ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/17

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de xullo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

Segundo a exposición de motivos, considérase urxente e necesario artellar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para este colectivo, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, á ocupación e á adquisición de práctica laboral nun contorno real.

Entre estas medidas figuran a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro.

Para incentivar a realización destas prácticas, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario subvencionar as bolsas que se paguen ás persoas novas que realicen as prácticas non laborais en empresas.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 22 de setembro de 2016) e o ditame emitido polo Consello con data 29 de xullo de 2016 (Ditame 23/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Obsérvase unha diminución nos créditos asignados a esas axudas, cuxa contía pasa de 763.800 euros para o exercicio 2016 a 553.073 euros para 2017, segundo a exposición de motivos.

En canto aos requisitos que se esixen ás persoas novas para ser destinatarias das prácticas non laborais, o artigo 4 establece que deben cumprirse tamén no momento de comezo das prácticas e non soamente cando se asina o acordo.
Así mesmo, os requisitos deben cumprirse no día natural anterior, modificándose os límites temporais previstos na orde para o ano 2016.

O prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución aumenta de un a dous meses (artigo 9).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas finais.


O día 14 de xullo de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I)  e unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).



DITAME 25/2017


En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xullo de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que na norma debería preverse un tratamento específico para a situación prevista no artigo 5º.1 do Real Decreto 1543/2011 de darse o caso, polo demais desexable, de que a persoa nova durante o desenvolvemento das prácticas non laborais pase a ser contratada pola empresa ou ben se incorpore como persoa socia á cooperativa ou sociedade laboral.

Segunda.
Obsérvase que, no texto do proxecto normativo, seguen a utilizarse o masculino xenérico (por exemplo, “destinatarios” no título do artigo 4) e as barras (por exemplo, “incurso/a” no artigo 6.6), cando as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Polo exposto, este Comité propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.

Terceira.
Este Comité considera que debería concretarse no proxecto normativo obxecto de ditame o mecanismo de preselección  das persoas destinatarias das prácticas non laborais.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
O segundo parágrafo da exposición de motivos comeza cunha referencia á situación actual de crise económica, mentres que o terceiro o fai aludindo ao contexto de crise.

Este Comité propón que se eliminen tanto a verba “actual” como o referido comezo do parágrafo terceiro.

Pola súa banda, os parágrafos terceiro, cuarto e quinto da exposición de motivos destacan as especiais características do emprego das mulleres respecto ao dos homes e a súa dificultade de acceso ao mercado de traballo e que a eliminación da desigualdade é un obxectivo que debe integrarse en todas as políticas e accións financiadas pola Unión Europea.

Este Comité considera que o contido destes tres parágrafos non ten vinculación directa co contido material da norma que se ditamina.

Segunda.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo o apartado 1 deste precepto, as persoas novas coas que se subscriben os acordos deben ser persoas con ningunha ou moi escasa experiencia laboral.

Este Comité considera que a referencia debería facerse ás persoas que cumpran os requisitos relacionados no artigo 4, eliminando a parte reproducida en cursiva.

Terceira.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
O apartado 6 deste artigo regula unha bolsa de apoio e calcula a súa contía en relación ao IPREM en función de se as prácticas teñen unha duración de catro horas diarias ou se duran máis desas catro horas.

Este Comité considera que a bolsa de apoio debería calcularse en relación ás horas de práctica efectivamente realizadas.

Cuarta.- Artigo 5. Acordos para a realización das prácticas.
Este artigo remata fixando a obriga para a empresa de informar á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas novas.
Este Comité considera que se debería incluír unha previsión para o suposto de que non exista representación legal das persoas traballadoras e suxire que, en tal caso, sexa informada a totalidade do cadro de persoal.

Quinta .- Artigo 6. Solicitudes, documentación e prazo.
No antepenúltimo parágrafo do apartado 3 faise referencia ao artigo 22.3 do decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento.

Debe completarse o nome desa norma de xeito que figure completo: decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sexta.- Artigo 9. Resolución.
O apartado 2 fixa un prazo de dous meses para notificar as resolucións aos interesados.

Este Comité considera que debería recuperarse a previsión da Orde para o exercicio 2016, que establecía un prazo de 1 mes, por entendelo suficiente.

Sétima.- Artigo 12. Pagamento e xustificación das subvencións.
Segundo o último parágrafo do apartado 3 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a empresa beneficiaria non está ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á empresa beneficiaria subsanar a débeda no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Oitava.- Artigo 12. Pagamento e xustificación das subvencións.
O último parágrafo do apartado 3 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Novena.- Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegros.
Este Comité propón que se substitúa o título deste precepto por “Incumprimento de obrigas das entidades beneficiarias da subvención e reintegros”.

Décima.- Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegros.
O apartado g) deste artigo regula o incumprimento da obriga de manter a persoa nova durante o tempo previsto no acordo de prácticas e engade, como novidade, un último parágrafo que resulta confuso ao ter en conta o recollido nos parágrafos anteriores do mesmo apartado, polo que se solicita unha aclaración ao respecto.

Décimo primeira.- Disposición adicional primeira.
Segundo o último parágrafo desta disposición, “no caso de que se incremente o importe de futuros a modificación deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta (...)”.

Este Comité considera que debería completarse a redacción para clarificar a que fai referencia a expresión “futuros”.

Décimo segunda.- Disposición adicional segunda.
Nesta disposición indícase que “...a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:


Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais botan en falta a regulación de maiores controis que os establecidos no artigo 4.2 e o establecemento de cautelas e seguimento real das prácticas non laborais, en evitación de que esta vía se poida utilizar en fraude de lei para contratar man de obra practicamente gratuíta.

Segunda.
Nesta convocatoria exclúense as entidades sen ánimo de lucro. As organizacións sindicais non comparten este criterio e consideran que se debería flexibilizar para permitir a participación de ditas entidades ao ter en conta que estas poden aportar posibilidades de prácticas para aquelas persoas orientadas ao ámbito dos servizos sociais con perfís profesionais que poderían quedar excluídos se se limita o programa ás empresas privadas.





ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG valora positivamente a continuidade dunha orde que financie a realización de prácticas profesionais para persoas novas que carecen de experiencia, en tanto en canto pode contribuír a mellorar a súa empregabilidade.

O desenvolvemento do borrador non fai senón reproducir as condicións establecidas no Real decreto 1543/2011 polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas (BOE núm. 278, do 18 de novembro de 2011) para a súa financianción.

É por iso  que as consideracións que a continuación se detallan están na liña de concretar e ampliar aspectos non contemplados no citado Real decreto, co obxecto de multiplicar o seu impacto nas persoas novas e nas empresas.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
O apartado 4 deste artigo fixa a duración das prácticas non laborais entre seis e nove meses.

A CEG considera que debería ampliarse o período subvencionable de xeito que a duración das prácticas sexa de tres a nove meses, tal e como establece o Real decreto 1543/2011.

Segunda.- Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo este precepto, as prácticas desenvolveranse baixo a dirección e supervisión dunha persoa que as titorice.

A CEG propón que se incorporen algunhas medidas de apoio ás persoas que van a realizar a labor de titoría, atendendo ao seu papel e responsabilidade para o correcto desempeño da súa labor.