ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2003.

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2003, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de febreiro de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de febreiro de 2003, acordou sen unanimidade pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións, que figuran como Anexos:


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DESTE CONSELLO: UGT-GALICIA, O S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.

Primeira.- As contías establecidas pola norma para cada un dos tres programas que establece permanecen inmutables respecto das homónimas Ordes correspondentes ós tres últimos  exercicios económicos, situación sorpresiva toda vez que as organizacións sindicais máis representativas en Galicia obtiveron no seu momento o compromiso do governo galego de incrementalas, alomenos, na mesma contía do IPC previsto.

Esta conxelación dos créditos cos que se financian as axudas obxecto da presente Orde  fai necesaria a revisión das aplicacións orzamentarias que os contemplan, e por iso se demanda o seu incremento, en correspondencia con esa falta de actualización na cantidade resultante de aplica-los IPC reais deixados de percibir nos seguintes anos:

- Ano 2000: 4%
- Ano 2001: 2,7%
- Ano 2002: 4%

Segunda.- No artigo 20º sobre “Comprobación da aplicación das subvencións”, na súa segunda parte establece que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, xuntaranse os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ó gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2003 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2003.


Esta esixencia de aportación documental considerase excesiva cando xa no artigo 16º se require, específicamente para este suposto, a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ó gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o art.15).

Terceira. - O prazo para a presentación de solicitudes amplíase a 40 días hábiles. Parece excesivo este novo prazo, tendo en conta ademáis o retraso que elo suporía na resolución das axudas, polo que se propón que se manteña o prazo anterior de 1 mes.



ANEXO II


CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG).

Esta representación empresarial manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2003.

Ó non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, se está a conculca-los principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interés público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas  –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.



Esta Confederación empresarial entende ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferencias establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.

Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais. Por poñer un exemplo, é o caso da Orde do 26 de setembro do 2000, da Consejería de Industria, Turismo, Trabajo y Comunicaciones da C.A. de Cantabria (BOC de 4 de outubro do 2000), pola que se aproba a convocatoria de axudas económicas a organizacións sindicais i/e empresariais, a que consideramos, salvada-las distancias e diferencias entre Comunidades, debera ser tida en conta por parte da consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.