ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2017.

I. ANTECEDENTES.

O día 30 de maio de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.
Tamén se recoñece a necesidade de potenciar o papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

O obxecto deste proxecto normativo é o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para 2017, das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2016, publicada no DOG o día 23 de agosto de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xullo de 2016 (ditame 19/2016), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Respecto ao texto da orde do ano anterior, a novidade máis destacable que presenta este proxecto normativo e que engade un novo artigo 16 que regula as substitucións dos axentes de emprego e desenvolvemento local, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período subvencionado e  no suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días. A nova contratación deberá cumprir os requisitos esixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2017” consta de: Exposición de motivos, 23 artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 16 de xuño de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e quince específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).
















DITAME 19/2016




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2017, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de maio de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de xuño de 2017 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Este Comité, se ben constata unha mellora na redacción do texto do proxecto normativo no uso da linguaxe en materia de xénero, observa que seguen a utilizarse ao longo da redacción expresións non axeitadas, como “os e as AEDL contratados”, que podería substituírse por “as persoas contratadas como AEDL” ou o uso do masculino xenérico, por exemplo, no apartado 1 do artigo 7 “o solicitante” e no apartado 12 do artigo 14 “desempregados”.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
En relación co que figura no parágrafo segundo da exposición de motivos, penúltima liña “no eido da colaboración institucional e o diálogo social aberto polo goberno galego cos axentes económicos e sociais de Galicia”, este Comité considera que a referencia que se fai ao diálogo social debería eliminarse e que figure soamente “no eido da colaboración institucional”.

Segunda.- Artigo 11. Procedemento.
O penúltimo parágrafo do apartado 6 establece que: “As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido”.

Este Comité considera que se debería eliminar a referencia ao caso en que a notificación se produza ou deba producirse por medios electrónicos, xa que isto é así en todo caso, e se substitúa a redacción pola que segue: “As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido”.

Terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
Na orde do exercicio de 2012 figuraba, no apartado 1, letra i), entre os criterios de avaliación, o “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega, na elaboración da memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL, valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, débese respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Cuarta.- Artigo 12. Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
No apartado 1 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másteres e posgraos que teñen relación coas funcións establecidas neste proxecto de orde para axentes de emprego e desenvolvemento local.

Quinta.- Artigo 12. Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5 ou ata 10 puntos.

Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, distribuíndoos como se fai na letra h) deste apartado.

Sexta.- Artigo 12. Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
O apartado 1.d) valora con ata 5 puntos o grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL e vinculación dos ditos plans de acción á iniciativa, ou que conten coa participación do comité territorial de emprego competente.

Este Comité considera que debería incrementarse sensiblemente a puntuación outorgada a este criterio, ao ter en conta a súa importancia.

En consecuencia, debería modificarse a puntuación máxima e mínima prevista no apartado 2.

Sétima.- Artigo 12. Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
Segundo o apartado 4 deste precepto, no caso de presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, a súa puntuación final poderá incrementarse ata nun 35%.

Este Comité considera que debería concretarse a que fusións fai referencia este apartado, limitando temporalmente cales poderán beneficiarse dese incremento.

Oitava.- Artigo 12.- Requisitos e selección dos e das Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
Este Comité considera que se debería suprimir a parte final do apartado 3 deste artigo, na que se elimina a obriga da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar, no caso de acudir a outros procedementos de selección por non atopar candidaturas idóneas.

Novena.- Artigo 16.- Substitución dos axentes de emprego e desenvolvemento local.
Segundo o apartado 4 deste artigo: ”As persoas candidatas para seren contratados e desempeñar as funcións de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego”.

Este contido aparece reproducido, así mesmo, no apartado 1 do artigo 14, polo que este Comité propón que a redacción transcrita se substitúa por unha referencia ao dito artigo 14.1.

Décima.- Artigo 19.- Avaliación das actividades levadas a cabo polos e polas axentes de emprego e desenvolvemento local.
Neste artigo faise referencia ao sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permite avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo polas persoas técnicas (XATEmprego).

Este Comité considera que se debería continuar a traballar na mellora deste sistema aplicativo e adecualo para atender as tarefas que teñen que realizar as persoas contratadas como AEDL co obxectivo de cumprir coas finalidades desta orde.


Décimo primeira.- Artigo 21.- Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a data límite para presentar a documentación xustificativa será a establecida na resolución de concesión.

Pola súa banda, o artigo 23.1.c) prevé uns considerables reintegros para o caso de incumprimento do prazo previsto no artigo 21.1.

Este Comité considera que a data límite debería establecerse no texto do proxecto de orde
con criterios obxectivos e previsibles para as posibles entidades beneficiarias.

Décimo segunda.- Artigo 21.- Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 1.c) deste artigo, as entidades solicitantes deben presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décimo terceira.- Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Décimo cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo quinta. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime terceira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe recuperarse a valoración de 5 puntos para o idioma galego que se establecía na Orde do 26 de setembro de 2012 que regulaba esta convocatoria.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL

O desenvolvemento de funcións relacionadas co estímulo, promoción e asesoramento de proxectos empresariais, coa prospección de mercado e coa dinamización e xeración de novas actividades, obxecto do proxecto normativo que se somete a ditame, non debe recaer unicamente nas entidades locais. Así mesmo, os labores e finalidades establecidos nos artigos 25 e 27 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, non gardan relación directa coas funcións anteriormente apuntadas. As ditas funcións son propias de organizacións empresariais cuxa natureza e finalidade si garda unha relación directa, clara e determinante con tales funcións. É por iso que desde a CEG se solicita a habilitación dunha liña de convocatoria específica e adicional para as citadas organizacións.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira.- Art. 7. Documentación complementaria.
A Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, tras a modificación realizada pola Lei 27/2013 de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da.Administración Local, establece o seguinte: “As Entidades Locais só poderán exercer competencias distintas das propias (Artigo 25) e das atribuídas por delegación (Artigo 27) cando non se poña en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal, de acordo cos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e non se incorra nun suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outras Administración Públicas. A estes efectos, serán necesarios e vinculantes os informes previos da Administración competente por razón de materia, e no que se sinale a inexistencia de duplicidades e de a Administración que teña atribuída a tutela financeira das novas competencias.
En todo caso, o exercicio destas competencias deberá realizarse nos termos previstos na lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas” (Artigo 7.4 Lei 7/1985) ou as Entidades Locais poderán exercer a iniciativa pública para o desenvolvemento de actividades económicas, sempre que estea garantido o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e da sustentabilidade financeira do exercicio das súas competencias. No expediente acreditativo da conveniencia e oportunidade da medida haberá de xustificarse que a iniciativa non xera risco para a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal debendo conter unha análise do mercado, relativo á oferta e á demanda existente, á rendibilidade e aos posibles efectos da actividade local sobre a concorrencia empresarial.” (Artigo 86.1 Lei 7/1985).


Por isto solicítase que se incorpore entre as obrigas a de acreditar no expediente administrativo a súa estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, debendo quedar excluídas, en todo caso, aquelas ás que lles resulte de aplicación o disposto na Disposición Adicional Novena da Lei 7/1985 de 2de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.

Segunda.- Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 23 recolle varios supostos de incumprimento e as súas consecuencias.

No caso do incumprimento recollido na letra c), a CEG considera que, ao tratarse dunha documentación de carácter formal, debería habilitarse a posibilidade de solicitar unha prórroga xustificada ou ben un requirimento previo por parte da administración.

Así mesmo, nos retrasos na entrega de documentación xustificativa, debe valorarse  a redacción da porcentaxe de reintegro ata o 2% do importe correspondente ao tempo de retraso, se transcorre máis do 50% do prazo ( en vez do 30%).

No caso recollido na letra e), relativa ao retraso no pago de salarios, a CEG propón rebaixas nos reintegros, sempre e cando se acredite o pago, aínda que sexa tardío.

Por todo isto, proponse a seguinte redacción alternativa:
c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 18.1.: no caso de que o retraso sexa de ata o 50% do prazo establecido suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2% sobre o gasto subvencionado; cando o retraso sexa entre o 51% e o 100% do prazo establecido a perda do dereito ao cobramento será do 10% sobre o gasto subvencionado; e no suposto de que o retraso supere o 100% do prazo establecido procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.
e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia  do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: cando o importe salarial abonado fóra de prazo sexa inferior ao 50% do gasto subvencionado, o importe a reintegrar será equivalente ao 2% do importe abonado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial abonado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50%, procederá o reintegro equivalente ao 20% do importe abonado fóra de prazo pero dentro do período subvencionado.