ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de maio de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a presente regulación realiza unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade. Todo isto mentres se manteñen os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente aos programas integrados para o emprego. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2017.

Neste proxecto refúndense dúas ordes do exercicio anterior: a Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego e a Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de lanzadeiras de emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 30 decembro de 2015) así como o texto da citada Orde de lanzadeiras de emprego (DOG do 1 de agosto de 2016) e os ditames emitidos polo Consello respecto destas ordes con data 25 de novembro de 2015 (Ditame 44/2015) e 4 de xuño de 2016 (Ditame 17/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No exercicio anterior, as dúas ordes que se refunden no actual proxecto esixían aos proxectos subvencionables combinar  accións de diferente natureza e relacionaba unha serie de accións tales como información, orientación e asesoramento, formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas, etc.
O artigo 1 do novo proxecto esixe que os proxectos desenvolvan, obrigatoriamente, o total das accións relacionadas e engade un novo parágrafo coa obriga de xustificar motivadamente o feito de non desenvolver algunhas desas accións.

Obsérvase un incremento nos créditos asignados a estas axudas: a suma das contías asignadas ás dúas ordes examinadas do exercicio anterior implica un total de 2.320.000 euros para o exercicio 2016 e de 4.560.000 para o 2017.
O artigo 2 fixa agora o crédito total en 4.802.500 euros para o exercicio 2017 e 4.700.000 euros para 2018.

No artigo 3 establécese que o número de persoas participantes neste tipo de programas será de 85, cando nas ordes anteriores fixábase un intervalo entre 60 e 120 persoas.
Neste mesmo precepto, obsérvase que tan so se regula un programa, mentres que na Orde de programas integrados para o ano 2016, recollíase un segundo programa especificamente dirixido ás persoas perceptoras da renda de integración social.

Os criterios de valoración que recolle o artigo 10 experimentan algunhas modificacións: algúns criterios ven minguada a puntuación que se lles outorga (como o ámbito xeográfico de actuación que dun máximo de 20 puntos baixa a 14) mentres que outros valóranse cunha puntuación máis alta (a calidade das instalacións, medios e sistemas propios pode obter ata 10 puntos cando antes o máximo valor eran 5). Así mesmo, engádense novos criterios como a existencia de sistemas de avaliación da calidade das accións.

Segundo o artigo 12, o límite á subcontratación fíxase nun 25% do custo total da actividade subvencionada mentres que nas ordes do exercicio pasado, ese límite era o do 50%.

En canto á posibilidade de anticipos (artigo 14), a entidade beneficiaria poderá solicitar un pagamento do 40% do importe total da subvención de cumprir certos requisitos. No exercicio pasado esa posibilidade limitábase ao 25% no caso da Orde de programas integrados de emprego.

A regulación sobre o reintegro da subvención (artigo 17) engade, en primeiro lugar, a obriga de reintegrar o 1% ou, no seu caso, o 2% do gasto subvencionado cando non se leven a cabo as accións obrigatorias que figuran no artigo 1 da orde. Engade, ademais, unha serie de novos supostos nos que procede un reintegro parcial

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.


O día 7 de xuño de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén trinta e cinco consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: dúas específicas manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I), unha específica manifestada pola CEG e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II) e unha xeral e trece específicas manifestadas pola CEG (Anexo III)

















DITAME 18/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de maio de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xuño de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de Motivos.
Segundo o quinto parágrafo da exposición de motivos, o emprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas, xa que un período continuado en situación de desemprego (...).

Este Comité considera que o factor de vulnerabilidade é, en todo caso, o desemprego, polo que propón que a redacción sexa: O desemprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas, xa que un período continuado nesta situación (...).

Segunda.- Exposición de Motivos.
Segundo o parágrafo sexto da exposición de motivos, “a Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que con esta liña preténdese tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia”.

Este Comité considera que, dado que ao longo do proxecto normativo non aparece nin unha mínima alusión ao respecto do retorno e a incorporación laboral da poboación galega no exterior, deberían recollerse nel medidas concretas destinadas á poboación laboralmente activa que resida fóra de Galicia.


Terceira.- Artigo 1. Obxecto.
Segundo o apartado 2 deste artigo, enténdense por programas integrados de emprego aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as accións que se relacionan no dito apartado.

Este Comité propón que se recupere a redacción da orde anterior, que prevía esa relación de accións dun xeito meramente orientativo.

Quere chamar a atención, tamén, sobre a indeterminación contida na letra m) deste apartado que alude a “todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego” sobre todo ao ter en conta que no artigo 17.3.b)11 prevé o reintegro do 1% do importe do gasto para o caso de que se non se leve a cabo esta acción.

Cuarta.- Artigo 1. Obxecto.
O apartado 2.l) deste precepto recolle, como unhas das accións que obrigatoriamente deben desenvolver os programas integrados, a mobilidade laboral.

Este Comité considera preciso que se concrete o contido desta acción sobre todo ao ter en conta que no artigo 17.3.b)10 prevé o reintegro do 1% do importe do gasto para o caso de que se non se leve a cabo esta acción.

Quinta.- Artigo 3. Características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 1 deste artigo establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 30 por cento.

Este Comité segue a entender que o obxectivo de inserción laboral que se especifica neste artigo é excesivo debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para unha porcentaxe de inserción do 25%.

Sexta.- Artigo 3. Características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 1 establece o número de persoas a atender en 85.

Este Comité considera que esa limitación pode inviabilizar a execución do programa en ámbitos determinados, polo que propón que se reduza a un número non fixo que, en todo caso, sexa inferior a 60.

Sétima.- Artigo 3. Características dos programas integrados de Galicia.
O segundo parágrafo do apartado 2 establece que as persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación no programa integrado.

Este Comité considera que deberían especificarse as incompatibilidades que se consideran neste caso.

Oitava.- Artigo 3. Características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral.

No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores.

Novena.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
O apartado 2 deste precepto establece que unha mesma entidade non poderá presentar más dunha solicitude.

Este Comité propón que a devandita restrición se aplique soamente ás entidades locais.

Décima.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente.

Décimo primeira.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2 deste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións particulares das persoas candidatas.

Décimo segunda.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2 deste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións particulares das persoas candidatas.

Décimo terceira.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Dentro dos documentos a achegar coa solicitude, esíxese un cronograma completo do proxecto, indicando a data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.

Este Comité entende que esa rixidez na planificación do plan non é operativa, polo que debería eliminarse esa obriga de mandar un cronograma cerrado sen coñecer o perfil dos usuarios  ou, no seu defecto, enviar unha proposta orientativa.

Décimo cuarta.- Artigo 6. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo quinta.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender en función das especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Décimo sexta.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.b) deste artigo, na súa letra b, avalía con ata 14 puntos aos programas integrados localizados en concellos que cumpran unha serie de requisitos; pero xa non se inclúe a referencia a aqueles que teñan sufrido un ERE extintivo no seu ámbito territorial.

Este Comité considera que debería puntuar tamén ese feito, polo que propón que se avalíen con 20 puntos os programas localizados naqueles concellos que teñan sufrido un ERE extintivo no seu ámbito territorial no 2015 que supuxera un incremento da media de paro desde o ano 2010.

Décimo sétima.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.c.2 valora con ata 10 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa, pero exclúe os recursos en réxime de aluguer.

Este Comité non comparte esta exclusión e propón que se suprima, xa que os recursos están a disposición da entidade tanto sexan propios como alugados.

Décimo oitava.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 150).
Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

Décimo novena.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas, non se considera necesario puntuar o esforzo inversor que figura no apartado 1.e) deste artigo, polo que este Comité propón que se elimine este criterio.

Vixésima.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) establece que “avaliarase a xestión e execución dos programas das entidades que participaron nas cinco convocatorias anteriores e puntuarase negativamente unha mala xestión restando ata 15 puntos”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.

Vixésimo primeira.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.g) deste artigo recolle unha serie de criterios avaliables, entre eles, o dispoñer de tres certificados concretos valorados cun máximo de 10 puntos

Este Comité propón que se especifique o xeito en que os ditos 10 puntos se van a distribuír entre as 3 posibilidades que resultan avaliables segundo o proxecto de orde.

Vixésimo segunda.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que a valoración máxima total posible é de 144 puntos, polo que existen dúbidas acerca de si a baremación dos diferentes apartados é correcta ao terse en conta, ademais, que a puntuación mínima requirida é de 70 (inferior ao 50% do total posible).

Vixésimo terceira.- Artigo 12. Gastos imputables.
Este Comité propón que se engada un apartado que recolla o concepto de “outros gastos”, nos que se inclúan gastos de apoio necesarios para o desenvolvemento das accións sempre que estean plenamente xustificados.

Vixésimo cuarta.- Artigo 12. Gastos imputables.
O apartado 1.a) limita o número de persoas que se poden imputar economicamente a 15.

Isto supón unha novidade do novo proxecto normativo e, ao terse en conta ademais outros factores, como a redución dos custos que se poden imputar, este Comité propón eliminar a limitación do número de persoas e recuperar a redacción anterior.

Vixésimo quinta.- Artigo 12. Gastos imputables.
Dentro dos gastos indirectos considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.

Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique.

Vixésimo sexta.- Artigo 12. Gastos imputables.
O apartado 1.d) deste artigo establece que o custo subvencionado por formación subcontratada non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.

Esa limitación de 8 euros/hora/alumno é excesivamente baixa, especialmente respecto de determinadas formacións, e imposibilita que se  poidan programar formacións novidosas e en cuxos nichos  de actividade se está demandando persoal cualificado, polo que se propón que, naquelas formacións onde estea xustificado e apoiado polas ofertas de mercado, se elimine esa restrición  de 8 euros/hora/alumno en formación presencial.  

Vixésimo sétima.- Artigo 12. Gastos imputables.
Este Comité considera que, no apartado 1.d) deste artigo, debería simplificarse a redacción do seu último parágrafo e facer constar que a prestación de servizos docentes non terá a consideración de subcontratación.

Vixésimo oitava.- Artigo 12. Gastos imputables.
O apartado 1 recolle os gastos que teñen a consideración de imputables aos efectos desta orde.

Bótase en falta unha concreción dos aspectos económicos, o que pode xerar unha certa inseguridade nas solicitudes.

Polo tanto, este Comité propón que se fixen unhas contías mínimas e máximas, especialmente no subapartado b) en canto aos gastos de gardería e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes.

Vixésimo novena.- Artigo 13. Inicio e período de execución.
No apartado 1 deste artigo fíxase o prazo máximo para o remate do proceso de selección das persoas participantes nun mes, cando na orde para 2016 era de 2 meses.

Este Comité considera que o prazo dun mes é difícil de cumprir, polo que propón que se recupere a previsión anterior de 2 meses.
Trixésima.- Artigo 14. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité nos ditames relativos ás ordes dos exercicios anteriores, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 40 por cento do importe total da subvención sempre que esa cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2017.

Este Comité propón que se incremente a porcentaxe para o aboamento dos anticipos e, así mesmo, que se elimine esa limitación relativa á anualidade de 2017.

Trixésimo primeira.- Artigo 15. Publicidade.
No apartado 1 deste artigo establécese que, para os efectos de difusión pública, deberá figurar un cartel informativo no que constará o financiamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Este Comité considera que debería figurar exclusivamente o financiamento da referida Consellería, polo que propón que se elimine a publicidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Trixésimo segunda.- Artigo 16. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluirse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.

Trixésimo terceira.- Artigo 18. Participación institucional.
Segundo este artigo, a participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Consello Autonómico de Emprego.

Este Comité considera que para garantir esa participación debería reunirse o Consello Autonómico de Emprego e fai máis de catro anos que a Consellería non convoca xuntanzas deste órgano.

Trixésimo cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Trixésimo quinta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.


Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.

Segunda.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
No punto 1.i) deste artigo  establécese que a puntuación que se outorgará polo emprego da lingua galega nas accións do programa integrado para o emprego, será de 5 puntos.

Unha vez máis, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería recuperar a previsión que contiña a Orde correspondente ao exercicio de 2009, onde este criterio contaba cunha valoración de 12 puntos, xa que o idioma é un ben cultural que se debería promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades e mellorar o seu resultado.


ANEXO II




CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 12. Gastos imputables.
No apartado 1.d) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 25% do custo total final da actividade subvencionada.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería permitirse que a porcentaxe chegue ata o 100%.

Tendo en conta que a Lei de subvenciones, no seu artigo 27, limita a subcontratación ao 50%, non parece axeitado reducila ao 25%, ao non aportar nada positivo á consecución dos obxectivos dos programas en si, polo que as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG propoñen eliminar esta limitación.

É inviable que as entidades beneficiarias e, especialmente, as entidades sen ánimo de lucro, cunha limitación do 25% de subcontratación poidan desenvolver accións como as descritas nesta orde e, especificamente, a formación, o cal vai en detrimento da calidade do Plan e compromete seriamente a execución das accións.
















ANEXO III


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG considera que este programa debería  promover e fomentar a uniformidade entre as diversas entidades nos requisitos de cualifación e formación, así como no relativo aos custos de persoal asignado en función da súa categoría e revisar que exista unha certa uniformidade, tamén, entre as entidades diversas que concorren, procurando a excelencia nos recursos humanos e materiais do programa.

É por isto que se propón que se fomente e valore a inversión na calidade e estabilidade do persoal das entidades e permitir que se flexibilice e adapte a tipoloxía de postos de traballo en función das actividades que se van realizar de xeito innovador e mesmo para ir dotando aos programas de estabilidade e profesionalizar  tamén ó  persoal.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto.
No apartado 2 relaciónanse as accións que deben desenvolver os proxectos incluíndo, na letra h), “a formación para o emprego, distinta á prevista na letra b) que deberá ser como mínimo de 300 horas”.

A CEG considera que non se deben limitar as horas dunha formación cuxo contido as entidades descoñecen a priori. Antes de deseñar un itinerario formativo, é preciso  coñecer o perfil da persoas candidatas e non se dispón desta información hasta que o programa se pon en marcha.

Ademais, unha acción como é a formación específica xa está cuberta con outro tipo de medidas como pode ser a AFD. Os programas de emprego deberían estar regulados de maneira que cada entidade levara a cabo as medidas necesarias para conseguir o obxectivo final de inserción laboral atendendo a cuestións como as especificidades das persoas integradas no Plan ou o  su ámbito xeográfico.

Así mesmo a CEG entende que é necesario especificar a que accións, das que se inclúen na formación para o emprego, fai referencia a orde e, en todo caso, non se  deben establecer  límites ás formación xa que pode impartirse formación  válida e útil para a inserción laboral  que non alcance esa duración.


Segunda.- Artigo 3. Características dos programas de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 4 deste artigo, considérase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de doce meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios traballadores ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, pero sinalando nestes últimos supostos que a duración non debe ser inferior a seis meses.

Na opinión da CEG, debería establecerse o mesmo prazo para a actividade por conta propia que por conta allea (isto é: tres meses) considerando inserción tal tempo de exercicio da actividade.

Terceira.- Artigo 3. Características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 3 deste artigo establece que se entende por persoas atendidas, pero a CEG considera que é necesario que exista unha definición clara do dito concepto, xa que é o baremo que se utiliza para computar o desembolso da axuda.

Así mesmo, deberían terse en conta por parte do INEM os informes por parte da entidade beneficiaria sobre se a persoa que entrou no programa non manifesta interese en participar nas accións para que poidan ser substituídas con certa rapidez por perfiles que  queiran aproveitar as oportunidades do  programa.

Cuarta.- Artigo 3. Características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.

Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Quinta.- Artigo 3. Características dos programas de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 5.e), non computará como inserción laboral a contratación en empresas públicas ou privadas en que a retribución da persoa estea financiada mediante subvencións públicas.

A CEG propón eliminar este epígrafe xa que, na actualidade, existen moitos  programas de axudas que bonifican a contratación de persoal; pero tamén axudas cuxo obxecto principal non ten que ver coa contratación e financian ao persoal dedicado a dito proxecto (p.e. as axudas á innovación).  

O obxecto das axudas dos programas integrados de emprego é que as entidades beneficiarias formen, asesoren e acompañen ás persoas desempregadas para que encontren  traballo, así como identificar e convencer ás empresas que este tipo de perfís, de máis difícil inserción, poden ser  perfectamente válidos para postos incluso de maior  especialización. O resto de axudas e o seu financiamento teñen finalidades diferentes.

Sexta.- Artigo 3. Características dos programas de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 5.g), non computarán como inserción laboral os contratos que se produzan no mes seguinte á selección do demandante.

A CEG considera que esta exclusión non é coherente e propón a súa supresión ou, no seu defecto, que non sexa unha exclusión xeralizada.

Sétima.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
O apartado 1.c) exclúe, como entidades beneficiarias, as que teñen a condición de axencia de colocación e perciben axudas dos Servizos Públicos de Emprego destinadas á inserción laboral.

A CEG propón eliminar este punto dado que exclúe a entidades que levan executando con éxito este tipo de programas e que para maior eficacia son axencias de colocación polo que non se ten en conta a súa experiencia previa en materia de inserción laboral.

Oitava.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Neste artigo establécese a necesidade de anexar, entre outras documentacións, unha relación de medios materiais e recursos humanos propios dos que dispón o solicitante na que se especifiquen as condicións daqueles, o su historial formativo e laboral e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Na opinión da CEG, debido ao período de execución do programa (doce meses) e ao tempo que pode mediar entre a solicitude e a posta en marcha do programa, os recursos humanos das entidades beneficiarias poden sufrir variacións que non dependen da vontade das propias entidades, polo que debería preverse esta circunstancia na norma, de modo que se regule a posibilidade da comunicación das modificacións ou variacións habidas nos recursos humanos da entidade e mesmo da confirmación dos recursos humanos inicialmente considerados na solicitude.

Novena.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) deste precepto regula como criterio de valoración a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia, valorando os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas, e o resultado das visitas de seguimento realizadas.

Na opinión da CEG, debería valorarse tamén a experiencia das entidades sen ánimo de lucro na execución de outros programas de fomento do emprego, entre outros: orientación laboral, xestión e colaboración na inserción laboral a través non só de programas integrados para o emprego, etc.

Décima.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
Os ítems de criterios de valoración non deben ser aplicados en igualdade  en concorrencia competitiva entre  entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, tal e como se recolle no proxecto normativo ao non diferenciar liñas específicas para un e outro tipo de entidade.
A CEG considera que non resulta coherente valorar de igual modo nin os recursos nin a  capacidade de financiamento de ambos, polo que no plan deberíanse dividir as partidas orzamentarias e o acceso ás mesmas, como en anteriores convocatorias, así como ter liñas distintas.

Décimo primeira.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
No apartado g) só se teñen en conta determinados certificados á hora de valorar os sistemas de avaliación de calidade.

Anteriormente, este criterio estaba embebido no punto anterior (características técnicas do programa integrado) onde, xunto coa metodoloxía, la existencia de perfís e de ferramentas adecuadas tiña un peso de 25 puntos  (fronte aos 10 que a existencia de certificacións  ten nestas bases).

A CEG propón eliminar o criterio de puntuación relativo á  existencia de certificacións específicas ou embebelo dentro  da valoración da capacidade da entidade executante,  como un criterio máis e nunca cun peso de 10 puntos en exclusiva

Décimo segunda.- Artigo 10. Criterios de valoración dos programas.
O apartado h) valora, con ata 20 puntos, o carácter innovador do programa.

Segundo a CEG, a existencia de medidas de conciliación laboral e familiar ou a impartición de formación certificable, non son factores innovadores en si mesmos, polo que deberían estar noutro apartado.

Décimo terceira.- Artigo 11. Contías das subvencións.
Na mesma orde para o exercicio anterior, para supostos de perceptores RISGA, incrementábase o importe ata 3.000 euros, polo que a CEG entende que sería aconsellable, no caso de atención de persoas que se integren nos GRUPOS A, que se poida incrementar a actual contía en atención ás maiores dificultades, xa que elo conleva asumir maiores custes.

Tamén se penaliza e reduce a subvención por non alcanzar obxectivos inserción previstos, por tanto, estase triplicando a penalización, en distintos artigos.