ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de xuño de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a formación profesional para o emprego conforma un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade das persoas desempregadas dentro da Estratexia europea de emprego  e de acordo co Plan nacional de acción para o emprego. E neste marco, a oferta formativa para persoas traballadoras ocupadas ten por obxecto ofrecerlles unha formación que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, ás necesidades de adaptación aos cambios no sistema produtivo e ás posibilidades de promoción profesional e desenvolvemento persoal.

A oferta formativa que recolle este proxecto de orde atende ás necesidades non cubertas pola formación programada polas empresas, mediante programas de formación que responden a necesidades de carácter tanto sectorial como transversal. Ademais, na oferta tamén poderán participar persoas desempregadas.


Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2014 (publicada no DOG o día 27 de outubro de 2014) e o ditame emitido polo Consello con data 24 de setembro de 2014  (Ditame 26/2014), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




Do novo proxecto normativo pódense destacar os seguintes aspectos:

Engádese a posibilidade de subvencionar plans de formación sectoriais (artigo 3), opción que non se recollía na orde anterior.
Se ben a contía asignada para os plans de formación intersectoriais dirixidos a persoas traballadoras ocupadas diminúe en 500.000 euros, obsérvase un importante incremento nas contías asignadas aos restantes plans formativos, por exemplo, o financiamento dos plans de formación intersectoriais dirixidos a persoas traballadoras autónomas pasa de 195.000 euros a 3.500.000 euros (artigo 4).

A orde para o exercicio de 2014 diferenciaba as entidades que podían ser beneficiarias das axudas en función dos plans de formación a executar, mentres que no actual proxecto non se establece tal distinción no seu artigo 5, podendo ser beneficiarias as entidades e os centros de formación privados, acreditados e/ou inscritos pola administración pública competente, para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral en Galicia nas especialidades formativas obxecto da formación, así como aqueles que presentaran a declaración responsable sobre o cumprimento dos requisitos esixidos para a súa inscrición no rexistro para impartir especialidades formativas non dirixidas á obtención de Certificados de Profesionalidade.

As modalidades de impartición da formación poderán ser presenciais ou mixtas, pero suprímese a posibilidade da teleformación (artigo 7).

Os artigos 10 e 11 supoñen unha novidade e regulan os módulos de formación práctica.

En canto aos custos subvencionables, obsérvase unha regulación nos artigos 14 a 23 moito máis pormenorizada do conceptos imputables da que recollía a orde do ano 2014. Por exemplo, engádese o artigo 15, que recolle os subconceptos de imputación das actividades de docencia.

Os criterios de avaliación son os mesmos para todos os plans de formación, a diferenza do que acontecía na orde anterior. Entre as modificacións incluídas ao respecto no artigo 34 cómpre destacar a relativa á valoración do emprego da lingua galega na realización das accións formativas unicamente como criterio dirimente en caso de empate nas puntuacións, cando na orde para 2014 se lle asignaban 5 puntos. Consecuentemente, suprímese a obriga de reintegrar o 5% da subvención concedida polo incumprimento do compromiso do emprego do galego.

No artigo 47 engádense dous novos colectivos que terán prioridade para participar no plan formativo: as persoas traballadoras con contrato a tempo parcial e as que teñen contrato temporal.

O artigo 54 prohibe a subcontratación da execución da actividade formativa subvencionada, mentres que a orde anterior permitía subcontratar ata o 50% do plan de formación.
Así mesmo, o artigo 56 regula a contratación con empresas vinculadas, o que supón unha novidade.

Polo que respecta ao pagamento das axudas, o artigo 59 mantén a posibilidade de anticipos de ata o 25% do importe concedido e engade a opción dun segundo anticipo de ata o 35% adicional. Pero suprímese a previsión sobre pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva de ata o 80%.

Ao igual que se incorpora unha regulación exhaustiva dos custos subvencionables, tamén se inclúe neste proxecto unha regulación pormenorizada da súa xustificación nos artigos 63 a 73.

O artigo 79, que recolle os supostos de reintegro en base aos incumprimentos, amplía sensiblemente o seu contido.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión” consta de: Exposición de motivos, oitenta e un artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.



O día 12 de xullo de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e corenta consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha específica manifestada polas Organizacións Sindicais (anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (anexo II).








DITAME 24/2017



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xuño de 2017, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xullo de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Este Comité considera que a formación para o emprego é un eixo vertebrador no desenvolvemento da vida económica, industrial e social e un instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida, a mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, a necesaria adaptación dos traballadores e traballadoras e das empresas á unha sociedade baseada no coñecemento e o mantemento da capacidade profesional das persoas traballadoras, especialmente nos supostos de cambios e mutacións dos procesos produtivos.

Son as empresas, as persoas traballadoras e as súas respectivas organizacións representativas, as que mellor coñecen a evolución do tecido produtivo e das propias necesidades deste.
Cómpre destacar o papel que o mercado laboral desenvolve como demandante de competencias, especialidades e aptitudes profesionais, sendo as necesidades presentes e futuras do tecido produtivo o elemento dinamizador e orientador dunha correcta política formativa no eido profesional.

Este Comité postula a necesidade de cambiar o actual modelo de formación para o emprego e a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación baseándose nas liñas programáticas seguintes:

• Incrementar a cualificación da poboación activa, xestionar as transicións
• Ofrecer novas oportunidades a persoas sen emprego así como actualizar e desenvolver as competencias das persoas traballadoras ocupadas, co fin de evitar a obsolescencia das súas competencias e preparalas para os cambios no mercado de traballo e a utilización das novas tecnoloxías e, deste modo, favorecer a mellora da competitividade das empresas e o mantemento e o crecemento do emprego e da súa calidade.
• Mellorar a calidade da formación para o emprego sobre a base da determinación das prioridades de formación e en función das necesidades detectadas, así como  o establecemento de fórmulas de avaliación do sistema.
• Apostar por unha formación para o emprego que apoie ás PEMES e ás persoas traballadoras con mais dificultades de acceso ó emprego.
• Garantir o carácter finalista dos fondos de formación; é dicir, que a formación para o emprego conte cun financiamento suficiente, con incorporación dos remanentes e reanualización dos fondos non realizados.
• Garantir que non existan períodos temporais sen convocatorias de plans de formación.
• Regular a participación dos axentes sociais na gobernanza do sistema: na detección de necesidades, na planificación e no seguimento e avaliación da formación para o emprego.

Este Comité considera que o actual modelo de formación para o emprego non garante a calidade da formación nin a súa viabilidade e continuidade para satisfacer as demandas do tecido produtivo, a mellora da competitividade e de cualificación ao longo da vida das persoas traballadoras.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
Este Comité propón que teña en conta a data na que nos atopamos para axustar, en consecuencia, os prazos de execución e xustificación das accións formativas que establece este proxecto normativo.

Segunda.-Artigo 3. Plans de formación.
Segundo o último inciso do apartado 1.e) deste artigo, poderase solicitar un único grupo de 15 persoas por cada acción formativa solicitada.

Este Comité considera que debería suprimirse o devandito inciso en coherencia coa previsión contido no artigo 6.1, segundo o cal “unha acción formativa poderá impartirse a un ou varios grupos, segundo o número de veces que se repita dita acción”.

Terceira.- Artigo 3. Plans de formación.
O apartado 2 deste precepto sinala que cada centro ou entidade non poderá solicitar máis de catro plans de formación sectoriais, un plan de formación intersectorial e un plan de formación específico.

Respecto dos plans de formación sectoriais, este Comité propón que se permita a cada entidade solicitar ata un máximo de quince plans, co límite de catro plans por centro.

Cuarta.- Artigo 4. Financiamento.
En relación co reparto orzamentario que fixa este artigo, obsérvase unha clara diminución do peso dos plans intersectoriais a favor da formación de persoas autónomas, entre outros, e que pasa do 3% na última convocatoria publicada a acadar un 15% do orzamento na actualidade.

Este Comité considera que se deberían equilibrar estes pesos de tal modo que sexan coherentes coa aportación das empresas e persoas traballadoras, sobre todo ao ter en conta as necesidades de formación que deben cubrir e a poboación que debe atender, xa que a dotación prevista na orde para plans intersectoriais é claramente insuficiente.

Así mesmo, non está contemplada a totalidade dos sectores que fan aportacións ao sistema de formación de xeito obrigatorio, polo que deberían ter a súa xusta correspondencia na oferta formativa que se plantexe.

Este Comité entende que as accións de carácter sectorial deben contemplar todos os sectores acordes coa realidade da economía galega e, atendendo aos fondos financiadores desta orde, proponse que se recollan todos os sectores nos termos da última orde reguladora destes plans.

Quinta. -Artigo 12. Determinación do importe da subvención.
Este Comité considera que os módulos económicos aplicables son escasos e insuficientes.

Entendemos que debería prevalecer a calidade das accións formativas sobre a súa execución ao menor custo posible.

Sexta.-Artigo 13. Custos subvencionables.
No apartado 2 deste artigo inclúense, como custos asociados á actividade formativa, os custos de persoal de apoio.

Este Comité entende que os custos de persoal deben ser, en todo caso, custos directos dada a natureza das actividades que desempeña este persoal (entre outras, a selección do alumnado) imprescindibles para o desenvolvemento das accións e directamente relacionadas con elas.

Sétima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Segundo o apartado 3, a suma do custos asociados á actividade formativa non poderá superar o 10% do custo total da actividade formativa subvencionable realizada e xustificada.

Este Comité considera este límite absolutamente insuficiente e aleatorio, así como lonxe da realidade de mercado.

O mesmo se observa no apartado 2 do artigo 18 respecto da imputación de alugueiros.


Oitava.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Este Comité propón que se definan, no texto da orde, as diferentes figuras que aparecen nela de xeito que, independentemente da xefatura ou centro que xestione as accións formativas, haxa modelos unificados e criterios comúns para toda Galicia.

Solicítase a definición, entre outras, das seguintes figuras así como das súas tarefas asociadas:
-Persoal directivo
-Persoal administrativo
-Persoal de seguimento e control
-Descrición e funcións da denominación “responsable” como figura na aplicación informática SIFO
-Persoal de apoio
-Modelos de partes diarios de traballo

Novena.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado 5 deste artigo inclúe, entre os custos de docencia, os de preparación.

Este Comité propón que se elimine esa inclusión, xa que a preparación é unha labor do persoal de apoio, non de docencia.

Décima.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Segundo o apartado 6: “no caso de arrendamento de equipamentos didácticos, non será financiable a parte do custo que exceda da contía que resulte de multiplicar por 1,5 o importe de amortización, obtido de aplicar o coeficiente lineal máximo permitido pola Lei do imposto de sociedades para o equipamento de que se trate”.

Tendo en conta que a Lei de subvencións establece que en ningún caso os custes de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado, este Comité considera que o gasto subvencionable debe ser o custo real do arrendamento, que nada ten que ver co custo de amortización imputable, en todo caso, ao propietario e non ao arrendatario que fai uso del a través dun contrato de arrendamento cun custo de mercado.

Proponse, polo tanto, a supresión do límite fixado neste apartado.

O mesmo se observa respecto do artigo 18.7.

Décimo primeira.- Artigo 13. Custos subvencionables.
Obsérvase que no apartado 4 deste artigo emprégase a letra j na clasificación.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola que corresponda.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 30.1.


Décimo segunda.- Artigo 15. Actividades de docencia: subconceptos de imputación.
Este Comité considera que o control da actividade docente debería ser tido en conta, recoñecido e considerado dentro dos custos directos da acción formativa e, ademais, debería ser realizado polo persoal de apoio e coordinación, non polo persoal docente.

Décimo terceira.-Artigo 24. Outros custos asociados á actividade formativa.
Este Comité considera que deberían incluírse, no apartado 1, os custos telefónicos ou, no seu defecto, deixar aberta a relación destes custos.

Décimo cuarta.-Artigo 27. Solicitudes.
Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nesta convocatoria.

Décimo quinta.-Artigo 29. Documentación xeral.
Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude e inclúe, no seu apartado e), a documentación que acredite que a entidade solicitante está acreditada e/ou inscrita pola administración pública competente, para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral en Galicia nas especialidades formativas obxecto da formación.

Este Comité considera que debería aclararse a que tipo de documento se está a referir o devandito apartado xa que o único trámite establecido no Real Decreto-Lei 4/2015 é o de solicitar a inscrición no rexistro para organizar e impartir formación distinta das especialidades previstas no Catálogo de especialidades formativas.

Décimo sexta.-Artigo 30. Documentación técnica.
Este artigo relaciona a documentación que debe conter o plan de formación e inclúe, no seu apartado g), o calendario previsto de execución que conteña os horarios de realización das actividades formativas.

Este Comité considera difícil saber con tanta antelación as datas e os horarios das accións formativas, xa que se descoñece a data na que se poderán iniciar os plans, así como o número de accións a desenvolver no prazo establecido para a execución do plan.

En consecuencia, proponse a supresión da esixencia de presentar o dito calendario nesta fase de solicitude.

Décimo sétima.- Artigo 34. Criterios de avaliación.
O apartado 1.c.1 valora con ata 10 puntos a eficiencia económica do plan en función do custo-hora participante previsto.

Este Comité, en relación co expresado na consideración específica quinta, propón que se elimine este criterio e que se primen outros aspectos vencellados á calidade da formación.


Décimo oitava.- Artigo 34. Criterios de avaliación.
No apartado 1.c.3) outórganse ata 5 puntos en función dos medios persoais propios postos a disposición para a execución do plan.

Este Comité considera que non debería puntuarse especificamente o feito de que os formadores formen parte do cadro de persoal, xa que non é necesariamente persoal estable ao depender das particularidades, especialidades e da calendarización da programación que impartan, polo que non se trata dun criterio que contemple a necesidade e proporcionalidade das accións.

Décimo novena.- Artigo 34. Criterios de avaliación.
O apartado 1.c.5) valora con ata 5 puntos o compromiso da entidade na xestión das bolsas para persoas desempregadas.

Para o Comité, este criterio non debería resultar admisible xa que obriga ao centro a facerse cargo dunha tarefa que non é competencia súa e que, ademais, non é compensada, xa que se mantén o límite do 10% de gastos asociados independentemente de que asuman esta tarefa. Así mesmo, non é posible coñecer o volume de alumnos que debe ser xestionado nin as tarefas que iso implicará.

Vixésima.- Artigo 34. Criterios de avaliación.
Na orde para o exercicio 2014 figuraba, entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das accións formativas”, puntuándose con 5 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2012, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Vixésimo primeira.- Artigo 42. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.
O apartado 8 impón ás entidades a obriga de informar ás persoas participantes en situación de desemprego das axudas e bolsas que poidan solicitar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e facilitaralles os modelos de solicitude normalizada así como, se adquiriu o compromiso de remisión telemática,  remitirá á citada Dirección Xeral nos dez primeiros días de cada mes a correspondente documentación de solicitude xunto coa xustificación de asistencia á formación.

Na mesma liña manifestada na consideración específica décimo novena, este Comité considera que esta imposición obriga ao centro a facerse cargo dunha tarefa que non é competencia súa e que, ademais, non é compensada, xa que se mantén o límite do 10% de gastos asociados independentemente de que asuman esta tarefa. Así mesmo, non é posible coñecer o volume de alumnos que debe ser xestionado nin as tarefas que iso implicará.

Vixésimo segunda.- Artigo 42. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.
Segundo o apartado 11, a entidade beneficiaria debe aboar mensualmente ao persoal docente a súa remuneración a través de transferencia bancaria, sen que exima desta obriga o feito de que a entidade non percibise os anticipos previstos na orde.

Este Comité considera que sería conveniente que a Administración fixera fronte ás súas obrigas de pago ás entidades beneficiarias coa mesma dilixencia que lles esixe a estas.

Vixésimo terceira.- Artigo 42. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.
O apartado 12 obriga ás entidades beneficiarias a dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Este sistema é unha orixe continua de erros e problemas, polo que este Comité pide que sexa substituído por outro máis eficiente ou, de ser o caso, sexa eliminado por ser pouco operativo.

Vixésimo cuarta.- Artigo 45. Persoas destinatarias da formación.
Este Comité considera contraditorio o contido dos diferentes apartados deste precepto, polo que propón unha nova redacción deste artigo que elimine as contradicións que contén e que dea un  encaixe correcto aos colectivos dentro de cada tipoloxía de plans, sen xerar a confusión que se está a producir coa actual redacción.

Vixésimo quinta.- Artigo 46. Participación de persoas desempregadas.
Segundo o apartado 1: “en todos os plans de formación deberán participar persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de emprego nunha oficina de emprego de Galicia, cun límite máximo dun 40% e cun mínimo dun 20% do total de participantes de cada plan”.

Este Comité propón que se adapte o contido deste apartado ao disposto no artigo 5.1.b) do Real Decreto 694/2017 que, por unha banda, establece que as persoas traballadoras desempregadas poderán participar na oferta formativa pero non impón a obriga de que deban facelo e, por outra banda, fixa o límite máximo desta posible participación nun 30% do total de participantes.

Vixésimo sexta.- Artigo 54. Subcontratación.
A redacción deste artigo resulta confusa e entra en colisión co establecido no artigo 13 (custos subvencionables) respecto a que se entende por contratación e por subcontratación.

Polo tanto proponse que se inclúa un listado de custos que teñen a consideración de contratación e os que se consideran subcontratación para evitar, así, interpretacións diferentes e dar maior seguridade xurídica aos centros concorrentes.



Vixésimo sétima.- Artigo 54. Subcontratación.
O inciso final do apartado 3 establece que no caso de que se trate dun arrendamento con carácter permanente, non se considerará subcontratación.

Este Comité propón que se elimine o inciso “con carácter permanente”, xa que o arrendamento debería atender ás necesidades reais da actividade e non á antigüidade do contrato.

Vixésimo oitava.- Artigo 55. Xustificación do valor de mercado.
O primeiro apartado deste precepto establece que se considerará como unha única contratación a entrega de bens ou prestación de servizos realizada por distintos provedores, cando resulte posible a súa contratación conxunta cun único provedor.

Este Comité propón que se elimine esa regulación, xa que é contraria á eficiencia económica e á optimización dos custos que parece querer perseguir este proxecto normativo.

Vixésimo novena.- Artigo 55. Xustificación do valor de mercado.
Segundo o apartado 3 deste artigo, as beneficiarias deberán achegar as tres ofertas, xunto cunha declaración responsable da beneficiaria da subvención de non estar vinculada con entidades ou persoas provedoras.

Isto entra en contradición co regulado no artigo 56 (contratación con empresas vinculadas) polo que se propón que se aclare este punto.

Trixésima.- Artigo 59. Pagamento e liquidación das subvencións.
Os pagos regulados neste artigo, tanto os anticipos (apartados 1 e 2) como o resto do importe (apartado 6), deberían ser obxecto de concreción e calendarización por parte da Administración xa que, de xeito habitual, se veñen dilatando no tempo co consecuente prexuízo para as entidades executoras.

Este Comité propón os seguintes prazos máximos para facer efectivos os pagos:
- O primeiro anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á emisión da resolución de concesión.
- O segundo anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á acreditación do inicio da actividade formativa.
- O último pago debería facerse efectivo no prazo dos seis meses seguintes á finalización e xustificación da actividade formativa.

Trixésimo primeira.- Artigo 60. Prazo de xustificación.
Segundo o apartado 2 deste precepto, os custos das accións formativas poderán imputarse dende 1 mes antes do inicio do plan.

Este Comité considera que se debería ampliar o dito prazo ata os tres meses, ao ter en conta que as infraestruturas teñen un custo de mantemento ao que os centros deben facer fronte, sobre todo se se ten en conta os elevados prazos de resolución, especialmente, no caso dos certificados de profesionalidade.
Trixésimo segunda.- Artigo 61. Documentación xustificativa.
Segundo o apartado 5, unha vez revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa da Promoción laboral da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral, emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da subvención concedida.

Este Comité propón que se fixe un prazo máximo para a emisión desa certificación  pola Dirección Xeral.

Trixésimo terceira.- Artigo 69. Xustificación dos custos directos de publicidade.
O apartado 3 deste artigo establece que os distintos tipos de publicidade utilizados deberán ser previamente autorizados pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e será preciso que neles conste expresamente o financiamento da Xunta de Galicia e do Ministerio de Empleo y Seguridad Social.

Este Comité considera que a dita autorización debería substituírse por unha comunicación previa para acadar unha maior celeridade nos procesos de selección.

Ademais, considérase que debería figurar exclusivamente o financiamento da Consellería, polo que propón que se elimine a publicidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Trixésimo cuarta.- Artigo 71. Xustificación dos custos asociados.
O segundo apartado obriga ás entidades a remitir un certificado asinado polo representante legal da  beneficiaria no que conste, por cada persoa traballadora imputada: o cargo que ocupa, a actividade desenvolvida para o plan de formación, as datas de dedicación a este e o número de horas empregadas, cunha descrición da actividade concreta realizada ou criterios de imputación de custos.
O devandito certificado acompañarase dunha declaración asinada por cada unha das persoas traballadoras incluídas nel, que especifique os días de dedicación, identifique as horas empregadas e describa as tarefas realizadas en cada unha delas.

Este Comité  propón que se elimine da certificación o detalle das tarefas por consideralo excesivo, ineficiente e desproporcionado, ao igual que a esixencia do artigo 14.4 de asinar partes diarios.

Moitas das tarefas son reiterativas polo que esta obriga incide nunha maior carga burocrática que non aporta ningunha evidencia.

Trixésimo quinta.- Artigo 78. Rateos por diminución de alumnado.
Este Comité propón que se flexibilicen os rateos contidos neste artigo en función da realidade do desenvolvemento das accións e que se teñan en conta, en todo caso, os gastos xa ocasionados polos alumnos cesantes.


Trixésimo sexta.- Artigo 79. Incumprimentos e reintegro.
En relación co último parágrafo do apartado 5.b) deste precepto, este Comité considera que a obriga de reintegro total ante un incumprimento superior ao 20% na avaliación técnica é excesiva, polo que debería ser minorada e graduada.

Trixésimo sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enuncialas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Trixésimo oitava.- Disposición adicional terceira.
Obsérvase que, na relación da lexislación subsidiaria, non se fai referencia ao Real Decreto 694/2017 de 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, de 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, polo que se propón a súa inclusión.

Trixésimo novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Cuadraxésima.- Anexo V.
No apartado 4 deste Anexo desenvólvense os criterios de asignación de puntos de valoración en relación ao artigo 34.1.b.3.

Este Comité propón a eliminación do criterio de valoración por especialización da oferta formativa do plan, en referencia ao cumprimento do requisito de ser unha especialidade que forme parte de menos do 5% das accións programadas, xa que tal criterio crea inseguridade xurídica para as entidades á hora da selección da listaxe de especialidades a introducir nun plan de formación para acadar a mellor valoración técnica ao non ser posible coñecer, antes da solicitude, cales serán as especialidades que formarán parte dese 5% de accións menos programadas.

ANEXO I



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 34. Criterios de avaliación.
En relación coa consideración específica unánime vixésima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba 5 puntos ao emprego do galego na realización das accións formativas pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, como se comproba nos restantes criterios de avaliación que permanecen, polo que se considera que debería recuperarse a redacción deste proxecto para o exercicio 2014.


















ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 7. Modalidades de impartición.
Neste proxecto elimínase a teleformación como modalidade de impartición.

A CEG considera que a teleformación constitúe unha modalidade que facilita o acceso á formación a aqueles colectivos con maiores dificultades para conciliar a súa formación con outras obrigas, polo que non debería suprimirse esta opción nunha  convocatoria destinada prioritariamente a persoas que se atopan en activo e, especificamente, cando se trata de accións relativas a certificados de profesionalidade cuxa duración e ampla.

Así mesmo, os centros viñeron adaptando as súas accións ás novas tecnoloxías co obxectivo de dar unha facilidade de acceso maior a todas as  persoas interesadas en formarse, polo que non parece razoable eliminar esta modalidade, especialmente para as persoas ocupadas, cuxa dispoñibilidade é menor.

Segunda.- Artigo 9. Módulo formativo transversal.
Segundo o apartado 1, para dar cumprimento ao establecido no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, na totalidade das actividades formativas de formación profesional para o emprego ou de inserción laboral activa financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria introducirase un módulo formativo transversal sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica.

A casuística do alumnado do últimos anos indica que este módulo xa foi cursado por unha gran maioría e, en consecuencia, están exentos de realizalo.

A CEG propón que se permita substituír o dito módulo sobre igualdade por outro, a proposta do centro e previa autorización, para que o custo sexa aproveitado en accións de formación máis idóneas.

Así mesmo, para a acreditación documental de ter realizado dito módulo, non debería ser preciso presentar o diploma ante a Administración, xa que ela é a encargada de expedilo.

Terceira.- Artigo 13. Custos subvencionables.
O apartado 5 deste artigo establece que nos conceptos de custos de docencia (Impartición, e preparación e titorias), de adaptación das accións formativas, de persoal de apoio e de avaliación e control, o límite máximo de imputación de custos de persoal será de 40 euros por hora imputable.
A CEG considera que o límite establecido neste precepto pode entrar en colisión co límite do 35% do custo subvencionable regulado no artigo 14.1, xa que se podería dar a circunstancia de que o 35% do custo subvencionado sexa superior aos 40 euros. Por outra banda, a aplicación deste límite mínimo non ten en conta as características das accións formativas nin a realidade do mercado e as súas particularidades, é máis, a aplicación de límites desta natureza non contempla o criterio de eficiencia no uso dos fondos e incluso pode provocar sobrecustos e vai en contra do criterio de proporcionalidade e necesidade.

Por todo o exposto, proponse a eliminación deste límite.

Cuarta.- Artigo 54. Subcontratación.
Respecto do apartado e en relación á modalidade de contratación da docencia, a CEG propón que se contemple a posibilidade de contratación con empresas docentes tal e como se recolle no proxecto de Real Decreto polo que se desenvolve a Lei 30/2015 e, segundo o cal, “a contratación pola entidade adxudicataria do persoal docente non se considerará subcontratación. Por contratación de persoal docente enténdese, a estes efectos, tanto a contratación de persoas físicas como a contratación de entidades que proporcionen o persoal docente requirido”.

Chama a atención o feito de que si se permita a contratación dun docente a través dun contrato mercantil, pero non a dunha empresa especializada que poida impartir docencia, polo que se pon de manifesto unha situación de desvantaxe competitiva  para a prestación do dito servizo.

A CEG non considera razoable que non se teña en conta a posibilidade de recorrer a unha entidade especializada que, nunha materia específica, pode aportar docentes acreditados para a súa impartición, cando a norma estatal si o prevé.