, no exercicio 2016, de ordes independentes que se veñen a fusionar neste novo proxecto.

Así mesmo, estes programas enmárcanse dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe máxima do 91,89%. Dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ) hai tres eixes prioritarios, dos que afecta a este programa o Eixe prioritario 5, relativo a integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da Garantía Xuvenil.


Vistos o borrador agora remitido, o texto das ordes que regularon estas axudas para o exercicio de 2016 (publicadas no DOG todas elas o día 30 decembro de 2015) e os ditames emitidos polo Consello respecto destas ordes con data 17 de novembro de 2015 (Ditames 35/2015 e 36/2015) e 18 de decembro de 2015 (Ditame 49/2015), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Para ser persoa beneficiaria das axudas previstas neste proxecto os artigos 13, 40, 48 e 65 requiren que a persoa solicitante non tivera traballado no día anterior á data de inicio da actividade laboral, cando na orde anterior ese prazo era o dos 30  días anteriores.

Polo que respecta ás contías das subvencións, destaca a inclusión de dous novos supostos nos que a contía base experimenta un incremento: cando a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar na que todos os seus membros están desempregados e no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural (artigos 14, 41 e 49).

En canto ao procedemento de incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, o artigo 39 establece que os ditos incentivos son aplicables ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo, mentres que a orde anterior prevía a posibilidade que tal contratación puidera ser tamén a tempo parcial.

Tal e como acontecía nas ordes para o exercicio anterior,  tan só se prevé o procedemento de concorrencia competitiva para os Programas de cooperación, respecto dos cales se introducen certas modificacións nos criterios de avaliación das solicitudes (artigo 63). Así, na orde anterior valorábanse os servizos con maiores perspectivas de inserción laboral mentres que, no actual proxecto, a puntuación outórgase por unha maior inserción efectiva.
Pola súa banda, suprímese o criterio que valoraba aos proxectos presentados polas entidades cuxas solicitudes se axustaran ás ocupacións máis demandadas polas persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Finalmente, engádese un novo criterio  a valorar con ata 10 puntos: a maior estabilidade laboral.

Tamén cómpre destacar, na regulación deste último programa, a inclusión dun novo artigo que regula a substitución das persoas traballadoras (artigo 67) e a gradación que se introduce en algúns dos supostos nos que procede o reintegro das axudas en función do grao de incumprimento da obriga que dá lugar a dito reintegro (artigo 71).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro) consta de: Exposición de motivos, setenta e un artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 7 de xuño de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideración xeral e vinte consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I), dez específicas manifestadas pola CEG (anexo II), 2 xerais e 4 específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran este Comité (Anexo IV) e unha específica manifestada por UGT – Galicia (Anexo V).



DITAME 17/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro), da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de maio de 2017 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xuño de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité observa a presenza dalgúns erros ortográficos ao longo do texto, por exemplo: “programa oeprativa” (artigo 1) ou a remisión que se fai no artigo 24.5 ao artigo 8 e que debería facerse ao 12.

Proponse, polo tanto, a súa corrección.

Segunda.
Obsérvase a reiteración de varios artigos ao longo do proxecto normativo ao regular cada programa (por exemplo os artigos 25, 38 e 65 relativos ao réxime de axudas) que deberían figurar unha soa vez nas disposicións comúns  recollidas no Capítulo I.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 2. Marco normativo.
Neste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.

A mesma consideración se formula respecto do artigo 69  así como dos artigos 3 e 61 (estes dous empregan a letra j).

Segunda.- Artigo 4. Definicións.
No apartado 1, ao definir a persoa desempregada, este Comité considera que é necesario esixir, ademais, o requisito de que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.

Terceira.- Artigo 8. Consentimentos e autorizacións.
En relación co establecido nos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Cuarta.- Artigo 17. Documentación complementaria.
O apartado 3 deste precepto establece que a documentación complementaria presentaranse por vía electrónica.

Este Comité considera que, xa que poden ser beneficiarias das axudas as persoas físicas, deberíaselles permitir a presentación de solicitudes de xeito presencial.

Igual consideración formúlase respecto dos apartados 4, 5 e 6 do artigo 19.

Quinta.- Artigo 20. Resolución.
Este Comité considera que a data de inicio do cómputo para resolver debería de ser desde a data de presentación das solicitudes, dado que as axudas non se conceden en réxime de concorrencia competitiva.

Sexta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.
No apartado 4 deste artigo establécese que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma.
Igualmente, no apartado a) do artigo 11, establécese como obriga da persoa beneficiaria estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sétima.- Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
Segundo o apartado 2 deste artigo, procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida cando a persoa beneficiaria modifique a actividade a desenvolver declarada na solicitude e na memoria do proxecto.
Este Comité entende que, no dito suposto, debería esixirse que se comunique esa modificación así como a súa xustificación e que a Administración valore a procedencia de manter a subvención.

Oitava.- Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto establece que procederá o reintegro total da axuda concedida se se incumpren as obrigas de manter durante dous anos a actividade que fundamenta a concesión da subvención e durante un ano a forma xurídica elixida pola que se concede a axuda.
Este Comité considera que ese reintegro non debe ser total, senón en proporción ao tempo de incumprimento da obriga.

Novena.- Artigo 25. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.
O mesmo se observa respecto dos artigos 38 e 65.

Décima.- Artigo 45. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo recóllese que unha nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. Este Comité considera que, en aras da seguridade xurídica, debería recuperarse o prazo de 20 días para efectuala que figuraba na orde de convocatoria de incentivos á contratación para o exercicio de 2011.

Décimo primeira.- Artigo 57.- Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.
Este Comité considera que debería esixirse soamente a titularidade dun contrato de telefonía, xa sexa telefonía móbil ou fixa.


Décimo segunda.- Artigo 59. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, e posto que, ademais, noutros programas si ten o carácter de subvencionable.

Décimo terceira .- Artigo 59. Subvención: Contía.
O apartado 5 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Chama a atención esta regulación xa que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos complementos son cotizables e, polo tanto, deberían ser obxecto de subvención.

Décimo cuarta.- Artigo 63. Procedemento.
Na convocatoria de anteriores exercicios orzamentarios, incluíase como criterio de valoración que as entidades tiveran un ámbito de actuación superior ao municipal e implicaran, no seu deseño e execución, a outros organismos ou entidades do contorno, así como aos actores sociais presentes no territorio, ou xurdan da iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente.

No apartado 4.d) deste proxecto de orde só se avalía que o ámbito de actuación sexa superior ao municipal, polo que este Comité propón que se recupere o referido criterio de valoración e se avalíe tamén que os proxectos impliquen aos actores sociais ou a outros organismos ou entidades do contorno.

Décimo quinta.- Artigo 63. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase no apartado 4.e), parágrafo final,  como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo sexta.- Artigo 63. Procedemento.
O apartado 4 deste artigo recolle os criterios de valoración das solicitudes, entre os que xa non figura a experiencia da entidade solicitante na xestión de programas de promoción ou fomento do emprego e os obxectivos acadados, así como a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria de axudas.

Este Comité considera que debería recuperarse o dito criterio.
Décimo sétima.- Artigo 63. Procedemento.
No apartado 5 establécese unha puntuación máxima para a valoración das solicitudes, mais non unha puntuación mínima.

Este Comité  considera que ao non establecerse unha puntuación mínima pódense producir efectos non desexados, polo que debería establecerse un corte mínimo de cara a que as solicitudes con escasa puntuación non interrumpan a rotación para outorgar axudas adicionais ás entidades mellor valoradas.

Décimo oitava.- Artigo 65. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón modificar a redacción ao considerar que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. En consecuencia, suxire a seguinte redacción:
“... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Décimo novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que as dúas disposicións derradeiras [sic] deste proxecto normativo non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enuncialas.

Vixésima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
Consideración xeral:
O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feíto de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.
A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequeña e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc.
Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.








ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
En relación co disposto neste artigo, a CEG solicita que se articule unha axuda específica para a realización das labores de asesoramento e titorización  para a realización da posta en marcha dos proxectos de autoemprego financiados nesta orde, na liña do establecido na orde dos programas de autoemprego colectivo para 2015. Así mesmo, solicitamos que sexan  incluídas no asesoramento as entidades sen ánimo de lucro que veñen facendo labores de apoio nesta materia con ampla experiencia na colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Segunda.- Artigo 13.  Persoas beneficiarias.
En relación co disposto no apartado 3 deste artigo, a CEG solicita que non sexan excluídas como entidades beneficiarias as persoas socias de entidades mercantís, xa que están encuadradas igualmente no réxime de autónomos, obrigatorio pola normativa da Seguridade Social. Esta situación xenera discriminación atendendo á forma xurídica da actividade, tanto máis cando os socios doutras fórmulas xurídicas como as sociedades civís non están excluídos.

Terceira- Artigo 42. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 24 meses prestasen servizos na mesma empresa ou única empresa mediante un contrato de carácter temporal.

Na opinión da CEG, tendo en consideración que a persoa contratada deberá estar inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e non ter traballado no día natural anterior á data da substitución, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran nunha empresa por un período de corta duración e antes dos trinta días sinalados pero dentro dos tres meses anteriores á contratación, podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación indefinida.

Cuarta- Artigo 48. Requisitos.
A CEG solicita, en relación co disposto no apartado 2 deste artigo, que para os contratos en prácticas a duración inicial mínima sexa de 6 meses ao igual que nos contratos temporais estipulados neste apartado.

Quinta.- Artigo 57. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón desta exclusión.

Sexta.- Artigo 60. Presentación de solicitudes e prazo.
A CEG considera que o prazo de presentación de solicitudes de un mes, recollido no apartado 2 deste artigo, é demasiado reducido, polo que solicita sexa ampliado.

Sétima.- Artigo 57. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste artigo recolle as circunstancias nas que se presume a capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades, entre elas, a de que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que poidan computar as persoas contratadas nese período mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

A CEG propón que se elimine esa limitación.

Oitava.- Artigo 59. Subvención. Contía.
Proponse a inclusión dun novo apartado que atenda á cobertura en procesos de baixa laboral IT ou maternidade de, a lo menos, a parte que de xeito obrigatorio corresponde ás empresas, co obxecto de non incrementar os custes das entidades beneficiarias, tanto máis cando se trata de custes que van asociados a cuestións que non dependen desta.

Novena.- Artigo 59. Subvención. Contía.
Respecto do apartado 3, solicítase o incremento dos importes dos módulos A, B, e C, actualmente  en base ao IPREM, xa que permanece invariable o importe dende o ano 2010.

Décima.- Artigo 67. Substitución de traballadores e traballadoras.
Proponse a substitución  da obriga de autorización previa nos casos de substitución por  baixas temporais por maternidade e por IT previsiblemente longa  pola mera comunicación aos efectos de non retrasar a substitución e permitir que se inicie proceso de selección para cobertura de vacante.




ANEXO III


CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:

Consideracións xerais:

Primeira.-
As  denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado  insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.

En todo caso, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que as axudas á contratación que se establecen nesta Orde, deberían destinarse únicamente a fomentar a creación de postos de traballo estables e emprego de calidade, conectalas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecer mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

As organizacións sindicais manifestan o seu desacordo radical co desmesurado incremento das subvencións, que chegarían ao 100% do salario nos contratos indefinidos e ao 50% nos temporais, xa que entenden que os incentivos non deberían superar, en ningún caso, o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.-
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, ao entender que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 40. Requisitos.
Segundo o apartado 4 deste precepto, para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras fixas cuxo contrato de traballo se extinga, entre outras causas, por resolución durante o período de proba.

As organizacións sindicais consideran que esas persoas deben computarse, polo que propón a supresión dese suposto.

Segunda.- Artigo 42. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso e consideran que se debería ampliar sensiblemente.

Terceira.- Artigo 45. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 1 deste artigo obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación, que coincide co período subvencionado ao 100%.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento resultará sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

Cuarta.- Artigo 63.-Procedemento.
En relación coa consideración específica décimo quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:
A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba puntuación ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓNS SINDICAL UGT-GALICIA,
Artigo 63. Procedemento.
UGT- Galicia considera que no apartado 4, letra a) deste artigo a creación e mantemento do emprego debería ser valorada ata 20 puntos en non ata 10 como ven no proxecto sometido e ditame. Consecuentemente a puntuación máxima prevista nesta letra debería elevarse ata 30 puntos.