ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de maio de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos sociais, a través da contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio.

Segundo a exposición de motivos, o mantemento para este exercicio do importante axuste nos orzamentos estatais en materia de políticas activas de emprego fai que se manteña a prioridade absoluta establecida para as entidades prestadoras de servizos sociais, especialmente para discapacidade e risco de exclusión social.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2016, publicada no DOG o día 23 de agosto de 2016 e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xullo de 2016 (ditame 20/2016), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


A única novidade destacable que presenta o novo proxecto afecta a un dos criterios de valoración que recolle o artigo 12.

Aos proxectos cun ámbito de actuación superior ao municipal outórgaselles ata 5 puntos cando na orde anterior podían acadar ata 10. Así mesmo, elimínase a posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, 22 artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 16 de xuño de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e vinte consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).










DITAME 20/2017


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2017”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de maio de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de xuño de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que a xustificación que figura no parágrafo terceiro da exposición de motivos para exclusivizar a axuda deste programa ás entidades prestadoras de servizos sociais para a discapacidade e o risco de exclusión social (o mantemento para este exercicio do importante axuste nos orzamentos estatais en materia de políticas activas de emprego) non é aplicable na actualidade.

Xa que logo, entendemos que se debería recuperar o criterio que se mantivo ata o ano 2011, de xeito que poidan participar no programa todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, que se estableza un incremento na contía do orzamento para dar acollida a estas entidades.

Segunda.
Este Comité propón que se amplíen as finalidades recollidas no proxecto de orde para que se fomente a inserción laboral de todas as persoas desempregadas e non exclusivamente das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.

Subsidiariamente, proponse que se inclúa, no grupo de persoas a quen se dirixe a inserción, aquelas que presentan especiais dificultades de inserción sociolaboral, tal e como se recolle na exposición de motivos deste proxecto normativo e, en consecuencia, se adapten a esta previsión artigos como o 1, 3 e 12.4.e).


Terceira.
Este Comité observa que persisten erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “os axentes de emprego” no título do artigo 14, polo que propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Exposición de motivos.
En relación co que figura no parágrafo segundo da exposición de motivos, penúltima liña “no eido da colaboración institucional e o diálogo social en curso entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”, este Comité considera que a referencia que se fai ao diálogo social debería eliminarse e que figure soamente “no eido da colaboración institucional”.

Segunda. – Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.

Este Comité considera que se debería substituír este requisito pola esixencia de dispoñer de liña de conexión telemática.

Terceira. – Artigo 5. Subvención: contía.
O apartado 2 deste artigo utiliza a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar.

Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debería eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 5.2 sexa realmente o que se aplica.

Cuarta.- Artigo 5. Subvención: contía.
Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable.


Quinta.- Artigo 5. Subvención: contía.
A frase final do apartado 6 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais subvencionables aos incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité considera que se debería clarificar o alcance deste precepto dado que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos pluses son cotizables e, polo tanto, deberían ser obxecto de subvención.

Sexta.- Artigo 8. Documentación complementaria.
O apartado 1.b) deste artigo esixe á entidade solicitante presentar unha copia dos estatutos de constitución vixentes da entidade.

Este Comité propón que se suprima o inciso “de constitución” xa que, a nivel legal, interesa simplemente que se trate dos estatutos vixentes.

Sétima. - Artigo 12. Procedemento e criterios de valoración.
Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5, ata 10 ou ata 15 puntos.

Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, distribuíndoos como se fai na letra c) deste apartado.

Oitava. - Artigo 12. Procedemento e criterios de valoración.
Este Comité propón que se incremente a puntuación outorgada á calidade e contido dos proxectos, xa que a puntuación actual desvirtúa a presentación de proxectos novos.

Novena. - Artigo 12. Procedemento e criterios de valoración.
Obsérvase a supresión da posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio.

Este Comité non comparte esta supresión e propón que se recupere esa previsión, así como incrementar a puntuación que se lle outorgaba, ao tratarse de criterios de especial valor.

Décima. - Artigo 12. Procedemento e criterios de valoración.
O apartado 4.e) establece que “valorarase (...) a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, restando ata 5 puntos”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.

Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”.
Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no apartado 4.e) deste artigo.

Décimo primeira. - Artigo 12. Procedemento e criterios de valoración.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo segunda. - Artigo 12. Procedemento e criterios de valoración.
O penúltimo parágrafo do apartado 6 establece que: “As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido”.

Este Comité considera que se debería eliminar a referencia ao caso en que a notificación se produza ou deba producirse por medios electrónicos, xa que isto é así en todo caso, e se substitúa a redacción pola que segue: “As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido”.

Décimo terceira. - Artigo 14. Selección e contratación dos e das axentes de emprego e das persoas traballadoras integrantes das unidades de apoio.
O apartado 2 recolle os requisitos que deben reunir as persoas contratadas como axentes de emprego.

Este Comité propón que se valore especialmente o feito de poder acreditar un mínimo de tres anos de experiencia como persoa técnica de emprego.

Décimo cuarta. – Artigo 18. Avaliación das actividades levadas a cabo polos e polas axentes de emprego.
Neste artigo faise referencia ao sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permite avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo polas persoas técnicas (XATEmprego).

Este Comité considera que se debería continuar a traballar na mellora deste sistema aplicativo e adecualo para atender as tarefas que teñen que realizar as persoas contratadas como AEDL co obxectivo de cumprir coas finalidades desta orde.
Décimo quinta.- Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras.
Este Comité considera que non procede a mención á maternidade que se recolle no apartado 2 deste artigo, polo que se propón a súa supresión.

Décimo sexta.- Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras.
Segundo o apartado 4 deste artigo: ” No caso dos e das axentes de emprego deberán, necesariamente, ter superado con éxito os estudos universitarios, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos ou proxectos de emprego”.

Este contido aparece reproducido, así mesmo, no apartado 2 do artigo 14, polo que este Comité propón que a redacción transcrita se substitúa por unha referencia ao dito artigo 14.2.

Décimo sétima.- Artigo 20. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a data límite para presentar a documentación xustificativa será a establecida na resolución de concesión.

Pola súa banda, o artigo 22.2.c) prevé prevé uns considerables reintegros para o caso de incumprimento do prazo previsto no artigo 20.1.

Así, este Comité propón que a data límite debería establecerse no texto do proxecto de orde
con criterios obxectivos e previsibles para as posibles entidades beneficiarias.

Décimo oitava.- Artigo 20. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 1.e) deste artigo, as entidades solicitantes deben presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décimo novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Vixésima. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 12.-Procedemento e criterios de valoración
En relación coa consideración específica unánime décimo primeira as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debería aclarar a razón deste exclusión.

Segunda.- Artigo 5. Subvención: contía.
Respecto  deste precepto, a CEG propón a inclusión dun novo apartado que atenda á cobertura en procesos de baixa laboral IT ou maternidade de, a lo menos, a parte que de xeito obrigatorio corresponde ás empresas, co obxecto de non incrementar os custes das entidades beneficiarias, tanto máis cando se trata de custes que van asociados a cuestións que non dependen desta.

Ese novo apartado establecería o seguinte:
7.  En todo caso e con carácter excepcional, cando a persoa traballadora se atope en situación de incapacidade temporal ou maternidade, si se considerará custe subvencionable, os custos salariais dos días que corresponda aboar obrigatoriamente por conta da entidade, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.

Terceira.- Artigo 15. Substitución de traballadores e traballadoras.
Proponse a substitución  da obriga de autorización previa nos casos de substitución por  baixas temporais por maternidade e por IT previsiblemente longa  pola mera comunicación aos efectos de non retrasar a substitución e permitir que se inicie proceso de selección para cobertura de vacante.

Así mesmo, proponse que se elimine esa limitación temporal de 30 días.

Cuarta.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 22 recolle varios supostos de incumprimento e as súas consecuencias.

No caso do incumprimento recollido na letra c), a CEG considera que, ao tratarse dunha documentación de carácter formal, debería habilitarse a posibilidade de solicitar unha prórroga xustificada ou ben un requirimento previo por parte da administración.

Así mesmo, nos retrasos na entrega de documentación xustificativa, debe valorarse  a redacción da porcentaxe de reintegro ata o 2% do importe correspondente ao tempo de retraso, se transcorre máis do 50% do prazo ( en vez do 30%).

No caso recollido na letra e), relativa ao retraso no pago de salarios, a CEG propón rebaixas nos reintegros, sempre e cando se acredite o pago, aínda que sexa tardío.

Por todo isto, proponse a seguinte redacción alternativa:
c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 18.1.: no caso de que o retraso sexa de ata o 50% do prazo establecido suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2% sobre o gasto subvencionado; cando o retraso sexa entre o 51% e o 100% do prazo establecido a perda do dereito ao cobramento será do 10% sobre o gasto subvencionado; e no suposto de que o retraso supere o 100% do prazo establecido procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.
e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia  do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: cando o importe salarial abonado fóra de prazo sexa inferior ao 50% do gasto subvencionado, o importe a reintegrar será equivalente ao 2% do importe abonado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial abonado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50%, procederá o reintegro equivalente ao 20% do importe abonado fóra de prazo pero dentro do período subvencionado.