ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/17

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de xuño de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, no marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de Emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, un dos obxectivos prioritarios é que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, para o que é preciso adoptar políticas activas de emprego que favorezan o emprego dos colectivos máis desfavorecidos desde a perspectiva laboral.

Na presente orde recóllense unha serie de incentivos á contratación por conta allea coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas traballadoras con maiores dificultades de inserción laboral, a través dunha serie de programas.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicada no DOG o día 14 de xullo de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de maio de 2016  (Ditame 4/16), obsérvase que se tiveron en conta moitas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Obsérvase a supresión de dous programas que incentivaban a transformación de contratos temporais en indefinidos e a contratación temporal, respectivamente.

Dentro do programa de incentivos á contratación de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, a orde anterior subvencionaba as contratacións indefinidas iniciais e as contratacións temporais. Neste novo proxecto subvenciónanse, tamén, as transformacións de contratos temporais en indefinidos.

En canto aos créditos asignados para estas axudas, prodúcese un notable incremento nas contías previstas para o programa de incentivos á contratación indefinida inicial, que pasa de 399.415 euros a 1.308.673 (artigo 4). Pola súa banda, tamén se observa unha leve minoración na contía prevista para o programa de incentivos á contratación de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social (de 224.715 euros pásase a 219.869).

O prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución redúcese de cinco a tres meses (artigo 13). Ademais, o novo proxecto recolle o contido que debe ter a resolución de outorgamento da subvención.

O artigo 17 engade novos supostos en que procede o reintegro parcial da subvención no caso de incumprimento de certas obrigas.

Respecto do programa de incentivos á contratación indefinida inicial, obsérvase un aumento na contía da axuda base que de 5.400 euros pasa a ser de 8.000. Así mesmo, aumentan os supostos nos que procede un incremento nesa contía (artigo 24).

Na regulación do programa de incentivos á contratación de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social non hai variación na contía base da axuda, pero si supón unha novidade a posibilidade de que a dita contía se vexa incrementada nun 25% en determinados supostos (artigo 35).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, corenta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 19 de xuño de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).




DITAME 22/2017





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de xuño de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN  XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Obsérvase que no apartado 2 deste artigo emprégase a letra j na clasificación.
Este Comité considera que esta letras é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola que corresponda.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 16.

Segunda.- Artigo 10. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado  2, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 1 en relación co sistema de verificación de datos.

Terceira.- Artigo 12. Instrución do procedemento.
Este Comité considera oportuno revisar a redacción do apartado 3 deste artigo. Debería preverse a posibilidade de substitución, e non establecer o desistimento automático da empresa, cando a baixa se produza por causas alleas á esta.

Cuarta.-  Artigo 13. Resolución e recursos.
Este Comité considera que no apartado 3 deste artigo deberíase suprimir a frase: “en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución”, pola súa falta de relación co contido desta orde.

Quinta. Artigo 16. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
No apartado g) deste artigo faise referencia aos “lugares de realización da actuación”. Este Comité considera que esta expresión é demasiado ampla. Suxírese que se modifique a redacción para adaptala á natureza da subvención.

Sexta. Artigo 16. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
Segundo o apartado h) deste artigo deberanse “realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións”. Este Comité considera que se debería concretar no texto do precepto o significado de “actuacións precisas” e “información suficiente”.

Sétima. Artigo 20. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde do 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.

Oitava. Artigo 26. Documentación complementaria.
O apartado 1.f) 3 esixe, entre  a documentación acreditativa da pertenza a unha familia en que todos os seus membros están desempregados, unha copia do libro de familia.

Este Comité propón que se engada a posibilidade de presentar un certificado do correspondente rexistro de parellas de feito, en coherencia co sinalado no artigo 27.2.d), que prevé a consulta de tal dato.

Novena. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:


CONSIDERACIÓN XERAL:

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 23. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por dimisión da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por dimisión da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 34.4 deste proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 24. Contías dos incentivos.
Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral primeira, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social da persoa contratada.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 35.


Terceira.- Artigo 25. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.
As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 36.4.

Cuarta .- Artigo 29. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto, no seu apartado 1, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación. Igualmente, nos seus apartados 2 e 3, alúdese de novo a un período de dous anos.
As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 40.


ANEXO II



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 23. Requisitos.
Nestes artigos figura como requisito de acceso aos incentivos o de incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención. En opinión da CEG este requisito, no suposto de contratacións indefinidas, debera eliminarse pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores. A CEG considera suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 34.

Segunda.- Artigo 30. Reintegros.
Estipúlase con respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fora do prazo regulado no proxecto de Orde, que o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice.
En opinión da CEG, o sistema de cálculo do reintegro parcial debería considerar a  parte do mes na que o posto estivo vacante e non considerar todo o mes como de incumprimento.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 41.