ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/17

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono do autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de xuño de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa  do bono do autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o emprendemento é un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sostible e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.

O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.

A opción de calquera persoa que desexe poñer en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración Pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaína.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destacan os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 6, poderán ser beneficiarias das axudas do programa do bono autónomo as persoas traballadoras autónomas que residan e teñan domicilio fiscal en Galicia, teñan unha antigüidade na realización da actividade empresarial ou profesional superior a 42 meses no momento de realizar a solicitude, un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima  anual de 12.000 euros IVE incluído.

A contía da subvención é de ata 3.000 euros (artigo 7) e destinarase a sufragar os gastos nos servizos de profesionalización e desenvolvemento estratéxico, entre outros.

Así mesmo, prevese o pagamento anticipado do 100% da subvención concedida (artigo 18).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da orde (artigo 31) e o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación (artigo 17).

O artigo 21 recolle as obrigas das persoas beneficiarias, entre elas, a de permanecer de alta no RETA durante un tempo mínimo de dous anos desde a solicitude da subvención, salvo cesamento por causas acreditadas alleas a súa vontade.

O crédito asignado ás axudas recollidas neste proxecto de orde ascende a 3.000.000 de euros (artigo 30).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa  do bono do autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2017” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 19 de xuño de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezaoito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).


DITAME 23/2017


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa  do bono do autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2017”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xuño de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de xuño de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité observa que neste proxecto normativo existen múltiples erros de forma e de redacción, entre outros:

.O emprego do masculino xenérico, por exemplo “os autónomos” (artigo 5) ou “os traballadores” (no artigo 6), que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe de xénero.
.O uso inapropiado na ubicación das comas.
.Erros na numeración, por exemplo, no artigo 6 figura un apartado 1 que é único e no artigo 15 pásase do apartado 1 ao 3.
. As alusións ás entidades beneficiarias (por exemplo nos artigos 9, 10 ou 17.1), cando unicamente as persoas físicas poden ser beneficiarias desta orde.
.Erros ortográficos como “perosa” en lugar de “persoa” no sexto parágrafo da exposición de motivos.
.O erro que se aprecia no artigo 21.c) ao referirse a “calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro” en lugar de “comprobación ou control financeiro”.
.A inobservancia da regra ortográfica pola que os acrónimos deben figurar en maiúsculas (ive, no artigo 6.1.1º, en lugar de IVE)
.En xeral, debería mellorarse a redacción ao longo de todo o texto, especialmente, no que atinxe ao artigo 6.1.1º para evitar redundancias.

Proponse, polo tanto, a súa revisión.


Segunda.
Obsérvase que este proxecto de orde impón a presentación das solicitudes, e a realización dos demais trámites administrativos posteriores,  a través de medios electrónicos.

Na medida en que esta norma vai dirixida a persoas autónomas, este Comité considera que debería respectarse  a posibilidade de realizar calquera trámite en formato papel.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Exposición de motivos.
O segundo parágrafo da exposición de motivos establece que “o emprego autónomo supón, tanto en  Galicia como no resto do estado, unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais”.

Este Comité que se suprima o inciso transcrito en cursiva xa que é totalmente superfluo.

Segunda. – Exposición de motivos.
O terceiro parágrafo da exposición de motivos establece que “(...) a consolidación do emprendemento é o factor que permite a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade”.

Este Comité considera que existen máis factores a ter en conta polo que propón que a redacción se substitúa pola que segue: “(...) a consolidación do emprendemento é un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade”.

Terceira. – Exposición de motivos.
O quinto parágrafo da exposición de motivos remata establecendo que: “nesta orde implantamos por primeira vez unha liña de apoio  á consolidación da persoa autónoma, co obxectivo de contribuír  a súa mellora competitiva”.

Este Comité considera que debería substituírse a palabra “implantamos” por “implántase”.

Cuarta.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1.1º deste artigo esixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser benficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional superior a tres anos e medio (42 meses).

Este Comité propón que o dito prazo se reduza sensiblemente en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela.


Quinta.- Artigo 7. Subvención do bono do autónomo.
O apartado 1 deste precepto establece que a subvención regulada neste proxecto normativo poderase conceder para a mellora da competitividade das persoas beneficiarias.

Este Comité propón que se corrixa esa redacción, posto que a referencia debería facerse á competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias.

Sexta.- Artigo 7. Subvención do bono do autónomo.
O apartado 2 relaciona os servizos cuxos gastos poden sufragarse con cargo á axuda prevista neste proxecto de orde.

Este Comité considera que non debería tratarse dunha relación pechada, senón que debería deixarse aberta a listaxe a outros posibles servizos.

Sétima. - Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Oitava. - Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
Segundo o apartado 4 deste precepto, debe publicarse a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, así como, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Este Comité considera que debería especificarse, no texto do proxecto normativo, que as ditas sancións deben ser firmes.

Novena. - Artigo 15. Documentación.
Segundo o disposto no apartado 1.f) deste artigo, xunto coas solicitudes debe achegarse a documentación acreditativa de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 19.7, 21.e), 23.2 e 24.e).

Décima. - Artigo 17. Procedemento e criterios de valoración.
O apartado 3 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución.

Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.

Décimo primeira. - Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado g) deste artigo establece a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Este Comité considera que se debería concretar o prazo que abrangue esta obriga.

Décimo segunda. - Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado h) deste precepto establece a obriga de: “Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

De acordo con esta obriga, a empresa subvencionada deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Para isto, incorporarán un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. O dito cartel estará dispoñible no portal de emprego: http://emprego.ceei.xunta.gal/.”

Este Comité considera que estamos ante unha redacción moi farragosa, polo que propón que se substitúa pola que segue: “para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a persoa beneficiaria deberá anunciar que está a ser subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Para isto, incorporarán un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. O dito cartel estará dispoñible no portal de emprego: http://emprego.ceei.xunta.gal/.”

Décimo terceira. - Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 3 deste artigo regula o suposto en que procede o reintegro das subvencións percibidas de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento do ano.

Este Comité propón que se corrixa esa referencia a un ano, xa que debería facerse ao período de dous anos esixido neste mesmo apartado.

Décimo cuarta. – Artigo 24. Exclusións.
O apartado f) deste artigo exclúe, como persoas beneficiarias das axudas, a aquelas que teñan a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

Dada a obriga que impón o artigo 6.1.1º de que as persoas autónomas solicitantes teñan o domicilio fiscal en Galicia como condición sine qua non para poder ser beneficiarias,  este Comité  considera que o devandito apartado f) carece de sentido e propón que se elimine.


Décimo quinta.- Artigo 26. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde de 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.

Décimo sexta.- Artigo 31. Prazo de presentación de solicitudes.
Este artigo fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde.

Este Comité entende que, ao non tratrase dun procedemento de concorrencia competitiva, o prazo debería permanecer aberto ata o esgotamento dos créditos asignados.

Décimo sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo oitava.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 24.-Exclusións.
O apartado d) deste artigo establece, como causa de exclusión para poder acceder ás axudas recollidas neste proxecto de orde, “estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.”

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que deberían eliminarse as referencias ás persoas administradoras das sociedades mercantís e a aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, xa que non poden ser beneficiarias das axudas.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Respecto das persoas que poden ser beneficiarias das axudas recollidas nesta orde, a CEG considera  que deben incluirse expresamente dentro das persoas beneficiarias as persoas socias ou membros de órganos de administración de sociedades, incluidas as mercantís, que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos.