ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/17

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se establecen as bases reguladoras, para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais, no marco da participación institucional.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de xullo de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de decreto polo que se establecen as bases reguladoras, para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais, no marco da participación institucional. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A Lei 17/2008, do 29 de decembro, regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. Regula tamén os ámbitos de intervención desa participación, nos que estas entidades desenvolven as súas actividades con motivo da súa presenza na Administración autonómica e nos seus organismos públicos e entidades públicas e, ademais, a súa participación na elaboración dos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia.
Segundo a exposición de motivos, mediante o exercicio desta participación institucional estase a atribuír aos interlocutores sociais e económicos a defensa, en ditos ámbitos, dos intereses xerais comúns e intersectoriais que corresponden a todos os traballadores e traballadoras, empresarios e empresarias. O papel atribuído a estas organizacións deriva na necesidade de regular os criterios e o procedemento para o reparto das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia.
Vistos o borrador agora remitido, o borrador do mesmo decreto remitido no ano 2016 (que non chegou a ser publicado) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de xullo de 2016 (Ditame 22/2016), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
O artigo 15 establece que as contías que correspondan a cada organización pola súa participación institucional que tivera lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deberá xustificarse antes do 31 de marzo do ano seguinte, o que supón unha modificación respecto do que se prevía no proxecto ditaminado no ano 2016.
Engádese un novo artigo 16 que regula os supostos en que procede a diminución das compensancións.
En canto á documentación, a principal novidade é que as certificacións de participación non se presentan coa solicitude, senón que forman parte da documentación xustificativa a presentar no ano seguinte (artigo 17). O mesmo ocorre coa memoria de actuación xustificativa e a memoria económica xustificativa.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se establecen as bases reguladoras, para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais, no marco da participación institucional” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 14 de xullo de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dez específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.









DITAME 26/2017




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se establecen as bases reguladoras, para a concesión de compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais, no marco da participación institucional, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xullo de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
O obxecto deste proxecto de decreto é o desenvolvemento do Título III da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, previsto no segundo parágrafo do apartado 2., Artigo 6º da devandita Lei. Sen embargo, no proxecto de decreto engádese, no artigo 1, unha previsión para a participación de outra ou outras organizacións sindicais que non teñan a consideración legal da maior representatividade, pero que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

Entende este Comité -como xa indicou nos seus ditames 8/2013, 12/2013 e 22/2016 sobre senllos proxectos de decreto de desenvolvemento regulamentario da mencionada Lei 17/2008- que a norma proxectada confunde dous conceptos que non gardan directa relación entre si, non son sinónimos, senón que teñen moi distinta natureza. Por un lado, a participación institucional e polo outro, a negociación colectiva. En termos constitucionais e en múltiples sentencias do Tribunal Constitucional, na normativa internacional (Convenios da Organización Internacional do Traballo), e nos preceptos recollidos tanto na Lei Orgánica de Liberdade Sindical como na Lei do Estatuto dos traballadores, ambos conceptos aluden a diferentes materias.

O dereito de Participación Institucional, como ben recolle a exposición de motivos da Lei 17/2008, conceptúase como parte integrante do contido adicional do dereito de liberdade sindical, atribuído soamente ás organizacións sindicais e empresariais que teñan a condición de máis representativas, ás que o marco legal lles confire unha posición xurídica singular e relevante na participación na xestión dos asuntos públicos de natureza socioeconómica, facendo así efectiva na práctica a presenza institucional dos axentes sociais máis representativos no ámbito autonómico.

A Negociación Colectiva nada ten que ver con ese contido adicional do dereito de liberdade sindical. As regras de lexitimación que establece o Estatuto dos traballadores, determinan o dereito á participación dunhas ou outras organizacións sindicais ou empresariais, segundo a súa implantación no concreto ámbito territorial e/ou sectorial da negociación en xogo. No eido específico do emprego público, existe normativa propia que adapta as regras de lexitimación ás súas específicas circunstancias, prevendo asemade a constitución de Mesas xerais ou sectoriais de Negociación, nas que están presentes as organizacións sindicais que neste ámbito acadan un determinado nivel de audiencia expresado a través dos resultados obtidos nas eleccións das persoas representantes legais do persoal. Efectivamente, o artigo 36 do Estatuto básico do empregado público establece que as Mesas Xerais de Negociación teñen como obxecto a negociación das materias relacionadas no artigo 37 do propio Estatuto, materias dentro das cales non se atopan as que se pretenden introducir por medio deste proxecto de Decreto.

Pois ben, resulta de todo punto arbitrario, discriminatorio, falto de rigor e realmente inexplicable en termos legais e de razoabilidade -agás que se tratase basicamente de beneficiar a algunha organización en flagrante prexuízo de outras-, que a simple presenza de algunha organización sectorial na Mesa Xeral de Negociación, sexa suficiente para conferir o dereito a participar en outros órganos da administración que non sexan, exclusivamente, aqueles nos que se adopten acordos que afecten ás condicións de traballo dos empregados públicos. As regras de acceso a estes órganos en representación do persoal afectado, a efectos de exercicio do dereito de negociación colectiva, en ningún caso poden atribuír un dereito adicional de participación institucional, que está regulado separadamente e reservado en exclusiva a aquelas organizacións sindicais máis representativas segundo a Lei Orgánica de Liberdade Sindical.

Certo é  que a STC 98/1985 resalta que “en canto á representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal ou de comunidade autónoma que a teñan prevista, debe entenderse que a Lei (refírese á Lei Orgánica de Liberdade Sindical) limítase a establecer a capacidade representativa dos sindicatos que teñan o carácter de máis representativos a nivel estatal ou de Comunidade Autónoma, pero non impide que as comunidades autónomas, no exercicio da súas competencias de organización, integren ademais nos seus propios órganos a outros sindicatos que non teñan esta consideración legal”. Pero tal previsión non pode interpretarse no senso de que unha comunidade autónoma goza de absoluta discrecionalidade para introducir criterios arbitrarios de integración que, como neste caso, resultarían potencialmente discriminatorios (sentenzas do Tribunal Constitucional 7/1990 e 32/1990: “Sempre que o criterio utilizado para diferenciar a uns e outros sexa obxectivo, e a distinción establecida non poda estimarse como irracional ou arbitraria por ser proporcionada e razonable á finalidade constitucionalmente lexítima perseguida”). Efectivamente, o exercicio de tal prerrogativa esixe, á luz do conxunto do ordenamento xurídico internacional, estatal e mesmo nacional, o establecemento de criterios obxectivos na determinación dun umbral de acceso por parte das diferentes organizacións sindicais. No presente caso, o criterio da simple presenza nunha Mesa de Negociación de ámbito sectorial, non pode entenderse cabalmente como obxectivo, senón como claramente carente do mínimo rigor, pois podería darse o caso de que unha organización sindical que non tivese a  consideración legal de máis representativa, contando cunha implantación globalmente moi superior a outro sindicato que a teña limitada ao ámbito do emprego público, se vexa privada do acceso a un determinado órgano institucional, que a organización con menor representatividade si acada. Cabe traer eiquí a colación que a Lei 5/2008, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, ao igual que a súa predecesora Lei 7/1988, prevé, no seu artigo 4º, a participación institucional no seu seo, daquelas organizacións sindicais e empresariais que superen o dez por cento de representatividade.

Entende este Comité, en consecuencia, que a Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010 é imposible de harmonizar co conxunto do ordenamento xurídico, e especificamente coa Lei 17/2008, en cuxo desenvolvemento se elabora este proxecto de decreto, suscitándose ademais serias reservas de inconstitucionalidade da dita Disposición adicional.

Neste sentido, este Comité chama a atención sobre o previsto no artigo 3º, apartado 3, da Lei 17/2008, segundo o cal: “Esta lei non lles será aplicable aos órganos sectoriais de participación ou negociación colectiva no ámbito da ocupación pública, que se rexerá pola súa regulación específica”.

Xa que logo, este Comité de Ditames considera que se deben retirar do proxecto de decreto todas cantas alusións se realizan á Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, así como as referencias ou textos incorporados como consecuencia desta Disposición.

Segunda.
Tanto no título deste proxecto de decreto como ao longo do seu texto, faise referencia ás organizacións sindicais e empresariais.
Este Comité propón que se especifique que a alusión se fai ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, xa que é así como se definen na Lei de participación institucional.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3. Beneficiarias.
Segundo o disposto no apartado 5 deste artigo, as entidades beneficiarias deben atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade beneficiaria subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de non ser coñecedora da súa existencia.

Segunda.- Artigo 11. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar en dous meses a contar desde o peche do prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera que ese prazo é excesivo, polo que propón que se reduza a un mes.

Terceira.- Artigo 13. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto nos apartados 1 e 2 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola persoa solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Cuarta.- Artigo 15. Xustificación e contía das compensacións.
O apartado 1 deste precepto recolle as contías que corresponden ás organizacións pola súa participación nun órgano institucional.

Este Comité propón que se engada un novo parágrafo no dito apartado segundo o cal: “A estes efectos entenderase que as comisións ou grupos de traballo dependentes dun órgano computarán  independentemente a efectos da aplicación do módulo correspondente”.

Quinta.- Artigo 15. Xustificación e contía das compensacións.
Dado que as contías que fixa este artigo se volverán obsoletas eventualmente, este Comité propón que se prevexa expresamente no texto do Decreto un sistema que permita actualizar as ditas contías mediante unha resolución da Consellería.

Sexta.- Artigo 16. Diminución das compensacións.
Este artigo supón unha novidade neste proxecto de decreto e recolle os supostos en que procede unha diminución do importe resultante do artigo 15, así como as contías da dita diminución.

Este Comité considera que se debería eliminar este precepto ao ter en conta o regulado polos artigos 15 e 17, segundo os cales soamente se perciben compensacións pola efectiva participación.

Sétima.- Artigo 17. Documentación xustificativa.
O apartado 3 deste precepto recolle, na letra a), a obriga de presentar unha memoria de actuación xustificativa das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
Este Comité propón que ese apartado 3 sexa substituído pola redacción que segue: “Unha memoria de actuación xustificativa na que se detallen: os órganos de participación institucional nos que estea presente a organización con indicación, respecto de cada un deles, do número de persoas representantes, as reunións dos ditos órganos ás que asistise e os instrumentos de planificación da Xunta de Galicia na elaboración dos cales participase a organización”.

Respecto da xustificación da participación nos organismos e entidades, considérase que debería ser a propia Administración a que recabe, de oficio, as certificacións de asistencia dos distintos organismos, polo que deberían suprimirse os apartados 1 e 2 deste artigo.

Subsidiariamente, proponse que se instrumente un mecanismo en cada un dos organismos para que, de cada reunión, se emita automaticamente un certificado de asistencia a esta.

Oitava.- Artigo 17. Documentación xustificativa.
Respecto da letra b) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón unha redacción alternativa: “b) Contía da subvención calculada sobre a base do módulo fixo e sobre a base das actividades dos módulos variables previstos no artigo 15 deste proxecto de Decreto”.

Novena.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.